A negociación do convenio colectivo leva meses parada, o propio feito de que en outubro se cumpran dous anos dende que foi denunciado di absolutamente todo da vontade negociadora do goberno municipal, e se a isto lle sumamos a reforma laboral imposta polo PP que provocou que dende hai varias semanas o persoal laboral do Concello de Betanzos estea sen convenio colectivo atopámonos nun escenario realmente pésimo para mantermos os pouco dereitos que nos quedan aos traballadores públicos. A pesar disto cómpre dicir que a efectos prácticos o convenio segue a se aplicar, de aí que o conflito aínda non se fixese moi latente, mais aínda así urxía tomar unha determinar de cara a cubrírmonos as costas e que legalmente este convenio do ano 2006 puidese seguir vixente, cando menos, mentres duren as negociacións e se aprobe un novo convenio colectivo.
Con esta prepocupación a CIG levou ao Comité de Empresa do mes de xullo a proposta de instar ao Concello a que mantivese vixente o convenio denunciado e alí foi acordado por unanimidade así facelo. Este mesmo venres, e logo de preguntarlle ao Concello polo tema informounos de que este martes a proposta será levada ao Pleno polo goberno municipal, xa que estima que é o organismo pertinente para acordar a ultravixencia do texto. Desta volta agardamos que por unha vez se poidan poñar de acordo todos os partidos políticos para non deixar, máis unha vez, ao persoal laboral como traballadores de segunda, e aprobar o acordo presentado polo Comité de Empresa sen problemas. En todo caso, manterémosvos informados con respecto a este tema.
Lembrade que o pleno é ás 20:30 h na Casa do Concello e que o podedes ouvir tamén a través de radio Betanzos.