Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos sempre amosamos o noso total apoio, aos compañeiros doutras empresas da comarca que están a padecer situacións laborais ben críticas, como é o caso de Elaborados Metálicos EMESA, de feito, así llo amosamos dende a CIG cando o pasado 12 de decembro se achegaron ata o Concello para solicitar a implicación da corporación local de Betanzos no apoio da súa causa. Da reunión mantida co Comité de Empresa de EMESA saiu o acordo de que os grupos municipais de Betanzos presentarían en pleno unha moción conxunta de apoio aos traballadores de EMESA pola difícil situación que están a pasar ante a presentación por parte da empresa dun novo Expediente de Regulación Temporal, algo que consideramos sumamente positivo de cara a que os compañeiros de EMESA poida enfrontar esta dura loita que lles queda coa empresa.
O que ata este momento podería parecer algo normal, neste Concello é fóra do común se temos en conta que o goberno municipal leva dous anos ignorando ao Comité de Empresa do seu propio Concello e que hai pouco máis dun ano se plantou nunha Mesa Xeral de Negociación tentando impoñer as súas propias regras, tal e como lle pasa aos compañeiros coa empresa que citamos e que agora tanto apoia o goberno local, e pasar por riba de calquera opinión ou negociación cos representantes dos traballadores. Se a isto lle sumamos a carreira de destrución e privatización de emprego do Concello de Betanzos nos últimos anos, que case se podería comparar ao caso que nos cinximos de empresas que levan a cabo ERES e logo contratan de xeito temporal e en precario ou mesmo os últimos despedimentos que tantos procesos xudiciais supuxeron , consideramos que estamos ante unha actitude completamente hipócrita por parte dun Concello que apoia de cara á galería a un Comité de Empresa que "non o amolan" mentres que ignora e ningunea as propostas do Comité de Empresa do propio Concello que goberna.
Do contrario que nos explique baixo que premisa pretende amortizar prazas de servizos básicos como o persoal que atende o cemiterio, a limpeza de rúas, de edificios ou o mantemento en xeral, non cubrir ningunha das máis de vinte prazas que nos últimos anos ficaron baleiras pola xubilación do persoal ou nin sequera cubrir as baixas nun servizo tan básico como é a Escola Infantil Municipal por aforrar uns cartos... isto chámase deixar morrer os servizos públicos de inanición e mentres o goberno municipal nin sequera colleu o polveiro para comezar a varrer a súa casa, quere facer que varre a do veciño porque queda ben e non custa un can, mais a estas alturas xa non engana a ninguén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario