Unha sentenza do Xulgado do Social
número 2 de Palencia ditamina que o estado de ansiedade sufrido por
unha traballadora e que ten a súa orixe na mala relación cun
compañeiro, é accidente de traballo e non enfermidade común. A
orixe do proceso de incapacidade laboral da traballadora ten só unha
causa, segundo a resolución. Non é outra que a conflitividade
existente cun compañeiro de traballo.
No xuízo achegouse un parte de
urxencias no que se facía constar que "a paciente estaba
intranquila dende facía dez días por problemas laborais" e que
un día en concreto, "non puido aguantar máis e saíuse".
Segundo o tribunal, "a empresa era coñecedora da conflitividade
laboral". Por iso, tomou a decisión de trasladar á afectada de
posto de traballo. Cando finalizou a situación temporal de traslado
e a operaria tiña que volver ao seu posto da freidora, tal
reincorporación non se produciu ao sufrir a demandante unha crise de
ansiedade que derivou na incapacidade temporal.
O xulgado, nos fundamentos de dereito
da sentenza, dá por probado que a muller con carácter previo ao que
lle pasou no seu posto, "non presentaba patoloxía algunha de
índole psiquiátrico ou psicolóxico". Considera acreditado
"que a aparición da patoloxía da operaria ten por causa
exclusiva a execución do traballo". Estima pois a demanda
formulada pola muller contra a Seguridade Social, a Mutua Montañesa
e a empresa na que traballa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario