A información sobre temas laborais foi durante anos un tema moi prezado para o Concello de Betanzos que serviu para ter enganado a unha grande parte do persoal e mesmo mentir abertamente sobre dereitos do persoal laboral temporal. A desinformación que practicaron os sindicatos con maioría até o ano 2011, UGT e CCOO permitiulle ao Concello xogar con vantaxe porque un traballador desinformado e descoñecedor dos seus dereitos, ou sobre o propio trato discriminatorio que sofre con respecto aos compañeiros sempre é máis vulnerable e maleable que un que sabe cal é o seu lugar e ata onde chega o seu papel na Administración.
Todos estes motivos son os que nos fan pensar que o Concello siga teimando en non responderlle a ningunha das solicitudes do Comité de Empresa, hai meses que o Concello tomou como determinación non responder ás peticións nin escritos rexistrados do Comité, porque no fondo saben que o control da información é determinante para que se poidan denunciar moitas situacións non só discriminatorias, senón que tamén é posible que estean á marxe da lexislación laboral existente.
O pasado mes, na reunión que o Comité de Empresa mantivo co propio alcalde achegoulle unha listaxe dalgunhas das solicitudes máis importantes que o Concello ten pendente entregarlle ao Comité de Empresa, esta mesma listaxe fora rexistrada un día antes lembrándolle ao goberno municipal que o Comité de Empresa non esquece toda a documentación que o Concello ten pendente de lle entregar. A escusa do Concello xa soa como a dun mal pagador porque se fala do volume de traballo do Departamento de Persoal, cousa que non dubidamos mais que non consideramos válida para escusar que o Concello leve dende hais dous anos sen lle entregar algunha documentación aos representantes dos traballadores. Na reunión que o Comité de Empresa mantivo neste mes de decembro co concelleiro de Persoal volveuse sobre o tema, mais o certo é que parece que as cousas que se apuntan como pendentes por parte do goberno deben tirarse ao lixo cando os representantes dos traballadores saen pola porta, porque non hai outro cousa que explique que o goberno poña boa cara por diante e non faga nada á hora da verdade.
Podedes consultar aquí a listaxe que se lle entregou ao alcalde de documentación e solicitudes pendentes por parte do Comité de Empresa do Concello de Betanzos.
En todo caso, aínda que como sindicato maioritario no Comité de Empresa consideramos que isto faise cunha clara vontade de obstaculizar o traballo dos delegados sindicais e para que a información non estea, en moitos casos, ao alcalce de todos os traballadores e traballadoras, somos conscientes de que en moitos casos é difícil amañar problemas perpretados e creados ao longo dos anos polo distintos gobernos municipais en materia de persoal tamén estamos plenamente convencidos de que todas as decisións que se tomen mentres teñamos representación neste Concello que atenten contra a legalidade ou vaian na contra do colectivo do persoal laboral tomaremos as decisións necesarias para acudir onde faga falla e interpor as denuncias pertinentes mais non seremos cómplices pasivos das decisións do goberno municipal como teñen feito no pasado os sindicatos con maioría no Comité de Empresa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario