O pasado 29 de decembro, logo de sabermos que o Concello optou por despedir a unha traballadora de limpeza para seguir adiante cos seus plans de privatización do servizo, a Sección sindical da CIG púxose en contacto con todos os partidos da oposición, PP, BN, BNG e CXG, de cara a lle transmitir a súa preocupación polo avance, se callar aínda maior que nos pasados meses, da privatización do servizo de limpeza municipal, toda vez que o Concello opta por despedir empregados públicos para substituílos por empregados de empresas privadas. Así, transmitímoslle a todos os partidos mencionados o seguinte comunicado, que complementamos coa nota enviada á prensa no mesmo día:
Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos queremos poñernos en contacto convosco para darvos a coñecer o despedimento dunha compañeira que vén de obter unha sentenza de despedimento improcedente e no que o Concello podía optar pola readmisión ou a indemnización. Desta volta o Concello optou pola indemnización e despedir a unha traballadora que podería realizar o traballo que na actualidade está desenvolvendo unha empresa privada sen contrato público coñecido.
Desde a CIG valoramos moi negativamente a actitude do goberno municipal e os diferentes posicionamentos que nos xuízos ten tomado o goberno municipal nos últimos tempos. Igualmente entendimos que esta información é de relevancia para todos os partidos políticos con representación no Concello de Betanzos e por iso querémosvos transmitir, máis unha vez, a nosa preocupación pola privatización do servizo de limpeza e o descarado incumprimento do acordo plenario contra a privatización do servizo público. A maiores, o proceso de conformación dunhas listaxes de substitución está finalizado e na actualidade o Concello pode cubrir xa as baixas oportunas mais segue sen facelo, e mentres tanto hai traballadores dunha empresa que descoñecemos que limpan a diario todos os edificios municipais, ocasionalmente a Escola Infantil e o Conservatorio, e a diario unha zona do CEIP Francisco Vales Villamarín e o aulario do mesmo centro.
O avance da privatización, meses despois do acordo plenario, foi brutal no caso do servizo de limpeza por iso aínda nos parece máis inadmisible que podendo contar con traballadores públicos se despidan para darlle beneficio ás empresas privadas e entendemos que o goberno non só vulnera os acordos cos representantes dos traballadores senón os tomados no máximo órgano de decisión desta Administración local.
Igualmente, a secretaria da Sección sindical, Silvia Muíño, púxose ao dispor para aclarar calquera cuestión con respecto a este gravísimo tema.
Ese mesmo día recibimos o seguinte comunicado do BNG para amosar o apoio ás nosas reivindicacións do seguinte xeito:
Desde o BNG-Asembleas abertas lamentamos a noticia do despedimento da traballadora do servizo de limpeza con sentenza de despedimento improcedente e no que o Concello podía optar pola readmisión ou a indemnización. Comprometémonos a seguir defendendo os servizos públicos no noso Concello fronte á privatización que está levando a cabo o goberno local.
O Pleno do Concello acordou cubrir as baixas no servizo de limpeza con empregadas públicas e non privatizando, e aínda que semella que os acordos plenarios teñen pouco efecto comprometémonos a volver a trasladar o tema ao Pleno para esixir, de novo, que se paralice a privatización dos servizos.
Queremos trasladar tamén todo o noso apoio e agradecemento pola vosa loita en defensa duns servizos públicos e de calidade.
Nese momento tamén CXG criticou publicamente ao goberno municipal pola súa actuación neste caso e o incumprimento do acordo plenario e días despois tamén o PP vén de sumarse ás críticas pola mala xestión municipal en persoal da que derivan moitos dos conflitos latentes neste momento.
Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos valoramos positivamente o apoio da maior parte dos partidos da oposición ante esta delicada situación de clara destrución de emprego público e ataque aos traballadores e traballadoras municipais e rexeitamos de raíz a actitude inquistorial que o goberno do PSOE que ten á cabeza a Ramón García toma no primeiro ano da lexislatura e que nos fai prever que isto non acaba máis que comezar, e que os vindeiros tres anos de goberno pódense aveciñar duros para os traballadores e traballadoras públicas desta Administración local, no caso de que non se tomen cartas no asunto para reconducir a situación e tentar abrir vías para afianzar os servizos públicos municipais.
SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS!
NON A PRIVATIZACIÓN DO SERVIZOS MUNICIPAIS!
Ningún comentario:
Publicar un comentario