Ante
a información que está saíndo estes días nos medios de
comunicación referida aos cursos de formación na que
deliberadamente se intenta vincular a nosa central sindical con
posíbeis corrupetelas na utilización de fondos públicos, achegamos
o posicionamento oficial da CIG. Así mesmo, ademais desta nota,
podes visitar a web da CIG e forGA para ter información máis polo
miudo sobre esta cuestión, incluindo documentación.
CIG
repudia a manipulación e utilización perversa do Informe do
Consello de Contas e advirte que presentará denuncia na Fiscalía.
A
central sindical presentará unha querela contra a Xunta de Galiza
por discriminación na adxudicación dos cursos de formación.
Diante
da utilización perversa e da manipulación que se está a facer do
Informe do Consello de Contas, co que se pretende trasladar a opinión
pública a imaxe dunha utilización fraudulenta dos fondos de
formación, entre outras organizacións por parte da CIG, a central
nacionalista toma a decisión de presentar unha denuncia e entregar
dito Informe perante a Fiscalía para que quede irrefutabelmente
probado que por parte da CIG non houbo utilización fraudulenta nin
delituosa no uso destes fondos públicos.
Ademais
presentará unha querela contra a Xunta de Galiza por discriminación
na adxudicación dos cursos de formación e solicitará rectificación
pública a aqueles medios que baixo o epígrafe “Los escándalos de
corrupción” están a publicar informacións que “denigran” a
imaxe da central sindical. De non o faceren a CIG presentará unha
querela por “difamación e inxurias”.
Así
o anunciou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral, Suso
Seixo, quen compareceu acompañado polo secretario confederal de
Formación e apoderado de forGA, Anxo García Torres.
Neste
sentido, Seixo subliñou que se do informe do Consello de Contas se
desprendese algún elemento que puidera ter carácter delituoso tería
que ser o propio Consello de Contas quen entregara o informe á
Fiscalía. “Damos por feito que se non fixo é porque non ve tales
indicios”, afirmou. En todo caso, explicou que o fará a propia
central sindical porque “ante a manipulación que se está a facer
por certos medios de comunicación destes datos, para preservar a
imaxe da CIG e que quede claro que non se cometeu ningún delito,
pedimos que esta proceda a investigar e actuar”.
Xunto
a isto anunciou que a CIG tamén vai presentar querela por
prevaricación contra a Xunta de Galiza por discriminación na
adxudicación de cursos. Nestes momentos, acumúlanse preto de 15
sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza onde se recoñece
a existencia de dita discriminación e nas que mesmo se fan
chamamentos expresos á Xunta para que remate con esta actitude,
indicándose incluso que a Xunta “está a actuar con mala fe e
temeridade respecto dos cursos de formación que lle está a denegar
de forma continuada á central sindical”.
Intencionalidade
política
A
este respecto o secretario xeral da CIG sinalou que “non é casual
que se faga público nestes momentos un informe que está elaborado
hai tempo e que aparece publicado xusto agora cunha clara
intencionalidade política”. A isto engadiu que, ao seu entender, o
que se pretende é “tapar as denuncias de malversación de fondos
públicos e de uso fraudulento dos fondos de formación por parte das
empresas de Gerardo Crespo –Operación Zeta-, con graves
implicacións no propio PP e dalgúns dos seus dirixentes, nesa
suposta trama de corrupción, que poden mesmo chegar ao Presidente da
Xunta por vínculos de amizade con algunhas persoas implicadas”.
Considerou
que intentar vincular, a través do informe do Consello de Contas,
certas irregularidades administrativas que se mencionan no mesmo co
caso da trama de corrupción da Operación Zeta é “tremendamente
inxusto” porque se poñen ao mesmo nivel posíbeis irregularidades
administrativas con un caso de “uso fraudulento e malversación de
cartos públicos”, intentando denigrar a imaxe da nosa central
sindical cando a CIG “ten demostrado ao longo dos anos a nosa
pulcritude en todo o relacionado coa utilización dos recursos dos
cursos de formación”.
Seixo
abundou que con esta manobra “búscase, por parte do PP, e coa
descarada complicidade dalgún medio de comunicación que lle debe
favores, dar a imaxe de cara a opinión pública de que todas as
entidades que participamos na impartición de cursos de formación
facemos un uso fraudulento e corrupto dos recursos”.
A
isto, Anxo García Torres engadiu que, de feito, a forGA se presentou
como acusación popular na causa penal de Gerardo Crespo o pasado 24
de outubro, porque “é parte interesada en que se aclare o que está
ocorrendo cos cursos de formación”.
O
suposto negocio da formación
O
secretario xeral da CIG especificou ademais que lonxe de ser un
negocio, a formación á CIG cústalle cartos. Sobre isto explicou
que tal e como está montada por parte da Xunta, máis alá de
recortar de forma tremenda os recursos destinados á mesma, o que
está provocando é que se dificulte proporcionar formación
recorrendo ao mecanismo de entregar por adiantado só o 20% do custo
dos cursos o que obriga tanto á CIG como á forGA a recorrer a
pólizas de crédito para poder financiala. “Se non estiveramos a
financiala cos nosos propios recursos hoxe habería traballadores e
traballadoras en Galiza que non poderían acceder a ela”.
Para
Seixo de fondo está tamén a intención de dar unha mala imaxe do
actual modelo de formación para ir cara o modelo que defende o PP,
que é entregarlle directamente os recursos ás empresas para que, ao
final, sexan os grandes grupos quen controlen a formación
profesional.
Nese
sentido, Anxo García Torres, explicou que a formación para o
emprego é unha parte da negociación colectiva e que hai tres
maneiras de impartila: completamente pública, que é a opción que
defende a CIG; xestionada polos axentes sociais, que é o actual
modelo, porque son parte da negociación colectiva, ou privatizada
por completo, que é a dirección cara a que quere camiñar o Partido
Popular. “Consecuentemente, o negocio da formación está na
terceira, na privatización completa dos recursos dos traballadores
que pagan a través da súa nómina”. Por iso cuestionou que se
fagan titulares nos que se fale do “gran negocio da formación,
cando é o que quere o PP e ao que nós nos opoñemos”.
Informe
do Consello de Contas
No
relativo aos aspectos salientados nas diferentes informacións
publicadas a respecto do Informe do Consello de Contas sobre supostas
irregularidades administrativas, García Torres foi explicando unha
tras outra matizando que, en todo caso, ditas explicacións xa están
recollidas nas alegacións presentadas ao propio Informe no seu
momento por parte da forGA. Así mesmo, destacou que no propio
informe da Asesoría Xurídica do Consello de Contas aválanse as
alegacións presentadas pola CIG sobre estas cuestións, entre elas
que información e cal non debía entregarse pola central sindical e
forGA ao Consello de Contas.
Sobre
os “cursos singulares”, como o de Cata de Viños ou de Inglés
lembrou que foron previamente aprobados pola consellaría de Traballo
e que foron solicitados “non porque singularmente nos dera un día
por solicitalos senón en base á demanda que hai en certos sectores
produtivos deste país”. Por iso considerou que tildar de “singular
o curso de cata de viños, co sector vitivinícola que hai en Galiza
é non saber de que estamos falando”.
Respecto
do tema da subcontratación de forGA con outras entidades afirmou que
“é certo” e ademais “totalmente legal”, tal e como recolle
explicitamente a normativa pola que se rexe a convocatoria de cursos
de formación, na que especificamente se estabelece que no caso da
contratación da docencia non ten consideración de subcontratación.
Canto
ao aluguer dos locais da CIG que utiliza a forGA para impartir a
formación, dicir que iso é absolutamente obrigatorio entre dúas
entidade con personalidade xurídica propia que teñen unha relación
comercial e na que estes alugueiros se pagan a prezo de mercado. De
non facelo así, matizou, “si que estaríamos cometendo unha
ilegalidade e ademais, esta actividade de alugueiros de locais está
dada de alta como tal en Facenda e por ela, a CIG paga o IVE e o
Imposto de Sociedades”.
En
todo caso, o secretario confederal de Formación subliñou que toda a
información económica, contable e fiscal de forGA é pública e
consta no Protectorado de Fundacións da consellaría de Presidencia.
Respecto
da indicación de que non constan partes asinados polos alumnos/as da
forGa explicou, como xa se fixo constar nas alegacións remitidas,
“que estamos a cumprir escrupulosamente” co que estabelecen a
este respecto as instrucións das propia Dirección Xeral de
Colocación e Formación, que determinan que mensualmente se debe
cubrir un parte denominado ‘Modelo E,’ que recolle a asistencia
mensual no que o profesorado ha asinar diariamente o control e
asistencia de cada un dos alumnos. “Outra cousa é que o Consello
de Contas considere que isto non é suficiente, mais nese caso terá
que solicitar da Xunta de Galiza que modifique as instrucións”,
concluíu.