Os delegados de prevención de riscos laborais do Comité de Empresa veñen de pór en coñecemento do Concello que debe de tomar as medidas oportunas para solucionar unha situación que se vén repetindo ano tras ano cando con motivo de diversos eventos e a Feira Medieval o goberno municipal decide converter a entrada das Oficinas da Casa Consistorial nun almacén de instrumentos, estandartes e enseres diversos.
Esta situación dificulta non só a entrada e saída do propio persoal municipal senón tamén da cidadanía e advirten dos riscos existentes no caso de que haxa que realizar unha evacuación no edificio.
Este escrito rexistrouse logo das queixas de varios compañeiros polas incomodidades e riscos que esta situación que se vén repetindo no tempo supón.
A maiores, os delegados de prevención lembran que o edificio está avaliado como oficinas administrativas e en ningún caso destinado para almacén mais de pretender facer deste un almacén o Concello debería tomar as medidas oportunas.
Esta queixa trasladarase, no caso de que o Concello non adopte medidas, ao Comité de Seguridade e Saúde, que levamos meses á espera de que se reúna e que estamos valorando volver denunciar á Inspección de Traballo o incumprimento dos prazos de reunión no caso de que non se reúna proximamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario