10/07/13

Solicitadas as execucións das sentenzas do persoal readmitido

Finalmente, e cando nuns meses se cumprirá un ano que varios traballadores foron readmitidos logo das sentenzas xudiciais que declaraban improcedentes os seus despedimentos, dende a Asesoría xurídica da CIG víronse na obriga de solicitar ante o xulgado as execucións de sentenzas para o cobro dos salarios atrasados logo da readmisión deste persoal.

O certo é que o que nun principio ía cobrarse ao mes e medio de ser readmitido, en palabras do propio goberno municipal nunha reunión á que chamou expresamente a este persoal antes da readmisión converteuse en caso nun ano e avalou de novo a pésima xestión dos temas de persoal neste Concello. Esta demora suponlles diversos problemas ao persoal afectado, entre eles os relacionados coas declaracións da renda pertinentes e, por suposto, o feito de que o Concello lles debe cartos, o que é moito máis grave aínda se temos en conta os tempos que corren. Neste caso si que cómpre sinalar que a pouca comprensión do Concello coa situación dos traballadores desembocou en ter que volver ao xulgado para poder cobrar os cartos que o Concello lles debe e que lles pertencen.


Dende a CIG do Concello de Betanzos consideramos que resulta lamentable que o persoal deste Concello deba acudir continuamente ao xulgado para solucionar temas que se deberían resolver por parte do propio Concello de oficio, posto que este procedemento non fai máis que complicar a situación e aumentar o descontento do propio persoal en todo o que ten que ver co ámbito laboral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario