O venres pasado a situación na Escola Infantil Municipal acadaba límites máis indesexables que os constatados pola Inspección de Traballo hai uns meses cunha baixa máis, que facían un total de tres baixas non cubertas. A grave situación nin sequera puido ser posta en coñecemento de ningún concelleiro con dedicación exclusiva nin do alcalde porque os despachos estaban todas pechados.
Nin concelleiros, nin alcalde, nin responsabilidade. O mesmo goberno que obrigou á traballadoras da Escola Infantil Municipal a un acordo forzoso para que non desfrutasen os días que lles correspondían como o resto do persoal para que a Escola non pechase no Nadal, é o que decide que as dedicacións exclusivas nin sequera deben facer quendas e poden faltar todos ás vez... iso chámase dar exemplo e igualdade de trato.
Pois ben, á vista de que non había nin o responsable de Persoal nin o alcade, nin mesmo o outro concelleiro con dedicación exclusiva e para que quedase constancia da gravísima situación da Escola, xa constatada hai meses pola Inspección de Familia e Menores e que na actualidade segue sen se solucionar, a presidenta do Comité decidiu deixar constancia por rexistro e solicitarlle ao Concello "que agora que a listaxe de substitucións de técnico/a
de xardín de infancia se vai a elevar a definitiva cubra de
inmediato todas as prazas necesarias para ofrecer o servizo en
condicións óptimas, que solucionen a situación de incumprimento da
ratio legal advertida pola Inspección de Familia e Menores, tal e
como se lle indicou a este órgano que sería no momento en que
existisen unha listaxes de substitución actualizadas, e que teña
constancia que a gravidade desta situación e as consecuencias que
poidan vir derivadas delas vén exclusivamente dada pola decisión do
Concello de Betanzos de non cubrir as baixas deste servizo,
sobrecargar ás traballadoras que permanecen nel e sometelas a unha
situación de irregularidade pola falta de persoal.
Así mesmo, o Comité de Empresa lembroulle que "a situación
que se viña dando de incumprimento de ratio e imposibilidade de
atendemento correcto e nas condicións óptimas dos/as nenos/as pola
falta de persoal constatada pola Inspección de Familia e Menores en
novembro de 2015 vén de se agravar cunha compañeira máis de baixa
desde o xoves, o que fixo un total de tres baixas no cadro da
Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente". Indicoulle tamén que "a esta
gravísima e delicada situación laboral das traballadoras que ese día estaban no centro únense as ausencias por permisos varios das
traballadoras que os teñen concedidos, tal e como lles corresponde
legalmente, supón que nunha mañá como a de venres tan só houbese tres
traballadoras no centro, o que imposibilitaba claramente que poidan
ser atendidos todos os nenos e nenas matriculados e que asisten a
el".
Finalmente indicoulle que "debía quedar constancia que desde o momento que a Inspección citada xirou
visita ao centro en data 04/11/15 e constatou que en distintas
franxas horarias ao longo da xornada da escola se estaba a incumprir
a ratio mínima de persoal, tal e como consta na acta de Inspección
de Familia e Menores número 3369/2015, na que se fixo un
requirimento ao concello para que leve a cabo as actuacións
necesarias para a emenda das deficiencias observadas, a
responsabilidade da situación e das consecuencias que desta se
deriven é da Administración local que leva meses sen solucionar
esta situación de completa e absoluta irregularidade, que se vén
de agravar, aínda máis, con outra traballadora de baixa".
Desde a CIG queremos denunciar publicamente a actitude de pasividade que o goberno municipal ten mesmo logo de que a Inspección lle requirise solucionar a situación da Escola Infantil Municipal e o desleixo dun alcalde que parece que nin está nin o esperamos para solucionar os verdadeiros problemas que teñen lugar no día a día da vida laboral desta Administración local, onde moitas veces os traballadores e traballadoras públicas non temos nin a quen recorrer para solucionar os problemas derivados deste completo e absoluto desgoberno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario