O noso corpo no seu conxunto e
cada unha das súas partes en particular, ten un "valor
económico" cuxas cuantías poden consultarse no Boletín
Oficial do Estado. A contía axústase en función de valores como a
idade, o tamaño da rede familiar máis achegada e os ingresos. No
caso dos accidentes laborais, hai un valor fixo para as lesións de
carácter definitivo non invalidantes, é dicir aquelas que non teñen
cura pero que non impiden seguir traballando; ademáis da valoración
destas lesións, que corre a cargo da Mutua, pódese reclamar danos e
prexuízos por responsabilidade civil derivados dun accidente de
traballo; para este fin, recúrrese como referencia de xeito habitual
ao baremo de tráfico, disposición legal de referencia que permite
establecer os valores de indemnización .
Este baremo, que se actualiza
anualmente, recóllese no Real Decreto Lexislativo 8/2004, texto
refundido da ley sobre responsabilidade civil e seguro na circulación
de vehículos a motor; actualmente está en tramitación un Proxecto
de Lei de reforma do sistema para a valoración dos danos e prexuízos
causados ás persoas en accidentes de circulación.
A adaptación do baremo de
tráfico para indemnizar ás vítimas de un accidente laboral provoca
certas disfuncións, como é o feito de que no mesmo non se contempla
se as posibles vítimas teñen actividade laboral, aínda que aparece
un factor de corrección segundo os ingresos, que poden ou non
depender do traballo.
A xurisprudencia laboral ten
establecido a necesidade de ponderar as circunstancias concurrentes
para determinar cal é a parte da indemnización que corresponde a
lucro cesante, ou cantidade que se deixa de gañar, e cal a danos
morais. Ata agora se procedía a descontar do lucro cesante as
cantidades que o traballador/a tivese percibido como prestación ou
pensión por parte da Seguridade Social derivadas do accidente
laboral; así a parte que corresponde a lucro cesante xa está
cuberta e queda pendente o dano moral.
No mes de febreiro de 2015 o
Tribunal Supremo decidiu en sentenza considerar o baremo como
fórmula para cuantificar o dano moral, sin entrar en concurrencia co
lucro cesante, polo que non procede realizar ningún desconto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario