24/06/15

Primeira reunión co alcalde: situación extrema do servizo de limpeza, despedimentos e novas convocatorias


Onte ás 10:00 h tivo lugar a reunión co alcalde que o Comité solicitara na semana pasada por iniciativa da CIG. A esta reunión asistiu a representación do Comité de Empresa e por parte do goberno municipal Ramón García e Diego Fernández. Nesta reunión tratáronse varios temas relacionados coa problemática do servizo de limpeza, os despedimentos e as convocatorias de prazas.

A postura do Comité foi desde un principio transmitirlle o seu malestar ao Concello pola vulneración do dereito á información que se cometeu na primeira semana de goberno. O Comité explicoulle que entende que debe estar informado das contratacións e despedimentos e estar informado non significa que o mesmo día que unha praza sae no BOP se avise á presidenta do Comité de tal feito.

Igualmente advertiulle ao Concello das irregularidades tanto na contratación como no despedimento das dúas traballadoras do aulario, transmitiulle o seu malestar pola falta de calidade humana neste caso en concreto cando deberon avisar ás traballadoras nada máis tomar a decisión e non mediante unha notificación a só tres días de botalas á rúa. Faloulle da discriminación que padeceron estas compañeiras deste a súa contratación e que de que o Concello lles adebeda cartos da paga extra de decembro de 2014 que levan meses para cobrar e o Concello dicindo que non hai problema mais que a fin de contas foron despedidas antes de cobrar o que lles debe.

Outra das preocupacións é a situación na que queda a limpeza do colexio e a suposta privatización da limpeza de edificios, pola que tamén se preguntou, ao igual que por diversos aspectos e pola premura e irregularidade de convocatoria de cobertura dunha praza de patrón inexistente na Relación de Postos de Traballo.

A postura e argumentación do Concello abarcou desde o mea culpa no caso das formas, comunicación e prazos de despedimento, onde o propio alcalde entendeu que neste tipo de casos non se debería proceder deste xeito ata escudarse nos informes técnicos para xustificar algunhas decisións que desde a CIG consideramos claramente erradas.

A idea do goberno para a limpeza do aulario é cubrir dúas prazas vacantes por xubilación, unha do Vales e outra de edificios, e destinalas a ese centro de traballo. Entendemos que isto non soluciona o problema na medida en que se estaría facendo un remendo, e eses postos de traballo deberían realmente ser de nova creación, porque se quitas persoal que antes traballaba noutro edificio eses outros centros de traballo tamén necesitarían persoal de limpeza, isto xa sen meternos na enorme dúbida de que iso se pode facer sen sacar unha Oferta de Emprego Público, porque non esquezamos que a completa situación de irregularidade das prazas do persoal laboral e da RPT vai ser un continuo problema á hora de cubrir vacantes.

Se a isto lle sumamos o escándalo de que o Concello admite que privatizou a limpeza de edificios, mais que só o fixo seica de xeito temporal e polas múltiples baixas en limpeza, porque seica os informes “verbais” non lle permiten cubrir as baixas coa listaxe de substitucións de limpeza vixente, encóntrámonos ante un auténtico esperpento e un circo supostamente, sempre en palabras do goberno, avalado polos informes técnicos municipais. É dicir, para explicármonos, din que non se poden cubrir as baixas mediante unha listaxe de substitucións, unha norma que eles mesmos aprobaron, mais pretenden convocar dúas prazas de persoal laboral de limpeza para o que terían que sacar unha Oferta de Emprego Público, que segundo informes do último intento de RPT no ano 2012 do propio secretario municipal é algo que non se podería facer polo marco lexislativo vixente.

Máis un tema que ocupou a reunión foi a sorpresiva convocatoria dunha praza de patrón inexistente na Relación de Postos de Traballo. Desde o Comité expuxemos que non só estaban saltando por riba da Mesa Xeral de Negociación senón tamén do Pleno da Corporación posto que calquera modificación da Relación de Postos de Traballo debe ser aprobada en pleno. O Concello indicou que a súa intención non era crear unha praza senón realizar unha contratación temporal mais para o caso foi unha escusa inútil porque no propio BOP recóllese “cobertura dunha praza de patrón de tráfico interior” por tanto, é obvio, que o se está cubrindo é unha praza que nin está orzamentada nin existe na RPT, curiosamente para a convocatoria desta praza advirten que os informes foron positivos mais logo de ver o expediente e á espera de que nos entreguen copia da documentación solicitada temos moi serias dúbidas de que isto sexa así, especialmente no caso do informe de Intervención, aínda que xa que eles afirman categoricamente que son favorables, polo que vemos agora o goberno municipal tamén se dedica a interpretar informes porque a cousa non fica nada clara.

Houbo, por tanto, non só unha ocultación deliberada de que esta praza se ía publicar senón que as bases presentar unha serie de condicións que entemos que legalmente non se poderán cumprir como é traballar de luns a domingo sen quendas nin horarios preestablecidos. Con respecto a estas bases a CIG xa preparou tamén unhas observacións sobre as irreguladades existentes.


O Comité, para finalizar, amosou a súa completa vontade de negociación para esta nova etapa mais advertiu que o inicio do camiño non fora o agardado e que esperaba que de aquí en diante as cousas mudasen e se iniciase o diálogo de cara á negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo e non se vulnerase o dereito do Comité de Empresa á información puntual de todo o que ten que ver co persoal laboral do Concello de Betanzos.

O tema das prazas, convocatorias, substitucións, privatizacións converteuse no Concello de Betanzos nos últimos tempos nun auténtico escándalo, seica non se pode substituír en limpeza mais si sacar unha de patrón para as festas, as prioridades deste goberno municipal están claras e a saúde do persoal en activo está claro que non é unha delas porque a sobrecarga laboral é unha sombra que leva tempo detrás das múltiples baixas do servizo de limpeza

As contas son claras, de doce traballadores/as que están adscritos e/ou viñan facendo funcións de limpeza de edificios, 3 xubiláronse, 5 están de baixa (só se cubriu 1), 2 foron despedidas e quedan 3! De 12 fican 3 traballadoras/es de limpeza na actualidade no Concello de Betanzos... coidamos que é obvio que as contas non dan! O primeiro paso para a privatización foi dado ao contratar a unha empresa para limpeza de edificios de costas ao Comité de Empresa cando poden cubrir calquera das catro baixas existentes mediante a listaxe de substitución, tal e como procede, o que ten pensado o goberno municipal para este servizo nos vindeiro catro anos logo de catro anos deixándoo morrer xa o descoñecemos, o tempo demostrará se o goberno socialista é que o mata os servizos públicos do Concello de Betanzos facendo uso da perversa lexislación estatal aprobada polo PP para o desmantelamento dos servizos públicos na Administración.

1 comentario:

  1. Dar as grazas como afectada por dar a cara e pedir explicacións por nós. Por unha contratación limpa e a miña disconformidade da privatización dos servizos públicos. Seguide loitando polas inxustizas e para quitar ese pano que enbolve ese concello. Grazas e noraboa dende Narón. Angeles.

    ResponderEliminar