06/08/18

Segue pendente o cobro do incremento salarial do 1,5% + 0,25% para o ano 2018

A Administración estatal xa ditou o pasado 17 de xullo as instrucións para o pagamento dos atrasos das subas correspondentes ao ano 2018, que na actualidade xa está confirmado que son un 1,5% + 0,25% que estaba pendente.
Hai que lembrar que o incremento do 1,5% é con efectos do 1 de xaneiro, por tanto, o Concello non debería só aplicalo de inmediato, senón tamén pagar os atrasos desde o pasado 1 de xaneiro de 2018. Canto ao 0,25%  a suba debe aplicarse desde o 1 de xullo e calcúlase sobre as retribucións vixentes a 31 de xaneiro de 2018.
Na actualidade o Concello de Betanzos non aplicou ningunha das dúas subas na nómina e o ano pasado, cunha situación similar, aplicou o incremento retributivo coa nómina do mes de outubro e cun atraso de catro meses, e os atrasos adebedados pagounos en decembro, cun atraso de seis meses. 
Este demora nos prazos vén sendo habitual nun departamento de Persoal que presenta serios problemas de xestión que repercuten nos propios traballadores e traballadoras do Concello que levan meses sen cobrar horas extraordinarias e que vén como as distintas subas reguladas nos orzamentos estatais son demoradas até o infinito ou os convenios aprobados e os acordos e dereitos en materia retributiva teñen un periplo xa non de meses, senón de anos en distintos casos, que lle crean desánimo ao persoal e que demostran unha nefasta xestión desta área.

Os datos do paro do mes de xullo confirman o aumento da temporalidade na contratación


Ademais consolídase a desprotección social, xa que máis da metade das persoas desempregadas non perciben prestación

Os datos do paro do pasado mes de xullo feitos públicos hoxe confirman a consolidación da temporalidade, da precariedade e da desprotección social instalada no mercado laboral galego e o descenso da contratación indefinida, xa que o 93,21% dos 118.568 contratos asinados neste período foron de carácter temporal. Paralelamente, a desprotección social das persoas desempregadas continúa en niveis insoportábeis: máis da metade non ingresa ningún tipo de prestación.

O mes de xullo rematou con 163.412 persoas desempregadas no noso país, 6653 menos con respecto a xuño, polo que paro descendeu un 3,9% neste período. Esta leve baixada do paro contrasta cos 118.568 contratos asinados (14.898 máis que en xuño, o que supón un incremento do 14,4%). Destes, un total de 110.516 foron de carácter temporal (93,21%). 
Deste xeito, á escasa duración dos contratos hai que sumarlle a elevada rotación dos mesmos, algo que vén sendo tónica habitual.

Ao mesmo tempo, a reducida contratación indefinida que se rexistra mes a mes decreceu aínda un 2,8% (231 contratos menos que en xuño) polo que a porcentaxe de contratos rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida descende até o 6,8% (no mes anterior fora do 8,5%).

O descenso do paro en termos absolutos prodúcese maioritariamente no sector servizos, o que explica esta elevada temporalidade, parcialidade e rotación dos contratos.

De xeito paralelo, continúa a desprotección social das persoas desempregadas, xa que máis da metade non percibe ningún tipo de prestación. Dos 163.412 parados/as rexistrados/as, só 80.125 obtén algún tipo de prestación por desemprego (49,0%).

Consolídase o modelo PP

Para o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, estes datos amosan claramente que “o modelo PP segue a asentarse, cun mercado laboral caracterizado pola temporalidade, o descenso da contratacion indefinida e a escasa cobertura das persoas desempregadas”.

Considera que mentres se sigan a aplicar as mesmas políticas obteranse os mesmos resultados: máis precariedade, máis temporalidade e máis parcialidade no emprego e sostén que “non temos nada do que parabenizarnos, pois de pouco vale que aumenten as as porcentaxes de ocupación se todo o emprego que se crea é precario”.

Finalmente, fai fincapé en que para a CIG é o momento de actuar sobre a calidade do emprego para garantir que ter un traballo signifique poder vivir en condicións dignas, xa que na actualidade a maior parte dos contratos que se rexistran son de escasa duración e con salarios miserábeis. Tanto é así que a día de hoxe en Galiza un 30% de persoas asalariadas perciben ao ano uns ingresos inferiores ao SMI.

Reclamación das subas absorbidas no Complemento Persoal Transitorio do Persoal Laboral

Logo do recordatorio que a CIG lle fixo ao Concello sobre os criterios de absorción do CPT que veñen recollidos nas distintas leis de orzamentos do Estado e que o goberno municipal obviou en detrimento dos traballadores e traballadoras afectadas, seguimos á espera de que o Concello aplique a lexislación estatal nesta cuestión.

Debido a isto, e mentres as modificacións do Convenio colectivo non entren en vigor, o Concello de Betanzos debería aplicar a lexislación estatal no relativo á absorción do CPT, que se entende como supletoria para o persoal da Admón. local.

Recomedamos, pois, que aqueles traballadores e traballadoras ás que o Concello lles absorbeu a totalidade das subas, así como os novos trienios nos anos 2017 e 2018, logo da entrada en vigor do Convenio colectivo, que fagan a reclamación correspondente a través do Rexistro xeral e que lembren que teñen dereito a un ano de atrasos. 

Canto á postura do Concello, o propio concelleiro de Persoal, na última reunión mantida cos representantes dos traballadores por este tema, indicou que ata o momento as modificacións do Convenio colectivo non foron ao pleno porque están pendentes de informar e nesta semana na que se incorpora o interventor acumulado é cando lle entregarían o expediente, pendente de se informar para seguir o seu curso. Non obstante, a representante do Persoal laboral, lembroulle a importancia de levar adiante canto antes estes acordos e a obrigatoriedade do Concello de aplicar a lexislación estatal correspondente entretanto non entran en vigor as devanditas modificacións.

A CIG solicita que se reúna a Mesa Xeral de Negociación para o cobro do 100% das retribucións en situacións de incapacidade

Logo da publicación da Lei de orzamentos do Estado do ano 2018, as Administracións poden, previo acordo da Mesa Xeral de Negociación, acordar  a restitución do dereito ao cobro do 100% das retribucións en situacións de incapacidade temporal. Debido a isto, a CIG solicitoulle ao Concello de Betanzos a convocatoria dunha reunión nunha solicitude que indicaba o seguinte:

O Real decreto lei 20/2012 do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, modificou temporalmente o réxime retributivo do persoal das administracións públicas incluído no Réxime Xeral da Seguridade Social durante a situación de incapacidade temporal.

O artigo 37 de Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos recolle o réxime de retribucións en procesos de baixa por incapacidade temporal ao abeiro do Real decreto mencionado.

Así mesmo, o artigo 7 do devandito Convenio recolle o seguinte con respecto ás condicións máis beneficiosas:

“As melloras establecidas noutras disposicións de carácter xeral aplicables a calquera empregado/ público/a, que se diten con posterioridade e que non se reflicten neste Convenio colectivo despois da súa aprobación, serán de aplicación, segundo o principio de norma máis favorable ou condicións máis beneficiosa para os/as traballadores/as.”

Igualmente, a disposición adicional quinquaséxima da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, establece que cada Administración pública poderá determinar, previa negociación colectiva, as retribucións para percibir polo persoal ao seu servizo ou ao dos organismos autónomos e entidades dependentes, en situación de incapacidade persoal, e no caso do persoal funcionario ao que se lle expedise licenza por enfermidade e determínanse as regras do complemento retributivo que pode chegar ata un máximo do cento por cento das súas retribucións, básicas e complementarias, correspondentes ás retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal.

Esta disposición adicional ten carácter básico, tal e como se indica no seu apartado sete.

No que ten a ver co persoal ao servizo do Concello de Betanzos, tal disposición permite a recuperación do dereito ao cento por cento das retribucións mensuais ordinarias íntegras.

Ademais, a Real decreto 956/2018, do 27 de xullo, polo que se aproba e publica o Acordo adoptado pola Mesa Xeral de Negociación da Administración xeral do Estado do 23 de xullo de 2018, con relación ao réxime retributivo de situación de incapacidade do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e organismos ou entidades públicas dependentes, establece a plenitude retributiva para o persoal funcionario, estatutario ou laboral ao servzio da Administración xeral do Estado, que estea en situación legal de incapacidade temporal, garantindo, durante esta situación a percepción do cento por cento das retribucións ordinarias correspondentes ao mes de inicio da incapacidade temporal.

Polo exposto, PROPOÑEMOS:

Que o Concello de Betanzos reúna a Mesa Xeral de Negociación para acordar, con relación ao réxime retributivo do persoal laboral e funcionario que estea en situación legal de incapacidade temporal, a percepción do cento por cento das retribucións ordinarias correspondentes ao mes de inicio da incapacidade temporal.