21/06/18

Nova reunión extraordinaria da Comisión Paritaria do Convenio colectivo

Logo da solicitude do Comité de Empresa, hoxe ás 12:00 h tivo lugar a cuarta reunión da Comisión Paritaria para a modificación de determinadas cláusulas do Convenio colectivo.

Esta reunión tivo lugar para facer as adaptacións correspondentes que indicou a Intervención municipal relativas ás retribucións. Por tanto, as modificacións acordadas son as seguintes:

1. Con respecto á cláusula transitoria primeira mantense o acordado aquí e aquí.
2. Con relación ao sistema retributivo actualízanse coas subas dos anos 2016 e 2017 e inclúese a indicación de que experimentarán os incrementos que determinen os orzamentos do Estado a partir do ano 2018.
3. Con relación ao valor das horas extraordinarias actualízanse coas subas dos anos 2016 e 2017 (que non se viña cobrando ata o momento) e inclúese a indicación de que experimentarán os incrementos que determinen os orzamentos do Estado a partir do ano 2018. Así mesmo, inclúese o valor da hora extraordinaria para o grupo II.A, que antes non constaba.
4. Con respecto ao complemento de funcións extraordinarias determínase que a súa contía será a equivalente ao valor da hora extra en sábado, domingo, festivo, día de descanso e noite (+125%) do anexo I. A maiores, especifícase no relativo ao termo "eventos" o acordado na anterior reunión.

O seguinte paso é que o Concello leve esta modificación ao pleno para continuar coa tramitación, que entrará un vigor unha vez que se publique no Boletín Oficial.

20/06/18

Carril: "Os xestos non son suficientes, ou se derrogan todas as reformas ou non haberá recuperación dos dereitos"



Baixo o lema "Xa é hora de recuperar os nosos dereitos", miles de persoas esixiron nas rúas da Galiza ao novo Goberno do Pedro Sánchez pasos firmes para a derrogación e anulación de todas as reformas antiobreiras e antisociais impostas so pretexto da crise. "Xa non valen os xestos, non valen as escusas da falta de respaldo parlamentar para non derrogar a reforma laboral. De igual maneira que se chegou a un acordo para poñer fin ao Goberno do PP, teñen que conseguir a correlación de forzas necesarias para o cambio de políticas, porque senón estaremos ante un grande engano e unha fraude".

Así de contundente se manifestaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na súa intervención ao remate da mobilización realizada esta tarde na Coruña, no marco da xornada nacional de loita que a central desenvolveu nas sete cidades galegas e nas principais localidades para esixir do novo Goberno do PSOE un cambio radical de políticas. Carril instou a manter viva a loita social "porque os dereitos non veñen do diálogo social nin os concede ningún goberno alegremente". E ante a expectativa xerada polas mudanzas na Moncloa, advertiu do perigo de caer na trampa dos xestos baleiros.

Unha expectativa que, subliñou, é máis froito dun desexo de cambio tras anos sufrindo as duras políticas do PP no plano económico, social e laboral, dos recortes nos servizos públicos e nas liberdades, "que das actuacións reais do novo Goberno, que xa comezou a desdicirse do que prometeu sobre a reforma laboral". Referiuse así o secretario xeral da CIG ás declaracións realizadas polo presidente do Estado e a súa equipa, asegurando que non van botar abaixo a reforma laboral por falta de apoio parlamentar, "cando hai un mes dicían que sería unha das primeiras medidas a tomar".

Buscar a correlación de forzas necesaria

Preguntouse que postura vai adoptar o PSOE ante a morea de proposicións de lei que contemplan a supresión de moitas das reformas, que levan meses aprobadas e que o PP tiña paralizadas. A este respecto reiterou que "non valen reformiñas nin maquillaxes", que Sánchez debe buscar a correlación de forzas necesaria para o cambio de políticas ou, do contrario, estaremos ante unha moción que é unha fraude."Porque a reforma laboral debe ser totalmente derrogada e se non o fan é porque están de acordo con ela", acusou.
Neste senso, o secretario xeral da CIG recordou que o Partido Socialista "é responsábel e causante dalgúns dos recortes que tanto dano fan á clase traballadora e que a chegada do PP ao Goberno de Madrid, multiplicou".  Tal é o caso da reforma laboral de Zapatero de 2010 (contra da que se convocou folga xeral) ou a reforma das pensións de 2011, que contou co apoio de UGT e CCOO (e contra da que a CIG foi a unha folga xeral en xaneiro dese ano). 


A falacia do pacto social


De maneira simultánea ao cambio de Goberno, vemos como se escribe un novo capítulo do pacto social. "Resulta lamentábel ver outra vez o papel derrotista da UGT e CCOO", criticou. Se durante anos ambas organizacións mantiveron unha actitude conformista e pasiva, mesmo de colaboración co PP, aparecen agora falando do pacto social coa patronal e o novo Executivo.

"Mais por esa vía non virán as solucións ao empobrecemento xeneralizado, nin o remate das novas formas de contratación que escravizan as condicións de traballo, nin acabaremos cos baixos salarios e a pobreza laboral", salientou Carril. Precisou que é esa "ideoloxía perversa da concertación social o obstáculo para a recuperación dos dereitos, porque trae consigo a extensión dos efectos do cancro da reforma laboral e da negociación colectiva".

Ante esta perspectiva, Paulo Carril considerou que sería un erro imperdoábel caer na desmobilización. Por iso, a CIG chama á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego "a rearmarnos aínda máis dende as rúas e dende os centros de traballo e demostrando a nosa disposición de loita" para esixir un calendario real de recuperación dos dereitos que permitan ter pensións e empregos dignos na nosa terra. "Que non nos confundan e que non nos enganen. Os dereitos conquístanse coa mobilización, con organización e con contestación social permanente", reiterou.

Loita social para facer realidade os cambios

O secretario xeral da CIG chamou a ter presente que estamos nunha loita de intereses de clase confrontados entre o capital e o traballo; e por iso un sindicato digno de tal nome "ou está ao servizo dos intereses da clase traballadora ou está doutro lado, co poder político e económico que se enriquece a conta da explotación da clase obreira".

"Na CIG apostamos pola loita social constante e sostida no tempo, porque é o factor clave para forzar, para facer real os cambios necesarios que levamos anos reivindicando", salientou Paulo Carril, lembrando que a central sindical suspendeu a folga xeral prevista para este 19 de xuño, ante o cambio de escenario político, pero coa premisa de retomar a convocatoria se nos vindeiros meses o Goberno do PSOE e a correlación de forzas que o fixo posíbel non poñen en marcha as medidas necesarias para reverter todas estas reformas que rouban e saquean a clase traballadora.  

Doutro xeito, en Galiza corremos o perigo de que se consolide unha situación sen saída, cunha destrución diaria dos nosos sectores produtivos e do tecido industrial, un medre constante do emprego precario no sector servizos e unha emigración interminábel que nos está a deixar sen xente nova. "Contra esta realidade, nin un paso atrás, que siga a mobilización", concluíu.


Resumo da Comisión Paritaria de Igualdade (14/06/2018)

O pasado 14 de xuño tivo lugar a Comisión Paritaria de Igualdade do Concello de Betanzos coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión anterior.
  2. Debate da proposta de Regulamento de funcionamento da Comisión.
  3. Debate de puntos a incluír no estudo diagnose e da necesidade de abrir un período de participación para o persoal do Concello.
  4. Debate da proposta de Protocolo contra o acoso sexual, laboral, por razón de sexo e identidade da comisión.
  5. Debate de accións a tomar ante o informe de impacto de xénero da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva, adscrita organicamente ao Consello Galego de Relacións Laborais, sobre o convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos.
  6. Rogos e preguntas
Cómpre sinalar que a CIG foi o único sindicato que presentou unha proposta tanto de regulamento de funcionamento como unha proposta de protocolo contra o acoso sexual, laboral, por razón de sexo e identidade da comisión. Así mesmo, achegou o informe do impacto de xénero sobre o Convenio colectivo do persoal laboral elaborado polo Consello Galego de Relacións Laborais.

O debate foi intenso cos delegados do CSIF, o sindicato con representación en funcionarios/as que defendeu que o acoso sexual debía ficar fóra do regulamento porque non ten relación cunha discriminación xenérica. Finalmente, a prevención do acoso sexual e por razón de sexo e aprobación do protocolo ficou incluída como funcións da comisión de igualdade cos votos a favor da CIG, UGT, CCOO e o goberno municipal e o voto en contra do CSIF.

Canto á elaboración do plan de igualdade interno, a técnica de igualdade expuxo polo miúdo diferentes métodos e camiños para a elaboración deste e indicou que comezaqría cuns cuestionarios que lles enviaría aos delegados sindicais e con posterioridade a todo o persoal municipal para comezar coa análise da situación actual.

Por outro lado, e no seguinte punto, os delegados do CSIF, insistiron en que a Comisión de Igualdade non era o organismo que debía aprobar un Protocolo contra o acoso sexual, laboral por razón de sexo e identidade. Logo dun novo debate, acordouse que este protocolo si que sería aprobado por esta Comisión, excluíndo o acoso laboral e que na seguinte reunión se aprobaría definitivamente un PROTOCOLO CONTRA O ACOSO SEXUAL, POR RAZÓN DE SEXO E IDENTIDADE NO CONCELLO DE BETANZOS. Esta decisión foi votada, unha vez máis, e aprobouse cos votos a favor da CIG, UGT, CCOO  e o goberno municipal e o voto en contra do CSIF que defendeu que o acoso sexual non vén determinado por unha discriminación entre homes e mulleres nesta sociedade. A maiores, a CIG recriminoulle ao CSIF o seu nulo interese pola creación da Comisión e aprobación do protocolo en sete anos que tivo representación sindical no Concello de Betanzos e o seu repentino interese por dilatar e alongar calquera paso para que a Comisión de Igualdade funcione e se leven a cabo medidas encamiñadas á consecución da igualdade.

Na reunión acordouse que as partes terías 10 días para facer achegas ao protocolo e que a técnica de igualdade, como experta na materia, as incluiría nun borrador que con posterioridade se someterá á súa aprobación definitiva.

Con respecto ao punto 5, a CIG lembrou que o informe do Consello Galego de Relacións Laborais indica no seu informe do impacto de xénero  a necesidade da elaboración dun plan de igualdade, que, por tanto, xa está en marcha, a necesidade de nomear as categroías profesionais cun xénero neutro, que se deberá corrixir nunha modificación do Convenio colectivo, tamén lembra que na Comisión Paritaria do Convenio Colectivo debe haber unha mínima representación do 40% de mulleres, o que claramente se está a incumprir na actualidade. Como dúas últimas cuestións, indica a necesidade de regular un procedemento para o acoso laboral e considera como positiva no relativo á xornada laboral, a medida de que unha parte da xornada sexa flexible.

Con respecto a este último punto a CIG solicitou, xa que o Consello Galego de Relacións Laborais o considera como algo positivo do Convenio colectivo, a posta en marcha do artigo 22.2. do Convenio que indica o seguinte:


2. A xornada ordinaria de traballo do Concello de Betanzos realizarase, con carácter xeral, nas mañás de luns a venres, entre as 09:00 h e as 14:30 h de cada día, agás modificacións ou flexibilidades negociadas coa representación sindical e con independencia dos horarios específicos que se estableza nos servizos con especiais características. O tempo de traballo restante ata completar a xornada semanal realizarase en horario flexible, entre as 07:30 h e as 15:30 h, ou a tarde do martes ou do xoves.
Para a determinación da parte flexible da xornada, teranse en conta as preferencias do persoal, así como as necesidades e dispoñibilidades de cada un dos servizos, primando, en todo caso, a súa correcta cobertura e prestación. 
Na actualidade esta posibilidade non se ofrece porque estará vinculada ao control de presenza no traballo, que leva tres meses en modo proba e o Concello non dá implantado de xeito definitivo, o que está a crear distintos problemas. O propio Convenio indica na cláusula adicional quinta o seguinte con respecto a este punto:
Cláusula adicional quinta.
Coa finalidade de dar cumprimento ao previsto no artigo 20 do presente Convenio, e co obxecto da obtención de información sistemática e periódica sobre o cumprimento de devanditas xornadas e horarios de traballo, así como sobre os niveis de absentismo que se produzan, todo o persoal terá a obrigación de fichar tanto ao comezo como ao final de cada xornada, así como cada vez que se abandone os centros de traballo. O devandito control materializarase mediante sistemas mecánicos que garantan o estrito cumprimento do aquí previsto.
En tanto non se dispoña dos medios mencionados no apartado anterior non será de aplicación o previsto nesta cláusula nin no artigo 20.

O problema, tal e como se lle trasladou á presidenta da Comisión, é que o Concello non dá avanzado da fase de modo "proba" neste sistema, o que imposibilita o dereito do persoal ás medidas beneficiosas para a conciliación laboral e familiar que contempla este artigo e, consecuentemente, produce un incumprimento do acordado, mais dun ano despois de que o documento entrase en vigor. A presidenta indicou que trasladaría a cuestión para que se solucionase.

En último lugar, na quenda de intervencións, a CIG comunicoulle á Comisión un posible caso de acoso e conflito con matiz de discriminación xenérica entre persoal municipal. Así mesmo, lembrou que na análise da situación van saír á luz discriminacións salariais entre homes e mulleres e lembrou que hai funcións como o rexistro, que simplemente fan as mulleres neste Concello, sexan auxiliares ou administrativas, mentres que os auxiliares e administrativos homes nunca as fixeron tradicionalmente e que isto supoñía unha discriminación xenérica.

A CIG pon unha nova queixa polo uso da entrada da Casa do Concello como almacén

A delegada de prevención da CIG rexistrou unha nova queixa, como cada ano, pola utilización que o goberno municipal fai da entrada da Casa do Concello como almacén de instrumentos e trastes dificultando o traballo do persoal que presta os seus servizos nese edificio, así como creándolle riscos innecesarios á cidadanía que acude ao edificio.  O documento foi rexistrado telematicamente o pasado venres 15 de xuño e indicaba o seguinte:

COMUNÍCOLLE QUE:

  1. Que, unha vez máis, e desde hai varias semanas, o Concello vén utilizando a entrada da Casa Consistorial como almacén de diversas cousas relacionadas coa Feira Franca Medieval.
  2. Que esta situación vense repetindo cada ano, tal e como xa os delegados de prevención do Comité de Empresa lle teñen comunicado ao Concello e cada vez é máis grave posto que os obxectos que o Concello deposita na entrada do edificio cada vez permanecen máis tempo nesta.
  3. Que esta situación produce uns riscos non avaliados tanto para o persoal como para a cidadanía que accede diariamente ás dependencias administrativas.
  4. Que a situación dificulta en ocasións o tránsito polas dependencias e podería supor un perigo no caso de que haxa que realizar unha evacuación.
  5. Que achegamos xunto con este documento algunhas fotos que acreditan tal situación, e que foron tomadas en diferentes datas ao longo das pasadas semanas.
  6. Que este edificio está avaliado como oficinas administrativas e no caso de querer destinalo para almacén de xeito continuo, á vista do que ocorre cada ano nas mesmas datas, o Concello debe realizar unha nova avaliación de riscos laborais. Do contrario non pode usar como almacén a entrada dunhas oficinas administrativas municipais
Por todo isto, SOLICITO:
  1. Que o Concello tome as medidas oportunas de cara a solucionar esta situación.
  2. Que deixe de utilizar a entrada da Casa do Concello como almacén, toda vez que este edificio está avaliado como oficinas administrativas.
  3. Que teña en conta que esta situación que se repite no tempo pode dar lugar a problemas no caso de que nunha situación de urxencia haxa que avacuar o edificio.
A todo isto hai que sumarlle a paralización do Comité de Seguridade e Saúde que leva sen reunirse desde outubro do ano 2017, e cuxa situación será posta en coñecemento da Inspección de Traballo provincial nos vindeiros días, á que tamén se levará a negativa do goberno a facilitarlle a información sobre as horas extraordinarias do persoal laboral ao Comité de Empresa.

O Parlamento Europeo propón medidas para evitar a ausencia polongada do traballo en casos de traballadores/as con lesións crónicas


O Comité de Emprego e Asuntos Sociais adoptou por unanimidade un conxunto de medidas a fin de evitar a ausencia laboral a longo prazo. Considera que a Comisión Europea e os Estados membros deberían traballar para reter e reintegrar ao lugar de traballo aos traballadores/as que sofren diversas afeccións ou lesións crónicas e fomentar o envellecemento activo.

Os membros do Parlamento Europeo suliñaron que reintegrar aos traballadores/as en empregos de calidade, así como permitirlles manterse activos ata a idade de xubilación e máis aló se así o desexan, é beneficioso para o seu benestar psicosocial e axuda a reter habilidades que doutro xeito se perderían.

No texto o Comité de Emprego e Asuntos sociais propón:

- Mellorar o manexo das ausencias por enfermidade nos Estados Membros.
- Facer que os lugares de traballo sexan máis adaptables ás condicións crónicas e discapacidades mediante a modificación de tarefas, equipos e tempo de traballo (teletraballo, horario flexible, horario de traballo reducido).
- Facer que os lugares de traballo sexan máis adaptables a través de programas de aprendizaxe continua e desenvolvemento de habilidades (incluíndo habilidades dixitais).
- Crear conciencia e abordar posibles barreiras psicolóxicas para volver ao traballo, como a tensión relacionada co traballo ou o estigma da saúde mental.
- Desenvolver e implementar un programa de vixilancia e apoio sistemático para os traballadores/as afectados polos riscos psicosociais, como a depresión ou o esgotamento.
- Empregar a política baseada en evidencia como unha práctica estándar e formar a base dos enfoques de retorno ao traballo.
- Proporcionar apoio técnico externo e orientación para as PEMES e microempresas con experiencia limitada en rehabilitación ocupacional e medidas de reincorporación ao traballo.
- Reforzar o enfoque de xestión de casos nos programas de reintegración co apoio individualmente deseñado e integrado dos traballadores/as sociais ou asesores/as designados para manterse en contacto cos traballadores/as durante a súa ausencia.
- Desenvolver plataformas de intercambio de información para actualizar ás empresas e persoas interesadas sobre os incentivos existentes e os seus dereitos.
Espérase que a votación plenaria teña lugar durante as seguintes sesións en xullo ou setembro.

Condenan ao Goberno Vasco por un caso de mal ambiente no traballo


O Xulgado do Social Nº 10 de Bilbao, condenou ao Departamento de Xustiza do Goberno Vasco a indemnizar a un funcionario dun xulgado por danos físico-psicolóxicos e morais sufridos a consecuencia dun conflito que tivo lugar no centro de traballo, por non contar cun plan de riscos laborais para atallar a situación. Na sentenza o xuíz considera que existe “responsabilidade por danos e prexuízos” do departamento vasco de Xustiza derivada do “incumprimento” da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

O funcionario demandou ao Gobierno Vasco polos danos físico-psicolóxicos e morais padecidos no seu centro de traballo; estos danos teñen a súa orixe nun conflito entre o persoal do mesmo xulgado, motivado “máis por malas relacións persoais que por razóns de traballo”, segundo admitiron os implicados/as. No fallo considérase que este non é un caso de acoso laboral, senón un “conflito no ámbito das relacións laborais que debeu ser previsto e tido en conta pola Administración para evitar a situación de deterioración á que se chegou”.  Esta situación consistía “en esencia, en dous bandos diferentes do persoal coas súas rifas, rancores e faltas de consideración e respecto”, explica a resolución xudicial. No 2014 xa se informara á Administración da existencia de “mal ambiente laboral” entre os funcionarios/as, a raíz do que se contratou unha empresa que en 2015 determinou a existencia dunha situación de “risco psicosocial grave” por un “conflito intergrupal” no centro de traballo en cuestión. O funcionario demandante chegou a ser destinado a outra sala xudicial en xaneiro de 2016, aínda que un xulgado do contencioso-administrativo determinou en xuño dese ano que o traballador debía ser reposto no seu centro orixinal.


Convocatoria para a selección de auxiliar administrativo para Servizos Sociais como funcionario/a interino por programa temporal e creación de bolsa de emprego de auxiliares administrativos




Con esta convocatoria o goberno demostra as súas prioridades, mentres leva un mes sen cubrir unha baixa da Escola Infantil Municipal, o que está provocando un grave problema de persoal no centro, e varios meses sen cubrir unha baixa de limpeza de rúas. Fica claran as prioridades do goberno municipal, que leva anos camiñando cara a desmantelar os servizos públicos municipais que non se prestan en oficinas e demostrando un nulo interese por ofrecer uns servizos públicos e de calidade.

14/06/18

O Comité de Empresa solicítalle ao Concello que tramite as modificacións, tal e como se comprometeu, no pleno deste mes de xuño

Onte mesmo o Comité de Empresa solicitoulle por rexistro ao Concello de Betanzos  que tramitase e solucionase con carácter de urxencia os acordos de  modificación do Convenio colectivo cos que leva case un ano a voltas. A solicitude indicaba o seguinte:


EXPOÑO:

PRIMEIRO. Que o Concello ten pendentes de tramitación os acordos adoptados na Comisión Paritaria do Convenio Colectivo do Persoal Laboral dos días 18 de xullo de 2017 ordinaria, 9 de abril ordinaria e 11 de maio de 2018 extraordinaria.

SEGUNDO. Que o concelleiro de Persoal me comunicou que habería que realizar unha nova reunión da Comisión Paritaria de cara a facer unha modificación dos aspectos retributivos proposta pola Intervención Municipal, e que esta reunión tería lugar na primeira semana do mes de xuño coa previsión de que a modificación do Convenio colectivo se puidese someter a aprobación plenaria no pleno ordinario do mes de xuño que está para se convocar proximamente. Esta Comisión aínda non tivo lugar a día de hoxe.

TERCEIRO. Que o Convenio colectivo do Persoal Laboral indica o seguinte con respecto ao réxime de funcionamento da Comisión Paritaria:

A Comisión Paritaria deberá resolver, no prazo máximo de 30 días hábiles, os asuntos sometidos nas reunións ordinarias e no prazo máximo de 15 días hábiles os asuntos sometidos nas reunións extraordinarias.
CUARTO. Que o incumprimento dos acordos da Comisión Paritaria durante once meses está supoñendo un prexuízo para o persoal afectado, tanto no relativo aos criterios de absorción do Complemento Persoal Transitorio, como no que atinxe ao cobro do Complemento de Funcións Extraordinarias e interpretación que se vén facendo.
QUINTO. Que este Comité de Empresa xa solicitou en diversas ocasións que se cumprisen os acordos e que a demora na efectividade destes supoñía un prexuízo para o persoal, e que o Concello, en cumprimento do que indica o Convenio colectivo, debería esgotar toda vía de negociación e solucionar os problemas derivados da interpretación do Convenio colectivo canto antes.

SEXTO. Que segundo indicou o concelleiro de Persoal, o único que ficaría pendente sería actualizar as retribucións do Convenio colectivo coas que se cobra na actualidade, e que entendemos que este trámite non ten motivos para se demorar máis. Tamén hai que lembrar que o Concello debe actualizar a contía das horas extraordinarias cando antes, posto que falta o 1 por cento de suba do ano 2016 e o 1 por cento de suba do ano 2017 e no momento que se fai esta actualización do salario, hai que lembrar que se debe facer en todas contías, incluídas todas as retribucións, salarios do persoal que cobra por horas e contía das horas extraordinarias.
Por iso, SOLICITO:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos tramite de inmediato os acordos adoptados nas distintas Comisións Paritarias e, se entende que é necesario, convoque o organismo correspondente de cara a solucionar o problema de actualización das retribucións do convenio segundo as que se cobran na actualidade, para finalizar con esta problemática.


SEGUNDO. Que realice esta tramitación de xeito que os acordos adoptados na Comisión Paritaria de modificación do Convenio colectivo se poidan someter á aprobación plenaria no mes de xuño, tal e como se comprometeu o concelleiro de Persoal cos representantes do Comité de Empresa e de cara a que as modificacións correspondentes entren en vigor canto antes.

Máis novas relacionadas con este tema:

Reunión extraordinaria da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo








12/06/18

A CIG solicita a adecuación do convenio ao acordo ás normas do anexo da Policía Local que lle afectan ao persoal auxiliar contratado para o verán

O pasado 6 de xuño a CIG, solicitou, a través da súa representante na Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio Colectivo que na vindeira reunión se adopte o acordo de que o persoal auxiliar da Policía Local que o Concello de Betanzos contrata para o verán se rexa polas normas contidas no anexo da Policía Local do Acordo regulador do Persoal funcionario de cara a facilitar o funcionamento do devandito servizo e que todo o persoal deste teña as mesmas normas relativas a servizos, horarios e quendas.

Esta solicitude fíxose tendo en conta que no Convenio non se recolle nada canto ao horario deste persoal, o que suporía que se rexerían polo horario xeral do Concello e que suporía un grave problema para este servizo.

Vídeos sobre a "Xestión do risco psicosocial"

INSSBT

O obxectivo desta colección de vídeos é sensibilizar sobre a xestión preventiva dos riscos psicosociais. Para iso descríbense experiencias prácticas de actuación, narradas en primeira persoa polos seus protagonistas, describindo exemplos de actuación cun carácter eminentemente participativo.

A colección consta de cinco pezas audiovisuais que mostran diversidade de sectores de produción ou servizos, tamaños de empresa e tipos de actividade preventiva. Ademais, inclúese unha conversación entre catro axentes do ámbito da PRL abordando algunhas das temáticas esenciais relativas a como xestionar este tipo de riscos:
  • Integración da prevención nunha micro empresa
Presenta a xestión preventiva do risco psicosocial nunha micro empresa de comercio téxtil. Representa un bo exemplo práctico de integración da prevención no día a día, de prevención real e non burocrática.
  • Avaliación de riscos nunha gran empresa
Presenta un exemplo de avaliación dos riscos psicosociais nunha compañía grande dedicada á xestión do ciclo integral do auga. A experiencia céntrase na descrición do procedemento metodolóxico utilizado, aplicándose un cuestionario e outras técnicas cualitativas; todo iso poñendo o acento en que o proceso resulte en todo momento transparente e participativo. 
  • Protocolo de acoso psicolóxico nunha Administración Pública
Explícase o funcionamento dun dos protocolos de acoso psicolóxico con máis anos de aplicación efectiva no noso país. Neste caso, está implantado nunha administración pública de ámbito autonómico.
  • Como pasar á acción nunha PEME (industria) 
Unha vez realizada a avaliación psicosocial nunha PEME dedicada ao deseño e fabricación de produtos eléctricos e electrónicos para o automóbil, a empresa expón o procedemento seguido para analizar e interpretar os resultados obtidos. Móstranse: como e quen participaron na definición e planificación das medidas preventivas, algúns exemplos de accións e os indicadores de seguimento empregados.
  • Reflexións dende a práctica
Deuse a voz a catro axentes con papel activo no escenario da PRL no noso país: empresa, inspección de traballo, servizo de prevención alleo e delegado de prevención. A conversación vira contorna a algunhas das dificultades/obstáculos habituais á hora de xestionar a prevención dos riscos psicosociais na práctica.


O Congreso reclama a inclusión dentro do cadro de enfermidades profesionais do estrés e o acoso laboral

Comisión de Emprego e Seguridade Social

Esta reclamación consta nunha proposición non de ley aprobada pola Comisión de Emprego e Seguridade Social da Cámara Baixa, ante o incremento da sinistralidade laboral. O texto aprobado tamén solicita a incorporación na Ley de Prevención de Riscos Laborais dunha perspectiva de xénero e a potenciación dos servizos de prevención propios fronte aos servizos de prevención alleos.

Así mesmo o texto aprobado esixe ao Goberno promover unha reforma da lexislación para "garantir o desempeño profesional dos técnicos, a independencia dos servizos de protección e o establecemento de controis públicos que garantan a calidade das súas prestacións".

Tamén se solicita a aproximación do número de inspectores á media da Unión Europea, co fin de que  “poidan razoablemente desenvolver as tarefas de control das condicións de seguridade laboral que a súa Lei de ordenación lles encomenda”.


O Congreso a través desta iniciativa tamén solicita repartir entre as comunidades autónomas, “á maior celeridade posible”, os fondos destinados á prevención, que piden incrementar, e así “poñer fin á reiterada intromisión competencial” que, segundo o texto, se está a producir por parte da Administración central.

A CIG suspende a folga xeral emprazando o novo goberno a responder as demandas da clase traballadora galega

Convoca unha xornada nacional de mobilizacións en todas as comarcas para o 19 de xuño “Pola recuperación dos dereitos XA”

A CIG acordou este luns, día 4 de xuño, tras reunir os seus organismos de dirección: Secretariado e Consello Confederal, suspender a folga e chamar para a data prevista, 19 de xuño, a unha xornada nacional de mobilización con manifestacións en todas as comarcas baixo o lema de “Pola recuperación dos dereitos XA”. A central sindical retomará a convocatoria nos próximos meses “se o novo goberno do PSOE -e a correlación de forzas que o fixo posíbel- non derroga e anula todas as reformas que rouban, saquean, explotan e empobrecen á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego”.

Así o anunciou esta mañá, en rolda de prensa, o secretario xeral, Paulo Carril, lembrando que a central sindical, cando convocou a folga xeral do 19 de xuño, concibiuna como a moción de censura -que outros non facían- da clase traballadora galega fronte á situación de emerxencia nacional, social, política e institucional, para conseguir a recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados so pretexto da crise e demandar a fin dun goberno do PP que, en minoría parlamentar e cheo de corrupción actuaba con total impunidade.
O secretario xeral considerou que a caída do goberno do PP a consecuencia da moción de censura “é un primeiro paso que confirma a axeitada análise realizada pola CIG no momento da convocatoria” aínda que matizou que “somos conscientes, porén, de que o PSOE é responsábel e causante de moitas das reformas que padecemos, que xunto ás que aplicou o PP estes anos, lévanos á realidade de que ter un traballo ou unha pensión non nos permite vivir en condicións dignas”.

Por iso afirmou que “coa mesma responsabilidade coa que convocamos a folga xeral, hoxe acordamos suspendela uns meses, á espera de que se produza ese cambio nas políticas e se atenda a nosa táboa reivindicativa” e advertiu que “non imos esperar de brazos cruzados, senón que imos esixir coa mobilización os nosos dereitos, mesmo retomando a convocatoria de folga”.

Neste sentido acreditou en que “a mobilización e a loita da clase traballadora é a que pode conseguir vías alternativas que nos permitan vivir e traballar dignamente na nosa terra” e avanzou que a CIG condiciona a suspensión da folga “a que haxa unha recuperación real dos dereitos nos próximos meses".

Salientou que desde a CIG se apostou duro e con valentía por cambiar esta situación, “con toda a nosa capacidade de acción, pasando á ofensiva coa disposición de impedir que nos rouben tamén o dereito a loitar polas nosas condicións de vida e por un futuro digno” e considerou que “coa nosa loita temos contribuído á caída do goberno do PP, mentres que o resto dos sindicatos mantiñan unha actitude de conformismo e pasividade ou mesmo de colaboración, nalgúns casos, diante desta grave situación”.
Xornada nacional de mobilizacións


Por todo isto chamou á xornada nacional de mobilizacións para o vindeiro día 19 de xuño en todas as comarcas para exixir “un cambio inmediato de políticas” entre as que salientou a derrogación das reformas laborais “que nos empobrecen”; conseguir avances reais para as mulleres; defender as pensións públicas; rematar cos abusos da patronal; frear as políticas de recorte contra a xente desempregada; acabar coa privatización de servizos públicos; impedir o retroceso nas liberdades e dereitos fundamentais e conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.

Hoxe, 12 de xuño, ás 18:30 h, asemblea da CIG en Betanzos

XA É HORA DE RECUPERAR OS NOSOS DEREITOS!
NA GALIZA, EMPREGOS, SALARIOS E PENSIÓNS DIGNAS

Cursos do INAP

O Instituto Nacional de Administracións Públicas publicou no BOE a convocatoria de cursos que vos deixamos aquí:





Convocatoria da segunda xuntanza da Comisión Paritaria de Igualdade do persoal

Tal e como quedaramos na reunión da Comisión Paritaria de Igualdade o Concello de Betanzos cumpre o compromiso en prazo, cousa que é bastante rara nesta Administración e convoca a seguinte reunión para este xoves 14 de xuño ás 11:00 h da mañá na Sala de Xuntas coa seguinte orde do día:


  1. Aprobación da acta da sesión anterior.

  1. Debate da proposta de Regulamento de funcionamento da Comisión.

  1. Debate de puntos a incluír no estudo diagnose e da necesidade de abrir un período de participación para o persoal do Concello.

  1. Debate da proposta de Protocolo contra o acoso sexual, laboral, por razón de sexo e identidade da comisión.

  1. Debate de accións a tomar ante o informe de impacto de xénero da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva, adscrita organicamente ao Consello Galego de Relacións Laborais, sobre o convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos.

  1. Rogos e preguntas

É unha boa nova que esta necesaria comisión comece a traballar con esta axilidade e agardamos que este xoves se aprobe o regulamento de funcionamento, así como o Protocolo contra o acoso sexual, laboral, por razón de sexo e identidade. Así mesmo, a CIG trasladará algunhas cuestións que considera que deben tratarse neste organismo de cara a solucionar algún posible conflito existente nesta liña nesta Administración.

A CIG rexistra unha queixa pola discriminación que supuxo a penosa xestión do Concello de Betanzos no conflito do pagamento das indeminizacións por asistencia a tribunais

Xa o propio Comité de Empresa lle transmitiu ao concelleiro de Persoal que a pésima xestión do Concello de Betanzos no conflito derivado da negativa ao pagamento das indeminizacións por asistencia a tribunais do persoal do Concello de Betanzos reperticutiu nunha perda notable, especialmente para o persoal laboral. Debido a isto, a CIG deixou constancia no rexistro da seguinte queixa:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos, logo de sete anos sen pagar as indemnizacións por asistencia a tribunais, que están reguladas pola lexislación vixente, pagou, xunto coa nómina do mes de maio de 2018 algunhas das pendentes de anos anteriores.

SEGUNDO. Que segundo nos indicaron, pagáronse un ano de atrasos ao persoal laboral e catro anos ao persoal funcionario, mais que nos casos en que había unha solicitude expresa este prazo interrompeuse e pagáronse aínda que fosen de máis dun ano e catro respectivamente.

TERCEIRO. Que a nefasta xestión do Concello nesta cuestión derivou en que moitos traballadores e traballadoras, especialmente laborais, perderon as indeminizacións por asistencia a tribunais durante anos e agora, no momento en que se aplica a lexislación vixente, como os prazos de atrasos son diferentes para laborais e funcionarios, isto repercutiu en que o persoal máis afectado por esta situación foi o persoal laboral.

CUARTO. Que, a maiores, temos coñecemento de que hai persoal que efectivamente fixo as solicitude por escrito e rexistro e, a pesar disto, o Concello non lle pagou as indeminizacións, parece ser que baixo a escusa de que só pagou os procesos selectivos que tiveron concurso-oposición, o que é unha clara discriminación tendo en conta que un tribunal dun proceso de selección ten que constituírse e reunirse o mesmo para un proceso con concurso-oposición, que de con concurso ou con oposición e independentemente do número de reunións que deba ter.

QUINTO. Que o Concello tampouco pagou o asesoramento nos tribunais do persoal que formou parte en calidade de asesor/a a pesar de que hai constancia de que efectivamente participaron asesorando nos devanditos tribunais e mesmo teñen, en moitos casos, decretos de nomeamento como asesores/as. Por outro e aínda que así non fose, se o Concello non fixo un decreto de nomeamento non é un problema do persoal, é un problema de tramitación do propio Concello que non ten porqué pagar o persoal afectado.

E solicitoulle ao Concello de Betanzos o seguinte:

PRIMEIRO. Que o Concello trate en igualdade de condicións ao persoal laboral e funcionario e evite este tipo de nefastas xestións que derivan en discriminacións e perda de cartos, en diferentes condicións, para os traballadores e traballadoras.

SEGUNDO. Que o Concello non discrimine no pagamento das indemnizacións por asistencia a tribunais tendo en conta o tipo de proceso selectivo, posto que debe pagar as devanditas indemnizacións sempre que haxa unha reunión do tribunal e lle pague as devanditas indemnizacións a todo o persoal que o solicitou expresamente, seguindo o criterio que levou a cabo co resto de casos.

TERCEIRO. Que o Concello lle pague as indeminizacións por asistencia a tribunais ao persoal que participou nestes en calidade de asesor/a.

A CIG solicita que o Concello cubra de inmediato as baixas dos distintos servizos municipais

O pasado 6 de xuño a CIG solicitou a través do rexistro que o Concello de Betanzos cubra de inmediato as baixas dos distintos servizos municipais e comunicoulle o seguinte:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos ten na actualidade vixentes unhas listaxes de substitución para distintos postos de traballo nesta Administración local.

SEGUNDO. Que na actualidade hai dous servizos que teñen baixas que poderían ser cubertas coas devanditas listaxes e o Concello teima en non contratar a ninguén para as substitucións. En concreto, é o caso dunha técnica de xardín de infancia da Escola Infantil Municipal e mais un traballador de limpeza de rúas que leva de baixa máus dun mes.

TERCEIRO. Que a non cobertura das baixas laborais está a provocar problemas nos servizos mencionados e deriva nun exceso de carga laboral para os traballadores do Concello, toda vez que o Concello non ten adxudicado ningún contrato por estes servizos e deben ser desempeñados exclusivamente por persoal municipal.

CUARTO. Que na páxina web actual non constan estas listaxes existentes e non se actualizan periodicamente con base aos chamamentos efectuados.

Por tanto, SOLICITOULLE:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos cubra de inmediato as baixas dos traballadores dos servizos mencionados e que o precisen para garantir que os servizos públicos se presten nas mellores condicións posibles.

SEGUNDO. Que o Concello de Betanzos publique na páxina web as listaxes de substitución vixentes, así como as actualizacións dos chamamentos que, no seu caso, se realicen en cada momento.



Lembra. Horario de verán

Convenio colectivo do persoal laboral

Artigo 22.4.

4. Durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, ambos incluídos, establecerase unha xornada reducida de traballo dunha hora diaria, con carácter xeral ao final da xornada fixada no apartado 2.º do presente artigo.
Cando polas características do servizo ou do posto de traballo, non sexa posible a redución no período indicado o tempo de redución, que se incrementará nun 50%, desfrutarase noutro período e do xeito indicado no parágrafo anterior. Do mesmo xeito, o persoal que preste os seus servizos a tempo parcial o tempo de redución será proporcional á xornada que veñan cumprindo.
Acordo regulador do persoal funcionario
4. Durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, ambos incluídos, establecerase unha xornada reducida de traballo dunha hora diaria, con carácter xeral ao final da xornada fixada no apartado 2.º do presente artigo.

Cando polas características do servizo ou do posto de traballo, non sexa posible a redución no período indicado o tempo de redución, que se incrementará nun 50%, desfrutarase noutro período e do xeito indicado no parágrafo anterior. Do mesmo xeito, o persoal que preste os seus servizos a tempo parcial o tempo de redución será proporcional á xornada que veñan cumprindo.
Así mesmo, lembrámoslle ao persoal que non pode desfrutar a redución da xornada por motivos de servizo que lle solicite ao seu superior que llo comunique por escrito, para logo solicitar a compensación correspondente no departamento de Persoal. No caso de que o seu superior se negue a comunicalo por escrito mais lle dea a orde de que non pode facer a redución, recomendamos que o/a traballador/a comunique por rexistro a situación, para que quede constancia desta e que non teña problemas para desfrutar a compensación correspondente pola imposibilidade de redución horario do verán da xornada laboral.

Abrindo camiños n.º 63. Xuño 2018


04/06/18

Novo voceiro

A pasada semana os representantes do Comité de Empresa tiveron unha reunión co concelleiro de Persoal sobre os seguintes temas:


1. Novo regulamento de axudas sociais

2. Aplicación efectiva dos acordos da última reunión ordinaria e extraordinaria da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo.

3. Prazos da implantación definitiva do sistema de control de presenza no traballo e discriminacións existentes na actualidade relacionadas cos horarios.

4. Atrasos no pagamento das horas extraordinarias do persoal laboral e problemas na tramitación.

6. Reclamacións previas de indefinición do persoal laboral.

7. Información sobre as previsións relacionadas co persoal dos distintos servizos.
Limpeza de colexios

Limpeza de rúas

Escola Infantil Municipal

Servizo de obras, xardinaría e electricistas

Conservatorio municipal e EMUF

8. Outros temas laborais

Indemnizacións por asistencia a tribunais

Procesos selectivos

Oferta de Emprego Público para laborais

Relación de Postos de Traballo

Ao longo desta e a vindeira semana os delegados da CIG repartirán un novo número do voceiro da CIG do Concello de Betanzos Abrindo Camiños con información detallada sobre estes temas.

O Comité de Empresa reitera a necesidade de negociar un novo regulamento de acción social e o incumprimento dos prazos do Convenio colectivo

Hoxe mesmo o Comité de Empresa rexistrou unha solicitude reiterando a necesidade de negociación dun novo Regulamento de Acción social e indicoulle ao Concello o seguinte:


EXPOÑO:

PRIMEIRO. Que o capítulo IX, artigo 34, do Convenio colectivo do persoal laboral, indica o seguinte no punto 2:

“2. A xestión e a asignación individualizada do importe desta partida realizarase de conformidade cun novo Regulamento de acción social que deberá ser aprobado polo Pleno no prazo dun ano dende a entrada en vigor deste convenio, previa negociación na Mesa Xeral de Negociación do persoal do Concello de Betanzos.”

SEGUNDO. Que o Convenio colectivo está en vigor desde o día seguinte ao da súa publicación no BOP, é dicir, o 7 de abril de 2017, e segundo o indicado no propio documento, o novo Regulamento de acción social xa debería estar aprobado e en vigor.

TERCEIRO. Que este Comité de Empresa xa lle trasladou ao concelleiro de Persoal en múltiples ocasións a necesidade de aprobación deste novo regulamento e do cumprimento dos acordos adoptados no convenio colectivo.

CUARTO. Que o artigo 10 do Convenio indica, así mesmo, o seguinte:

“As partes asinantes do Convenio ao nivel que sexa, comprométense á aplicación directa deste e a non promover cuestións que puideran supoñer modificacións das condicións pactadas no texto.”
QUINTO. Que no caso de nun prazo breve o Concello non convoque o organismo pertinente para a negociación destas novas bases denunciaremos un incumprimento do Convenio ante a Comisión Paritaria de Seguimento, órgano encargado de vixiar o incumprimento do pactado e vixiar, no seu caso, os incumprimentos e continuaremos coas medidas oportunas de cara a que cumpra o pactado no Convenio colectivo.

SOLICITO:

Que o Concello convoque canto antes ao Comité de Empresa para a negociación dun novo Regulamento de acción social e o cumprimento do pactado no Convenio colectivo do Persoal Laboral.