20/07/13

COA VIDA DO PERSOAL NON SE XOGA, NOVA DENUNCIA NA INSPECCIÓN DE TRABALLO LOGO DO DERRUBAMENTO QUE TIVO LUGAR NA NAVE DE OBRAS

Logo de que a semana pasada caese o teito dunha das naves do Centro de Formación Ocupacional, en concreto onte teñen o servizo e vestiarios o persoal do Servizo de Obras e que ninguén por parte do Concello se dignase a achegarse ata alí nin a tomar as medidas oportunas de seguridade para preservar os riscos a que están suxeitos os traballadores dese departamento, dende a CIG, e logo de visitar as instalacións vímonos na obriga de presentar unha nova denuncia na Inspección de Traballo provincial cos feitos acontecidos para que tome dunha vez cartas no asunto do estado de abandono en se atopan algunhas das naves en que traballa o persoal de distintos departamentos e que están localizadas no Centro de Formación Ocupacional en Bellavista.

Na semana que vén cúmprese tres meses dende a última reunión do Comité de Seguridade e Saúde, que se reuniou logo dun ano e medio e de ter que denunciar os delegados de prevención ao Concello ante a Inspección de Traballo, e nada máis aconteceu o desprendemento consideramos que este Comité se debería ter reunido de urxencia, mais nin así foi nin o Concello tomou medida de seguridade ningunha obrigándonos a ter que acudir á Inspección para, cando menos, que esta sexa coñecedora dos riscos a que están suxeitos estes traballadores e actúe en consecuencia.

Dende a CIG queremos denunciar tamén publicamente que o estado en que se atopan as naves do CFO, en concreto, onde ten a base o departamento de obras e traballan diversos operarios deste, de servizos múltiples o propio pintor é de total ruína e reclamaréselle ao Concello na vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde unha solución inmediata e urxente para este tema antes de que aconteza unha desgraza e o haxa que lamentar, porque se algo temos claro é que coa vida dos traballadores non se pode xogar e por iso acudimos inmediatamente a denunciar a situación no organismo correspondente.


Agardamos, tamén, que antes de que teña que actuar a Inspección, que o Concello recapacite e solucione o problema de cara a preservar posibles futuros derrubamentos que podería haber debido ao estado das naves e que non teña que acontecer nada máis para que se decate da importancia da prevención dos riscos laborais e que no Concello hai moito máis persoal que o que traballa en oficinas e que todo o persoal ten o mesmo dereito a ter un espazo de traballo nas condicións adecuadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario