27/10/11

Axudas sociais 2011: información xeral e prazos

A vindeira semana abre o prazo de presentación para a as solicitudes das axudas sociais correspondentes ao ano 2011. Este prazo estará aberto ata o último día do mes de novembro e coma en anos anteriores o modelo de solicitude deberá estar ao dispor do persoal na Oficinas Xerais do Concello.


A pesar de que o Concello case un ano despois da anterior convocatoria non foi quen de resolver as axudas sociais do ano 2010, e convocou a comezos de outubro ao Comité de Empresa a unha reunión da que saiu unha proposta de concesión, a día de hoxe aínda non se publicou nin sequera a listaxe provisional de concesión desas axudas. Aínda así, cómpre lembrar que a partir da semana que vén o persoal pode solicitar unhas novas axudas e que tal e como recollen as bases actuais, aprobadas no 2001, das axudas sociais deberían ser resoltas xa no vindeiro mes de decembro.


Algúns dos aspectos máis destacados que debedes lembrar para solicitar as axudas sociais son os seguintes:


Os conceptos para os que se poden presentar facturas son os seguintes: bolsas de estudo, gardaría, odontoloxía, lentes e próteses ortopédicas e dispositivos especiais.


Polo xeral as axudas sociais comprenden ao/á empregado/a e todos e cada un dos membros da unidade familiar (cónxuxe, fillos/as e orfos/as -menores de idade-de empregados/as)



Xunto coa solicitude deberanse xustificar os gastos coas facturas e mais achegar copia do libro de familia no caso de solicitalas para a unidade familiar.



As cantidades máximas outorgada para os distintos conceptos, segundo o último documento achegado polo Concello ao Comité de Empresa, son as seguintes:


BOLSA DE ESTUDOS

Ensino primario: 90,15 euros

ESO, Bacharelato e FP: 150,25 euros

Universidade, escolas técnicas e equivalentes: 210,35 euros

GARDARÍA: 48,08 euros

ODONTOLOXÍA: 270,46 euros

LENTES: 120, 20 euros

PRÓTESES ORTOPÉDICAS E DISPOSITIVOS ESPECIAIS

Calzado ortopédico: 225, 38 euros

Plantillas: 60, 10 euros

Muletas: 90,15 euros

Vehículos de discacitados/as: 450, 76 euros

Aparello auditivo: 210, 35 euros


Estas contías deben ser proporcionais non caso de non se xustificar a cantidade máxima, e, igualmente, no caso de que o orzamento designado para estas axudas non chegue para todas as solicitudes, as cantidades reduciranse individualmente de xeito proporcional.


Nos vindeiros días agardamos ter máis información sobre a resolución pendente das axudas sociais do 2010 e informarémosvos puntualmente.

26/10/11

Temas pendentes do novo convenio

A proposta de novo convenio que o Comité de Empresa lle entregará no proceso de negociación ao Concello inclúe varios anexos, tal e como a CIG propuxo dende un comezo. Entre eles, cómpre destacar a proposta dun novo anexo que recolla a roupa de traballo e outro que recolle os horarios específicos de todos aqueles postos de traballo que teñen un horario distinto á xornada marcada como xeral no convenio e que realiza unha grande parte do persoal neste Concello.


Estes anexos serán elaborados polos distintos membros do Comité de Empresa nos vindeiros días que se achegarán a todos os departamentos do Concello que utilicen unha determinada roupa de traballo ou traballen nun horario distinto ao recollido como xeral no convenio. Este traballo realizarase para proporlle ao Concello que todas estas especificidades queden recollidas no novo convenio e así non haxa problemas como os que hai na actualidade derivados do convenio vixente que recolle o vestiario que anualmente se lle entregará ao persoal de obras e mantemento ou limpeza, mais nada indica sobre o vestiario ao que ten dereito o persoal de axuda a domicilio, gardaría ou GRUMIR, entre outros.

Dende a CIG non entendemos como cando se aprobou o convenio vixente a día de hoxe houbo departamentos que precisan roupa de traballo e elementos de protección que non foron recollidos no artigo correspondente do convenio, por iso intentaremos enmendar estes erros e propomos un anexo onde todos os departamentos que utilicen roupa de traballo queden reflectidos.

Solicitude de constitución do Comité de Seguridade e Saúde

Xa hai un tempo que dende a CIG do Concello de Betanzos nos vimos preocupando do tema da saúde laboral e así llo fixemos chegar ao concelleiro de Persoal nalgunha das reunións solicitadas por parte do Comité. Por iso, e logo de informarnos sobre o tema na asesoría da CIG entendimos que era necesario dar os pasos precisos para comezar a incidir no tema da saúde laboral, de aí que propuxemos no Comité de Empresa a necesidade de nomearmos os/as delegados de prevención en seguridade e saúde para así instar ao Concello a que crease o Comité de Seguridade e Saúde.

O certo é que ata o momento nunca o sindicato con maioría neste Concello ata as pasadas eleccións sindicais se preocupara polo tema da saúde e a seguridade no traballo, mais dende a CIG coidamos que é un tema de moita importancia e que é necesario que se comece a traballar nel dende o Comité de Empresa. Por iso, algúns dos representantes da CIG no Comité de Empresa van iniciar os cursos de formación en materia de prevención de riscos laborais, porque entenden que son necesarios para coñeceren máis polo miúdo a lexislación e analizaren cales son os problemas específicos do persoal laboral neste ámbito.

Na reunión extraordinaria do Comité de Empresa que tivo lugar onte, a representación da CIG explicou o número de delegados que se deberían nomear en función do número de traballadores, cal sería a súa función e propuxo que no nomeamento dos delegados houbese dous por parte da CIG e outro que o escollese a representación da UGT no Comité. Por tanto, e logo do acordo tomado na reunión do Comité de Empresa os delegados de prevención da CIG serán os compañeiros Jorge Amarante Rodríguez do GRUMIR e Raquel Rodríguez Fernández do servizo de Limpeza.

Hoxe mesmo comunicóuselle ao Concello por parte do Comité de Empresa o nomeamento dos delegados de prevención e instouse a que o Concello constitúa o Comité de Seguridade e Saúde coa maior brevidade posible a constitución do Comité de Seguridade e Saúde xa segundo o artigo 38 da Lei 31/1995 de prevención de riscos debe estar constituído en calquera centro de traballo con máis de cincuenta traballadores e estará formado polos delegados de Prevención, dunha parte, e polo empresario e/ou os seus representantes en número igual ao dos delegados de Prevención, da outra.

Comisión negociadora do novo convenio

O pasado luns, 24 de outubro, o Comité de Empresa foi convocado a unha reunión para constituír a Comisión negociadora do novo convenio. Isto produciuse logo de que o convenio fose denunciado o día 22 de setembro e ante a obrigatoriedade legal, por parte do Concello, de iniciar o proceso de negociación nun mes a partir da data de denuncia.


Nesta reunión establecéronse as bases do proceso negociador e informouse ao Concello de que o Comité de Empresa ten unha proposta de convenio que xa está case finalizada. Igualmente, e por unha cuestión de axilidade, que xa a CIG incluíu na proposta de convenio que presentou ao Comité de Empresa, na Comisión negociadora irán dous respresentantes da CIG e un da UGT, en función da representatividade do Comité. Por parte da CIG os/as compañeiros/as que formarán parte da Comisión negociadora do convenio do persoal laboral e os seus respectivos suplentes serán os seguintes:

Silvia Muíño Naveira

Suplente: Mónica Núñez Vales

Marcos Dopico Sánchez

Suplente: Jorge Amarante Rodríguez

A comunicación dos membros escollidos para a negociación foi hoxe mesmo comunicada ao Concello, tal e como se acordou onte mesmo nunha reunión extraordinaria do Comité de Empresa.

Unha vez que se comunicaron os membros da Comisión negociadora ao Concello e que o Comité de Empresa está á espera dun calendario de reunións para planificar a negociación dun novo convenio, o Concello é quen lle ten que comunicar aos membros designados a data e o contido da orde do día da vindeira reunión.

24/10/11

Cobertura de praza de profesor/a de guitarra

O sábado o Concello publicaba na prensa un anuncio para darlle publicidade á convocatoria para a cobertura dunha praza de profesor/a de guitarra. Esta mesma convocatoria foi publicada na páxina web do Concello e pode ser consultada aquí. O prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro día 30 de outubro.

Máis unha vez o Concello non conta co Comité de Empresa para a convocatoria dunha praza e segue o seu camiño de costas á representación dos traballadores, a pesar das continuas promesas fallidas que nos leva facendo nos últimos meses. Lamentamos, sen dúbida, esta actitude por parte do goberno municipal, e nos vindeiros días dende a sección sindical da CIG do Concello de Betanzos decidiremos os pasos que haberá que seguir, logo de que os feitos por parte do Concello cada vez se correspondan menos coas promesas que lle levan feito durante meses á representación dos traballadores.

A representación do persoal non só non é informada, dende que este novo Comité se constituíu, das previsións na provisión de postos de traballo, senón que simplemente sabe de moitas contratacións unha vez que lle son achegadas as copias dos contratos, mais en ningún caso con anterioridade a esas contratacións. Esta falta de información provoca a disconformidade por parte da representación do Comité unha vez que lle son entregados contratos dos que se descoñece o proceso selectivo e mesmo nin se facilita información cando esta se require puntualmente, ademais de que nalgúns casos mesmo reflicten unhas retribucións que non se corresponden cos conceptos retributivos recollidos no convenio e sobre o que tampouco se facilita ningunha información.

Esta opacidade do Concello á hora de facilitar información demostra o pouco interese en que se coñeza o estado real do problema laboral neste Concello e de que se saiba polo miúdo o que o Concello fai ou deixa de facer en materia de contratación laboral.



18/10/11

Cig Informa Grande
Abrindo camiños n.º 8

16/10/11

A CRISE, O SISTEMA E A SOBERANÍA // SI existen alternativas! (documental)

A CIG convoca unha manifestación o 23 de outubro en defensa do emprego e dos servizos públicos

A central reitera que é o modelo capitalista o que está en crise e reclama a aplicación de políticas alternativas que permitan encetar un novo modelo económico e social.


A CIG presentou a campaña “Si, existen alternativas! En defensa do emprego e dos servizos públicos” que rematará neste primeira fase cunha manifestación nacional o vindeiro 23 de outubro en Compostela. Con esta campaña á central sindical pretende enfrontar a falsa idea de que a única saída á crise pasa polos recortes sociais e laborais, pondo en valor que hai outras políticas posíbeis, mais que requiren rachar co modelo capitalista neoliberal.


Aínda que a campaña nace coa idea de ter continuidade no tempo, a primeira etapa rematará o vindeiro domingo 23 de outubro cunha manifestación nacional en Compostela aberta á participación de toda a cidadanía. A marcha, que sairá da Alameda ás 12:30 horas, estará precedida de asembleas de delegados e delegadas da CIG en todas as comarcas, celebrándose a primeira delas este mesmo mércores na Coruña. “Dende a CIG queremos desmontar as falsidades utilizadas para aplicar as políticas de recortes e propor á cidadanía que existen alternativas, pero hainas que enmarcar dentro dun modelo económico e social distinto ao capitalista neoliberal”, resumía Suso Seixo ao inicio da rolda.


Alternativas aos recortes


Dende o inicio da crise económica, a CIG veu alertando que as medidas sociais e laborais adoptadas non ían axudar á saír da situación de recesión e facilitar a creación de emprego, senón que o seu efecto sería contrario, posto que non inciden nas verdadeiras causas da crise. Unha crise financeira na súa orixe e vinculada a unha economía especulativa argallada á marxe da economía real e na que apenas ten peso o sector produtivo.


Neste senso, Seixo criticou que dende o estoupido da crise os estados teñan inxectando enormes recursos públicos á banca, primeiro con achegas directas para a súa recapitalización, e agora permitindo a especulación coa débeda pública, que ten deixado ao borde da quebra a moitos estados. “Os problemas coa débeda pública remataríanse cunha medida tan sinxela como que o Banco Central Europeo comprase á débeda aos estados”, sinalou Seixo, quen criticou que os gobernos europeos e o BCE eviten enfrontar unha decisión deste calado.


O Secretario Xeral da CIG puntualizou que os problemas económicos que poida ter a banca son coa débeda privada e non coa pública. No caso do estado español, a débeda pública representa o 65% do PIB mentres que a privada representa o 217% do PIB. “Se os recursos que se destinan á recapitalizar á banca privada se destinasen á crear unha Banca Pública hoxe as medianas e pequenas empresas, así como as familias, terían a posibilidade de acceder ao crédito e estaríamos nunha situación económica e en materia de emprego totalmente distinta”, aseverou.


Encetando con esta problemática, Seixo cuestionou as medidas aplicadas polos gobernos para reducir o déficit público, medidas todas elas baseadas en recortes do gasto público e a conseguinte perda de calidade dos servizos e do emprego. Pola contra, a CIG propón atallar esta cuestión pola vía contraria: equilibrar os orzamentos incrementando os ingresos.


“Isto supón falar dun cambio na política fiscal, incrementar os impostos á banca, ás rendas máis altas e ás grandes fortunas, recuperar o imposto de patrimonio e sucesións, rematar coa fraude fiscal e cos paraísos fiscais, etc.. Segundo os datos dos inspectores de Facenda, a fraude fiscal no Estado español sitúase nos 66.000 millóns de euros, fraude que nun 71% está cometida pola banca e as grandes empresas”, puntualizou.

10/10/11

Dubidoso cumprimento da Lei de prevención de riscos laborais no Concello de Betanzos

Outro grave problema detectado recentemente e que xa se lle comentou ao concelleiro de Persoal foi que consideramos que neste Concello hai xa máis que un dubidoso, hai un deficiente cumprimento da Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais, xa non só porque lle temos preguntado en múltiples ocasións ao Concello sobre os Equipos de Protección Individual dalgúns colectivos coma o GRUMIR e o Concello non é quen de responder con rotundidade se os traballadores contan con toda a equipación necesaria, senón tamén porque, polo que parece, neste Concello nin hai un servizo de prevención, como indica o convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos, e nin sequera se nos sabe responder sobre a existencia ou non dun Comité de Seguridade e Saúde que marca de obrigada existencia e en función do número de traballadores a Lei de prevención de riscos laborais que é do ano 1995, e que mesmo o noso convenio recolle como de aplicación no artigo 39. Non temos a certeza, pois, de que existise con anterioridade este Comité de Seguridade e Saúde mais o certo é que o Comité actual non foi convocado á súa constitución nin a ningunha reunión deste organismo que segundo a Lei 31/1995 debe ser convocado trimestralmente.

Sorpréndenos, pois, máis unha vez, como o incumprimento do convenio tan nomeado polo Concello para desestimar solicitudes en detrimento dos traballadores, agocha moita desidia por parte da Administración local. Por iso puxemos este feito en coñecemento do Goberno ao nos decatar que este grave incumprimento das leis en materia de saúde laboral pode supoñer un risco para os traballadores e, igualmente, instamos a que se hai tanta vontade de amañar as cousas como se nos indica verbalmente en reiteradas ocasións, se comecen a dar os primeiros pasos para solucionar estas eivas.

Os teus dereitos a un clic

Lembra que neste blogue podes consultar diversos textos oficiais que te poden axudar a coñecer un pouco máis o marco lexislativo en que se move o persoal das Administracións públicas. Tes ao teu dispor na nosa páxina web:
Ademais, lembra que podes consultar todos os nosos voceiros aquí!

Solicitude de reunión da Comisión Paritaria de interpretación do convenio

Segundo vai pasando o tempo e dende a CIG procuramos información sobre a situación laboral do persoal do Concello máis son as eivas e os problemas que detectamos e poñemos en coñecemento do Goberno municipal para procurar as vías de solución. Logo de repensarmos o problema que certos compañeiros teñen ao desfrutar os días de asuntos propios decatámonos de que dende o Concello sempre se interpretou unilateralmente o convenio e en ningún momento se reuniu a Comisión paritaria de seguimento do convenio, que tal e como marca o noso convenio colectivo debería estar creada dende o ano 2006, días despois da publicación oficial do texto.

Independentemente de que esta Comisión existise ou non con anterioridade, tema que en todo caso lle correspondería ao Comité anterior, o que nós si que podemos afirmar é que nestes catro meses que levamos no Comité e que se segue a interpretar o convenio en detrimento dunha parte do persoal laboral nunca este Comité foi convocado para unha reunión da susodita Comisión. Por iso hai unhas semanas o Comité solicitou por rexistro que coa maior urxencia posible se reúna a Comisión paritaria e os representantes do persoal teñamos algo que dicir tamén sobre os problemas de aplicación do convenio e non o Concello interprete unilateralmente o que el mesmo aprobou en 2005 que tiña que facerse nunha Comisión.

Lembra para as túas solicitudes

O Real decreto 1777/1994 de adecuación dos procedementos de xestión de persoal á Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común recolle os supostos de eficacia estimatoria e desestimatoria das solicitudes, é dicir, cando se pode entender o silencio administrativo positivo ou negativo. Entendemos as solicitudes estimadas se transcorreron os seguintes prazos sen que houbese unha resolución expresa:

a) Vacacións en período ordinario: Un mes.
b) Permisos por nacemento dun fillo ou morte ou enfermidade dun familiar: Un día.
c) Permisos por traslado de domicilio sen cambio de residencia: Dez días.
d) Permisos para concorrer a exames finais: Tres días.
e) Permisos dunha ou media hora de ausencia do traballo para o coidado de fillo menor de nove meses: Un día.
f) Permisos para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público ou persoal: Tres días.
g) Permisos por maternidad ou adopción: Tres días.
h) Permisos para asuntos particulares: Dez días.
i) Redución de xornada por razóns de garda legal: Dez días.
j) Ampliación de xornada para quen a ten reducida por garda legal: Dez días.
k) Permisos sindicais: Tres meses.
l) Licenza por estudos sobre materias directamente relacionadas coa Función Pública: Tres meses.
m) Licenza por matrimonio: Dez días.
n) Prórrogas de toma de posesión de postos obtidos por primeiro nomeamento ou concurso: Vinte días.
ñ) Reingreso ao servizo activo de persoal con reserva de praza e destino: Tres meses.
ou) Reingreso procedente de suspensión por tempo inferior a seis meses: Dez días.
p) Excedencia para o coidado de fillos: Un mes.
q) Excedencia voluntaria por outra actividade no sector público, prevista no artigo 29.3.a) da Lei 30/1984: Tres meses.
r) Excedencia voluntaria por interese particular, prevista no artigo 29.3.c) da Lei 30/1984: Tres meses.
s) Excedencia voluntaria por agrupación familiar: Tres meses.
t) Servizos especiais: Dous meses.
ou) Servizos en Comunidades Autónomas: Dous meses.
v) Suspensión do contrato de traballo por servizo militar ou prestación social sustitutoria: Dez días.
w) Suspensión do contrato de traballo por desempeño de posto de alto cargo ou por cargo electivo: Dez días.
x) Xubilacións voluntarias: Tres meses.

Unha vez transcorrido ese tempo sen resposta por parte da Administración entenderase o silencio como positivo.

Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais

Lei 31 1995 Prevencion Riscos Laborais

04/10/11

Abrindo camiños: axudas sociais

O Comité de Empresa foi convocado para hoxe, martes día 4 de outubro, a unha reunión que tivo como único punto da orde do día a proposta de concesión das axudas sociais 2010. Desta volta as axudas sociais rexéronse polas bases xa aprobadas hai anos (2001) polo Concello e en que se baseou a propia convocatoria das axudas.

Dende a CIG xa no noso propio programa recollimos que defendemos que as axudas deben ser verdadeiramente sociais, é dicir, repartidas consonte criterios económicos e das posibilidades dos traballadores. Esta defensa marcará a proposta dunhas novas bases e tamén está na nosa proposta de novo convenio que aínda se está a debater polo plenario do Comité de Empresa.

Na reunión de hoxe deixamos claro por parte da CIG que defendemos que as axudas sexan repartidas entre todo o persoal e que se acabe coa discriminación do persoal non permanente, ou que, cando menos, a proposta de concesión que saía desa reunión, composta, como corresponde, na súa maior parte polo persoal laboral, recolla que a representación do persoal entende que todos os traballadores e traballadoras teñen dereito a estas axudas.

Para alén disto, dende a CIG defendemos que se cumpran as bases actuais e indicamos que se deben dar os pasos para darlle unha maior publicidade a partir de agora ás axudas, para que se publiquen nos taboleiros dos distintos edificios do Concello as listaxes provisionais e definitivas destas e que haxa un prazo para achegar a documentación necesaria para finalizar os trámites. Así pois, valoramos moi positivamente os pasos dados polo Concello tanto na convocatoria como na propia dispoñibilidade para facer a deste ano en curso máis transparente e darlle máis publicidade, mais somos conscientes de que estes pasos déronse grazas ao noso traballo como CIG e dentro do propio Comité onde traballamos a diario para ir abrindo este difícil camiño que xa augurabamos cheo de silveiras.

Instamos, ademais, ao Concello, a que na vindeira convocatoria de axudas, cuxas solicitudes se presentarán, como en anos anteriores, do 1 ao 30 de novembro, a convocatoria da reunión para a resolución sexa menos dilatada no tempo e na medida das súas posibilidades cumpra o prazo previsto nas propias bases, que indican que deben ser resoltas no mes de decembro de cada ano e non case un ano despois, como aconteceu este ano e logo de ter que facer o Comité a solicitude das bases e a convocatoria por rexistro no Concello.

Acordouse, logo, que nas vindeiras semanas se publicarán nos taboleiros as listaxes provisionais das axudas sociais do ano 2010, o Concello notificaralle a falta de documentación ao persoal que non achegase o necesario para a xustificación e abrirase un prazo para achegar esta antes da publicación das listaxes definitivas. Ademais, e tendo en conta que xa estamos a piques de solicitar as axudas sociais de 2011, achegaremos dende o propio Comité o modelo de solicitude e mais as bases aínda vixentes ao maior número de compañeiros e compañeiras para que haxa a máxima difusión posible da información, tal e como defendemos dende o comezo desta andaina.

Curso sobre intervencións de rescate en ríos, riadas e inundacións.

No DOG n.º 190 do martes 4 de outubro de 2011 publícase a convocatoria dun curso sobre intervencións de rescate en ríos, riadas e inundacións.

Horas lectivas: 30
Modalidade: presencial
Edicións: 3
Obxectivos: dotar o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, a que se refire o artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, da formación necesaria para o exercicio da súa función e que adquira coñecementos teórico-prácticos para poder acometer en suficientes condicións de seguridade un rescate tanto en augas rápidas coma no transcurso dunha inundación

Podes consultar a convocatoria comopleta aquí.

02/10/11

Sobre a excedencia...

Na Lei do Estatuto dos Traballadores:

ARTIGO 46.- Excedencias.

1.- A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito a conservación do posto e ao cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ao traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ao cesamento no cargo público.

2.- O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en excedencia voluntaria por un prazo non menor a catro meses e non maior a cinco anos. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

3.- Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender ao coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza, como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, aínda que estes sexan provisionais, a contar desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a dous anos, salvo que se estabeleza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores para atender ao coidado dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade non poida valerse por si mesmo, e non desempeñe actividade retribuída.

A excedencia contemplada no presente apartado, cuxo período de duración poderá gozarse de forma fraccionada, constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dese dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin ao que, se é o caso, se viñese disfrutando.

O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme ao estabelecido neste artigo será computábel para efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, á participación dos cales deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o devandito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Non obstante, cando o traballador forme parte dunha familia que teña recoñecida oficialmente a condición de familia numerosa, a reserva do seu posto de traballo estenderase ata un máximo de 15 meses cando se trate dunha familia numerosa de categoría xeral, e ata un máximo de 18 meses se se trata de categoría especial.

4.- Así mesmo poderán solicitar o seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

5.- O traballador excedente conserva só un dereito preferente ao reingreso nas vacantes de igual ou semellante categoría a súa que houbese ou se producisen na empresa.

6.- A situación de excedencia poderá estenderse a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e os efectos que alí se preveñan.