29/12/15

NOTA DE PRENSA: O CONCELLO DE BETANZOS DESPIDE A UNHA TRABALLADORA DE LIMPEZA PARA PRIVATIZAR A LIMPEZA DO COLEXIO

O CONCELLO DE BETANZOS DESPIDE A UNHA TRABALLADORA DE LIMPEZA PARA PRIVATIZAR A LIMPEZA DO COLEXIO


Desde a federación de Administración Pública da CIG queremos denunciar a discriminación que vén de cometer o goberno municipal socialista ao despedir a unha traballadora de limpeza cunha sentenza favorable para a readmisión e que abría a posibilidade a que a limpeza dos centros de ensino volvese a ser un servizo público. O goberno de Ramón García vén de decidir rescindirlle o contrato á traballadora que denunciou e indemnizala coa cantidade á que o condena o xulgado por un caso claro de despedimento improcedente. Con esta decisión o goberno do PSOE demostra unha clara actitude de distinción entre os traballadores e traballadoras xa que cando se trata de membros do sindicato afín ao PSOE nin sequera vai ao xuízo e cando se trata dunha compañeira non representada polo seu sindicato mesmo vai en contra dun acordo plenario contra a privatización con tal de despedila.

A semana pasada a CIG daba a coñecer a sentenza e lembraba a gravidade do despedimento toda vez que a traballadora do servizo de limpeza municipal foi substituída de inmediato por unha empresa privada sen concesión. Semanas despois do despedimento, e logo de que o Comité de Empresa informase da delicada situación do servizo de limpeza municipal e os traballadores do Concello de Betanzos se manifestasen diante do Pleno contra a privatización deste servizo, o Pleno da Corporación acordou por unanimidade o mantemento do servizo de limpeza como público e comprometeuse a adoptar as medidas necesarias para que fose desempeñado por empregados públicos nas mellores condicións posibles. Cinco meses logo o goberno do PSOE decide medidas totalmente contrarias ás adoptadas no acordo plenario e despide aos traballadores propios en vez de eliminar a empresa privada de limpeza.

Desde a federación de Administración Pública da CIG consideramos esta decisión aínda máis grave aínda se temos en conta a clara discriminación entre traballadores dependendo da afinidade sindical que ten demostrado nos últimos tempos o goberno socialista, e que pode facernos interpretar este despedimento como unha represalia ás manifestacións públicas contra a privatización da limpeza municipal que a CIG encabezou nos pasados meses. Non obstante, nin esta nin outras represalias conseguirán que cesemos na nosa a loita contra a privatización dos servizos públicos municipais e na denuncia pública das discriminacións e irregularidades do goberno municipal do Concello de Betanzos.

Betanzos, 29 de decembro de 2015

Roberto Tizón Miguéns
Responsable comarcal da Federación de Administración Local




Ningún comentario:

Publicar un comentario