30/12/13

A CIG presentou un conflito colectivo en reclamación de parte da paga extraordinaria roubada no ano 2012 ao persoal laboral do Concello de Betanzos

A Confederación Intersindical Galega presentou nas pasadas semanas un conflito colectivo co Concello de Betanzos para reclamar a parte da paga extraordinaria que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza lle vén de recoñecer ao persoal laboral da Xunta de Galiza. 

Tal e como informabamos no pasado mes de novembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñeceu o dereito a percibir a parte proporcional da paga extra do mes de decembro de 2012 ao persoal laboral da Xunta, polo período do 1 ao 14 de xullo, é dicir, 14 días, posto que o Real Decreto 12/2012 entrou en vigor o 15 de xullo de 2012. 

Ante esta situación e tendo en conta que as reclamacións para o persoal laboral teñen un prazo dun ano dende a CIG interpúxose o conflito colectivo coa idea de que o dereito recoñecido ao persoal laboral da Xunta poida ser estendido, neste caso, ao persoal laboral do Concello de Betanzos. 

O conflito colectivo é, en termos legais, unha manifestación de discrepancia por razóns laborais entre empresarios e traballadores, neste caso entre o Concello de Betanzos e o persoal laboral ao seu servizo polo non pagamento deses catorce días correspondentes á paga extraordinaria do ano 2012. 

Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos decidimos promover este conflito colectivo ante a pasividade do goberno municipal logo de saír a sentenza favorable ao persoal laboral da Xunta de Galiza, posto que noutros concellos houbos gobernos que aplicaron directamente a sentenza e devolvéronlle os seus cartos ao persoal laboral mentres que en Betanzos sempre temos que acudir aos xulgados e ás autoridades laborais para poder ir avanzando aos poucos e conseguindo dereitos que compañeiros doutras Administracións xa teñen. Non obstante, xa sabemos cal é o camiño que debemos seguir para ir avanzando paseniñamente e non trememos en ningún momento á hora de tomarmos decisións coma esta que poden redundar no beneficio de todo o colelctivo do persoal laboral do Concello de Betanzos.

Saúde laboral: O 61% dos traballadores cre que a súa saúde empeorou desde o inicio da crise a causa do estrés

O 61% dos traballadores cre que a súa saúde empeorou desde o inicio da crise a causa do estrés, segundo mostrou un estudo global realizado por Regus, que desvela que o 75 por cento deles cre que esta situación podería mellorar se as empresas implantasen métodos de traballo máis flexibles. E é que, as doenzas causadas polo estrés poden empeorar o estado de saúde ou desencadear problemas que abarcan desde a obesidade até enfermidades cardíacas, pasando polo Alzheimer, diabetes, depresión, problemas gastrointestinais ou asma. De feito, segundo a investigación, o 40 por cento dos traballadores do estado español padeceu insomnio nalgunha ocasión a consecuencia do traballo.


Así mesmo, a enquisa tamén determinou que, no Estado español o estrés está a provocar un aumento preocupante do absentismo (36%) respecto de inicios da crise, prexudicando a produtividade das empresas e o benestar do traballador. A principal razón do aumento do estrés entre os traballdores do Estado español segue sendo a preocupación por perder o emprego (58%) xa que, o 62% afirma sentirse menos seguro no seu sector de traballo.Doutra banda, o aumento do estrés está a afectar ás relacións persoais. Neste sentido, o 52% dos enquisados afirma que os seus familiares e amigos perciben a tensión laboral ao que está sometido e o 38% dos traballadores recoñece que está a afectar ás súas relacións persoais cos compañeiros de traballo."A complicada situación económica e a taxa de crecemento sen precedentes das economías emerxentes supuxeron unha carga para as empresas e os seus empregados. Espérase que os traballadores fagan máis con menos. Isto pasou factura até o punto de que moitos dos afectados atópanse ao bordo da extenuación", comentou o responsable da enquisa.Finalmente, o estudo remarcou que as empresas proactivas nas que se aborda o estrés dos traballadores con solucións como o traballo flexible, teñen máis posibilidades de conseguir un ambiente máis saudable, reducir o absentismo e mellorar a produtividade.



Fonte: prevention-world.com

O moscoso adicional: o carameliño de Nadal de Montoro para as traballadoras e traballadores públicos

Non nos están a regalar nada, estannos devolvendo os céntimos da carteira que nos roubaron

NO BOE do sábado, 21 de decembro de 2013, publicase a Lei Orgánica 9/2013, de control da débeda comercial no sector pública. Nesta lei inclúese, na súa disposición adicional 4ª, unha modificación lexislativa no EBEP que recolle que, a partir do 22 de decembro, serán 4 os días por asuntos persoais os que terán, con carácter básico, todas as traballadoras e traballadores públicas afectados por esta norma.

Xa que logo, este día adicional de asuntos persoais pode gozarse con cargo ao 2013. A CIG púxose en contacto con director xeral de Función Pública solicitando unha ampliación do período para o seu goce, que actualmente remata o 31 de xaneiro do seguinte ano. Segundo información do director xeral, antes de final de ano van sacar unha breve instrución sobre este tema na que contemplan a ampliación deste prazo.

Cómpre lembrar que para o 2014 hai 2 festividades de carácter estatal que coinciden en sábado. Consonte ás instrucións de vacacións, permisos e licenzas, habería que sumar 2 días adicionais por asuntos persoais a eses 4 recoñecidos agora no EBEP. Xa que logo, serían un total de 6 os días con cargo a este permiso os dispoñibles no 2014 para o persoal da Xunta de Galiza.

Os “moscosos” chámanse agora “montoros”

Durante o último trimestre deste ano estivo soando nos medios o ruxe-ruxe de que as traballadores e traballadores públicas ían ver recuperados os 6 “moscosos” de partida: primeiro que si, que non só sería para o persoal de Xustiza e ao final que concretouse nun só día. De novo, volvemos ver unha utilización política miserable dun dereito laboral, un dos máis pequenos pero tamén dos máis controvertidos publicamente.

Convén recordar que a orixe dos moscosos data de comezos dos anos 80 cando o Goberno socialista de Felipe González no canto de recuperar o poder adquisitivo do persoal das Administracións trocouno por varios días ao ano de libre disposición; uns días que, cómpre sinalar, non só un privilexio das traballadoras e traballadores públicos senón que aparecen recollidos en moitos convenios colectivos. Agora de novo, vemos outra utilización similar: no canto de devolvernos todo o que nos teñen roubado, desta volta para rescatar á banca, agasállanos polo Nadal con 1 moscoso adicional.

Contos de Nadal

Dese o ano 2010 tanto o poder adquisitivo do persoal das Administracións como os nosos dereitos teñen caído en picado. O recorte dos “moscosos” foi unha pequena parte de toda a ringleira dos recortes acumulados pola Lei de Medidas da Xunta e máis posteriormente polo RD 20/2012 do Estado.

Iso por non falar de todas as agresións que fixeron tanto os Gobernos do PP de Galiza e de Madrid contra os Servizos Públicos, diminuíndo os seus orzamentos, amortizando postos de traballo público e despedindo traballadoras e traballadores coas consecuencias dunha baixada de calidade, cando non desaparición do servizo, ou ben quedando en mans de organizacións ou empresas privadas afíns.

A equivalencia do moscoso para o persoal das Administracións sería como se o Estado español modificase a súa normativa para que 1 día o ano a Sanidade pública atendese as persoas sen pedirlle papeis ou ben que 1 día ao ano o acceso á Universidade pública fose de “portas abertas”, sen necesidade de pagar taxas. Aínda así, nestes casos habería un custo para as Administracións, cando no caso dos moscosos sáenlle absolutamente gratis xa que non se cubre a ausencia do persoal.


Como traballadoras e traballadores públicos, pero tamén como cidadáns, este ruín e envelenado agasallo de Nadal do ministro Montoro nin contenta nin vai parar a espiral de mobilizacións e protestas contra os sucesivos recortes do público en aras dos “mercados” e dos intereses privados que representan. Por outra banda, non nos están regalando nada, estannos devolvendo os céntimos da carteira que nos roubaron.

Máis info en www.cigadmon.org

O Plan de Formación da EGAP para 2014, condicionado á dispoñibilidade de crédito orzamentario

No DOG do 26/12/2013, vén de se publicar a Resolución da EGAP do 18 de decembro de 2013 pola que se publica o Plan de formación do persoal ao servizo da Administración autonómica, da Administración local e da Administración de xustiza de Galicia para o ano 2014.

Os cursos formativos dispoñibles, cuxa listaxe pode consultarse nesta ligazón, ofertaranse nas sucesivas convocatorias ao longo do ano 2013, pero cunha importante observación que recolle a propia Resolución da EGAP: esta resolución ten carácter informativo e que a execución das accións recollidas nela queda condicionada á existencia de crédito orzamentario

Non deixa de ser exemplificativo de como se está a gobernar a Administración, cando unha Resolución publicada no DOG prevé a posibilidade de ser incumplida por falta de crédito.



Acceder á Resolución da EGAP

Máis info en www.cigadmon.org

A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos entrega no rexistro do Parlamento 5.000 sinaturas contra os recortes

Dirixidas ao grupo parlamentar do Partido Popular

A Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos facía entrega, este venres, da segunda quenda de sinaturas recollidas entre as empregadas e empregados públicos contra a taxa cero de reposición, a conxelación salarial, o recorte das pagas extra, a privatización dos servizos públicos, o aumento de xornada laboral, os descontos por baixas médicas, a destrución de emprego público e a desaparición de servizos públicos. Nesta ocasión, as máis de 5.000 sinaturas foron entregadas no Rexistro do Parlamento e dirixidas directamente ao grupo parlamentar do PP.
María Carme López Santamariña, coordinadora da Plataforma e da Área Pública da CIG, explicou que as sinaturas van dirixidas ao grupo popular no Parlamento galego, xa que, “son os responsábeis únicos de que saísen adiante os recortes previstos nos Orzamentos do goberno galego para 2014, aprobados grazas á maioría do PP na cámara”.
As máis de 5.000 sinaturas entregadas este venres no Parlamento, súmanse ás preto de 8.000 que xa foran rexistradas o pasado mes de outubro na Xunta, demandado do Presidente do Goberno galego que se fomente o emprego público estábel, a recuperación do poder adquisitivo, das pagas extra e de todos os dereitos laborais.
Dende a Plataforma reiterouse que é responsabilidade da administración “a salvagarda dos servizos públicos e dos seus traballadores e traballadoras”. Denunciaron ademais a súa oposición ás políticas continuístas que, desde o ano 2009 manteñen tanto o goberno central como o galego nos servizos públicos, que “o único que provocan é a súa desaparición “agravando aínda máis a profunda crise económica na que nos atopamos inmersos, precarizando as condicións laborais dos seus/súas traballadores/as, provocando máis paro no sector público e aumentando a carga de traballo coa non reposición de efectivos”.
Unha medida que ten, segundo advertiu López Santamariña, o obxectivo de eliminar o sector público facendo desaparecer servizos que son esenciais.


Publicada a Lei 27/2013 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local

Hoxe mesmo, no Boletín Oficial do Estado, vén de publicarse a tan anunciada Reforma da Administración Local, unha nova Lei que suporá a recentralización de servizos, un claro avance na privatización e que aínda por riba non achega nin unha soa garantía de emprego. É unha triste nova para finalizar o ano xa que o Goberno do PP, lonxe de promover políticas e reformas de impulso económico, xeración de emprego, cohesión e participación social, está procedendo a recortes sen precedentes que destrúen emprego público e deterioran a calidade dos servizos. 

26/12/13

Un día máis de asuntos propios para o ano 2013

O pasado sábado 21 de decembro, no BOE número 305, publicouse a Lei orgánica 9/2013, de control da débeda comercial no sector público onde na disposición adicional cuarta se amplían os días de asuntos particulares a catro, no ano 2013, ao que se lle sumaba o que tivemos en compensación do 12 de outubro e que supón que os días totais de libre disposición do ano 2013 serían 5.

Cómpre lembrar que estes días de libre disposición pódense desfrutar ata o 15 de xaneiro, non obstante, na Administración Xeral do Estado veñen de ampliar o prazo de desfrute ata o 15 de febreiro posto que ao concedelo con data de 21 de decembro os problemas de cobertura dos servizos poden ser varios, tamén hai concellos que estána ampliando mediante resolución de Alcaldía o prazo de desfrute ata o 31 de xaneiro. No Concello de Betanzos, a CIG solicitará nos vindeiros días que se amplíe o prazo ata o 15 de febreiro como na Administración Xeral do Estado, mais hai que ter en conta que mentres o Concello non publique unha Resolución con esa ampliación de prazo, se a estima oportuna, o prazo finalizaría o 15 de xaneiro  de 2014 e eses días non se poden recuperar.

Disposición adicional cuarta.

Primero. El apartado k del artículo 48 de la Ley 7/2007, de 12 de abril, del Estatuto Básico del Empleado Público, queda con la siguiente redacción:


«Por asuntos particulares, cuatro días cada año».


Segundo. La limitación que el apartado Tres del artículo 8 del Real Decreto ley 20/2012, de 13 de julio, de medidas para garantizar la estabilidad presupuestaria y de fomento de la competitividad, establece respecto a los convenios, pactos y acuerdos para el personal funcionario y laboral de las Administraciones Públicas y sus Organismos y Entidades, vinculados o dependientes de las mismas, debe entenderse referenciada a la nueva redacción dada al artículo 48 de la Ley 7/2007, de 12 de abril del Estatuto Básico del Empleado Público de conformidad con el apartado primero de esta Disposición.

Podedes consultar a información na páxina 15 da orde publicada que vos achegamos aquí:

18/12/13

Delegados/as de todos os sectores da administración pública concéntranse ante o Parlamento de Galiza contra as políticas do PP

Rodearon en manifestación o Parlamento de Galiza

Delegados e delegadas de todos os sectores da administración pública e de todas as organizacións sindicais concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza contra as políticas contiuístas do Partido Popular tanto no goberno central, como na Xunta de Galiza. A mobilización, convocada pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos, coincidiu co pleno do Parlamento no que se aprobaron os orzamentos da Xunta para 2014.

Durante a protesta, e tras un tempo concentradas/so, saíron en manifestación rodeando o Pazo do Hórreo, pero aínda que cursaran os permisos pertinentes na Delegación do Goberno, tiveron que facelo pola beirarrúa na maior parte do traxecto por orde dos efectivos policiais que acordonaban os accesos á sede parlamentaria.
Ao remate da mobilización deuse lectura a un manifesto no que se denuncia que as políticas que se veñen aplicando desde o ano 2009 están a provocar a desaparición dos servizos públicos e agravan aínda máis a profunda crise económica na que nos atopamos inmersos “precarizando as condicións laborais dos seus/súas traballadores/as e provocando máis paro no sector público”.
Acusaron ao PP de aumentar a carga de traballo coa non reposición de profesionais co único obxectivo de eliminar o sector público facendo desaparecer servizos públicos e manifestaron a súa máis rotunda oposición á taxa cero de reposición, á conxelación salarial e ao recorte das pagas extra.
Do mesmo xeito proclamaron o seu rexeitamento á privatización dos servizos públicos; ao incremento da xornada laboral; aos descontos por baixas médicas; á destrución de emprego público e á desaparición dos servizos públicos.
Fronte a isto demandaron o fomento de emprego público estable e de calidade; reclamaron a recuperación do poder adquisitivo perdido e das pagas extras íntegras e exixiron a recuperación de todos os dereitos laborais.
Responsabilizaron á administración de ser a salvagarda dos servizos públicos e dos seus traballadores e traballadoras. “Esa responsabilidade tamén a ten o grupo parlamentar do PP no Parlamento de Galiza e no Parlamento Español, como responsábel último da aprobación de todas estas medidas”, denunciaron.


Abrindo camiños n.º 30. Voceiro da Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos

Voceiro Cig Betanzos 30 Decem.. by cigconcellobetanzos

Ouvir para crer e crer para ver

Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos sempre amosamos o noso total apoio, aos compañeiros doutras empresas da comarca que están a padecer situacións laborais ben críticas, como é o caso de Elaborados Metálicos EMESA, de feito, así llo amosamos dende a CIG cando o pasado 12 de decembro se achegaron ata o Concello para solicitar a implicación da corporación local de Betanzos no apoio da súa causa. Da reunión mantida co Comité de Empresa de EMESA saiu o acordo de que os grupos municipais de Betanzos presentarían en pleno unha moción conxunta de apoio aos traballadores de EMESA pola difícil situación que están a pasar ante a presentación por parte da empresa dun novo Expediente de Regulación Temporal, algo que consideramos sumamente positivo de cara a que os compañeiros de EMESA poida enfrontar esta dura loita que lles queda coa empresa.

O que ata este momento podería parecer algo normal, neste Concello é fóra do común se temos en conta que o goberno municipal leva dous anos ignorando ao Comité de Empresa do seu propio Concello e que hai pouco máis dun ano se plantou nunha Mesa Xeral de Negociación tentando impoñer as súas propias regras, tal e como lle pasa aos compañeiros coa empresa que citamos e que agora tanto apoia o goberno local, e pasar por riba de calquera opinión ou negociación cos representantes dos traballadores. Se a isto lle sumamos a carreira de destrución e privatización de emprego do Concello de Betanzos nos últimos anos, que case se podería comparar ao caso que nos cinximos de empresas que levan a cabo ERES e logo contratan de xeito temporal e en precario ou mesmo os últimos despedimentos que tantos procesos xudiciais supuxeron , consideramos que estamos ante unha actitude completamente hipócrita  por parte dun Concello que apoia de cara á galería a un Comité de Empresa que "non o amolan" mentres que ignora e ningunea as propostas do Comité de Empresa do propio Concello que goberna.

Do contrario que nos explique baixo que premisa pretende amortizar prazas de servizos básicos como o persoal que atende o cemiterio, a limpeza de rúas, de edificios ou o mantemento en xeral,  non cubrir ningunha das máis de vinte prazas que nos últimos anos ficaron baleiras pola xubilación do persoal ou nin sequera cubrir as baixas nun servizo tan básico como é a Escola Infantil Municipal por aforrar uns cartos... isto chámase deixar morrer os servizos públicos de inanición e mentres o goberno municipal nin sequera colleu o polveiro para comezar a varrer a súa casa, quere facer que varre a do veciño porque queda ben e non custa un can, mais a estas alturas xa non engana a ninguén.

17/12/13

Seguridade laboral: cambie a súa escada

As caídas dende as escadas de man son frecuentes e, a miúdo, dan lugar a lesións graves e mesmo mortais. Entre as causas deses accidentes figura un uso imprudente pero tamén a utilización de escaleiras en mal estado ou inapropiadas para o uso concreto que se lles dá. Para previr estes accidentes, no ano 2007 o Hellth and Safety Executive británico lanzou a primeira campaña "Cambie a súa escada", unha especie de plan renove no que colaboraron a asociación británica de fabricantes de escadas e un bo número de comercios especializados que, durante a campaña, ofrecían descontos se se adquiría unha escada nova entregando unha vella. A campaña estendeuse durante o cuarto trimestre do ano.
O éxito sorprendeu aos propios organizadores, até o punto de que a campaña se volveu anual e nos tres primeiros anos logrou a substitución de case 7.000 escadas.Na actualidade, visto o interese económico da promoción, os fabricantes de escadas asumiron a organización da campaña, que este ano volve celebrarse nas datas xa tradicionais e compleméntase con actividades paralelas, como cursos de formación no uso seguro de escadas. De feito os fabricantes aproveitan a ocasión non só para vender, senón para promocionar o seu produto, algo posto en dúbida, defendendo a súa seguridade a condición de que se empregue a escada axeitada para cada operación e se empregue por persoal debidamente formado.Outra das actividades paralelas, boa proba do humor inglés, é un concurso de fotografías nas que se amosa o emprego imprudente de escadas. De entre as 38 fotografías participantes, a gañadora  foi a que se amosa nesta noticia. Á vista da fotografía, non é de estrañar que levase o premio.

Fonte: prevencionintegral.com

Novas contratacións: contratos que non se axustan ao convenio e á lexislación laboral vixente, á espera das respostas do Concello

O Concello de Betanzos ten o costume de entregarlle copia dos contratos ao Comité de Empresa sen achegar ningunha información sobre os procesos selectivos, isto dá lugar a que o Comité amose a súa disconformidade porque non ten coñecemento ningún sobre como chegan a ser escollidas as persoas que asinan os contratos, non só porque estea fóra dos procesos, senón tamén porque a falta de información sobre os propios contratos fai que se lle plantexen diferentes preguntas ás que o Concello nunca dá resposta. Logo de amosar a súa disconformidade o Comité de Empresa rexistra unha solicitude de información con todas as cuestións que considera que non se axustan á legalidade dos contratos efectuados polo Concello.

A última sorpresa veu da man dos contratos relacionados con dous obradoiros de emprego que se están a realizar no Centro de Formación Ocupacional e sobre os que o Comité nin sequera tiña coñecemento de que o Concello era quen efectuaba a contratación ata tempo despois de empezar a traballar esta xente, por isto, e unha vez que se lle achegou copia dos contratos o Comité deixou de manifesto que a xornada laboral deste persoal non se axusta á do convenio colectivo, superándoa, ademais de que as retribucións tampouco se axustan ás do convenio colectivo e négaselle a este persoal o dereito á parte proporcional da paga completa, tal e como indica o propio convenio e a lexislación laboral, e consta que só se lle pagará a parte proporcional do salario base, algo que consideramos non só ilegal, senón discriminatorio con respecto ao resto do persoal laboral deste Concello.

Recentemente, o Concello realizou novas contratacións, falamos dunha praza de técnico/a en orientación laboral, un contrato para limpeza por acumulación de tarefas no CEIP Francisco Vales Villamarín e varios contratos ao abeiro do Plan de Cooperación da Deputación da Coruña de peóns de Protección Civil, auxiliares de axuda a domicilio e peóns de mantemento. Unha vez máis o Comité de Empresa non tivo coñecemento ningún sobre os procesos ata que o persoal foi contratado, coa gravidade de que no caso dos contratos do Plan de Cooperación o Concello nin sequera publicou as bases de selección na páxina web, tal e como el mesmo indica que se debería facer nas bases xerais aprobadas recentemente. Mais iso non é todo, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, xa solicitou por escrito as explicacións pertinentes que motivan os salarios deste persoal non permanente e que motivan que non se axusten ao convenio colectivo en vixencia e que mesmo en moitos casos os complementos específicos dupliquen os do persoal de igual categoría e funcións nunha praza que forma parte da Relación de Postos de Traballo, o que suporía unha discriminación salarial duns traballadores con respecto aos permanentes do Concello. A maiores, no caso dos horarios laborais o Comité solicitou explicacións dos contratos dos peóns de Protección Civil por consideralos contrarios ao Estatuto de Traballadores e indicar que este persoal traballa de luns a domingo e sen horario laboral específico, o que suporía que non se respectan os descansos mínimos establecidos pola lexislación laboral vixente e que, a maiores, consideramos unha absoluta barbaridade.

A día de hoxe o Concello segue sen responder, mais agardamos que cando lle pidamos as explicacións pertinentes na reunión mensual co concelleiro de Persoal sexa quen de dar conta das irregularidades e modificar os contratos para que se axusten á lexislación laboral e non continuar por este camiño cando se contrata persoal laboral non permanente, porque ademais, xa lle puxemos de manifesto ao Concello que o persoal contratado ao abeiro de subvención debe traballar no que lle corresponden e non no que ao Concello lle vén ben, porque unha vez máis está a utilizar ao compañeiros de Protección Civil de "chic@s para todo", o que consideramos lamentable, e máis logo de seis sentenzas que parece que non serviron de advertencia para o Concello.

A CIG considera que as novas contratacións sempre son unha boa nova para o Concello, e máis nos tempos de corren de falta de persoal, mais non entende porque o Comité é excluído sistematicamente da información que rodea os procesos e sempre que considere que os contratos incumpren ben a lexislación laboral ben o recollido no convenio colectivo e o Concello non lle dea as explicacións pertinentes seguirá amosando por escrito a súa disconformidade coa forma e a formalización dos contratos mais obviamente nunca coas propias contratacións.


11/12/13

AVISO

Con motivo das datas festivas que se aveciñan o local do Comité de Empresa estará pechado entre o 20 de decembro e o 6 de xaneiro, á volta retomará o seu horario habitual os martes e xoves de 13:00 h a 15:00 h. Igualmente, neste mes de decembro non haberá reunión ordinaria do Comité de Empresa e retomarase en xaneiro. Non obstante, o traballo do Comité continuará con normalidade e ante calquera cuestión, problema e/ou dúbida que teñades podedes poñervos en contacto cos delegados sindicais da CIG coma sempre.

BOAS FESTAS!

08/12/13

Horas extraordinarias, o eterno problema do persoal do Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos obriga ao seu persoal a realizar un número excesivo de horas extraordinarias, isto vén demostrado non só porque haxa bastante persoal que chega anualmente ao tope das 80 permitidas pola lexislación, senón porque a haxa un mes que practicamente estea esgotada unha partida de horas extraordinarias que segundo informa o concelleiro de Persoal é de cincuenta mil euros anuais.

A pésima organización do persoal do Concello, unido a unha Relación de Postos de Traballo do ano 2008, que non se corresponde coa situación actual xa só a comezar polas prazas do persoal que se xubilou, que superan as vinte nestes últimos anos, provoca que moito persoal realice traballos fóra da súa xornada laboral normal e non as teña recoñecidas entre as súas funcións da RPT, aínda que o Concello practicamente o obrigue a realizalas, é o caso do persoal de limpeza de rúas, dalgún conserxe e persoal de oficios e técnico e diferentes departamentos do Concello. O peor de todo isto é que na RPT que o Concello pretendía aprobar no ano 2012 nin sequera pretendía darlle solución a estes problemas e seguía teimando en erros do pasado.

Este ano a situación agravouse porque en novembro o Concello practicamente esgotara a partida orzamentaria destinada a este fin mais o propio concelleiro de Persoal seguía solicitando traballos extraordinarios e enganando abertamente ao persoal dicíndolle que os ían cobrar, actitude que consideramos totalmente vergoñenta por parte do delegado de Persoal, máis aínda cando o persoal laboral realiza traballos extraordinarios cando non estaría obrigado a facelo, posto que as únicas horas extras obrigatorias son as de forza maior, e o Concello págallo con mentiras e trato desigual. En múltiples ocasións o Comité de Empresa preguntoulle ao Concello polos criterios de compensación en tempo ou en cartos das horas extras e este non llos dá aclarado, o motivo polo que se ten preguntado por isto é porque, ata o momento, estes criterios non son públicos e o Concello discrecionalmente págalle as horas a quen estima oportuno e obrígalle a compensalas en tempo a quen non lle debe encher tanto o ollo, porque outro motivo non hai.

Entre as solicitudes do Comité con respecto ás horas extras tamén se ten preguntado porqué hai persoal ao que se lle pagan gratificacións e a outros horas extras, algo que podería parecer insignificante mais que para nada o é dende o momento en que nas gratificacións non se comtempla o número de horas e coidamos o Concello está utilizando estas encubertamente para obrigar a algún persoal a realizar máis de oitenta horas anuais, non habería outra explicación racional para que haxa persoal ao que neste ano 2012 se lle pagaron máis de dez mil euros entre horas extraordinarias e gratificacións, algo que consideramos que en traballo é humanamente imposible, nin sequera duplicando a xornada laboral diariamente ao longo de todo o ano e saltándose á toureira o Concello a lexislación laboral relativa á xornada.

Coma sempre, seguimos á espera de resposta e as que recibimos verbalmente son amplamente insatisfactorias, mais en todo caso, unha grande parte do traballo deste Concello estase asentando na realización das horas extraordinarias e iso é un grave problema porque o persoal non ten porqué facelas, só as tería que facer se fosen por causa de forza maior que como se contempla no Estatuto dos Traballadores son as que se corresponden con traballos de natureza extraordinaria e en ningún caso os que teñan que ver coa prestación ordinaria dun servizo, e ata o momento, varrer as rúas, abrir os edificios municipais, sacar a pasear a lancha do Concello ou enterrar os defuntos non son traballos que corresponden a situacións extraordinarias, senón que forman parte das prestacións ordinarias dos servizos. Así mesmo, se na RPT houbese algún posto de dedicación especial, entenderíase que houbese compañeiros que estean pendentes do teléfono fóra do horario laboral, mais de non ser así o Concello, cando fixo a estruturación dos postos considerou que isto non era necesario por iso parece duplamente hipócrita solicitarlle ao persoal que realize continuamente horas extraordinarias que non son de forza maior.

En todo caso, a solución para o persoal é doada, lembrar que as horas extraordinarias non son de obrigada realización, se o propio goberno, cando organiza o persoal a través dunha RPT non contempla nesta postos que teñen especial dedicación, nin persoal que debe traballar en festivos nin fóra da xornada en ningún caso é que non o considera necesario, e, en todo caso, quen goberna é quen decide estas cuestións, os traballadores abondo temos nesta cuestións con coñecermos os nosos dereitos e cumprirmos a nosa xornada laboral, é máis, moitas veces se lle teñen proposto alternativas e solicitado dende o Comité de Empresa que se lle poña fin a esta situación e o goberno municipal fai caso omiso ás demandas dos representantes dos traballadores.

O Concello teima en ocultarlle información ao Comité de Empresa

A información sobre temas laborais foi durante anos un tema moi prezado para o Concello de Betanzos que serviu para ter enganado a unha grande parte do persoal e mesmo mentir abertamente sobre dereitos do persoal laboral temporal. A desinformación que practicaron os sindicatos con maioría até o ano 2011, UGT e CCOO permitiulle ao Concello xogar con vantaxe porque un traballador desinformado e descoñecedor dos seus dereitos, ou sobre o propio trato discriminatorio que sofre con respecto aos compañeiros sempre é máis vulnerable e maleable que un que sabe cal é o seu lugar e ata onde chega o seu papel na Administración.

Todos estes motivos son os que nos fan pensar que o Concello siga teimando en non responderlle a ningunha das solicitudes do Comité de Empresa, hai meses que o Concello tomou como determinación non responder ás peticións nin escritos rexistrados do Comité, porque no fondo saben que o control da información é determinante para que se poidan denunciar moitas situacións non só discriminatorias, senón que tamén é posible que estean á marxe da lexislación laboral existente. 

O pasado mes, na reunión que o Comité de Empresa mantivo co propio alcalde achegoulle unha listaxe dalgunhas das solicitudes máis importantes que o Concello ten pendente entregarlle ao Comité de Empresa, esta mesma listaxe fora rexistrada un día antes lembrándolle ao goberno municipal que o Comité de Empresa non esquece toda a documentación que o Concello ten pendente de lle entregar. A escusa do Concello xa soa como a dun mal pagador porque se fala do volume de traballo do Departamento de Persoal, cousa que non dubidamos mais que non consideramos válida para escusar que o Concello leve dende hais dous anos sen lle entregar algunha documentación aos representantes dos traballadores. Na reunión que o Comité de Empresa mantivo neste mes de decembro co concelleiro de Persoal volveuse sobre o tema, mais o certo é que parece que as cousas que se apuntan como pendentes por parte do goberno deben tirarse ao lixo cando os representantes dos traballadores saen pola porta, porque non hai outro cousa que explique que o goberno poña boa cara por diante e non faga nada á hora da verdade.

Podedes consultar aquí a listaxe que se lle entregou ao alcalde de documentación e solicitudes pendentes por parte do Comité de Empresa do Concello de Betanzos.





En todo caso, aínda que como sindicato maioritario no Comité de Empresa consideramos que isto faise cunha clara vontade de obstaculizar o traballo dos delegados sindicais e para que a información non estea, en moitos casos, ao alcalce de todos os traballadores e traballadoras, somos conscientes de que en moitos casos é difícil amañar problemas perpretados e creados ao longo dos anos polo distintos gobernos municipais en materia de persoal tamén estamos plenamente convencidos de que todas as decisións que se tomen mentres teñamos representación neste Concello que atenten contra a legalidade ou vaian na contra do colectivo do persoal laboral tomaremos as decisións necesarias para acudir onde faga falla e interpor as denuncias pertinentes mais non seremos cómplices pasivos das decisións do goberno municipal como teñen feito no pasado os sindicatos con maioría no Comité de Empresa.

A CIG manifesta a súa oposición á reforma da Lei de Seguridade Cidadá promovida polo PP para reprimir a mobilización social

Considera que se implanta un estado policial poñendo en cuestión dereitos fundamentais como o de reunión, manifestación e mesmo a liberdade de expresión
A CIG considera que a Lei de Seguridade Cidadá evidencia os principios escasamente democráticos polos que se rexe o PP e ao servizo de que intereses de clase están, porque mentres actúa con esta dureza contra os movementos sociais e a clase traballadora mantén unha actitude de moita permisividade respecto aos delitos económicos que cometen os seus amigos, o capital financeiro, e eles mesmos.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo sinala que a reforma da lei de Seguridade Cidadá non se pode desvincular da do Código Penal e que en ambos os casos o seu obxectivo é reprimir a contestación social. “O PP a través das reformas laborais e sociais e das súas políticas económicas está a provocar un recorte de dereitos e unha precarización das condicións de traballo e da calidade de vida das persoas e ante a contestación social que esas políticas están a xerar, o que fai é promover estas reformas para impedir manifestacións públicas que as poñan en cuestión”.
Seixo subliña que na reforma do Código Penal o que se fai é tipificar como delitos accións e mobilizacións que até o de agora non tiñan esa consideración e afirma que o PP, ante o temor de que sobre as persoas que protagonizan eses feitos a xustiza non actúe coa dureza pretendida, porque “ao final serían os tribunais de xustiza quen interpretasen eses feitos”, o que fan é reformar tamén a Lei de Seguridade Cidadá  porque aí é “directamente o goberno o que impón ese castigo”.
Denuncia que deste xeito, o goberno “vai actuar con total discrecionalidade e arbitrariedade” e á marxe do criterio de calquera tribunal de xustiza obrigando ás persoas que sufran esas sancións ou multas a ter que pleitear contra o estado con serias dificultades para poder gañar os procesos xudiciais.
Denuncia tamén que con estas políticas represivas estase camiñando cara “un estado de carácter policial coa intención de impedir á cidadanía o exercicio de dereitos fundamentais como o de reunión, de manifestación e mesmo de expresión”.

As mutuas non poderán acceder ás historias clínicas

No último borrador do RD que regula a xestión e o control dos procesos de incapacidade temporal, as mutuas perden o control, que mantén a inspección.

Tras reunirse novamente con representantes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), Francisco José Sáez, que actuou como voceiro do Foro de Atención Primaria, AP, na materia, explicou a esta publicación que o último borrador do anteproxecto de real decreto que regula a xestión e o control dos procesos de incapacidade temporal (IT) recolle algunhas das propostas dos profesionais, un proceso longo no que "pasiño a pasiño", todas as partes van achegando posturas.
De feito, a intención do Ministerio de Emprego é que o proceso conclúa en 2014, polo que volverá reunirse cos facultativos de AP, probablemente durante os primeiros días de decembro.
O éxito fundamental que destacou Sanz é que as mutuas non asuman o control das baixas e, polo tanto, non poidan acceder á historia clínica dos pacientes -só aos informes de inspección e seguimento a través do INSS-, algo que se encontraba recollido nos borradores anteriores e preocupaba especialmente ao foro, pois consideraban que podía supoñer unha perda de seguridade dos datos ao encontrarse recollidos todos, e non só os relacionados con esa IT en particular.
Non obstante, non se alcanzou aínda un acordo sobre o silencio administrativo, pois coa redacción actual, cando a mutua considere que o traballador pode desempeñar o seu labor, dirixirá a súa petición de alta á inspección, e o silencio administrativo durante cinco días naturais supoñerá a alta deste.
Os profesionais non cren que os prazos estean axustados á realidade, xa que neses días a mutua ten que comunicar á inspección médica que o paciente está de alta para efectos económicos, a inspección que informar ao médico e este ao paciente, que pode recorrer a alta se non está de acordo, algo que, a xuízo de Sanz, poderá provocar que, ante a dúbida, se pronuncien sempre de xeito negativo se non teñen tempo a avaliar correctamente ao traballador de baixa realizándolle as probas médicas precisas ou en caso de estar á espera de dalgúns resultados.
Augura, iso si, que non chegará á redacción definitiva do Real Decreto xa que en cada borrador, as mutuas "van perdendo poder", polo que espera que esta medida tampouco chegue a ratificarse.
Fonte: prevenionar.com /Gacetamédica.com
www.cigsaudelaboral.org

O futuro do traballo

Nada é como adoitaba ser, e isto refírese tamén aos traballadores, ao lugar de traballo e ao traballo en xeral. Hai dúas tendencias incipientes pero importantes que poderían ser desestabilizadoras se non son abordadas de maneira axeitada: a polarización da forza laboral e o crecente desuso do contrato de emprego estándar. A polarización do emprego, á cal algunhas veces se chama "a desaparición da clase media", é un fenómeno que se observa sobre todo nas economías avanzadas, onde hai unha diminución na proporción de empregos de cualificacións e ingresos medios en comparación coas cualificacións e ingresos altos e baixos. Por que isto esperta preocupación? Porque conforme o número de empregos de cualificacións medias diminúe, os traballadores que ocupan estes empregos terán que reunir as condicións para obter empregos altamente cualificados, que son cada vez máis difíciles conseguir, ou aceptar empregos de baixas cualificacións, cun salario inferior e traballando por baixo do seu potencial.

O contrato de duración indeterminada tradicional, que se converteu na norma a mediados do século pasado, ofreceu estabilidade aos traballadores e mellorou os niveis de vida en moitos países. A regulamentación do lugar de traballo, así como moitos beneficios sociais que existen na actualidade, son concibidos no marco da relación empleador-traballador creada por este tipo de contratos. Pero a verdade é que o número de traballadores con contratos de duración determinada está a diminuír, mentres que outros tipos de acordos laborais son cada vez máis comúns. E iso é porque o contexto no cal o traballo é distribuído, organizado e realizado cambiou de maneira irreversible. Noutras palabras, precisamos novas maneiras de ofrecer seguridade e estabilidade aos traballadores e ás súas familias.


Numerosos factores explican estas dúas tendencias, pero a tecnoloxía é sen dúbida a máis estendida e significativa, tanto directa como indirectamente. Até agora, a introdución da tecnoloxía no traballo (mesmo cando substituía a seres humanos) sempre resultou nun incremento da produtividade, máis empregos e mellores niveis de vida. Isto debíase a que os seres humanos eran máis intelixentes que as máquinas, e a que as nosas capacidades humanas permitían que a maioría de nós puidese dominar a tecnoloxía. Con todo, a complexidade das máquinas creceu e estas comezaron a realizar tarefas que antes eran consideradas exclusivas dos seres humanos. As tecnoloxías de transformación están a ser desenvolvidas, adoptadas e compartidas a un ritmo moito maior que nunca antes. Aqueles que se atopan no ápice da curva das competencias, os que constrúen estas tecnoloxías, terán sempre a capacidade de controlalas e utilizalas. Pero que pasará coa maioría dos traballadores no medio da curva? Que terán que facer para manterse ao día? Estas preguntas aínda non aparecen no radar dos responsables da formulación de políticas, pero pronto terán que facelo. Forzas como a globalización, a tecnoloxía, as transicións demográficas e o cambio climático terán un impacto sobre cada unha das dimensións do mundo do traballo. Necesitamos administrar este impacto e garantir que funcione para o beneficio de todos.
Roy Chacko, Asesor principal, Oficina de Actividades para los Empleadores de la OIT

22/11/13

Información sobre a paga extra do ano 2012

Información achegada polos compañeiros e compañeiras de CIG-Administración Pública


SOBRE A RECLAMACIÓN DA PAGA EXTRA DE DECEMBRO DE 2012

Nos últimos meses, a CIG leva feito un intenso traballo xurídico, en colaboración con outras centrais sindicais, para conseguir a devolución do diñeiro que nos foi confiscado mediante o RDL 20/2012. Esta é a situación a día de hoxe:

  • O Tribunal Constitucional ten que resolver a cuestión de inconstitucionalidade que elevou a Sala do Social da Audiencia Nacional española. En boa lóxica, o que diga o Constitucional será de aplicación ao conxunto dos empregados e empregadas públicas.
  • Os xulgados e tribunais do social (para o persoal laboral) e do contencioso-administrativo (para o persoal funcionario e estatutario) están ditando sentenzas con estas liñas principais:
    • Denegan a petición principal de pagar a paga extra enteira.
    • Recoñecen o dereito a cobrar a parte proporcional da paga extra devengada até ao 15 de xullo de 2012, data de entrada en vigor do RDL 20/2012. En función do convenio de aplicación a parte que se recoñece vai desde os 14 días (cando o devengo é semestral) aos 6 meses e 14 días (cando o devengo é anual).
    • Só unha sentenza, ditada por un Xulgado do Contencioso-Administrativo de Sevilla, recoñece o dereito a cobrar a paga íntegra a un funcionario da Administración de Xustiza, baseándose en que a Lei Orgánica do Poder Xudicial –que é de aplicación a eses concretos corpos funcionariais– non fora modificada polo RDL 20/2012.

Nesta situación, a estratexia procesual debe ser diferente en función do vínculo laboral ou funcionarial do persoal, debido a que os prazos de prescrición son tamén diferentes, para o persoal laboral xa se conta coas primeiras sentenzas estimatorias de conflitos colectivos que resolveu o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para administracións como a Xunta, as universidades, Portos de Galiza ou Turgalicia e con carácter xeral, , a CIG vai desenvolver todas as accións ao seu alcance para conseguir o recoñecemento do dereito a cobrar unha paga extra que, como calquera outro concepto salarial, é froito do traballo e esforzo de todos e cada un dos traballadores e traballadoras do sector público.

21/11/13

Calendario de festivos locais para o ano 2014

No DOG do 20 de novembro de 2013 ven de saír publicada a resolución da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social pola que se lle dá publicidade ás festas laborais de carácter local para o ano 2014, correspondentes aos concellos das catro provincias da Galiza. As citadas festas de carácter local son inhábiles para os efectos laborais e retribuídas e non recuperables.

A CIG presenta unha denuncia da Inspección de Traballo pola situación do persoal da Casa Consistorial

A Confederación Intersindical Galega vén de presentar unha denuncia na Inspección de Traballo logo de que o Concello siga sen tomar ningunha decisión con respecto aos traballadores da Casa Consistorial, despois mesmo de presentar unha queixa por rexistro e achegarse un delegado de prevención a falar co concelleiro de Persoal.

A situación dende comezos desta semana foi a peor porque as obras cada vez comprenden unha maior parte do edificio e o traslado provisional dalgunha traballadora para o segundo andar non exime ao Concello de todos os atrancos para chegar aos postos de traballo que fan que andar pola Casa do Concello case sexa unha xincana. A maiores, o persoal ten que pasar por debaixo dun andamio e sortear os obstáculos e os perigos de caída de obxectos que supoñen unhas obras como as que se están a realizar, aínda por riba de que están a respirar o pó e os produtos tóxicos propios dunha obra destas características e todo isto sumado a que a negativa de cubrir as baixas en limpeza supón un estado de sucidade do edificio pola falta de persoal. O Concello nin sequera foi quen de acceder á proposta dos delegados de prevención de que as obras se realizasen fóra do horario laboral e acceder ao segundo andar está sendo un risco non só para o propio persoal senón tamén para a cidadanía que se achega a este edificio a realizar diversas xestións.

A maiores, o Concello ten a responsabilidade por velar que se cumpra a lexislación vixente en materia de prevención de riscos das empresas que contrata e temos serias dúbidas de que isto se estea a facer correctamente. Tampouco é a primeira vez que isto acontece, lamentablemente temos exemplos dabondos de como neste Concello a seguridade laboral dos seus traballadores é algo que non lle debe importa moito ao goberno local.

Por parte da CIG e, polo momento, tendo en conta que o Concello mantén a súa postura, demos todos os pasos que estaban na nosa man, agora só queda que a Inspección de Traballo actúe e tome cartas no asunto se considera que é necesario. En todo caso consideramos que o normal e razoable nun caso así sería que o Concello tivese unha previsión das obras, informase aos persoal do edificio e o trasladase provisionalmente mais o certo é que tendo en conta como traballan algúns compañeiros en naves que practicamente caen a cachos como é a do Centro de Formación Ocupacional na que traballa o pintor e que o Concello, logo de mesmo falalo no Comité de Seguridade e Saúde segue sen arranxar tampouco nos estraña nada que non tome cartas no asunto do persoal da Casa Consistorial, porque neste Concello parece que non se actúa ata que pasan as cousas.

20/11/13

As obras da Casa do Concello inícianse co persoal traballando nas oficinas

Esta semana deron comezo as obras da Casa do Concello sen buscar ningunha solución para o persoal que presta os seus servizos neste edificio municipal. A situación agravouse cando os obreiros se puxeron a picar a parede coas propias compañeiras da Oficina municipal de Rehabilitación traballando ao seu carón e tragando todo o pó da obra, isto agrávase porque a falta de persoal fai que día tras día o pó de acumule nas oficinas porque non hai quen limpe e o Concello se nega a cubrir as baixas.

Por todo isto, onte mesmo, os delegados de prevención da CIG rexistraron unha queixa por escrito ante o Concello coa proposta de solucións provisionais para que o persoal non teña que padecer esta situación e onde lle comunicaron o seguinte:

1. As obras que acaban de se iniciar na Casa do Concello están supoñendo múltiples molestias aos traballadores do devandito edificio por culpa do pó que supón picar a parede e o problema que as obras se estean a realizar en horario laboral.

2. Que o pó que se respira por mor das obras é prexudicial para as traballadoras da Oficina de Rehabilitación que deberían ser trasladadas provisionalmente polo estado de sucidade da oficina, agravado porque neste edificio só se limpa unha vez á semana.

3. Que a maiores os ruídos ocasionados polas obras supoñen unha molestia adicional para desenvolver o traballo polo que este tipo de obras deberían ser realizadas fóra do horario laboral das oficinas nas que se realizan as obras.

Por todo isto, solictáronlle que o Concello tome as medidas oportunas de cara a solucionar os problemas ocasionados polas obras con algunha das solucións propostas ou con algunha alternativa que o Concello estime oportuna para solucionar este problema.

Logo de presentar a queixa un delegado de prevención achegouse a onde o concelleiro de Persoal que non só non lle deu unha solución ao problema senón que derivou a responsabilidade noutro concelleiro de área cando a responsabilidade dos temas de persoal é toda del. A obra continúa en horario laboral e o persoal traballa nos seus postos rodeado de pó e con olores moi fortes de todos os produtos que se utilizan para amañar as deficiencias do edificio e nin sequera o Concello os informou de canto tempo durará isto.

Por parte da CIG solicitaremos o asesoramento necesario para ver que pasos podemos seguir ante as dúbidas de que o edificio reúna na actualidade, coas obras en marcha, as condicións oportunas e ao abeiro da lexislación en materia de prevención, para que os traballadores sigan desempeñando o seu traballo na Casa do Concello mentres estas obras de reparación do edificio seguen en marcha.

Indemnizacións por asistencia a tribunais de procesos selectivos

Publicamos a orde do ano 2002 que regula as indemnizacións por asistencia a tribunais de procesos de selección na Administración pública logo de diversas consultas con respecto a este tema. Nunha Administración cun funcionamento "normal" este pagamento das indemnizacións correspondentes aos membros dos tribunais produciríase sen que as teñan que solicitar por escrito, porque o propio Concello tamén de motu propio é que fai os nomeamentos, mais en Concellos como o de Betanzos, e á vista de que pretende aforrar os cartos que lles corresponden aos membros dos tribunais por ese traballo adicional, e mesmo en casos fóra da xornada laboral, recomendamos solicitalo por escrito. 

Moitos compañeiros nos levan informado ao longo destes anos que non hai tanto tempo que o Concello pagaba sen problema ningún as indemnizacións correspondentes, mesmo membros de Comité de Empresa anteriores nos teñen informado de cando ao Comité de Empresa se lle permitía tomar parte nos procesos selectivos teñen percibido a indemnización correspondente, por tanto, isto non é algo tan novo e neste Concello houbo un momento en que estas indemnizacións se pagaron logo do trámite correspondente por parte do propio Concello, por iso queriamos informar a todos os compañeiros e compañeiras laborais que formaron parte dos últimos procesos selectivos que teñen dereito ás indeminzacións correspondentes que se resumen nas seguintes:

Asistencias por participación en tribunais de oposición ou concurso ou outros órganos encargados de persoal

Categoría primeira:

Presidente e secretario . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . 45,89
Vogais . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . 42,83

Categoría segunda:
Presidente e secretario . . . . . . . . . . . . . . . . . . ...... 42,83
Vogais . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . ...39,78

Categoría terceira:
Presidente e secretario . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . 39,78
Vogais . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . 36,72

18/11/13

REUNIÓN DO 15 DE NOVEMBRO DE 2013 CO ALCALDE

O pasado venres, logo da solicitude do Comité de Empresa, o alcalde recibiu aos membros da Comisión executiva. Aínda que en principio a vontade de escoitar por parte do Concello foi boa o certo é que as solucións concretas a temas que se propuxeron non foron moitas.

En principio a idea de solicitar unha reunión co alcalde era transmitirlle a nosa preocupación pola falta de diálogo que o concelleiro de Persoal practica cos representantes do persoal laboral e poñelo ao día dalgúns dos problemas existentes, e tendo en conta esta finalidade si que podemos considerar que a reunión foi produtiva en tanto o propio alcalde instou ao concelleiro de Persoal a que mensualmente tivese unha reunión cos representantes do persoal laboral para mellorar as vías de diálogo. Igualmente, o Comité amosoulle ao Concello a súa preocupación pola falta de diálogo reflectida en que os propios delegados dos traballadores se enteraban das novas de persoal ben a través da prensa ben a través dos partidos da oposición, o que era moi sintomático da falta de diálogo con eles, a maiores nalgunha ocasión mesmo descubriron por estes medios como o concelleiro de Persoal lles ocultaba información e mesmo nalgún caso chegou a mentir ao preguntarlle pola situación contractual dalgún persoal.

Para alén diso non podemos obviar que resulta decepcionante que un alcalde admita discriminacións entre o persoal e volva á escusa de que sempre foi así para non amañalas, resulta decepcionante a falta de decisión para atallar algunhas discriminacións máis graves do persoal laboral, entre as que se encontran tanto retributivas como de trato.

Entre os temas tratados e de máis interese para o Comité de Empresa estaban a negociación do convenio colectivo e a necesidade dunha Relación de Postos de Traballo. O Comité explicoulle ao alcalde que entendía que ninguna escusa xustificaba unha paralización da negociación do convenio dende había meses e que o triste é que, de seguirmos así, isto suporía que para o ano quedariamos de novo sen convenio e habería que solicitar outra prórroga. En todo caso, finalmente o Concello indicou que agora que está acordada na Xunta de Goberno Local a contratación da empresa que os asesorará na negociación, que en breve se retomarían as negociacións e que o Concello tamén pretendía que puidesen finalizar no ano que vén (cousa que non estaría mal logo de tres anos..), aínda que isto xa se verá porque o descrédito do concelleiro de Persoal cada vez é maior polo incumprimento dos prazos que el mesmo marca en reiteradas ocasións. Finalmente, e independemente das palabras “bonitas” de alcalde e concelleiro de Persoal o Comité solicitou encarecidamente que se retomase a negociación do convenio para tentar afondar na organización de todo o que ten que ver co persoal laboral do Concello de Betanzos.

Outro dos temas de máis interese para o persoal era o que ten que ver coa Relación da Postos de Traballo, e se algo lle deixou claro a representación dos laborais ao alcalde é que o que fallou o ano pasado foi a negociación é que independentemente de que agora fose unha empresa a que elaborase unha Relación de Postos de Traballo o grupo de goberno debía ter claro que a negociación era unha fase fundamental e que deixou totalmente a un lado hai agora un ano. O propio alcalde insistiu en algo que levamos días vendo na prensa e é que a negociación non implica acordo, deixando entrever que o Concello non estaría moi polo labor de chegar a un acordo cos representantes sindicais e amosando en certa maneira unha actitude que nos lembra ao acontecido hai un ano só que desta volta pagaríanlle a persoal externo do Concello para facer ese traballo. Unha pregunta recorrente por parte do Comité foi sobre as directrices que se lle darían á empresa para a elaboración dese documento, e o certo é que a pesar de nos indicar que elaboraría unha relación partindo de cero deducimos que o Concello tampouco ten moita decisión neste tema nin unha defición clara do que quere, posto que non se falou de propostas concretas nin prazos o que fai isto un pouco frustante e non amosa unha verdadeira vontade de solucionar o problema, senón quizais de alongalo un pouquiño máis mentres vai pasando o tempo; de feito o propio alcalde que hai un ano propuxo un Plan de Emprego agora non é quen de informar sobre se pretenden seguir con iso adiante e dan a entender que o deixan un pouco en mans da empresa, o que se podería considerar como unha falta de responsabilidade tendo en conta que un Plan de Emprego aféctalle de maneira substancial ao persoal e modifica a situación laboral de moitos traballadores.

Máis un dos temas que quería sacar á luz o Comité de Empresa era a gravidade de non saber polo propio Concello que hai persoal contratado ao abeiro de subvencións xa finalizadas sobre o que o propio asesor xurídico informa que están en fraude de lei. A gravidade deste tema viña dada por varios factores, un deles porque o propio concelleiro de Persoal mentiu e ocultou a información durante meses cando a representación do Comité lle preguntaba polo tema, outro porque hai pouco máis dun ano o Concello despediu a doce compañeiros do que daquela era o GRUMIR porque a súa subvención finalizaba, como é sabido oito deles demandaron ao Concello pasando pola correspondente trámite xudicial que devolveu a seis destes ao seu posto de traballo. Tempo despois mesmo tiveron que volver a pedir as execucións de sentenza ao xulgado porque o Concello non lle pagaba os atrasos, mais agora nun caso igual, con finalización de subvención, o Concello leva 11 meses mantendo a tres compañeiros no posto de traballo en fraude de lei como indica o propio asesor xurídico municipal. Esta situación fai pensar que o Concello decidiu que a partir de agora non despide ao persoal cando se lle acaba a subvención e como o Comité sempre pide igualdade de trato para todo o persoal, pediulle que neste caso tamén o aplicase e que a partir de agora o persoal que finalizase a subvención debería ser tratado con igualdade de trato que estes tres compañeiros, e, igualmente, que para demostrar coherencia o Concello debería allanarse nos dous xuízos pendentes no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e readmitir aos compañeiros do anterior GRUMIR que foron botados cando finalizou a subvención, para demostrar que non é unha cuestión de nomes e apelidos (nin de delegados sindicais, tendo en conta que ao da CIG non houbo reparo en botalo mentres que os dous de UGT teñen un trato diferente) e que o Concello simplemente cambiou de opinión e decidiu manter ao persoal contratado ao abeiro de subvención independentemente da subvención, de onde saca os cartos xa o terá que pensar el.


O certo é que neste punto ficamos un pouco perplexos, por unha banda, coa actitude do alcalde, que volveu reincidir en que readmitiu ao persoal e puido telo botado, e por outra banda, coa actitude do delegado de UGT asistente á reunión que pareceu defender ao Concello ao volver a dicir o mesmo que levamos oído este tempo por parte do Concello, que non foron despedidos, que simplemente finalizaron un contrato (o que digan 4 de 5 xuíces aquí non debe importar...). Estas actitudes demostráronos con clareza o trato diferente segundo quen sexas porque na mesma mesa estaban dous compañeiros que estaban na mesma situación, a un o Concello despediuno e readmitiuno mais aínda o segue botando en cara, e a outro non só non o despide no mesmo caso senón que os propios servizos municipais fan un informe que o axudaría no caso dunha demanda por despido. En todo caso o Comité solicitou igualdade de trato e o Alcalde indicou que a idea deste goberno é non despedir a ninguén, o que tampouco garante nada á vista do acontecido o anopasado, xa neste goberno e con este alcalde á cabeza.

En xeral, aínda que esta reunión serviu para pór ao tanto ao alcalde de moitos temas resultou un pouco frustrante en canto reparamos en que é coñecedor dalgunhas das discriminacións existentes e tampouco hai moita vontade nin valentía para acabar con elas. Igualmente, tampouco observamos determinación á hora de marcar uns prazos para a negociación ben do convenio, ben das novas bases de axudas sociais, ben da Relación de Postos de Traballo e iso nos fixo dubidar de que realmente haxa un interese en amañar os problemas do persoal laboral. Resultou bastante frustante transmitirlle os graves problemas de persoal de sectores como limpeza e Escola Infantil Municipal para que unha vez máis lle botasen a culpa aos informes dos técnicos municipais mentres as traballadoras están sobrecargardísimas de traballo e aturando situacións indesexables para ningún traballador. Dende o Comité transmitíronselle ao alcalde diversos problemas aos que o concelleiro de Persoal leva meses sen dar solución e amosóuselle a total dispoñibilidade para buscar solucións conxuntas a estes problemas, ademais entregóuselle en persoa unha listaxe das solicitudes pendentes, onde se lle recriminou ao Concello que lle nega documentación ao Comité e o propio Concello admitiu que hai cousas que nos podería ir dando pouco a pouco, mais unha vez máis tampouco fixou prazos para nos entregar a documentación.

Finalmente, dende a CIG consideramos que as boas palabras as leva o vento e en materia de Persoal o que define a unha Administración son os avances concretos e a vontade de diálogo cos seus traballadores e nos dous últimos anos fomos quen de facer unha radiografía polo miúdo deste Concello onde xa toda a información está sobre a palestra e non poden enganar aos propios traballadores sobre a conciencia do goberno municipal da situación do persoal laboral. Outra cousa é que sobre a promesa de que se vai amañar nun futuro se deixe pasar o tempo e isto sirva para evadir conflitos que antes ou despois se terán que solucionar. En todo caso, dende a propia CIG e pola parte que lle toca no Comité de Empresa non deixará de facer o seu traballo coa expectativa de que o Concello recapacite e deixei de adiar todo no canto de arranxalo canto antes e tomar decisións baseadas no diálogo e a comunicación cos seus propios traballadores e traballadoras.





14/11/13

A CIG solicita a aplicación da orde do Estado que regula os días por enfermidade ou accidente que non dan lugar a incapacidade temporal

A CIG vén de solicitar por rexistro a aplicación da orde do Ministterio de Facenda e Administracións públicas que regula as ausencias por enfermidade ou accidente que non dan lugar a incapacidade temporal, e, por tanto, ao desconto en nómina correspondente.
Esta solicitude faise á vista de que neste Concello está a haber unha aplicación desigual do Decreto 20/2012 no que ten que ver coa incapacidade temporal e os descontos en nómina correspondentes. Varios traballadores se teñen queixado desta aplicación desigual que na práctica supón que dependendo do departamento ao que se pertenza as usencias por enfermidade son comunicadas dende o primeiro día co desconto en nómina correspondente e causando baixa ou hai ausencias en días sinalados por enfermidade que non dan lugar a incapacidade temporal.
Na Administración xeral do Estado isto está resolto dende hai tempo coa regulación dos días de ausencia por enfermidade ou accidente aos que non resulta de aplicación o desconto en nómina correspondente nos casos de incapacidade temporal, que poderían ser, como pon a propia orde, ata 4 ao ano con diferentes combinacións. Ademais, segundo a Lei 7/85 entendemos que directamente esta disposición sería se aplicación ao persoal comprendido na Administración local mais en todo caso a CIG solicitou que o Concello faga unha aplicación expresa desta orde para que non dea lugar a dúbidas, na práctica isto podería acabar coas diferentes varas de medir no caso deste tipo de ausencias que se están a dar na actualidade e que repercuten nos descontos en nómina correspondentes.