21/12/16

A CIG rexistra unha solicitude de modificación e aclaración con respecto ás bases dos posto de auxiliar administrativo publicadas no BOP


Solicitude de aclaración sobre a información das últimas horas extras entregadas ao Comité de Empresa


A CIG solicitou a compensación dos días non laborables por convenio que caen en domingo no ano 2017


Nota: Aprobado o convenio colectivo cos votos a favor do PSOE, Betanzos Novo e Betanzos en Común

No pleno ordinario de onte, 20 de decembro de 2016, aprobouse o convenio colectivo por segunda vez, desta volta cos votos a favor do goberno municipal, Betanzos Novo e Betanzos en Común e a abstención do PP e do BNG.

Agora, continúa a tramitación e deberá volver á Xunta, onde en principio non debería haber problema porque o texto foi adaptado ás últimas indicacións realizadas polo organismo. Con posterioridade, e unha vez que se publique no Boletín Oficial da Provincia entraría en vigor.

Información das gratificacións dos funcionarios

A CIG vén de solicitar unha vez máis, e van tres anos, a información sobre as gratificacións dos funcionarios do Concello de Betanzos ao abeiro da Lei 19/2013 de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno. Entendemos que un Concello que a cumpre non lle debería pór trabas aos representantes dos traballadores no acceso á información e actuaremos en consecuencia de non nos facilitar a información no prazo estipulado.

Nova solicitude sobre as axudas sociais


Información sobre as comisións

O Concello ten previsto crear unha serie de comisións no vindeiro ano para traballar distintos temas como a reestruturación do persoal (RPT, organigrama, Plan de ordenación de recursos humanos, provisión de postos de traballo, etc). 

Esta información enviouna o propio Concello por correo electrónico a todos os traballadores e traballadoras que teñen conta de correo do Concello e quen estea interesado pode inscribirse nos vindeiros días segundo o procedemento indicado. Aínda que nun principio houbo un erro e non se lle comunicou a todo o persoal, solicitamos que se corrixise e o Concello fíxoo de inmediato e demostrou a súa vontade de que poida participar todo o persoal interesado.

En principio, calquera traballador pode solicitar formar parte deste proceso e dests comisión que non ten carácter resolutivo mais si que pode iniciar un proceso onde se teña en conta a situación do persoal para futuras solucións.

Tal e como lle trasladamos desde a CIG a varios compañeiros e compañeiras, entendemos  que na comisión de reestruturación de persoal sería interesante que estivesen representados os distintos departamentos do Concello, porque son os traballadores de primeira man os que sempre poden falar mellor das diferentes casuísticas de cara buscar solucións e/ou alternativas de cara ao futuro.

Por outra banda, estas comisións nada teñen que ver cos órganos de negociación colectiva onde se debe continuar coa tramitación procedente dos temas que se deben levar aos órganos de negociación tanto do persoal laboral como do persoal funcionario.

19/12/16

Axudas sociais e prazos

O Concello vai moi fóra de prazo porque aínda non publicou a convocatoria de axudas sociais do ano 2016. As bases vixentes do ano 2011 e que desde a CIG levamos cinco anos solicitando que se actualicen sen éxito.

Logo de anos cumprindo os prazos, convocando en tempo e resolvendo en tempo, volvemos a vellos costumes de inicio da lexislatura pasada e falta de información a todo o persoal. O Comité vén de solicitarlle ao Concello que envíe unha circular explicando que acontece coas axudas sociais e explicite os prazos de convocatoria.

Esta solicitude faise logo de múltiples consultas dos traballadores e que de que o concelleiro de Persoal falase coa presidenta do Comité para informar de que hai un retraso obvio nas axudas e que probablemente se convoquen proximamente mais co compromiso de que se paguen igualmente no primeiro trimestre do ano. A petición realizouse para que esta información se lle transmita a todo o persoal coa seguridade de que efectivamente se van convocar proximamente.

Lembrade as contías e os conceptos das axudas sociais:

GARDERÍA:
ata 48,08 euros
E. PRIMARIO: 90,15 euros
E. SECUNDARIO: 150,25 euros
E. UNIV./ESCOLA TÉCNICA: 210,35 euros
ODONTOLOXÍA: ata 270,46 euros
LENTES:
ata 120,20 euros
CALZADO ORTOPÉDICO: ata 225,38 euros
PLANTILLAS:
ata 60,10 euros
MULETAS:
ata 90,15 euros
APARELLOS AUDITIVOS:
ata 210,35 euros
OUTROS DISPOSITIVOS:
para determinar segundo factura
VEH. DE DISCAPACITADOS:
ata 450,76 euros

O convenio colectivo someterase a aprobación no pleno de mañá, 20 de decembro de 2016

Tal e como se acordou no pasado mes de novembro. logo da moción conxunta do PP, BN, BNG e CxB instada polo Comité de Empresa, maña se someterá a votación plenaria de novo, e un ano e medio despois da primeira vez, o convenio colectivo do persoal laboral.
O punto 4 da orde do día é, como podedes ver, "Aprobación convenio colectivo do persoal laboral e acordo regulador do persoal funcionario do Concello de Betanzos". Sométense á aprobación, pois, como vedes, tanto acordo como convenio nun mesmo punto.
Agardamos,pois, que o convenio fique aprobado e o Concello axilice o proceso final de tramitación para a súa entrada en vigor.

Promover a diversidade e a inclusión grazas a axustes no lugar de traballo: unha guía práctica.

A adopción de medidas eficaces para a inclusión de todos os traballadores e traballadoras no lugar de traballo é esencial para a promoción da igualdade e para que a protección dos dereitos contidos nos estándares internacionais do traballo sexa unha realidade para todos/as. Esta publicación ten por obxectivo axudar aos usuarios/as a comprender o concepto de axustes razoables, describe as medidas de acompañamento, así como os procesos e os pasos para introducir axustes no lugar de traballo ao longo do ciclo de emprego e inclúe exemplos prácticos. Os autores deste traballo sinalan que estes axustes poden ser realizados cun pequeno ou ningún gasto por parte do empregador/a, e poden achegar beneficios concretos para empleador/a e traballador/a.

Os axustes no lugar de traballo implican a realización dun ou máis cambios que sexan apropiados e necesarios para a adaptación das características individuais dun traballador/a ou dun candidato/a a un posto, de maneira que poidan gozar dos mesmos dereitos que outros traballadores/as. "A denegación de axustes razoables no lugar de traballo pode constituír unha forma de discriminación. Esta ferramenta de orientación é idónea para todas as empresas e pretende axudar aos empleadores/as, en especial, das pequenas e medianas empresas para proporcionar unha contorna de traballo inclusivo" declarou a Xefa do Servizo de Principios e dereitos fundamentais no traballo.

A guía, aínda que recoñece que a necesidade de realizar adaptacións razoables pode presentarse nunha diversidade de situacións, concéntrase en catro categorías específicas de traballadores/as:
  1. Traballadores/as con discapacidade
  2. Traballadores/as que viven con VIH
  3. Traballadoras en situación de embarazo e traballadores/as con responsabilidades familiares
  4. Traballadores/as dunha determinada relixión ou crenzas

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.


O malestar emocional ou un esforzo físico pesado duplica o risco de infarto

SAÚDE

Segundo unha investigación publicada en Circulation, a revista da Asociación Americana do Corazón, experimentar malestar emocional ou un esforzo físico pesado duplica o risco de infarto, e estar enoxado ou molesto emocionalmente mentres se realiza algún esforzo físico pesado triplícao.

No  estudo analizaron os datos de 12.461 pacientes infartados de máis de 52 países, cunha idade media de 58 anos e establece unha asociación entre o enfado ou o esforzo físico e a aparición dos síntomas de infarto ao cabo dunha hora.

Os participantes completaron un cuestionario acerca de se tiveron algún dos factores desencadenantes durante a hora anterior ao infarto e se experimentaron algún dos factores desencadenantes á mesma hora durante o día anterior ao infarto.

Os autores afirmaron que estes detonantes parecían aumentar de forma independente o risco de infarto dunha persoa máis aló do exposto por outros factores de risco, como a idade, o tabaquismo, a obesidade, a hipertensión arterial e outros problemas de saúde. Afirmaron tamén que os factores emocionais e físicos extremos teñen efectos similares no organismo.


Unha limitación do estudo foi que os participantes tiñan que lembrar os seus desencadenantes e que tras un ataque ao corazón, unha persoa pode tender máis a dicir que experimentou un detonante máis do que diría se non sufrise o infarto cardíaco. Ademais, non se lles deu aos participantes ningunha descrición exacta de que era estar triste ou ter un trastorno emocional ou realizar grandes esforzos físicos. Estes detonantes autodefinidos parecen ter o mesmo efecto en todos os países e grupos étnicos.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

A CIG, disposta á folga xeral se non se derrogan a lei mordaza e as reformas laboral, da negociación colectiva e pensións

Inicia un proceso de acumulación de forzas para exixir a recuperación de dereitos laborais, sociais e condicións de vida dos traballadores/as.

A CIG celebrou este mércores asembleas de delegados/as e mobilizacións en todas as comarcas para analizar as consecuencias das “contrarreformas” laborais, da negociación colectiva e das pensións nas condicións laborais e de vida da clase traballadora galega. A central acordou o inicio de protestas para exixirlle ao Goberno español un cambio de políticas que posibilite a recuperación de dereitos perdidos.

Iniciamos un proceso de acumulación de forzas e estamos dispostos a tirar para adiante cunha folga xeral se non se avanza nesa liña”. Así o aseguraba o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, na concentración celebrada diante da Subdelegación do Goberno en Ourense, onde vinculou a recuperación de dereitos e a creación de emprego con salarios e condicións de traballo dignas á “derrogación inmediata” de todas as reformas impostas so pretexto da crise económica, nomeadamente as laborais, a da negociación colectiva, as das pensións e a coñecida como lei mordaza.

Táboa reivindicativa

O secretario xeral da CIG explicou que a central sindical ten acordado darlle continuidade ás mobilizacións que hoxe comezaron en todas as comarcas nos próximos meses. Avanzou ademais que xa se está traballando nunha táboa reivindicativa na que se concretarán todas as demandas e propostas básicas para mudar a actual situación.

Basearemos esas propostas en dous documentos que xa temos debatido e publicado, un no que se recollen as 100 medidas para a recuperación económica e a creación de emprego en Galiza e outro no que se contemplan toda unha serie de propostas en materia laboral e social para a nova lexislatura”
Seixo sinalou que é necesario aproveitar a actual conxuntura política, cun goberno do PP en minoría no Congreso onde “se dan as circunstancias para poder promover iniciativas, proposicións de lei que modifiquen as consecuencias negativas que tiveron -en materia de emprego, salarios, prestacións por desemprego, condicións laborais e pensións-“ esas reformas.

En todo caso, augurou que o PP, malia estar en minoría, intentará utilizar “todos os mecanismos ao seu alcance” para non mudar absolutamente ningunha das súas “políticas antisociais e antiobreiras”.
Por iso, afirmou que é “fundamental presionar a través da mobilización social, nun proceso de concienciación e acumulación de forzas que nos permita chegar aos maiores niveis de mobilización e contestación social”. Presión que ten que ir dirixida fundamentalmente ao PP, pero tamén a aqueles grupos do Congreso español que son reticentes a estes cambios.

Neste sentido, adiantou a disposición da CIG a chegar até as últimas consecuencias e non descartou mesmo recorrer á “folga xeral” se non se dá ningún avance.

Sistema de pensións

Alén destas cuestións, nas asembleas abordouse tamén a situación na que se atopa o actual sistema público de pensións e o debate que se está a dar arredor da súa viabilidade futura. Sobre esta cuestión valorouse a necesidade de que se adopten todas as medidas necesarias para garantilas como un dereito básico e incidiuse na necesidade de crear emprego con dereitos e salarios dignos.

O secretario xeral da CIG lembrou ademais que a CIG xa leva meses desenvolvendo unha campaña organizada polo colectivo de pensionistas e xubilados/as da central sindical á que tamén se lle vai dar continuidade con novas mobilizacións, previsibelmente no mes de xaneiro.

Mobilizacións que acordará o propio colectivo, “coa idea de exixir que se derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, promovidas polo PSOE e o PP, que ademais no caso da de 2011 contou co apoio de CCOO e UGT”, sinalou.


Bases da convocatoria para a selección de funcionario/a por programa temporal na área económica: auxiliar administrativo de Administración xeral

Publicada no BOP N.º 237, do 16 de decembro de 2016

CIG informa: Mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres

A CIG  fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, para este martes 20 de decembro, en repulsa aos asasinatos machistas de Ana María Enjamio e Elena Michaela Marcus.
 
Estes asasinatos non poden ser considerados como dous casos máis dunha longa lista de feminicidios. Son catro xa as galegas asasinadas durante o ano 2016. Estas en tan só dous días, mais deberan ser os derradeiros. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos. É preciso denunciar os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade a violencia contra as mulleres.
 
Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra o feminicidio. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.
 
CONCENTRACIÓNS MARTES 20 DE DECEMBRO ÁS 20 HORAS:
 
Vigo, no Marco
 
Lugo, na Praza do Concello
 
A Coruña, no Obelisco.
 
Compostela, na Praza 8 de marzo /Porta do Camiño.
 
Ferrol, na Praza do Concello.
 
Ourense, Castañeira (Subdelegación do Goberno).
 
Pontevedra, diante da Audiencia Provincial, R/ Rosalía de Castro.

13/12/16

Asembleas e concentracións nas comarcas pola recuperación de dereitos laborais, salariais e condicións de traballo dignas

A CIG prevé darlle continuidade ás mobilizacións nos próximos meses

A CIG convoca para mañá mércores, día 14 de decembro, asembleas de delegados/as e concentracións en todas as comarcas para presionar o Goberno español e exixir que haxa un cambio de políticas que posibiliten a recuperación de dereitos perdidos nos últimos anos como consecuencia das sucesivas reformas en materia laboral, de negociación colectiva ou pensións.



A Coruña: 12:00h diante da Delegacion do goberno.
Lugo: 12:30h diante Subdelegación do Goberno.
Compostela: 12:00h na Praza de Galiza
Vigo: ás 11.30h desde os Capuchinos até o Edificio da Xunta
Pontevedra: 11.30 manifestación até a Subdelegación do Goberno
Ferrol: 12:00h. Manifestación da Praza do Himno até a Casa do Concello
Vilagarcia: 11.30h marcha do INEM até INSS
Ourense: 11:30 h diante da Subdelegación do Goberno

A CIG entende que a recuperación deses dereitos e doutras políticas que permitan camiñar cara emprego, salarios e condicións de traballo dignas pasarían pola derrogación inmediata desas reformas laboral, na negociación colectiva e das pensións.

Para iso convoca estas mobilizacións, coa idea de darlles continuidade nos próximos meses. Neste sentido, o secretario xeral, Suso Seixo, explica que “estamos traballando nunha táboa reivindicativa na que se concretarán estas cuestións partindofundamentalmente do que xa temos analizado e publicado en base a dous documentos: as 100 medidas para a recuperación económica e a creación de emprego e as propostas en materia laboral e social”.

Eses dous documentos serían a base argumental das propostas da central sindical entendendo que neste momento, e logo de que o PP perdera a maioría absoluta no Parlamento español, “se dan as circunstancias para poder promover iniciativas, proposicións de lei que modifiquen as consecuencias negativas que tiveron -en materia de emprego, salarios, condicións laborais e pensións- as reformas levadas a cabo nos últimos anos”, indica.

O secretario xeral explica que desde a CIG “sabemos que o PP, a pesares de estar en minoría, vai utilizar todos os mecanismos ao seu alcance para non mudar as políticas antisociais e antiobreiras feitas nos últimos anos, por iso consideramos fundamental presionar a través da mobilización social, nun proceso de concienciación e acumulación de forzas que nos permita chegar aos maiores niveis de mobilización e contestación social”.

Dentro das reivindicacións pola recuperación de dereitos está o debate sobre o futuro do sistema público de pensións. A este respecto Seixo lembra que a CIG xa lanzou unha campaña nas comarcas organizada polo colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG á que tamén se lle vai dar continuidade con novas mobilizacións, previsibelmente no mes de xaneiro que están en estudo por parte do propio colectivo, “coa idea de exixir que se derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, promovidas polo PSOE e o PP, que ademais no caso da de 2011 contou co apoio de CCOO e UGT”.

A CIG demanda ademais que se adopten as medidas necesarias para garantir o sistema público de pensións e que as pensións, ademais, sexan dignas.


Suxestións realizadas pola CIG ao Regulamento da Escola Municipal de Folclore no que ten que ver coas cuestións relativas ao persoal laboral

Tal e como informabamos, o Concello publicou un Regulamento municipal que semella querer rexer aspectos que desde a CIG consideramos que deberían ser obxecto de negociación na medida en que lle afectan a unha parte do persoal. O propio Concello, ata o momento de publicación do regulamento nada comentara sobre este tema aos representantes sindicais, polo que desde a CIG decidimos, tal e como de abría a posibilidade, facer unha serie de achegas sobre cuestións laborais que entendemos que non deberían de figurar nun documento destas características, polo que lle solicitamos ao Concello que teña en conta as seguintes suxestións de cara á elaboración do regulamento definitivo:

1. Os postos de traballo de persoal laboral do Concello de Betanzos veñen definidos na Relación de Postos de Traballo vixente, que é do ano 2008. Neste documento non aparece reflectido ningún posto de dirección nin do Grupo Azougue, nin da Escola Municipal de Folclore, que segundo o proxecto de regulamento enténdese que son postos designados polo Concello de Betanzos de entre o seu cadro de persoal. Por tanto, un regulamento dunha escola non debe referirse a postos de traballo inexistentes na Relación de Postos de Traballo vixente nin regular as funcións dos devanditos postos, cuxo obxecto vén definido polo instrumento regulador pertinente, a Relación de Postos de Traballo ou instrumento similar de ordenación do persoal, que na actualidade non contempla nin tales postos nin tales funcións.

2. A Relación de Postos de Traballo, negociada ao abeiro da lexislación correspondente e en igualdade de condicións para todo o persoal, debe ser o mecanismo de creación e definición de novos postos de traballo, e ningún regulamento municipal debería recoller postos que o Concello non ten recoñecidos a todos os efectos porque as referencias do documento serían inválidas. A maiores, no complemento específico da devandita RPT é onde se deben remunerar as funcións de dirección dos distintos entes do Concello e na actualidade ningún dos postos de traballo existentes ten recoñecidas as funcións de dirección mencionadas no proxecto no complemento específico.

3. Igualmente, un regulamento non pode definir os requisitos de titulación para o profesorado, tal e como se reflicte no artigo 23, e moito menos cando na Relación de Postos de traballo os únicos postos vinculados a tal Escola, que son os 110, 111, 112 e 113 teñen na actualidade uns requisitos de titulación inferiores aos reflectidos no regulamento, xa que están encadrados no grupo 3 para o que na actualidade se require “título de Bacharelato, Formación Profesional de Segundo Grao ou equivalente”. Por tanto, o requerimento que reflicte este regulamento de “estar en posesión do título de grao, licenciado ou titulación equivalente” do artigo 24 entra en conflito cos postos existentes na actualidade e coa titulación que se lle requiriu ao persoal que ocupa nestes momentos os correpondentes postos sinalados enriba.

4. Non debendo ser obxecto dun regulamento a regulación dos requisitos para os postos de traballo dunha Administración local, entendemos que o artigo 24.2. é áinda un maior disparate porque vai en contraposición do 24.1 ao indicar que non necesariamente deben estar titulados os docentes da Escola, algo que entra en clara oposición cos correspondentes requisitos de titulación para os postos de traballo na Administración pública.

5. O punto 28 regula as funcións do profesorado, e, ao igual que no caso da dirección, entendemos que estas funcións deben ser definidas cos mesmos mecanismos e baixo os mesmos parámetros e medios de ordenación para todo o persoal municipal.

6. Por último, e con respecto ao punto 28.9. que sinala entre as funcións do profesorado estará “recuperar aquelas clases que fose necesario cambiar por motivos profesionais, e sempre coa pertinente autorización da dirección, e que non estean recollidas no convenio de aplicación como permisos /licenzas ou vacacións retribuídas”, entendemos que se debe eliminar posto que está regulando unhas condicións laborais beneficiosas para este colectivo, fronte ao resto do persoal laboral que ten os permisos, licenzas e vacacións correspondentes ao abeiro da lexislación vixente e como resultado da negociación colectiva.

Podedes consultar o documento completo aquí:

O Pleno aproba por unanimidade a moción proposta polo Comité de Empresa aos catro partidos da oposición sobre o convenio colectivo

Logo de que o Comité de Empresa decidise dar un paso máis nas reclamacións para facer efectiva a entrada en vigor do Convenio colectivo que asinou o 20 de xuño co alcalde, o pasado 29 de novembro o Pleno da corporación aprobou por unanimidade a proposta enviada polo Comité de Empresa e que podedes ver en www.cigconcellobetanzos.blogspot.com. Igualmente, nese mesmo pleno o goberno municipal informou de que o texto do convenio colectivo irá ao pleno ordinario do mes de decembro e que para ese momento estarán xa os informes da Intervención e a Secretaría municipal. 

O Comité de Empresa decidiu falar cos partidos da oposición (PP, BN, BNG e CxG) para intentar dar un paso máis e conseguir máis apoios para que o goberno municipal continúe coa tramitación do convenio colectivo. 

Esta moción envióuselle a todos os partidos con representación no Concello de Betanzos agás ao goberno municipal, entendendo que as vías de diálogo con respecto a este tema estaban esgotadas toda vez que a escusa era a mesma sempre e non se vían avances en cinco meses e logo de cinco longos anos de negociación dun novo convenio colectivo. Os catro partidos da oposición amosaron o seu apoio á demandas dos traballadores e presentaron por rexistro unha moción conxunta para o pleno ordinario de novembro.

Os acordos foron estes:
1. Instar ao goberno local a finalizar a tramitación do expediente do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos, asinado o pasado 20 de xuño de 2016.
2. Someter coa maior brevidade posible á consideración plenaria o novo texto do Convenio colectivo acordado cos representantes dos traballadores laborais na Comisión Negociadora que tivo lugar o pasado 20 de xuño de 2016.
3. Axilizar a tramitación que corresponda nos organismos pertinentes, logo do seu sometemento á aprobación plenaria.
4. Facultar á Alcaldía, ou concelleiro/a en quen delegue, a adoptar as medidas precisas para cumprir estes acordos.



A representación do Comité de Empresa agradeceulle aos catro partidos da oposición o seu apoio e transmitiulle a súa satisfacción polo acordo porque considera que o apoio conxunto dos partidos da oposición demostra que este tema, así como outros laborais deste Concello, teñen un consenso na necesidade de solucións a problemas históricos e mellora de determinadas situacións existentes.

Podedes ouvir as intervencións do pleno con relación a esta moción aquí.

Guía de conciliación da Secretaría da Muller da CIG. Versión actualizada (2016)


Novas privatizacións no servizo de limpeza municipal, agora para cubrir vacacións

Deixámosvos o escrito que a presidenta do Comité rexistrou o pasado 2 de agosto con respecto á cobertura das vacacións dunha traballadora de limpeza do Concello cando na actualidade non só hai unhas listaxes de substitución vixentes senón que mesmo hai acordos plenarios nesta liña, que unha vez máis o goberno municipal vulnera abertamente e sen informar, xustificar, nin mediar palabra.

Abrindo camiños n.º 53 decembro 2016

Neste novo número de Abrindo camiños tes información sobre a aprobación en pleno da moción sobre o convenio, novas privatizacións no servizo de limpeza municipal, as axudas sociais que xa deberían estar publicadas nos taboleiros de información e outros temas tratados na última reunión dos representantes do Comité co concelleiro de Persoal como a licitación da empresa para a RPT e o Plan de Emprego, as discriminacións nos horario ou a compensación da formación á que algúns traballadores asistiron fóra de xornada laboral pola implantación da administración electrónica.
Se aínda non tes o teu exemplar en papel podes pedirllo aos delegados da Sección sindical.

25/11/16

O vindeiro martes 29 de novembro PP, BN, BNG E CXG levan ao Pleno unha moción para que o goberno municipal continúe coa tramitación do convenio colectivo do persoal laboral

A pasada semana o Comité de Empresa decidiu dar un paso máis nas reclamacións para facer efectiva a entrada en vigor do Convenio colectivo que asinou o 20 de xuño co alcalde. Logo de meses insistindo, tanto por rexistro como persoalmente nas reunións co concelleiro de Persoal, e de que a súa resposta fose continuamente que o compromiso segue adiante mais que faltan os informes para levar o texto ao Pleno, o Comité deu este paso por iniciativa da CIG mais acordado por todos os membros do máximo órgano de representación do persoal laboral.

O Comité de Empresa decidiu falar cos partidos da oposición  (PP, BN, BNG e CxG) para intentar dar un paso máis e conseguir máis apoios para que o goberno municipal continúe coa tramitación do convenio colectivo e envioulles a proposta de moción que achegamos abaixo. Esta moción envióuselle a todos os partidos con representación no Concello de Betanzos agás ao goberno municipal, entendendo que as vías de diálogo con respecto a este tema estaban esgotadas toda vez que a escusa era a mesma sempre e non se vían avances en cinco meses e logo de cinco longos anos de negociación dun novo convenio colectivo. O Comité asinou o convenio co alcalde, o único partido que leva adiando cinco meses a continuación da tramitación é o PSOE, o mesmo partido que alongou durante cinco anos esta negociación, de aí que decidise solicitarlle apoio ao resto dos partidos con representación neste Concello de cara a impulsar a finalización deste proceso de negociación.

Antonte, PP, BN, BNG e CxG presentaron a moción enviada polo Comité de Empresa de xeito conxunto para que se debata no Pleno ordinario que terá lugar o vindeiro martes 29 de novembro a partir das 20:30 na Casa do Concello. Entendemos que isto é unha medida positiva de apoio ao persoal laboral do Concello de Betanzos e en prol da igualación de dereitos co persoal funcionario e a solución de discriminacións históricas e agardamos que a moción sexa aprobada no Pleno de cara a que o goberno municipal faga efectivo dunha vez por todas o compromiso asinado cos traballadores, e axilice os trámites previos á publicación no boletín correspondente e entrada en vigor.

Esta mesma semana a representación do Comité de Empresa tivo unha reunión co concelleiro de Persoal onde lle transmitiu o seu malestar e preocupación pola cuestión e na que a resposta, foi, unha vez máis, a de sempre, que un mes máis non iría ao pleno o convenio, motivo polo que se decidiu continuar coa iniciativa.

Agardamos que esta medida sirva para darlle un pulo a esta cuestión crucial para o persoal laboral e que o goberno municipal tome conciencia da importancia de facer efectivos aos acordos aos que chega cos representantes dos traballadores nos órganos de negociación colectivo.

A representación do Comité de Empresa agradeceulle aos catro partidos da oposición o seu apoio e transmitiulle a súa satisfacción polo acordo porque considera que o apoio conxunto dos partidos da oposición demostra que este tema, así como outros laborais deste Concello, teñen un consenso na necesidade de solucións a problemas históricos e mellora de determinadas situacións existentes.

Lembrade, o vindeiro martes ás 20:30 h na Casa do Concello terá lugar o Pleno no que se debatirá a moción sobre o Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos

Protocolo para mellorar a seguridade e a saúde dos seus traballadores/as en casos de violencia externa

A Mesa Paritaria Xeral de Prevención da Función Pública, na que están representadas a Administración e sindicatos, chegou a un acordo sobre o borrador do protocolo unificado que servirá de base definitiva para os procedementos de prevención e actuación ante as situacións de violencia externa. O documento diferencia o tipo de violencia que sofre o empregado/a como o dano físico ou psicolóxico e a ameaza, verbal ou con xestos, se se produce durante o horario laboral.

O texto estabelece dúas formas de actuación: unha de prevención e outra de intervención. Na primeira incluiranse os traballadores/as «expostos/as a unha situación de violencia extrema» e deberanse identificar os riscos posibles para mellorar a protección e a información, tal e como estabelece a normativa. Respecto da intervención, o documento recolle os pasos para seguir pola Administración e traballadores/as cando se produce un episodio de violencia.
O borrador indíca que no caso de que produzan danos físicos estos deben ter o mesmo tratamento que un accidente laboral, polo que a atención debe ser canalizada a partir da mutua correspondente. Así mesmo, o protocolo estabelece que debe informarse á autoridade laboral do incidente e logo establecer «medidas correctoras» para evitar que volva producirse.
A partir deste momento, cada departamento da Administración catalá debe proceder á adaptación deste acordo as súas necesidades específicas.

Hábitos saudables no traballo, por que?

TRABALLADORES/AS MAIORES DE 55 

 Os hábitos saudables son aquelas condutas e comportamentos que temos asumidos como propios e que inciden de xeito directo no noso benestar físico, mental e social. En poucas palabras, son aquelas rutinas que realizamos habitualmente e que son boas para nós dende un punto de vista da saúde (física, mental e social). No modelo de benestar socioeconómico propio dos países desenvolvidos nos anos 20 e 30 do século pasado, denominados países post-industriais, vaise establecendo a idea de que o traballo está asociado a unha vida de benestar e ao progreso da sociedade.

 No transcurso do século XX tense producido un cambio na comprensión do patrón das orixes das enfermidades no traballo, xa non atribuíbles unicamente ás condicións físicas, materiais ou ambientais dos lugares de traballo, senón tamén ao comportamento dos individuos nun marco máis amplo, relacionado cos seus estilos de vida. Así, o modelo biomédico que significou un importante progreso na prevención e erradicación de enfermidades infecto-contaxiosas, queda algo escaso para esta comprensión máis global da saúde. 

Comezan a emerxer modelos alternativos, que non só incorporan factores biolóxicos e antropolóxicos senón que tamén inclúen aspectos psicolóxicos, culturais e sociais. Así, o modelo biomédico deixa paso aos modelos biopsicosociais. As principais causas de morte na actualidade proveñen de estilos de vida e condutas pouco saudables como a mala alimentación, a obesidade, o consumo de tabaco, a presión arterial elevada, o sedentarismo, o estrés negativo, o burn out, entre outros factores psicosociais. 

As campañas de educación en estilos de vida saudables convértense nunha estratexia para aforrar custos de tipo sanitario a longo prazo e mellorar a calidade de vida das persoas. Os lugares de traballo convértense nun escenario perfecto para poñer en práctica mecanismos de reeducación da poboación adulta, tal e como se indica na Declaración de Luxemburgo, que destaca o interese estratéxico dos lugares de traballo como campo de actuación da saúde pública. Así aparece o concepto de lugares de traballo saudables e a Promoción da Saúde no Traballo (PST) que buscan implicar e formar aos propios traballadores/as no mantemento da súa saúde non só no ámbito laboral senón tamén na súa vida cotiá, crear unha cultura da saúde, sabendo que isto repercute de xeito positivo no traballo, na motivación de traballadores/as e na prolongación da vida laboral. 

 Tendo en conta a situación demográfica prevista a medio prazo, co avellentamento da man de obra e da poboación en xeral, este tipo de medidas permitirán aforrar custos de tipo sanitario e social. 

Deste xeito, a Comisión Europea apoia a iniciativa de establecer unha Rede Europea da Promoción da Saúde no Lugar de Traballo coa finalidade de identificar e difundir exemplos de boas prácticas neste sentido. Como consecuencia da análise destas necesidades establécese a Rede Europea para a Promoción da Saúde no Lugar de Traballo que considera como prioridades de actuación as que seguen: - Sensibilizar e fomentar o compromiso de todos os integrantes das empresas no que respecta aos temas de Promoción da Saúde no Traballo (PST). - Identificar e difundir proxectos levados a cabo con éxito. - Desenvolver guías para a práctica efectiva da PST. - Asegurar o compromiso dos Estados membros na incorporación de programas de PST ás súas políticas respectivas. - Afrontar os problemas específicos resultantes da colaboración coas PEMES. Algúns dos aspectos máis relevantes que forman parte dos plans da reeducación en hábitos de vida saudables postos en marcha polas empresas céntranse fundamentalmente en catro bloques: - Fomento da Actividade Física. - Abandono de Hábitos que prexudican a saúde. • Alcoholismo • Tabaquismo - Consellos para unha alimentación saudable. - Saúde emocional, fundamentalmente a xestión do estrés e técnicas que melloren as relacións no traballo. Este tipo de medidas están directamente relacionadas co fenómeno do avellentamento da poboación traballadora. 

A prolongación da vida laboral levada a cabo polos estados leva asociado un aumento dos problemas de saúde ocasionados pola idade que comezan a estar presentes no mundo laboral. Unha solución a medio longo prazo son este tipo de medidas de promoción da saúde. 

Segundo datos do INSHT, unha mellora dos hábitos de saúde dos/as traballadores/as pode reducir as ausencias ao traballo até un 36%. Con todo, os T+55 que están a traballar actualmente requiren, ademais, de medidas urxentes de adaptación dos postos ás súas capacidades físicas, psicolóxicas e sociais. Fontes “As enfermidades do “estilo de vida” no traballo: entre a vixilancia e as prácticas do coidado de si.” Gustavo Gisbert Gandica. Universitat Autònoma de Barcelona. “Recomendacións para unha vida saudable no lugar de traballo”. GOSASUN, 2015. “Declaración de Luxemburgo”. Rede Europea para a Promoción da Saúde no Lugar de Traballo (27-28 novembro, 1995). “Campaña de Promoción da Saúde” INSHT, 2016.


Alegacións ao Proxecto de regulamento de réxime interno da escola municipal de folclore do concello de Betanzos

Nos pasados días o Concello de Betanzos publicou na web municipal un Proxecto de regulamento de réxime interno da escola municipal de folclore do Concello de Betanzos e publicaba a nova correspondente.

Este proxecto contempla funcións de postos de traballo cando o documento que debe definilas é a Relación de Postos de Traballo, en igualdade de condicións para todo o persoal e coa negociación colectiva correspondente. Descoñecemos a que se debe que o Concello dea un paso adiante para definir funcións nun documento que non é a RPT, máis aínda cando acaba de publicar a licitación para a contratación dunha empresa para a elaboración do documento.
En concreto, recolle no título V e nos capítulos 1 e 2 funcións do persoal e da propia dirección cando na actualidade non existe ningún posto de dirección da RPT, o que resulta certamente contraditorio. Pretende mesmo regular as titulacións de acceso aos postos de traballo cando ese non é o obxecto dun Regulamento de réxime interno senon dos documentos que definen os postos de todo o persoal.
Neste momento está aberto o prazo de suxestións ou opinións, tal e como informa o Concello, polo que a CIG rexistrará un documento onde recolla as cuestións sinaladas á espera de que o Concello responda ao alegado.

18/11/16

Alegacións ás bases das listaxes de substitución publicada no BOP Boletín Oficial da Provincia número 214, do 11 de novembro de 2016

Tal e como fixo na pasada Mesa Xeral de Negociación do 11 de xullo a CIG fixo unha serie de achegas con respecto ás bases presentadas polo Concello que ampliou esta semana, tendo en conta as modificacións non acordadas na Mesa e incluídas no texto publicado e que onte mesmo rexistro solicitando que o Concello corrixa as deficiencias sinaladas, unifique os criterios empregados e elimine as discriminacións manifestada no documento das bases da convocatoria das prazas de albanel, peón/oa de limpeza viaria, profesor/a de gardería, técnico/a de xardín de infancia e auxiliar de axuda no fogar.

Entre as principais modificacións que propuxemos e consideramos necesarias no texto están as seguintes:

1. Entendemos que as devanditas bases no caso de ser para tres anos deberían selo para 2017-2020, xa que acaba de abrir o prazo para a presentación de solicitudes e tendo en conta os prazos do procedemento administrativo as listaxes derivadas deste proceso non poderán estar operativas antes de xaneiro de 2017.

2. Entendemos que o catálogo de postos que o Concello debería cubrir con estas bases debería ampliarse, como mínimo, ao presentado inicialmente polo propio Concello en xullo, que incluía tamén xardineiros e, a maiores, debería contemplar a posibilidade doutros postos de traballo de carácter esencial e prioritario como o persoal do cemiterio municipal e outro persoal de servizos que na actualidade teñen postos na Relación de Postos de Traballo.

3. Canto aos salarios, e tendo en conta que estamos xa fase final de tramitación do novo convenio cumpriría que se indicase que as retribucións serán as correspondentes en función do convenio colectivo en vigor, non só porque tendo en conta estas bases o Concello podería pretender que o novo convenio, no momento que estea en vigor, non fose de aplicación ao persoal contratado ao abeiro das listaxes derivadas deste proceso.

4. Consideramos unha discriminación manifesta o requisito do carné e o vehículo propio para o persoal auxiliar a domicilio, máis aínda se temos en conta que os postos para os que se crea a listaxe de substitución non teñen tal requisito na Relación de Postos de Traballo en vigor e que agás para os postos de condución a ningún posto se lle require carné de conducir na Relación de Postos de Traballo e moitísimo menos ter vehículo propio, xa que o Concello ten un parque móbil que utilizan os/as traballadores/as de servizos para poder levar a cabo o seu traballo e os desprazamentos relacionados con este.

5. Nos requisitos de titulación de profesor/a de gardaría aparece técnico/a supeiror en Educación Infantil e non se pode equipar unha anterior diplomatura ou actual graduado con formación profesional superior, é máis, tendo en conta que estes postos son para grupo 2 non poderían encadrarse en tal grupo por incumprimento dos requisitos de titulación. Tamén consideramos que o requisito de titulación do persoal auxiliar de axuda no fogar non é equivalente ao grupo no que se pretende encadrar, posto que lles requiren un título de formación profesional de grao medio e inclúenas nun grupo onde o requisito para o resto das prazas é certificado de escolaridade, incidindo nunha discriminación manifesta dos requisitos de titulación entre o persoal que opta a diferentes prazas. A maiores consideramos que se debería eliminar que posúan ou deban estar en condicións de obter a titulación no ano 2016, porque que o ano está para finalizar e o proceso é complicado que se resolva antes.

6. Polo que respecta ao test de 10 preguntas case non é unha proba porque ademais se hai tres respostas, non se penaliza o fallo, hai un 30% de probabilidades de atinar poñendo respostas ao chou. Consideramos que esta parte debería redactarse de novo porque non está moi clara e hai puntos que poden levar a equívoco.

7. A composición do tribunal non se axusta ao recollido na Lei 2/2015 na pertenza dos membros do tribunal ao mesmo grupo ou categoría profesional.

A conclusión que tiramos deste texto é que pretende agravar a discriminación das traballadoras auxiliares de axuda a domicilio con respecto ao resto de persoal do Concello ao lles exixir carné e coche propio ao servizo da Administración local, cando na Relación de Postos de Traballadores a nin un só dos traballadores actuais que non son condutores se lles exixe tal requisito. O colmo da discriminación para este colectivo é que se lles exixan un grao medio de formación profesional para traballar e as pretendan encadrar no grupo 5, é dicir, que no mesmo que aos candidatos que lles exixen o certicado de escolaridade. E se a isto lle sumamos que estas traballadoras, xunto coas traballadoras de limpeza de edificios, todas mulleres, cobran menos que os homes coa mesma categoría profesional e similares funcións do grupo 5 temos claro que non é que a igualdade de homes e mulleres non sexa unha prioridade neste Concello senón que hai unha cruzada para perpetuar as discriminacións e desigualdades.

Outro tema non menos importante son os postos que forman parte destas listaxes, tendo en conta que desde o texto de xuño o Concello decidiu que os xardineiros non teñen postos esenciais, mais si os albaneis, supoñemos que a privatización na que está tan interesada o goberno municipal do servizo de xardinaría débese a isto. Máis grave aínda é que non aparezan posto ningún relacionado co cemiterio municipal, que si que é un servizo esencial e prioritario pense o que pense o goberno municipal, aínda que moito nos tememos que na negativa de Diego Fernández a incluír este posto nas listaxes que lle propuxemos o 11 de xullo tamén están os intereses da recente privatización deste servizo.

A CIG propón ampliar este catálogo a outros postos contemplados na RPT e descoñece o criterios que rexen decisións como que postos de albanel si, de xardineiro, peón de cemiterio ou electricista non, así que como a manifesta discriminación, entre outras, dos postos de auxiliar de axuda a domicilio mencionados.

Agardando unha nova reunión co concelleiro de Persoal


Solicitude de documentación que acredita o acordo sobre as bases das listaxes de substitución

Na Mesa Xeral de Negociación que o Concello de Betanzos convocou o pasado 11 de xullo o goberno municipal achegou unhas bases para as listaxes de substitución que non son as mesmas que as publicadas no Boletín Oficial da Provincia, de aí que a Sección sindical da CIG decidise solicitarlle o seguinte ao Concello:

1. Información sobre o acordo das modificacións efectuadas nas da convocatoria das prazas de albanel, peón/oa de limpeza viaria, profesor/a de gardería, técnico/a de xardín de infancia e auxiliar de axuda no fogar con respecto ao documento presentado na Mesa Xeral de Negociación do 11 de xullo de 2016.

2. Que o Concello de Betanzos informe aos representantes dos traballadores das decisións derivadas dos acordos tomados nas Mesas Xerais de Negociación previamente á publicación destes, así como das modificacións que se leven a cabo sobre os documentos negociados e que se cinxa aos acordos tomados nos órganos de negociación cos representantes dos traballadores.

3. Que o Concello de Betanzos nos entregue unha copia da acta e unha certificación dos acordos tomados na Mesa Xeral de Negociación do 11 de xullo de 2016.

Facer o que lle peta sen ter en conta o que se negocia é a máxima deste goberno municipal. Se a negociación da Mesa Xeral dunhas bases como estas é preceptiva onde están os documentos dos acordos aos que se chega? Se as bases van á Xunta de Goberno local, deben ter todos os membros da Xunta de Goberno local esa documentación menos a CIG e no caso de que vaian a pleno, así debe pasar cos membros da corporación. Conclusión, menos os representantes do persoal, debe haber un montón de xente que conta coas certificacións duns acordos que descoñecemos mais que faciliten que se continúe con esta tramitación.


A CIG solicita información sobre os acordos tomados na Mesa Xeral de Negociación do pasado 11 de xullo, á vista que o o se publica no BOP non é o mesmo que o que o Concello leva aos órganos de negociación colectiva

O pasado 9 de outubro, e logo da publicación da licitación do servizo para a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo, a Sección sindical da CIG presentou un escrito solicitando informaciñon sobre as modificacións efectuadas no prego con respecto ao presentado na Mesa Xeral de Negociación do pasado 11 de xullo.

A resposta do concelleiro é que este documento se aprobou na Xunta de Goberno Local do 27/10/2016 que indica que se modificaron os prazos polos informes correspondentes mais o caso é que o prego segue sendo para os anos 2016-2019 cando é obvio que que con este contrato aínda pendente de adxudicar o do ano 2016 non se vai poder levar a cabo. En todo caso a Ramón García daralle igual porque para tirar os cartos con empresas de asesoramento non hai problema, o único problema neste Concello son os cartos para a igualación salarial tan necesaria e urxente.

A maiores hai un outro feito que vimos observando é é que o Concello modifica ao seu antollo o acordado na Mesa Xeral de Negociación  e négalle aos representantes dos traballadores as copias das actas e as certificacións dos acordos tomados, polo que desde a CIG e no caso de que esta situación se solucione estamos, empezando a estudar a posibilidade de recorrer os acordos que consideramos que non se toman na Mesa de Negociación e o Concello continúa coa súa tramitación cando dubidamos que mesmo exista unha acta destes que acredite que houbo negociación e acordos, ou, polo menos, se as hai, á CIG nunca lle dan a documentación.

Solicitude de información sobre o estado de tramitación do convenio colectivo

Cinco meses despois de que o convenio colectivo fose asinado na Comisión Negociadora do convenio colectivo o Comité de Empresa segue sen novidades sobre o tema, polo que decidiu o pasado día 9 solicitar información e urxir ao Concello para finalizar a tramitación.


Por primeira vez en varios anos o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, dignouse a responderlle por escrito aos representantes dos traballadores nun escrito que consideramos unha burla porque se "comprace en comunicarnos" que seguen sen facer nada, Da resposta podemos deducir varias cousas:

1. O goberno municipal do PSOE rise do persoal laboral e dos acordos aos que chega cos representantes dos traballadores.
2. De ser certo o que comunica os traballadores non temos a obriga de executar os traballos que nos mandan, isto é unha comuna e cada quen fai o que lle peta, coa diferenza de que os que din que gobernan cobran (e abondo) por non facelo.
3. O Partido socialista vulnera reiteradamente os acordos co persoal e podería ir quitando o de "obreiro" do seu nome porque lle vén grandísimo.
4. A burla non son estes cinco meses só, son os cinco anos que van desde que se denunciou este convenio e se iniciaron as negociacións.
5. Se en cinco anos non é quen de aprobar un novo convenio colectivo co propio persoal de dentro como vai ser quen de gobernar unha vila?


Tendo en conta esta situación, o Comité de Empresa xa tomou decisións cos seguintes pasos a seguir e nos vindeiros días seguirémosvos informando.

08/11/16

O Concello contrata por segunda vez unha empresa para elaboración dunha Relación de Postos de Traballo: neste Concello menos para equiparar ao persoal hai cartos para todo!

O 13 de novembro de 2013 o goberno do PSOE anunciaba a contratación dunha empresa para a elaboración da Relación de Postos de Traballo na súa páxina web municipal, tamén daquela poñía que os técnicos municipais revisaban as bases das axudas sociais (pois mirade que non lles leva tempo...). O 7 de novembro de 2016 o Concello de Betanzos publica no Boletín Oficial da Provincia o anuncio para a contratación dunha empresa "para o deseño, confección e implantación efectiva dunha Relación de Postos de Traballo". Calquera persoa no seu sano xuízo pensaría que o Concello paga dúas veces polo mesmo mais que non se preocupe, que os 21000 euros que xa lle pagou a Galivalia polo momento non serviron para nada mais que para enriquecerse a empresa, porque o que foi contratado para elaborar unha RPT seica acabou como asesoramento no proceso de negociación dun convenio colectivo e dun acordo que dous anos despois aínda nin sequera están en vigor! Así dá gusto traballar e gastar os cartos pensará o goberno municipal!

O caso é que a empresa que asesorou no proceso de negociación do convenio, contratada inicialmente para a RPT foi un dos grandes casos de fraude porque finalmente foron os representantes dos traballadores os que tiveron que traballar polo miúdo co texto ante unha empresa que obviamente non cumpriu os seus obxectivos na medida en que algunha das propostas estrela que traía foi tumbada inmediatamente pola Xunta na revisión do texto. Polo tanto, ata o momento a experiencia so asesoramento externo en materia de persoal no Concello de Betanzos redúcese a:

1. Enriquecemento da devandita empresa.
2. Sinatura dun convenio que ata o momento só serviu para xustificar ante Intervención o pagamento das facturas de Galivalia.
3. Estafa dalgunha das propostas estrela, como a indefinición de certo persoal por convenio, que desde a CIG non comprendimos desde o primeiro momento.
4. Resultado nulo para a mellora da situación laboral máis dun ano despois de que a empresa cobrase.
5. Claro incumprimento dunha parte, cando menos, do obxecto do contrato inicial.
6. Situación de desigualdade salarial do persoal laboral con respecto ao funcionariado cada vez máis insostible desde a máxima de igual traballo, igual salario.

Tendo en conta estes antecedentes non sabemos o que podemos agardar desta nova licitación que vén de saír publicada, non obstante, o único que sabe o Comité de Empresa hoxe en día é que na última reunión que tivo o Comité co concelleiro de Persoal, Diego Fernández, este manifestou que dera instrucións claras de que a prioridade era o convenio, e logo a licitación da empresa e as novas bases de substitución, pois ben, ou o concelleiro mentiulle descaradamente aos representantes dos traballadores ou, é obvio que el non decide a prioridade dos asuntos, porque do contrario, o propio Concello non tería publicado, mesmo antes de saír no Boletín da Provincia o tema das listaxes de substitución e a licitación da empresa, e seguir coa boca pechada con respecto á situación da tramitación do convenio colectivo asinado xa hai 5 MESES na Comisión Negociadora correspondente.

Este novo contrato valorado en 30000 euros máis IVE, sumarase aos 21000 euros gastados no asesoramento de Galivalia, e case resulta indignante que o Concello pretenda gastar semellante cantidade de cartos no asesoramento para a solución dos problemas existentes no cadro de persoal, moitos deles derivados das discrimacións salariais,e resulta paradóxico que o PSOE non repare en gastar máis de 50000 euros en empresas de asesoramento, mais non sexa quen de levar adiante un convenio cunha mínima equiparación salarial e cuxo gasto non chegaría nin de lonxe ao gastado nas empresas.

Desde a CIG temos moi claro que a situación é insostible e levamos moitos anos reclamando solucións, mais non se vai solucionar máis por tirar os cartos. O que fai falla é unha vontade do goberno por solucionar as cousas e tratar a todo o persoal por igual porque ao acordo que se chegou co convenio púidose ter chegado sen asesoramento externo e o PSOE é claramente quen decide se este segue para adiante, non só agora co convenio senón nun futuro con todo o que vai recollido no prego e que suporá a guía de actuación en materia de persoal para os vindeiros anos. Por tanto, é necesaria unha solución da situación, por suposto, mais seguir contratando empresas sen que os traballadores vexamos as solucións nin os froitos deses traballos de asesoramento non consideramos que sexa o camiño adecuado.

Se Ramón García, o alcalde, ten claro que é o momento de solucionar problemas históricos como as discriminacións salariais ou a temporalidade e a abundancia de contratos en presunta fraude de lei aos que somete ao persoal laboral, é o momento de demostralo e impulsar propostas de solución en colaboración cos representantes dos traballadores e co propio persoal, e ese camiño debe inciarse necesariamente coa aprobación e entrada en vigor do novo convenio colectivo do persoal laboral. Nos vindeiros meses demostrará se vai ser así, ou se, pola contra, toda a negociación foi unha estafa preelectoral e un engano descarado ao persoal que traballa nesta Administración local. Unha vez dado este paso demostraría que cre na necesidade de mudanzas e beneficiaría o proceso de negociación da nova Relación de Postos de Traballo e o Plan de reordenación de recursos humanos.

Con respecto ao prego técnico, recomendámovos botarlle unha ollada polo miúdo e deixámosvos a temporalización proposta para máis información:

4.1.Os traballos de asistencia técnica e xurídica desenvolveranse no prazo de dos anos e  medio, de acordo cos seguintes prazos parciais semestrais, e co seguinte contido mínimo  que poderá ser concretado e mellorado polos licitadores na súa oferta técnica:

1ª Fase: decembro de 2016 – maio de 2017.
-Deseno e elaboración do borrador inicial de RPT e do Organigrama municipal.
-Fase de información e consultas cos respresentantes dos traballadores.
-Elaboración do borrador provisional de RPT e do Organigrama municipal.

2ª Fase: xuño de 2017 – novembro de 2017.
-Negociación colectiva da RPT e do Organigrama cos representantes sindicais
-Elaboración da RPT e do Organigrama definitivos (consensuados)
-Aprobación dos documentos e entrada en vigor.

3ª Fase: decembro de 2017 – maio de 2018.
-Deseno e elaboración do borrador inicial de Plan de ordenación de RRHH.
-Fase de información e consultas cos respresentantes dos traballadores.
-Elaboración do borrador provisional de Plan de ordenación de RRHH.
-Asistencia na execución da RPT e Organigrama aprobados:
- Aprobación da OEP 2018.
-1ª Convocatoria de prazas (en propiedade, interina, libres, promoción interna)

4ª Fase: xuño de 2018 – novembro de 2018.
-Negociación colectiva do Plan de ordenación de RRHH cos representantes sindicais.
-Elaboración do Plan de ordenación de RRHH definitivo (consensuado)
-Aprobación e entrada en vigor.
-Asistencia  na  execución  da  RPT,  do  Organigrama  e  do  Plan  de  Ordenación  de    RRHH
aprobados:
- 2ª Convocatoria de prazas (en propiedade, interina, libres, promoción interna)
-Execución medidas específicas (I) propostas no Plan de ordenación.

5ª Fase: decembro de 2018- maio de 2019.
-Asistencia  na  execución  da  RPT,  do  Organigrama  e  do  Plan  de  Ordenación  de    RRHH
aprobados:-Aprobación da OEP 2019,
-3ª Convocatoria de prazas (en propiedade, interina, libres, promoción interna)
-Execución medidas específicas (II) propostas no Plan de ordenación.

Novas relacionadas: