28/01/16

O comité de empresa acorda denunciar de novo ante a Inspección de Familia ao Concello de Betanzos se non cubre nos vindeiros días as baixas da Escola Infantil Municipal

A situación crítica motivada pola falta de persoal continúa dúas semanas despois de que o Comité alertase sobre o agravamento da situación con tres baixas e a imposibilidade das traballadoras de atender os/as nenos/as en condicións.

Tal e como advertiu o Comité a situación era mesmo peor que a que constatou en outubro a Inspección de Familia e Menores e sobre a que lle advertiu ao Concello que debía solucionar. O goberno municipal, logo desa advertencia e dun acordo plenario instado polos partidos da oposición iniciou o proceso de conformación dunhas novas listaxes resolto na actualidade.

Hai máis dunha semana o Concello anunciou publicamente a contratación de varias traballadoras para cubrir as baixas da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente, mais o anuncio simplemente era un lavado de cara porque a día de hoxe, cunha baixa máis, a situación empeorou de novo e o Concello non contratou a ninguén máis.

Esta grave situación foi tratada onte mesmo na reunión ordinaria do Comité de Empresa onde se acordou por unanimidade denunciar de novo ao Concello de Betanzos ante a Inspección de Familia e Menores se nos vindeiros días non adopta unha decisión para solucionar o problema de inmediato.

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos completamente inaceptable a postura do goberno de facer caso omiso aos traballadores, á oposición e mais á propia Inspección da Xunta de Galicia e instámolo a que solucione de inmediato esta grave deficiencia que afecta tanto ás traballadoras como aos nenos e demostre con feitos, non con promesas a través da web municipal e a prensa, que ten vontade de solucionar os problemas derivados da súa pésima e que lle están a afectar dun xeito moi serio ao servizos prestados á cidadanía.

22/01/16

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña ratifica como accidente laboral o suicidio dun traballador


O fallo conclúe que existiu un "nexo causal entre a acción suicida e as circunstancias acaecidas na relación laboral, non acreditándose outros factores personais alleos ao seu ámbito laboral que puideran ter incidido na decisión". Así mesmo, indícase que a relación entre decisión de suicidarse e os problemas do empregado no traballo é "clara" e "non pode tildarse de ilóxica ou arbitraria". O home saltou fronte a un tren en marcha logo de que se lle abrise un expediente disciplinario na empresa na que traballaba.

O falecido traballaba nunha sucursal da Caixa de Aforros do Mediterráneo; no seu exercicio profesional cometeu un erro que acabou coa reclamación dunha clienta da entidade; o traballador admitiu o erro dende un primeiro momento, indicando nun escrito dirixido á dirección que o seu interés fora "incrementar as cifras de negocio" da empresa; a raíz da reclamación, a caixa abriu o expediente por faltas moi graves.
Co fin de aclarar as posibles consecuencias do expediente disciplinario, o traballador visitou a un abogado, que lle confirmou que o caso podería acabar en despido. O home que, segundo manifestaba no escrito enviado á dirección, estaba acostumbrado a contar coa confianza da dirección e que non se vira nunha situación similar nos seus 39 anos de experiencia profesional, quitouse a vida ese mesmo día.

A decisión do Tribunal, permitirá que a familia do traballador incremente as cantidades que percible com pensión, pois en lugar de empregar a base de cotización por continxencia común, se empregará o salario que percibía o traballador no momento da súa morte.

Lei de orzamentos do estado para o ano 2016


O Comité de Empresa solicitou a resolución das axudas sociais correspondentes ao exercicio 2015

Tamén nesta semanas o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitoulle ao Concello que o informe sobre a situación da tramitación destas axudas correspondentes ao ano 2015, para que poida emitir a súa proposta, tal é como é preceptivo ao abeiro do Convenio colectivo, e, así mesmo, que a tramitación destas axudas se realice en canto sexa posible de cara a dar cumprimento efectivo á convocatoria aprobada pola Resolución da Alcaldía número 1019/2015 con data de 18 de novembro de 2015, que indica que as axudas deben ser aboadas no primeiro trimestre de do ano 2015.

Hai que lembrar que son moitos os problemas que ten habido no pasado coas axudas sociais mais tamén recoñecer que grazas á presión nos últimos anos se veñen resolvendo en tempo en forma, non obstante, isto non quita que este tipo de procedementos relacionados cos cartos dos empregados públicos se deberían axilizar por parte da Administración local, ao igual que se fai cos temas que verdadeiramente importan a quen goberna. Tampouco podemos esquecer que des o ano 2011 o concelleiro de Persoal amosou a súa dispoñibilidade para realizar un novo regulamento de axudas que atendese a criterios verdadeiramente sociais mais que a día de hoxe, cinco anos despois, seguimos sen novidades a pesar da constante insistencia por parte do Comité. Tamén é certo que no novo convenio se contempla un prazo desde a súa aprobación para elaboralo, mais isto, mentres o convenio non entre en vigor, é como papel mollado.

A CIG solicita un acordo para a concesión de dous días de asuntos propios máis para 2016 en compensación do 24 e 31 de decembro

Onte mesmo tamén, a CIG solicitoulle ao goberno municipalQue o Concello acorde, coa máxima brevidade posible, concederlle aos empregados e empregadas do Concello de Betanzos dous días adicionais de asuntos propios para o ano 2016 en compensación pola coincidencia dos días 24 e 31 de decembro en sábado e que, en aplicación deste, se lle comunique a todo o persoal que serán oito os días de asuntos propios con carácter xeral para o ano 2016 de cara a que os diferentes servizos se poidan ir organizando.
Esta solicitude fíxose ao abeiro da Resolución do 28 de decembro de 2012, da Secretaría do Estado de Administracións Públicas, do artigo 4 do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos vixente e do artigo 21.2 do convenio colectivo en trámite para o persoal laboral do Concello de Betanzos. É dicir, no convenio en trámite xa se atopa recollida este tipo de casuística e non habería que tomar un acordo expreso mais, polo momento, na actualidade, é preciso para que teñamos neste ano 2016 oito días por asuntos particulares, con carácter común, para alén dos días por antigüidade recuperados recentemente.

A CIG solicítalle ao Concello que aboe os 91 días pendentes da paga extra de 2012

A CIG vén de lle solicitar por escrito ao Concello que coa maior brevidade posible, lle aboe a cantidade correspondente aos días indicados na Lei 48/2015 con respecto á paga de decembro de 2012 non cobrada e dentro do exercicio económico 2016, a todos os empregados e empregadas públicas que prestaban os seus servizos nesta Administración local no momento en que quitaron a paga extraordinaria de 2012 e que lles corresponde a devolución.
Igualmente trasladoulle ao Concello a súa preocupación porque non todos os traballadores e traballadoras que estaban en activo no momento cobraron a restante porcentaxe que deberían ter cobrado antes do 31 de decembro de 2015, o que motivo algunha reclamación que podería dar lugar a unha demanda por impago no caso de que o Concello non solucione esta situación proximamente.

A CIG lembroulle o articulado da Lei de orzamentos do Estado para 2016 que permite a devolución dos 91 días pendentes da extra de 2012 e reclámalle ao Concello que a pague canto antes, toda vez que cando a houbo que quitar non houbo dúbida ningunha, non así como outros concellos onde non se fixo, agora é o momento de devolvernos os nosos cartos coa máxima celeridade posible.
 

13/01/16

Este Concello é un barco á deriva: a situación na Escola Infantil agrávase e o goberno segue sen substituír a pesar de ter unhas listaxes novas conformadas

O venres pasado a situación na Escola Infantil Municipal acadaba límites máis indesexables que os constatados pola Inspección de Traballo hai uns meses cunha baixa máis, que facían un total de tres baixas non cubertas. A grave situación nin sequera puido ser posta en coñecemento de ningún concelleiro con dedicación exclusiva nin do alcalde porque os despachos estaban todas pechados. 

Nin concelleiros, nin alcalde, nin responsabilidade. O mesmo goberno que obrigou á traballadoras da Escola Infantil Municipal a un acordo forzoso para que non desfrutasen os días que lles correspondían como o resto do persoal para que a Escola non pechase no Nadal, é o que decide que as dedicacións exclusivas nin sequera deben facer quendas e poden faltar todos ás vez... iso chámase dar exemplo e igualdade de trato.

Pois ben, á vista de que non había nin o responsable de Persoal nin o alcade, nin mesmo o outro concelleiro con dedicación exclusiva e para que quedase constancia da gravísima situación da Escola, xa constatada hai meses pola Inspección de Familia e Menores e que na actualidade segue sen se solucionar, a presidenta do Comité decidiu deixar constancia por rexistro e solicitarlle ao Concello "que agora que a listaxe de substitucións de técnico/a de xardín de infancia se vai a elevar a definitiva cubra de inmediato todas as prazas necesarias para ofrecer o servizo en condicións óptimas, que solucionen a situación de incumprimento da ratio legal advertida pola Inspección de Familia e Menores, tal e como se lle indicou a este órgano que sería no momento en que existisen unha listaxes de substitución actualizadas, e que teña constancia que a gravidade desta situación e as consecuencias que poidan vir derivadas delas vén exclusivamente dada pola decisión do Concello de Betanzos de non cubrir as baixas deste servizo, sobrecargar ás traballadoras que permanecen nel e sometelas a unha situación de irregularidade pola falta de persoal.

Así mesmo, o Comité de Empresa lembroulle que "a situación que se viña dando de incumprimento de ratio e imposibilidade de atendemento correcto e nas condicións óptimas dos/as nenos/as pola falta de persoal constatada pola Inspección de Familia e Menores en novembro de 2015 vén de se agravar cunha compañeira máis de baixa desde o xoves, o que fixo un total de tres baixas no cadro da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente". Indicoulle tamén que "a esta gravísima e delicada situación laboral das traballadoras que ese día estaban no centro únense as ausencias por permisos varios das traballadoras que os teñen concedidos, tal e como lles corresponde legalmente, supón que nunha mañá como a de venres tan só houbese tres traballadoras no centro, o que imposibilitaba claramente que poidan ser atendidos todos os nenos e nenas matriculados e que asisten a el".

Finalmente indicoulle que "debía quedar constancia que desde o momento que a Inspección citada xirou visita ao centro en data 04/11/15 e constatou que en distintas franxas horarias ao longo da xornada da escola se estaba a incumprir a ratio mínima de persoal, tal e como consta na acta de Inspección de Familia e Menores número 3369/2015, na que se fixo un requirimento ao concello para que leve a cabo as actuacións necesarias para a emenda das deficiencias observadas, a responsabilidade da situación e das consecuencias que desta se deriven é da Administración local que leva meses sen solucionar esta situación de completa e absoluta irregularidade, que se vén de agravar, aínda máis, con outra traballadora de baixa".

Desde a CIG queremos denunciar publicamente a actitude de pasividade que o goberno municipal ten mesmo logo de que a Inspección lle requirise solucionar a situación da Escola Infantil Municipal e o desleixo dun alcalde que parece que nin está nin o esperamos para solucionar os verdadeiros problemas que teñen lugar no día a día da vida laboral desta Administración local, onde moitas veces os traballadores e traballadoras públicas non temos nin a quen recorrer para solucionar os problemas derivados deste completo e absoluto desgoberno.

Informe de fiscalización sobre a xestión e o control efectuados polas mutuas en materia de asistencia sanitaria concertada con medios alleos


O Pleno de Tribunal de Contas aprobou o "Informe de fiscalización sobre a xestión e o control efectuados polas Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades profesionais da Seguridade Social en materia de asistencia sanitaria concertada con medios alleos" . O ámbito temporal de fiscalización abrangue o exercicio 2013. Entre os obxectivos da fiscalización atópase a verificación das actuacións de control da Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social, DXOSS, na súa función de coordinación e tutela das Mutuas, así como analizar se os concertos de asistencia formalizados con medios alleos se realizaron conforme a principios de eficiencia e economía.

Así mesmo, revisouse o grao de cumprimento das recomendacións formuladas polo propio Tribunal de Contas no "Informe de Fiscalización sobre os procedementos de contratación das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social" aprobado en marzo de 2009  e da Resolución da Comisión Mixta para as Relacións co Tribunal de Contas referido ao mencionado Informe, na que se instó ao Goberno a adoptar  medidas respecto á xestión da asistencia sanitaria concertada con medios alleos.

As recomendacións á DGOSS diríxense ao reforzo das funcións de coordinación e tutela sobre as Mutuas en materia de asistencia sanitaria concertada con medios alleos, en cuestións relacionadas coa verificación dos obxectivos de eficacia e racionalización na utilización de recursos públicos e da calidade da asistencia prestada.
En relación ás Mutuas, citaremos as seguintes recomendacións:
- O fomento de convenios de colaboración coas administracións públicas sanitarias, co fin de que as prestacións se efectúen prioritariamente con recursos sanitarios públicos.
- A rescisión dos concertos de asistencia sanitaria co fin de formalizar outros novos que garantan as directrices recollidas no texto da Lei de Contratos do Sector Público.
- A comprobación da veracidade dos datos de facturación das empresas coas que se teñen formalizados os concertos, co fin de verificar a solvencia financieira e garantir que non se trata de empresas creadas expresamente para realizar o concerto coa Mutua.
- Regular a situación que manteñen as Mutuas con empresas de transporte sanitario.


Mais información:

A CIG COMUNICOULLE A TODOS OS PARTIDOS DA OPOSICIÓN A SÚA PREOCUPACIÓN POLO INCUMPRIMENTO DO ACORDO PLENARIO NO RELATIVO Á PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO DE LIMPEZA

O pasado 29 de decembro, logo de sabermos que o Concello optou por despedir a unha traballadora de limpeza para seguir adiante cos seus plans de privatización do servizo, a Sección sindical da CIG púxose en contacto con todos os partidos da oposición, PP, BN, BNG  e CXG, de cara a lle transmitir a súa preocupación polo avance, se callar aínda maior que nos pasados meses, da privatización do servizo de limpeza municipal, toda vez que o Concello opta por despedir empregados públicos para substituílos por empregados de empresas privadas. Así, transmitímoslle a todos os partidos mencionados o seguinte comunicado, que complementamos coa nota enviada á prensa no mesmo día:

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos queremos poñernos en contacto convosco para darvos a coñecer o despedimento dunha compañeira que vén de obter unha sentenza de despedimento improcedente e no que o Concello podía optar pola readmisión ou a indemnización. Desta volta o Concello optou pola indemnización e despedir a unha traballadora que podería realizar o traballo que na actualidade está desenvolvendo unha empresa privada sen contrato público coñecido.

Desde a CIG valoramos moi negativamente a actitude do goberno municipal e os diferentes posicionamentos que nos xuízos ten tomado o goberno municipal nos últimos tempos. Igualmente entendimos que esta información é de relevancia para todos os partidos políticos con representación no Concello de Betanzos e por iso querémosvos transmitir, máis unha vez, a nosa preocupación pola privatización do servizo de limpeza e o descarado incumprimento do acordo plenario contra a privatización do servizo público. A maiores, o proceso de conformación dunhas listaxes de substitución está finalizado e na actualidade o Concello pode cubrir xa as baixas oportunas mais segue sen facelo, e mentres tanto hai traballadores dunha empresa que descoñecemos que limpan a diario todos os edificios municipais, ocasionalmente a Escola Infantil e o Conservatorio, e a diario unha zona do CEIP Francisco Vales Villamarín e o aulario do mesmo centro.

O avance da privatización, meses despois do acordo plenario, foi brutal no caso do servizo de limpeza por iso aínda nos parece máis inadmisible que podendo contar con traballadores públicos se despidan para darlle beneficio ás empresas privadas e entendemos que o goberno non só vulnera os acordos cos representantes dos traballadores senón os tomados no máximo órgano de decisión desta Administración local.

Igualmente, a secretaria da Sección sindical, Silvia Muíño, púxose ao dispor para aclarar calquera cuestión con respecto a este gravísimo tema.

Ese mesmo día recibimos o seguinte comunicado do BNG para amosar o apoio ás nosas reivindicacións do seguinte xeito:


Desde o BNG-Asembleas abertas lamentamos a noticia do despedimento da traballadora do servizo de limpeza con sentenza de despedimento improcedente e no que o Concello podía optar pola readmisión ou a indemnización. Comprometémonos a seguir defendendo os servizos públicos no noso Concello fronte á privatización que está levando a cabo o goberno local.

O Pleno do Concello acordou cubrir as baixas no servizo de limpeza con empregadas públicas e non privatizando, e aínda que semella que os acordos plenarios teñen pouco efecto  comprometémonos a volver a trasladar o tema ao Pleno para esixir, de novo, que se paralice a privatización dos servizos.

Queremos trasladar tamén todo o noso apoio e agradecemento pola vosa loita en defensa duns servizos públicos e de calidade.

Nese momento tamén CXG criticou publicamente ao goberno municipal pola súa actuación neste caso e o incumprimento do acordo plenario e días despois tamén o PP vén de sumarse ás críticas pola mala xestión municipal en persoal da que derivan moitos dos conflitos latentes neste momento.

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos valoramos positivamente o apoio da maior parte dos partidos da oposición ante esta delicada situación de clara destrución de emprego público e ataque aos traballadores e traballadoras municipais e rexeitamos de raíz a actitude inquistorial que o goberno do PSOE que ten á cabeza a Ramón García toma no primeiro ano da lexislatura e que nos fai prever que isto non acaba máis que comezar, e que os vindeiros tres anos de goberno pódense aveciñar duros para os traballadores e traballadoras públicas desta Administración local, no caso de que non se tomen cartas no asunto para reconducir a situación e tentar abrir vías para afianzar os servizos públicos municipais.

SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS!
NON A PRIVATIZACIÓN DO SERVIZOS MUNICIPAIS!