O
Concello de Betanzos ten o costume de entregarlle copia dos contratos
ao Comité de Empresa sen achegar ningunha información sobre os
procesos selectivos, isto dá lugar a que o Comité amose a súa
disconformidade porque non ten coñecemento ningún sobre como chegan
a ser escollidas as persoas que asinan os contratos, non só porque
estea fóra dos procesos, senón tamén porque a falta de información
sobre os propios contratos fai que se lle plantexen diferentes
preguntas ás que o Concello nunca dá resposta. Logo de amosar a súa
disconformidade o Comité de Empresa rexistra unha solicitude de
información con todas as cuestións que considera que non se axustan
á legalidade dos contratos efectuados polo Concello.
A
última sorpresa veu da man dos contratos relacionados con dous
obradoiros de emprego que se están a realizar no Centro de Formación
Ocupacional e sobre os que o Comité nin sequera tiña coñecemento
de que o Concello era quen efectuaba a contratación ata tempo
despois de empezar a traballar esta xente, por isto, e unha vez que
se lle achegou copia dos contratos o Comité deixou de manifesto que
a xornada laboral deste persoal non se axusta á do convenio
colectivo, superándoa, ademais de que as retribucións tampouco se
axustan ás do convenio colectivo e négaselle a este persoal o
dereito á parte proporcional da paga completa, tal e como indica o
propio convenio e a lexislación laboral, e consta que só se lle
pagará a parte proporcional do salario base, algo que consideramos
non só ilegal, senón discriminatorio con respecto ao resto do
persoal laboral deste Concello.
Recentemente,
o Concello realizou novas contratacións, falamos dunha praza de
técnico/a en orientación laboral, un contrato para limpeza por
acumulación de tarefas no CEIP Francisco Vales Villamarín e varios
contratos ao abeiro do Plan de Cooperación da Deputación da Coruña
de peóns de Protección Civil, auxiliares de axuda a domicilio e
peóns de mantemento. Unha vez máis o Comité de Empresa non tivo
coñecemento ningún sobre os procesos ata que o persoal foi
contratado, coa gravidade de que no caso dos contratos do Plan de
Cooperación o Concello nin sequera publicou as bases de selección
na páxina web, tal e como el mesmo indica que se debería facer nas
bases xerais aprobadas recentemente. Mais iso non é todo, o Comité
de Empresa, por iniciativa da CIG, xa solicitou por escrito as
explicacións pertinentes que motivan os salarios deste persoal non
permanente e que motivan que non se axusten ao convenio colectivo en
vixencia e que mesmo en moitos casos os complementos específicos
dupliquen os do persoal de igual categoría e funcións nunha praza
que forma parte da Relación de Postos de Traballo, o que suporía
unha discriminación salarial duns traballadores con respecto aos
permanentes do Concello. A maiores, no caso dos horarios laborais o
Comité solicitou explicacións dos contratos dos peóns de
Protección Civil por consideralos contrarios ao Estatuto de
Traballadores e indicar que este persoal traballa de luns a domingo e
sen horario laboral específico, o que suporía que non se respectan
os descansos mínimos establecidos pola lexislación laboral vixente
e que, a maiores, consideramos unha absoluta barbaridade.
A
día de hoxe o Concello segue sen responder, mais agardamos que cando
lle pidamos as explicacións pertinentes na reunión mensual co
concelleiro de Persoal sexa quen de dar conta das irregularidades e
modificar os contratos para que se axusten á lexislación
laboral e non continuar por este camiño cando se contrata persoal
laboral non permanente, porque ademais, xa lle puxemos de manifesto
ao Concello que o persoal contratado ao abeiro de subvención debe
traballar no que lle corresponden e non no que ao Concello lle vén
ben, porque unha vez máis está a utilizar ao compañeiros de
Protección Civil de "chic@s
para todo", o que consideramos lamentable, e máis
logo de seis sentenzas que parece que non serviron de advertencia
para o Concello.
A
CIG considera que as novas contratacións sempre son unha boa nova
para o Concello, e máis nos tempos de corren de falta de persoal,
mais non entende porque o Comité é excluído sistematicamente da
información que rodea os procesos e sempre que considere que os
contratos incumpren ben a lexislación laboral ben o recollido no
convenio colectivo e o Concello non lle dea as explicacións
pertinentes seguirá amosando por escrito a súa disconformidade coa
forma e a formalización dos contratos mais obviamente nunca coas
propias contratacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario