27/09/19

Si para o 2020 só che suben un 2% o teu salario, pídelle o outro 1% a CCOO



CCOO informa que para o ano 2020 as retribucións das persoas empregadas públicas van subir un 3% grazas ao acordo de mellora de emprego asinado por CCOO, UGT e CSIF en Madrid no 2018.

Non contan que o único comprometido nese acordo é unha suba do 2% e que para chegar ao 3% hai un condicionante que é que o PIB medre un 2,5%.

Como xa vos contamos nesta nova demarzo de 2018, cando asinaron o acordo de concertación xa sabían que era moi improbable que o incremento do PIB fose do 2,5%, porque as previsións do Banco de España en decembro de 2017 osituaban nun 2,1%.

As últimas previsións do Banco deEspaña en setembro do 2019 son que o PIB deste ano vai estar no 2%.

No acordo de Madrid que asinaron CCOO, UGT e CSIF, se desindexaban os salarios do IPC e se vinculaban ao crecemento económico segundo o que subíra o PIB do ano anterior.
Pois ben, cun incremento do PIB do 2% a cantidade variable a cobrar é CERO. Polo que en vez do anunciado 3% de CCOO o que nos subirán os salarios será so dun 2%. Un gran negocio para os asinantes do Acordo, pero un mal negocio para as persoas empregadas públicas.

O Tribunal Supremo confirma a obrigatoriedade dos exames de saúde, para condución con pasaxeiros e traballos de mantemento en altura



O Tribunal considera que, dada a índole do traballo, en ambos os casos é imprescindible verificar se o estado de saúde do traballador pode constituír un perigo para o mesmo, para os demais traballadores ou para outras persoas relacionadas coa empresa

Esta sentenza revisa, tras recurso das seccións sindicais, o pronunciamento previo do  TSX de Madrid, que afectou a tres grupos de traballadores do Parque Móbil do Estado: condutores, persoal de mantemento con traballos en altura e persoal de taller con posible exposición a ruído e/ou vibracións e produtos canceríxenos.

Sobre estes, a resolución do  TSX foi:

a) Condutores: obrigatorio.

…Parece difícil negar, tal como o fan os recursos, que a actividade da condución xere riscos específicos para o propio condutor e para terceiros, pois a experiencia cotiá desgraciadamente desménteo, como feito notorio, de todos coñecido, que non necesita de maiores explicacións.

…Entendemos que, dada a índole do traballo para realizar, resulta de aplicación a excepción á regra de voluntariedade do traballador prevista no art. 22.1 da  LRPL cando se refire aos supostos en que a realización dos recoñecementos sexa imprescindible para verificar se o estado de saúde do traballador pode constituír un perigo para o mesmo, para os demais traballadores ou para outras persoas relacionadas coa empresa. Mesmo, aínda que non o diga a lei, a interpretación máis razoable ha de levar a incluír o perigo para terceiros, persoas alleas á empresa, neste caso os demais transeúntes da vía pública.

O dereito á intimidade persoal cede neste caso ante o risco específico do posto de traballo (como se apreciou na sentenza do TS antes citada de 10-6-15) que se proxecta sobre o propio traballador, sobre as persoas a quen debe transportar e sobre os demais condutores e peóns.

b) Persoal de mantemento con traballos en altura: obrigatorio.

Este caso é similar ao anterior, pois o risco ao que se expón, evidentemente o de caídas, é tan notorio que non necesita maior detemento. A posta en risco específico do propio traballador e dos seus compañeiros de traballo xustifica, do mesmo xeito que no caso anterior, a excepción á regra xeral de voluntariedade.

c) Persoal de taller con posible exposición a ruído e/ou vibracións e produtos químicos canceríxenos: voluntario, ao carecerse de medicións.

…non é posible admitir unha obrigatoriedade de recoñecementos médicos sen que conste de ningún xeito cales son as circunstancias en que se desenvolve o traballo de taller. En efecto, descoñécese mesmo se concorren realmente os factores indicados (fálase de "posible" exposición) e de existir, en que medida e circunstancias produciríase a exposición ao ruído, vibracións, ou produtos químicos canceríxenos.

O recurso presentado polas seccións sindicais refírese unicamente ao primeiro grupo, os condutores.

Para acudir ao TS en recurso de  casación para unificación de doutrina, requírese unha sentenza de contraste, é dicir, que haxa resolvido en sentido contrario.Neste caso, presentouse a do  TSX da Comunidade Valenciana de xaneiro 2013, referente a condutores de autobuses metropolitanos, que determinou o carácter voluntario dos recoñecementos.

Ligazón á Sentenza do TribunalSupremo


O goberno anuncia un plan especial de limpeza cando só conta con tres traballadores de limpeza de rúas

O desmantelamento dos servizos públicos municipais que desde hai 8 anos levou a cabo o goberno municipal do PSOE foi de tal magnitude que na actualidade o servizo de limpeza de rúas só conta con tres traballadores municipais permanentes e carece mesmo de encargado. Isto non só pasou na limpeza das rúas, tamén na propia limpeza de edificios, que na actualidade só conta con catro traballadoras, das cales nin sequera todas se dedican ás funcións da limpeza, e que supuxo que o Concello licitase a contratación da limpeza dos colexios e os centros educativos municipais e que mesmo teime en cubrir, en moitos casos, baixas e vacacións do persoal municipal con persoal de empresas privadas.

No medio desta situación tan delicada do servizo de limpeza municipal o goberno do PSOE anuncia que vai realizar un plan especial especial de limpeza a través dos servizos municipais, que contarán nos próximos días cun só traballador de limpeza, xa que o goberno se nega a cubrir baixas e vacacións do persoal de limpeza de rúas coas listaxes de substitución existentes. Parece un insulto para o persoal do servizo de limpeza municipal pero en realidade agocha a intención de seguir privatizando os servizos municipais a través de empresas que non están contratadas polo Concello segundo os procedemento legalmente establecidos e que promoven empregos precarios que redundan en servizos deficientes e que demostran que o público sempre é servizo e o privado sempre é beneficio.

Varios dos traballadores do servizo de limpeza que se xubilaron nos pasados meses eran laborais fixos e os seus postos forman parte da Relación de Postos de Traballo, polo que o goberno municipal de María Barral podería incluílos na Oferta de Emprego Público de cara a ir paliando os efectos da sangría de baixas de persoal municipal de servizos dos pasados anos, mais mentres tanto dedícase a aprobar exclusivamente Ofertas de emprego público que lle afectan ao funcionariado, e especialmente á Policía local.


A CIG presentou unha denuncia na Inspección de Traballo polo incumprimento do Convenio colectivo en materia de negociación de produtividade

Logo de máis dun ano de reclamacións e de que o propio Concello lle renovase a produtividade outorgada discrecionalmente a unha funcionaria, a CIG vén de poñer en coñecemento da Inspección provincial que o Concello de Betanzos se nega a negociar a partida de produtividade dos orzamentos municipais para repartila con criterios obxectivos entre a totalidade do cadro de persoal.

O Concello de Betanzos teima en outorgar cartos nas nóminas a dedo mentres se nega a negociar cos representantes dos traballadores, aínda que non todos os sindicatos están preocupados polo tema porque nin a CSIF nin a UGT se pronunciaron sobre este tema ata o momento e dan a calada por resposta nunha cuestión que supón unha discriminación brutal entre os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos e que privilexia a uns sobre outros.

O goberno municipal de María Barral, ten paralizada, ademais, calquera tipo de negociación de mellora salarial, comprometida cos representantes do persoal laboral aló polo ano 2015, logo da sinatura do Convenio e cuxo espírito era que o novo Convenio colectivo fose un primeiro paso para a equiparación salarial co persoal funcionario, e que, hoxe catro anos depois, non só non seguiu adiante senón que tivo un claro retroceso na negociación da Relación de Postos de Traballo en curso. 

Veremos nos vindeiros meses se os delegados do CSIF do persoal laboral seguen defendendo a supremacía dos salarios do funcionariado, tal e como fixeron nestes últimos anos os seus colegas delegados de funcionarios, e se son quen de dar  a cara polas propostas que defenden que eles mesmos deben cobrar menos que un funcionario polo mesmo traballo, tal e como asumiu na negociación o goberno municipal do PSOE e apoiou incansablemente o sindicato dos funcionarios. Tamén poderemos ver nas negociacións se as relacións persoais fan calar as bocas ante as inxustizas, porque depende a quen se lle outorguen as produtividades non se loita contra as discriminacións, ou se realmente se defenden os intereses de todos os traballadores e traballadoras en igualdade de condicións.

20/09/19

Case tres meses despois do laudo arbitral, o Concello de Betanzos rectifica os resultados das eleccións sindicais do persoal laboral

A Mesa de persoal especialista e non cualificado reuniuse hoxe para lle dar cumprimento ao laudo da Inspección do pasado mes de xuño. O Concello convocou aos integrantes da Mesa case tres meses despois do requerimento que lle obrigaba a rectificar os resultados das eleccións sindicais e dar por válidos catro votos que foran considerados nulos.

Estes tres meses de parálise serviron para que o Comité de Empresa non se puidese constituír e se paralizase así o traballo do máximo órgano de representación dos traballadores laborais, para descanso do goberno e mesmo dos propios representantes do sindicato dos funcionarios que proseguiron coas continuas reunións de despacho co concelleiro de Persoal mais non moveron un dedo para que o Comité de Empresa se puidese constituír canto antes. Queda claro, pois, coa nova composición do Comité de Empresa, que os catro delegados sindicais do CSIF non teñen ningún interese neste organismo á vista de que mesmo antes da denuncia ante a Inspección non foron quen de constituír o organismo nin tendo a maioría, amosando unha falta de interese absoluta sobre esta cuestión.

Unha vez contabilizados de novo os votos, o Comité de Empresa contará con 4 delegados/as da CIG, 4 delegados/as do CSIF e 1 da UGT, resultando a CIG o sindicato máis votado entre o persoal laboral mais sen a maioría necesaria para poder representalo. Os delegados da CIG nestes catro anos serán os seguintes:

Rosa García (auxiliar de axuda no fogar)
Jorge Amarante (xardineiro)
Marcos Dopico (conserxe)
Silvia Muíño (técnica)

Os/as delegados/as da CIG tiveron xa varias reunións para botar a andar o traballo sindical, logo de analizar a situación actual, que é de parálise absoluta de calquera tipo de negociación e mesmo de retroceso nalgúns dos conflitos laborais que arrastramos desde hai varios anos. Esta análise serviu para reflexionar que tristemente no pasado só se teñen dado pasos adiante con presión, duro traballo sindical e acudindo á Inspección de Traballo e o Xulgado cando for preciso, e que temos dialogado moito cun goberno que desoe as reclamación dos traballadores e teima en perpetuar unha situación laboral de caos que claramente o beneficia en detrimento do propio persoal. A CIG continuará estes catro anos coa liña de traballo dos anteriores, defendendo a igualdade entre os traballadores e loitando contra as discriminacións.

Formación en materia de igualdade e violencia de xénero

No DOG Núm. 179 Venres, 20 de setembro de 2019 publícase a RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2019 pola que se convocan actividades de formación continua en materia de igualdade e violencia de xénero para o persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da comunidade autónoma, así como do persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas.
Poderán participar nas accións formativas o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional e da Administración de xustiza de Galicia, das entidades locais e da administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo), que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/ha familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.
O prazo de presentación de solicitudes será de oito días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización.  O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a tres.

A implantación do sistema de control de presenza no traballo afondou nas discriminacións entre o persoal municipal, ao non aplicárselle á totalidade dos traballadores

A comezos de 2018, logo dun acordo plenario, o goberno municipal implantou "de xeito provisional" un sistema de control de presenza no traballo que non foi negociado cos representantes dos traballadores. Así mesmo, o propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, nunha reunión na que convocou á totalidade do persoal informou a data desde a que se realizaría a implantación provisional " de probas".

Desde ese momento, e ata hoxe, case un ano e medio despois, e coa aprobación mesmo dun Decreto lei por parte do PSOE a nivel estatal que obriga á fichaxe para o control da xornada laboral, o goberno do PSOE de Betanzos permite graves discriminacións entre o persoal municipal no sistema de control da xornada baseado en tres eixes fundamentais:

1. A non aplicación do sistema de control á totalidade do persoal municipal e o coñecemento de que isto acontece tanto por parte do concelleiro de Persoal Diego Fernández, como da propia alcaldesa, María Barral, coa que os propios representantes da CIG falaron antes das eleccións locais desta cuestión e que afirmou que isto se solucionaría se ela continuaba de alcaldesa, mais que segue sen solucionar na actualidade. Esta permisividade supón un agravio discriminatorio gravísimo entre os traballadores que fichan, e, por tanto, o Concello ten un control da xornada, e os que non. 

2. A non exixencia das mesmas horas de xornada a todo persoal municipal, tendo en conta que hai servizos que efectivamente se cinxen ao recollido no Convenio colectivo e o Acordo regulador e outros que non. A grave discriminación que supón que non traballe as mesmas horas a totalidade do persoal municipal leva sido causa de moitas queixas ao goberno municipal ao longo destes anos, que fai caso omiso e permite privilexios a determinados colectivos. Consideramos que esta cuestión se debería solucionar de inmediato e todo o persoal debería realizar a mesma xornada laboral e, que a xornada ordinaria de traballo debería ser de 35 horas.

3. A aplicación aleatoria do sistema de control presencial ou a distancia, que supón que o goberno municipal decidise unilateralmente que postos de traballo teñen o control presencial ou a distancia e que supuxese que haxa persoal con lugares de traballo fixos que se lles permita a fichaxe non presencial, ao igual que o persoal con lugares de traballo itinerantes, unha outra discriminación executada e amparada polo goberno socialista.

Debido á gravidade da situación e á pasividade do goberno municipal, a CIG presentou unha solicitude na que lle solicita ao goberno municipal que solucione esta situación, non só polas discriminacións existentes, senón porque a parálise imposibilita que se poida levar a cabo a flexibilización da xornada que se recolle tanto no Convenio colectivo como no Acordo regulador. Tamén solicitou que negocie dunha vez por todas os horarios específicos que se debían negociar nos tres seguintes meses da aprobación do Convenio e do Acordo, e que, levan, por tanto, tres anos de atraso e que lle facilite o acceso aos rexistros de xornada diaria aos representantes dos traballadores, tal e como recolle o Real decreto lei 8/2019 de medidas urxentes para a protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo.

Desde a CIG agardamos que o goberno de María Barral solucione esta situación de inmediato, e de non ser así non dubidaremos en acudir á Inspección de Traballo para informala das discriminacións existentes no relativo a este tema. Son moitos os compañeiros que nos teñen manifestado a inxustiza da situación e a frustración que provoca a discriminación entre uns traballadores e outros do que é claramente coñecedor o goberno socialista e que leva amparando xa demasiados anos.

A maiores, consideramos moi grave que o goberno municipal que tanto se afana cos plans e medidas de igualdade para a cidadanía se negue a levar a cabo a posibilidade da flexibilidade horaria que vén recollida tanto no Convenio colectivo como no Acordo regulador e que facilitaría a conciliación laboral e familiar dos traballadores e traballadoras. Hai máis de tres anos que esas medidas están en vigor e o goberno municipal se nega a implantalas con escusas de mal pagador, para seguir beneficiando sempre aos mesmos.

Tampouco é menor a problemática relacionada coas horas extraordinarias, cuxo pagamento é continuamente atrasado e paralizado coas debidas consecuencias para o persoal que as realiza, debido aos reparos da Intervención municipal, que incide na falta de regulación e control da xornada dos traballadores como un problema para a acreditación dos traballos extraordinarios. É dicir, que aínda por riba o goberno négase a solucionar un problema que está provocando atrasos de ata seis meses no cobro das horas extraordinarias co conseguinte malestar do persoal afectado.

18/09/19

A ansiedade causada pola mala relación cun compañeiro é accidente de traballo



Unha sentenza do Xulgado do Social número 2 de Palencia ditamina que o estado de ansiedade sufrido por unha traballadora e que ten a súa orixe na mala relación cun compañeiro, é accidente de traballo e non enfermidade común. A orixe do proceso de incapacidade laboral da traballadora ten só unha causa, segundo a resolución. Non é outra que a conflitividade existente cun compañeiro de traballo.

No xuízo achegouse un parte de urxencias no que se facía constar que "a paciente estaba  intranquila dende facía dez días por problemas laborais" e que un día en concreto, "non puido aguantar máis e saíuse". Segundo o tribunal, "a empresa era coñecedora da conflitividade laboral". Por iso, tomou a decisión de trasladar á afectada de posto de traballo. Cando finalizou a situación temporal de traslado e a operaria tiña que volver ao seu posto da  freidora, tal reincorporación non se produciu ao sufrir a demandante unha crise de ansiedade que derivou na incapacidade temporal.

O xulgado, nos fundamentos de dereito da sentenza, dá por probado que a muller con carácter previo ao que lle pasou no seu posto, "non presentaba patoloxía algunha de índole psiquiátrico ou psicolóxico". Considera acreditado "que a aparición da patoloxía da operaria ten por causa exclusiva a execución do traballo". Estima pois a demanda formulada pola muller contra a Seguridade Social, a Mutua Montañesa e a empresa na que traballa.

Oferta de emprego público do Concello de Betanzos 2018

Oferta de emprego público do Concello de Betanzos 2018

17/09/19

O Constitucional impulsa a igualdade cun fallo inédito sobre a discriminación indirecta contra as mulleres



O Tribunal Constitucional deu un paso contra a desigualdade no seu recente fallo sobre as pensións de traballadores a tempo parcial inédito ata o de agora: incorporar expresamente a discriminación indirecta de xénero como elemento para anular unha norma por non respectar a Carta Magna. O Tribunal tomou a iniciativa e expuxo unha cuestión interna de inconstitucionalidade con esta perspectiva de xénero a propósito dun recurso de amparo dun profesor de universidade que consideraba que o cálculo das pensións a tempo parcial era discriminatorio, pero respecto a os empregados con contratos a tempo completo.

A Sala Segunda do Constitucional elevou esta consulta interna ao Pleno do Tribunal para que analizase non só se había discriminación entre os traballadores a tempo completo e os que teñen xornadas parciais neste cálculo das pensións de xubilación, senón tamén se a vulneración do dereito fundamental á igualdade ante a lei recollida no artigo 14 da Constitución debíase a unha discriminación indirecta por razón de sexo.

A sentenza explica a discriminación indirecta por razón de sexo e lembra que "non se esixe achegar como termo de comparación a existencia dun trato máis beneficioso atribuído única e exclusivamente aos homes, senón que exista, en primeiro lugar, unha norma ou unha interpretación ou aplicación da mesma que produza efectos desfavorables para un grupo formado maioritariamente, aínda que non necesariamente de forma exclusiva, por mulleres".

O Tribunal explica que as estatísticas evidencian que o traballo a tempo parcial afecta moi maioritariamente ás mulleres (76%), o que lle obriga a "examinar con maior cautela" o impacto da regra de cálculo para descartar a existencia desa discriminación indirecta por razón de sexo.

Ligazón á Sentenza



En vigor a Lei de Administración dixital de Galiza


Esta lei ten por obxecto regular o modelo de administración dixital no sector público autonómico, procedendo a desenvolver a normativa básica estatal en materia de administración electrónica, a implementar e a fomentar a adopción das medidas precisas para incorporar o potencial das tecnoloxías dixitais no deseño das políticas públicas, na modernización do sector público autonómico e no impulso da economía galega, coa finalidade última da prestación de servizos públicos dixitais de calidade.

Sistematiza nun único corpo toda a regulación relativa ás relacións dixitais ad extra e ad intra no sector público autonómico de Galicia, os dereitos das persoas nas súas relacións dixitais e promove un réxime xurídico novo na administración dixital do sector público autonómico de Galicia segundo as prescricións establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A CIG presentou no seu momento distintas alegacións a lei, sendo aceptadas todas e incluídas no texto final. Así a lei foi "aprobada na mesa de persoal da Xunta co voto unánime de todas as organizacións sindicais”. Non correu a mesma sorte no parlamento, pois foi aprobada só cos votos do partido popular sen aceptar as enmendas doutros grupos parlamentarios.

Galego como lingua de contacto inicial

Marca como principio xeral de actuación o garantir o uso normal da lingua galega en todas as plataformas, os procedementos e os servizos da administración dixital, así como potenciar o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en galego e en estándares abertos.

Así nas relacións da cidadanía co sector público autonómico por canles dixitais, os contidos e os servizos garantirán o uso normal do galego e do castelán. Os contidos e os servizos dixitais establecerán o galego como lingua de contacto inicial.

Entre os principios xerais da presenza do sector público autonómico na internet indica o impulso a difusión da riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia a través da internet e fomentar o coñecemento e o uso da lingua galega.

Igualdade dixital

Para o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais teranse en conta as características especiais do medio rural, tanto na súa dispersión coma na dispoñibilidade de medios de acceso aos servizos públicos dixitais. Poñeránse á disposición nos edificios administrativos os medios de acceso para a utilización dos servizos públicos dixitais.

Para garantir a igualdade dixital impulsará medidas para eliminar todas as dificultades de relación dixital por razón de xénero. Así mesmo, prestarán especial atención aos factores que poidan agravar as dificultades de relación dixital, en particular a idade, a localización no medio rural ou a situación de precariedade económica ou de exclusión social.

Así na asistencia á cidadanía no relativo aos medios tecnolóxicos coa finalidade de garantir o acceso igualitario aos servizos dixitais durante o proceso progresivo da incorporación do uso dos medios dixitais na sociedade, as oficinas de atención á cidadanía e de rexistro poderán desenvolver actuacións específicas tendentes a favorecer a progresiva incorporación, familiarización ou desenvolvemento do uso dos medios dixitais por parte dos colectivos que especialmente o requiran.

Oficinas de atención á cidadanía e de rexistro

Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro en espazos de asesoramento e apoio, nos que prestarase asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos e solicitudes como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.

Esta Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro realiza as funcións de servizo público para a prestación de información, asistencia ou atención coordinada de acceso aos servizos públicos e nas relacións dixitais da cidadanía e das empresas coas administracións públicas, así como a recepción e a remisión de solicitudes, escritos e comunicacións. Polo tanto, estas oficinas desenvolven, entre outras, as funcións encomendadas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ás oficinas de asistencia en materia de rexistro.

Na súa configuración será necesario ter en conta a especial dispersión no medio rural, que abrangue máis do oitenta por cento do territorio de Galicia, así como a necesaria dotación suficiente de medios humanos e materiais para a atención da rede.

Funcións das Oficinas de atención á cidadanía e de rexistro

A Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro constitúena as oficinas que desenvolven as funcións de asistencia en materia de rexistros e no uso dos medios electrónicos, a información á cidadanía e as demais previstas. Entre as funcións das destas oficinas están:
  • A de asistencia no uso dos medios electrónicos ás persoas interesadas que non estean obrigadas ao emprego dos ditos medios que así o soliciten, especialmente no referente á identificación e a sinatura electrónica, presentación de solicitudes a través do Rexistro Electrónico Xeral e á obtención de copias auténticas
  • Facilitarlles aos cidadáns e ás cidadás información xeral
  • Informar sobre o exercicio do dereito de acceso á información pública
  • Informar sobre o procedemento para a presentación de suxestións e queixas
  • Informar sobre o estado de tramitación dos procedementos a aquelas persoas que así o soliciten, que teñan a condición de persoas interesadas e acudan persoalmente, ou mediante unha persoa representante, a unha oficina da rede, sempre e cando a antedita información conste na Carpeta cidadá ou sexa accesible a través da sede electrónica.
  • A provisión dos medios de identificación dixital
  • A realización de copias auténticas
  • Formalizar os apoderamentos apud acta
  • A práctica de comunicacións ou notificacións
A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia dotarán as oficinas de atención á cidadanía e de rexistro cos medios humanos e materiais necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

Persoal Funcionario Público Habilitado

A Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poida realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Crearase o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado dependente da consellaría con competencia en materia de función pública. Publicarase o catálogo das funcións e dos servizos que prestarán de cara á cidadanía, especialmente con respecto á habilitación e á tramitación da administración dixital no tocante a aquelas persoas que non están obrigadas a relacionarse de xeito electrónico coa administración.

Sistemas de sinatura do persoal empregado público

Esta lei tamén regula a sinatura e acreditación do persoal empregado público, incluíndo como novidade o uso dos certificados electrónicos con pseudónimo para certos colectivos o cal era demanda desta organización sindical que celebramos.

Establece que regulamentariamente poderá habilitarse para determinados colectivos de persoal empregado público do sector público autonómico o uso de certificados electrónicos con pseudónimo, que deberá referirse, en todo caso, ao número de identificación profesional da empregada ou do empregado público, que permitirá a súa identificación nos casos en que for necesario. 

Solicitamos a súa implantación urxente de cara a protección da identidade persoal de funcionarios que teñen funcións inspectoras, directivas ou de control sancionador.

Posto de traballo dixital e medios dixitais para o desempeño da actividade administrativa
Os espazos de traballo débense transformar para adaptarse a un escenario onde os traballadores e as traballadoras demandan conectividade e acceso a recursos personalizados e contextualizados desde calquera lugar, en calquera momento e desde calquera dispositivo.

Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns.

Impulsase a introdución na xestión pública de novas ferramentas, servizos e procesos de prestación da actividade para o seu persoal empregado público co obxectivo de prestar os seus servizos á cidadanía de forma cada vez máis eficiente, eficaz e con maior celeridade e seguridade.

Asegurarase a formación dixital do persoal e a concienciación necesarias para garantir o coñecemento e a aplicación da seguridade da información e mais a protección de datos, así como que cubra as necesidades para o desenvolvemento da súa actividade.

As medidas previstas permitarán definir o marco para o establecemento dos obxectivos, da xornada de traballo flexible e do seguimento do desempeño.

Defínense os medios dixitais corporativos como as ferramentas dixitais e outras solucións tecnolóxicas necesarias para a realización da actividade administrativa por parte do persoal empregado público. Así o persoal empregado público, no exercicio da súa actividade, deberá empregar os medios dixitais corporativos, seguir as recomendacións e as obrigas en materia de seguridade e velar pola seguridade dos datos.

Marco galego de competencias dixitais

É neste novo marco de actuación onde o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) representa un motor de transformación, unido ao cambio na cultura das organizacións públicas. Para iso é imprescindible non só promover a incorporación destas tecnoloxías senón tamén de novos estilos na xestión, e, en especial, promover novas competencias dos e das profesionais ao servizo das organizacións públicas.

Existe ademais a necesidade de que o persoal empregado público teña a suficiente competencia dixital para facilitar a relación electrónica coa cidadanía e para contribuír a unha administración máis sustentable e eficiente.

Deste xeito, a LEDIXGA senta os alicerces para definir un Marco galego de competencias dixitais, para a cidadanía no seu conxunto, e para os empregados públicos en particular. Este Marco galego de competencias dixitais estará aliñado co marco europeo European Digital Competence Framework (DigComp). Na súa definición teranse en conta as condicións específicas para o seu desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia.
Nesta liña, desde a perspectiva das administracións públicas, a formación profesional continua e a reciclaxe profesional de todo o persoal empregado público constitúen, ademais, unha necesidade imprescindible para conseguir os seus obxectivos permanentes de eficacia e de modernización.

Pero, hoxe en día, a súa necesidade é máis imperiosa dada a rápida evolución dos coñecementos e das tecnoloxías da información e a comunicación e, con iso, dos requirimentos da administración ao seu persoal empregado. A formación constitúe un factor relevante para incrementar a produtividade de cada persoa empregada pública e da organización no seu conxunto, polo que este é un obxectivo esencial para acadar os niveis de competitividade aos que debe aspirar a nosa administración, no marco da Unión Europea e na dinámica da globalización.

O Marco galego de competencias dixitais define por primeira vez un proxecto transversal para a cidadanía galega que permitirá acreditar uns coñecementos, unhas capacidades e unhas aptitudes mínimas para contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade competente e á mellora das competencias profesionais. A este respecto, cómpre salientar que o Marco galego de competencias dixitais será aplicable na definición das competencias dixitais mínimas do persoal empregado público. Estase a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, que se prevé que estea regulado no 2020.

Competencias dixitais mínimas do persoal empregado público

Dentro deste Marco galego de competencias dixitais incluirase a identificación das competencias dixitais mínimas do persoal empregado público que posibiliten o correcto desenvolvemento do seu posto de traballo nos supostos e cos requisitos que se determinen regulamentariamente.

Destaca, así mesmo, a definición da capacitación dixital do persoal empregado público como mecanismo para asegurar unhas competencias dixitais mínimas do persoal empregado público para o exercicio das súas funcións, así como os mecanismos de acreditación dos coñecementos, das capacidades e das aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico habilitarán os medios e garantirán o acceso á formación continuada do persoal empregado público para o desenvolvemento das súas competencias dixitais e o aproveitamento eficiente dos medios dixitais na prestación dos servizos públicos.

En consonancia cos medios e a formación facilitados pola administración, o persoal empregado público procurará a súa capacitación dixital para o exercicio das súas funcións nunha contorna dixital de prestación de servizos públicos.

Plan de capacitación dixital do empregado público

A lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais. Este plan estará baseado no Marco galego de competencias dixitais, que deberá definir as competencias dixitais mínimas do persoal empregado público dirixido á totalidade do persoal empregado público da Administración xeral e das entidades.

Así, nos plans anuais de formación da EGAP incluiranse as actividades específicas de formación relativas á implantación continuada da administración electrónica e de procesos innovadores, á seguridade da información e a protección de datos, así como á posta en marcha de novos servizos dixitais.

Estas actividades de formación poderán ter a consideración de obrigatorias cando sexan necesarias para o desempeño profesional do persoal empregado público, nos supostos e cos requisitos que se determinen regulamentariamente. Neste caso, o tempo de formación será considerado como tempo efectivo de traballo.

Capacitación dixital nos procesos de selección de persoal e provisión de postos

Nos procesos selectivos para o ingreso na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia incorporarán no seu programa, de ser necesario, os contidos relativos á administración dixital e ás tecnoloxías da información e a comunicación que sexan adecuados aos corpos, ás escalas ou ás categorías a que se refiran os ditos procesos selectivos. 

Así mesmo nos procesos de provisión que se convoquen (concursos de traslados) poderán valorarse os mesmos contidos, de acordo co que prevexa a correspondente convocatoria. 

Vixencia e a homologación da formación previa

No deseño e o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais estableceranse os criterios de vixencia e homologación da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro (CODIX).  
No caso do persoal empregado público estableceranse igualmente os criterios de convalidación dos cursos ou das actividades formativas que se teñan realizado e que teñan relación directa coa implementación das tecnoloxías dixitais da información e a comunicación aplicadas á administración e con contidos vixentes e aplicables.  

Oferta de emprego público do Concello de Betanzos 2019