Esta lei ten por obxecto regular o
modelo de administración dixital no sector público autonómico,
procedendo a desenvolver a normativa básica estatal en materia de
administración electrónica, a implementar e a fomentar a adopción
das medidas precisas para incorporar o potencial das tecnoloxías
dixitais no deseño das políticas públicas, na modernización do
sector público autonómico e no impulso da economía galega, coa
finalidade última da prestación de servizos públicos dixitais de
calidade.
Sistematiza nun único corpo toda a
regulación relativa ás relacións dixitais ad extra e ad intra
no sector público autonómico de Galicia, os dereitos das
persoas nas súas relacións dixitais e promove un réxime xurídico
novo na administración dixital do sector público autonómico de
Galicia segundo as prescricións establecidas na Lei 39/2015, do
1 de outubro, do procedemento administrativo común das
administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro,
de réxime xurídico do sector público.
A CIG presentou no seu momento
distintas alegacións a lei, sendo aceptadas todas e incluídas no
texto final. Así a lei foi "aprobada na mesa de persoal da
Xunta co voto unánime de todas as organizacións sindicais”. Non
correu a mesma sorte no parlamento, pois foi aprobada só cos votos
do partido popular sen aceptar as enmendas doutros grupos
parlamentarios.
Galego como lingua de contacto inicial
Marca como principio xeral de actuación
o garantir o uso normal da lingua galega en todas as
plataformas, os procedementos e os servizos da administración
dixital, así como potenciar o desenvolvemento de ferramentas
tecnolóxicas en galego e en estándares abertos.
Así nas relacións da cidadanía co
sector público autonómico por canles dixitais, os contidos e os
servizos garantirán o uso normal do galego e do castelán. Os
contidos e os servizos dixitais establecerán o galego como lingua de
contacto inicial.
Entre os principios xerais da presenza
do sector público autonómico na internet indica o impulso a
difusión da riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de
Galicia a través da internet e fomentar o coñecemento e o uso da
lingua galega.
Igualdade dixital
Para o desenvolvemento dos servizos
públicos dixitais teranse en conta as características especiais do
medio rural, tanto na súa dispersión coma na dispoñibilidade de
medios de acceso aos servizos públicos dixitais. Poñeránse á
disposición nos edificios administrativos os medios de acceso para a
utilización dos servizos públicos dixitais.
Para garantir a igualdade dixital
impulsará medidas para eliminar todas as dificultades de relación
dixital por razón de xénero. Así mesmo, prestarán especial
atención aos factores que poidan agravar as dificultades de relación
dixital, en particular a idade, a localización no medio rural ou a
situación de precariedade económica ou de exclusión social.
Así na asistencia á cidadanía no
relativo aos medios tecnolóxicos coa finalidade de garantir o acceso
igualitario aos servizos dixitais durante o proceso progresivo da
incorporación do uso dos medios dixitais na sociedade, as oficinas
de atención á cidadanía e de rexistro poderán desenvolver
actuacións específicas tendentes a favorecer a progresiva
incorporación, familiarización ou desenvolvemento do uso dos medios
dixitais por parte dos colectivos que especialmente o requiran.
Oficinas de atención á cidadanía e
de rexistro
Entre as principais novidades da Lei
está a transformación das actuais oficinas de Rexistro en espazos
de asesoramento e apoio, nos que prestarase asistencia aos cidadáns
na xestións online coa Administración, tanto na presentación de
escritos e solicitudes como na tramitación da identificación
dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.
Esta Rede de oficinas de atención
á cidadanía e de rexistro realiza as funcións de servizo
público para a prestación de información, asistencia ou atención
coordinada de acceso aos servizos públicos e nas relacións dixitais
da cidadanía e das empresas coas administracións públicas, así
como a recepción e a remisión de solicitudes, escritos e
comunicacións. Polo tanto, estas oficinas desenvolven, entre outras,
as funcións encomendadas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ás
oficinas de asistencia en materia de rexistro.
Na súa configuración será necesario
ter en conta a especial dispersión no medio rural, que abrangue máis
do oitenta por cento do territorio de Galicia, así como a
necesaria dotación suficiente de medios humanos e
materiais para a atención da rede.
Funcións das Oficinas de atención á
cidadanía e de rexistro
A Rede de oficinas de atención á
cidadanía e de rexistro constitúena as oficinas que desenvolven as
funcións de asistencia en materia de rexistros e no uso dos medios
electrónicos, a información á cidadanía e as demais previstas.
Entre as funcións das destas oficinas están:
- A de asistencia no uso dos medios electrónicos ás persoas interesadas que non estean obrigadas ao emprego dos ditos medios que así o soliciten, especialmente no referente á identificación e a sinatura electrónica, presentación de solicitudes a través do Rexistro Electrónico Xeral e á obtención de copias auténticas
- Facilitarlles aos cidadáns e ás cidadás información xeral
- Informar sobre o exercicio do dereito de acceso á información pública
- Informar sobre o procedemento para a presentación de suxestións e queixas
- Informar sobre o estado de tramitación dos procedementos a aquelas persoas que así o soliciten, que teñan a condición de persoas interesadas e acudan persoalmente, ou mediante unha persoa representante, a unha oficina da rede, sempre e cando a antedita información conste na Carpeta cidadá ou sexa accesible a través da sede electrónica.
- A provisión dos medios de identificación dixital
- A realización de copias auténticas
- Formalizar os apoderamentos apud acta
- A práctica de comunicacións ou notificacións
A Administración xeral e as entidades
públicas instrumentais do sector público autonómico de
Galicia dotarán as oficinas de atención á cidadanía e
de rexistro cos medios humanos e materiais necesarios para
o desenvolvemento das súas funcións.
Persoal Funcionario Público Habilitado
A Lei tamén establece a posta en
marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que
unha persoa autorizada ou un funcionario poida realizar trámites
telemáticos en nome doutra persoa. Crearase o Rexistro do Persoal
Funcionario Público Habilitado dependente da consellaría con
competencia en materia de función pública. Publicarase o catálogo
das funcións e dos servizos que prestarán de cara á cidadanía,
especialmente con respecto á habilitación e á tramitación da
administración dixital no tocante a aquelas persoas que non están
obrigadas a relacionarse de xeito electrónico coa administración.
Sistemas de sinatura do persoal
empregado público
Esta lei tamén regula a sinatura e
acreditación do persoal empregado público, incluíndo como novidade
o uso dos certificados electrónicos con pseudónimo para certos
colectivos o cal era demanda desta organización sindical que
celebramos.
Establece que regulamentariamente
poderá habilitarse para determinados colectivos de persoal empregado
público do sector público autonómico o uso de certificados
electrónicos con pseudónimo, que deberá referirse, en todo caso,
ao número de identificación profesional da empregada ou do
empregado público, que permitirá a súa identificación nos casos
en que for necesario.
Solicitamos a súa implantación
urxente de cara a protección da identidade persoal de
funcionarios que teñen funcións inspectoras, directivas ou de
control sancionador.
Posto de traballo dixital e medios
dixitais para o desempeño da actividade administrativa
Os espazos de traballo débense
transformar para adaptarse a un escenario onde os traballadores e as
traballadoras demandan conectividade e acceso a recursos
personalizados e contextualizados desde calquera lugar, en calquera
momento e desde calquera dispositivo.
Senta as bases para o desenvolvemento
do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación
de medios para a realización do desempeño no novo contexto
dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá
permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en
calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos
adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar
contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de
usuarios con actividades comúns.
Impulsase a introdución na xestión
pública de novas ferramentas, servizos e procesos de prestación da
actividade para o seu persoal empregado público co obxectivo de
prestar os seus servizos á cidadanía de forma cada vez máis
eficiente, eficaz e con maior celeridade e seguridade.
Asegurarase a formación dixital
do persoal e a concienciación necesarias para garantir o coñecemento
e a aplicación da seguridade da información e mais a protección de
datos, así como que cubra as necesidades para o desenvolvemento da
súa actividade.
As medidas previstas permitarán definir
o marco para o establecemento dos obxectivos, da xornada de traballo
flexible e do seguimento do desempeño.
Defínense os medios dixitais
corporativos como as ferramentas dixitais e outras solucións
tecnolóxicas necesarias para a realización da actividade
administrativa por parte do persoal empregado público. Así o
persoal empregado público, no exercicio da súa actividade, deberá
empregar os medios dixitais corporativos, seguir as recomendacións e
as obrigas en materia de seguridade e velar pola seguridade dos
datos.
Marco galego de competencias dixitais
É neste novo marco de actuación onde
o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC)
representa un motor de transformación, unido ao cambio na cultura
das organizacións públicas. Para iso é imprescindible non só
promover a incorporación destas tecnoloxías senón tamén de novos
estilos na xestión, e, en especial, promover novas competencias dos
e das profesionais ao servizo das organizacións públicas.
Existe ademais a necesidade de que o
persoal empregado público teña a suficiente competencia dixital
para facilitar a relación electrónica coa cidadanía e para
contribuír a unha administración máis sustentable e eficiente.
Deste xeito, a LEDIXGA senta os
alicerces para definir un Marco galego de competencias dixitais, para
a cidadanía no seu conxunto, e para os empregados públicos en
particular. Este Marco galego de competencias dixitais estará
aliñado co marco europeo European Digital Competence Framework
(DigComp). Na súa definición teranse en conta as condicións
específicas para o seu desenvolvemento na Comunidade Autónoma de
Galicia.
Nesta liña, desde a perspectiva das
administracións públicas, a formación profesional continua e
a reciclaxe profesional de todo o persoal empregado
público constitúen, ademais, unha necesidade imprescindible
para conseguir os seus obxectivos permanentes de eficacia e de
modernización.
Pero, hoxe en día, a súa necesidade é
máis imperiosa dada a rápida evolución dos coñecementos e das
tecnoloxías da información e a comunicación e, con iso, dos
requirimentos da administración ao seu persoal empregado. A
formación constitúe un factor relevante para incrementar a
produtividade de cada persoa empregada pública e da organización no
seu conxunto, polo que este é un obxectivo esencial para acadar os
niveis de competitividade aos que debe aspirar a nosa administración,
no marco da Unión Europea e na dinámica da globalización.
O Marco galego de competencias dixitais
define por primeira vez un proxecto transversal para a cidadanía
galega que permitirá acreditar uns coñecementos, unhas capacidades
e unhas aptitudes mínimas para contribuír ao desenvolvemento dunha
sociedade competente e á mellora das competencias profesionais. A
este respecto, cómpre salientar que o Marco galego de competencias
dixitais será aplicable na definición das competencias dixitais
mínimas do persoal empregado público. Estase a traballar na
concreción deste marco de competencias dixitais, que se prevé que
estea regulado no 2020.
Competencias dixitais mínimas do
persoal empregado público
Dentro deste Marco galego de
competencias dixitais incluirase a identificación das competencias
dixitais mínimas do persoal empregado público que posibiliten o
correcto desenvolvemento do seu posto de traballo nos supostos e cos
requisitos que se determinen regulamentariamente.
Destaca, así mesmo, a definición da
capacitación dixital do persoal empregado público como mecanismo
para asegurar unhas competencias dixitais mínimas do persoal
empregado público para o exercicio das súas funcións, así como os
mecanismos de acreditación dos coñecementos, das capacidades e das
aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e a
comunicación.
A Administración xeral e as entidades
públicas instrumentais do sector público autonómico habilitarán
os medios e garantirán o acceso á formación continuada do
persoal empregado público para o desenvolvemento das súas
competencias dixitais e o aproveitamento eficiente dos medios
dixitais na prestación dos servizos públicos.
En consonancia cos medios e a formación
facilitados pola administración, o persoal empregado público
procurará a súa capacitación dixital para o exercicio das súas
funcións nunha contorna dixital de prestación de servizos públicos.
Plan de capacitación dixital do
empregado público
A lei contempla a definición dun Plan
de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas
as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e
que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.
Este plan estará baseado no Marco galego de competencias dixitais,
que deberá definir as competencias dixitais mínimas do persoal
empregado público dirixido á totalidade do persoal empregado
público da Administración xeral e das entidades.
Así, nos plans anuais de formación
da EGAP incluiranse as actividades específicas de
formación relativas á implantación continuada da administración
electrónica e de procesos innovadores, á seguridade da información
e a protección de datos, así como á posta en marcha de novos
servizos dixitais.
Estas actividades de formación poderán
ter a consideración de obrigatorias cando sexan necesarias para o
desempeño profesional do persoal empregado público, nos supostos e
cos requisitos que se determinen regulamentariamente. Neste caso, o
tempo de formación será considerado como tempo efectivo de
traballo.
Capacitación dixital nos procesos de
selección de persoal e provisión de postos
Nos procesos selectivos para o ingreso
na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia
incorporarán no seu programa, de ser necesario, os contidos
relativos á administración dixital e ás tecnoloxías da
información e a comunicación que sexan adecuados aos corpos, ás
escalas ou ás categorías a que se refiran os ditos procesos
selectivos.
Así mesmo nos procesos de provisión
que se convoquen (concursos de traslados) poderán valorarse os
mesmos contidos, de acordo co que prevexa a correspondente
convocatoria.
Vixencia e a homologación da formación
previa
No deseño e o desenvolvemento do Marco
galego de competencias dixitais estableceranse os criterios de
vixencia e homologación da certificación galega de competencias
dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de
novembro (CODIX).
No caso do persoal empregado
público estableceranse igualmente os criterios de convalidación
dos cursos ou das actividades formativas que se teñan realizado
e que teñan relación directa coa implementación das tecnoloxías
dixitais da información e a comunicación aplicadas á
administración e con contidos vixentes e aplicables.
Ningún comentario:
Publicar un comentario