O desmantelamento dos servizos públicos municipais que desde hai 8 anos levou a cabo o goberno municipal do PSOE foi de tal magnitude que na actualidade o servizo de limpeza de rúas só conta con tres traballadores municipais permanentes e carece mesmo de encargado. Isto non só pasou na limpeza das rúas, tamén na propia limpeza de edificios, que na actualidade só conta con catro traballadoras, das cales nin sequera todas se dedican ás funcións da limpeza, e que supuxo que o Concello licitase a contratación da limpeza dos colexios e os centros educativos municipais e que mesmo teime en cubrir, en moitos casos, baixas e vacacións do persoal municipal con persoal de empresas privadas.
No medio desta situación tan delicada do servizo de limpeza municipal o goberno do PSOE anuncia que vai realizar un plan especial especial de limpeza a través dos servizos municipais, que contarán nos próximos días cun só traballador de limpeza, xa que o goberno se nega a cubrir baixas e vacacións do persoal de limpeza de rúas coas listaxes de substitución existentes. Parece un insulto para o persoal do servizo de limpeza municipal pero en realidade agocha a intención de seguir privatizando os servizos municipais a través de empresas que non están contratadas polo Concello segundo os procedemento legalmente establecidos e que promoven empregos precarios que redundan en servizos deficientes e que demostran que o público sempre é servizo e o privado sempre é beneficio.
Varios dos traballadores do servizo de limpeza que se xubilaron nos pasados meses eran laborais fixos e os seus postos forman parte da Relación de Postos de Traballo, polo que o goberno municipal de María Barral podería incluílos na Oferta de Emprego Público de cara a ir paliando os efectos da sangría de baixas de persoal municipal de servizos dos pasados anos, mais mentres tanto dedícase a aprobar exclusivamente Ofertas de emprego público que lle afectan ao funcionariado, e especialmente á Policía local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario