28/07/13

O pleno deste martes debaterá a proposta de ultravixencia do convenio colectivo presentada polo Comité de Empresa

A negociación do convenio colectivo leva meses parada, o propio feito de que en outubro se cumpran dous anos dende que foi denunciado di absolutamente todo da vontade negociadora do goberno municipal, e se a isto lle sumamos a reforma laboral imposta polo PP que provocou que dende hai varias semanas o persoal laboral do Concello de Betanzos estea sen convenio colectivo atopámonos nun escenario realmente pésimo para mantermos os pouco dereitos que nos quedan aos traballadores públicos. A pesar disto cómpre dicir que a efectos prácticos o convenio segue a se aplicar, de aí que o conflito aínda non se fixese moi latente, mais aínda así urxía tomar unha determinar de cara a cubrírmonos as costas e que legalmente este convenio do ano 2006 puidese seguir vixente, cando menos, mentres duren as negociacións e se aprobe un novo convenio colectivo.

Con esta prepocupación a CIG levou ao Comité de Empresa do mes de xullo a proposta de instar ao Concello a que mantivese vixente o convenio denunciado e alí foi acordado por unanimidade así facelo. Este mesmo venres, e logo de preguntarlle ao Concello polo tema informounos de que este martes a proposta será levada ao Pleno polo goberno municipal, xa que estima que é o organismo pertinente para acordar a ultravixencia do texto. Desta volta agardamos que por unha vez se poidan poñar de acordo todos os partidos políticos para non deixar, máis unha vez, ao persoal laboral como traballadores de segunda, e aprobar o acordo presentado polo Comité de Empresa sen problemas. En todo caso, manterémosvos informados con respecto a este tema.

Lembrade que o pleno é ás 20:30 h na Casa do Concello e que o podedes ouvir tamén a través de radio Betanzos.

Bases xerais de selección de persoal laboral temporal do Concello de Betanzos, mediante listaxes de substitución

O Concello achegoulle ao Comité de Empresa, logo da solicitude deste, unha copia das bases definitivas aprobadas no pleno do pasado mes para a selección de persoal laboral temporal do Concello de Betanzos mediante listaxes de substitución que foran tratadas con anterioridade na Mesa Xeral de Negociación. A partir de agora estas serán as bases xerais que rexerán os procesos que indican o seu propio nome, é dicir, persoal laboral temporal mediante listaxes de substitución, e en base a estas cada convocatoria deberá ter as específicas dos postos de traballo correspondentes.


26/07/13

Derrubamento na nave de Obras: última hora

Logo de que dende a CIG nos vísemos a semana pasada obrigados a facer unha denuncia na Inspección de Traballo con motivo do derrubamento que se produciu na nave de Obras no Centro de Formación Ocupacional esta mesma semana persoal da Inspección de Traballo se achegou polas instalación a realizar o informe pertinente e a pesar de que a resposta á denuncia aínda non chegou á Confederación Intersindical Galega o Concello parece que reaxiu e tomou as medidas oportunas enviando ao persoal que ten a base na nave afectada para outra das do Centro de Formación Ocupacional. Case dúas semanas despois do acontecido e a pesar de termos que ter asistido á denuncia da Inspección de Traballo dende a CIG valoramos positivamente este paso dado polo goberno municipal de cara a previr posibles futuros accidentes, chega quizais un pouco tarde e obrigada mais o único importante neste caso é a saúde dos traballadores e que se poidan cambiar nun lugar que non estea en ruínas e no que non teñan que temer pola súa integridade. En todo caso en canto teñamos coñecemento da resposta por escrita da denuncia na Inspección de Traballo informarévosvos puntualmente.

Solicitada a reunión ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde

Dende a CIG e tendo en conta que xa hai tres meses que se produciu a constitución do Comité de Seguridade e Saúde solicitouse que o Concello especifique a data da reunión ordinaria deste organismo que ten a obriga de se reunir cada tres meses. O certo é que logo de que houbese que recorrer a unha denuncia na Inspección de Traballo para que este organismo se chegase a constituír coidamos que todo ía decorrer con normalidade no que tería a ver co seu funcionamento mais tres meses despois son de novo os delegados de prevención quen teñen que tirar do carro e intentar convocar o devandito Comité. Estes días estamos á espera da resposta por parte do Concello para fixar a data e os delegados de prevención agardan que así sexa, no caso de que o Concello non convoque proximamente este organismo actuarase en consecuencia. Na solicitude de CSS incluíuse que de seberían tratar, como mínimo, os o tema dos Equipos de Protección Individual, doa accidentes laborais e o estado das instalacións do Centro de Formación Ocupacional.



20/07/13

O Comité de Empresa acordou por unanimidade propoñerlle ao Concello a ultravixencia do convenio

O Comité de Empresa, na súa reunión ordinaria de xullo acordou propoñerlle ao Concello a vixencia do convenio colectivo mentres dure a negociación e entre en vixencia o novo que aínda se está a negociar. Nun principio o propio concelleiro de Persoal amosou a boa dispoñibilidade do Concello con respecto a este tema mais o certo é que varios días despois aínda non se puxo en contacto co Comité por este motivo, agardamos que nos vindeiros días isto se produza e o Concello reúna proximamente a Comisión Negociadora do convenio de cara a poder solventar o que xa se converteu nun grave problema para o persoal laboral do Concello de Betanzos logo de que nos esteamos a achegar aos case dous anos dende que o convenio foi denunciado e tempo despois comezou a negociación.


O estrés térmico laboral, un dos maiores riscos do verán

O estrés térmico é un malestar que podemos experimentar cando a permanencia nun ambiente excesivamente caloroso esixe esforzos desmesurados aos mecanismos dos que dispón o noso organismo para manter a temperatura interna en 37º C. É dicir, prodúcese pola carga de calor que recibimos e acumulamos no noso corpo e que resulta da nosa interacción co espazo ambiental no que nos atopamos, a roupa que levamos e a actividade física que realizamos.
Como a intensidade do estrés térmico e a gravidade dos seus efectos dependen destes tres factores, é no traballo onde pode producirse maior estrés pola acción da calor, especialmente en lugares pechados de mala climatización e ventilación (como en fábricas, laboratorios e minas) e en traballos ao aire libre (como na construción, a agricultura e os relacionados con algúns servizos públicos, como a limpeza).
Ao traballar en condicións de estrés térmico, o corpo do individuo altérase e aumenta a probabilidade de que se produza un accidente no traballo, pode agravar doenzas previas e producir diversas enfermidades relacionadas coa calor: esgotamento, cambras, deshidratación, perda de coñecemento a diferentes niveis e erupciones cutáneas.
Moitas veces as causas do estrés térmico son facilmente reconocibles e evitables, pero noutras circunstancias o estrés térmico por calor pode pasar inadvertido e producir graves danos aos traballadores.
É por iso que os especialistas aconsellan aos empresarios informar e formar aos traballadores sobre os riscos que entraña a calor, coidar a aclimatación, ventilación e temperatura do espazo de traballo, facilitar a hidratación dos traballadores, fomentar o uso de pezas que eviten a acumulación de calor, adaptar o ritmo e os horarios de traballo e establecer pausas durante a xornada cando se traten de postos de moita actividade física.
Así mesmo, o traballador ten o deber de utilizar estes recursos dos que dispón para evitar a tensión térmica e o dereito a informar os responsables das posibles carencias nestes recursos.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

COA VIDA DO PERSOAL NON SE XOGA, NOVA DENUNCIA NA INSPECCIÓN DE TRABALLO LOGO DO DERRUBAMENTO QUE TIVO LUGAR NA NAVE DE OBRAS

Logo de que a semana pasada caese o teito dunha das naves do Centro de Formación Ocupacional, en concreto onte teñen o servizo e vestiarios o persoal do Servizo de Obras e que ninguén por parte do Concello se dignase a achegarse ata alí nin a tomar as medidas oportunas de seguridade para preservar os riscos a que están suxeitos os traballadores dese departamento, dende a CIG, e logo de visitar as instalacións vímonos na obriga de presentar unha nova denuncia na Inspección de Traballo provincial cos feitos acontecidos para que tome dunha vez cartas no asunto do estado de abandono en se atopan algunhas das naves en que traballa o persoal de distintos departamentos e que están localizadas no Centro de Formación Ocupacional en Bellavista.

Na semana que vén cúmprese tres meses dende a última reunión do Comité de Seguridade e Saúde, que se reuniou logo dun ano e medio e de ter que denunciar os delegados de prevención ao Concello ante a Inspección de Traballo, e nada máis aconteceu o desprendemento consideramos que este Comité se debería ter reunido de urxencia, mais nin así foi nin o Concello tomou medida de seguridade ningunha obrigándonos a ter que acudir á Inspección para, cando menos, que esta sexa coñecedora dos riscos a que están suxeitos estes traballadores e actúe en consecuencia.

Dende a CIG queremos denunciar tamén publicamente que o estado en que se atopan as naves do CFO, en concreto, onde ten a base o departamento de obras e traballan diversos operarios deste, de servizos múltiples o propio pintor é de total ruína e reclamaréselle ao Concello na vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde unha solución inmediata e urxente para este tema antes de que aconteza unha desgraza e o haxa que lamentar, porque se algo temos claro é que coa vida dos traballadores non se pode xogar e por iso acudimos inmediatamente a denunciar a situación no organismo correspondente.


Agardamos, tamén, que antes de que teña que actuar a Inspección, que o Concello recapacite e solucione o problema de cara a preservar posibles futuros derrubamentos que podería haber debido ao estado das naves e que non teña que acontecer nada máis para que se decate da importancia da prevención dos riscos laborais e que no Concello hai moito máis persoal que o que traballa en oficinas e que todo o persoal ten o mesmo dereito a ter un espazo de traballo nas condicións adecuadas.

12/07/13

Traballar moitas horas de pé durante o embarazo pode afectar ao tamaño do bebé

As mulleres que pasan longos períodos de pé durante o seu embarazo teñen bebés cuxas cabezas ao nacer son un centímetro (3%) máis pequenas que a media, o que implica unha taxa de crecemento máis lento.
Esta é unha das conclusións dun novo traballo liderado por investigadores de Rotterdam (Países Baixos) e publicado on line na revista Occupational and Environmental Medicine.
Os autores avaliaron as taxas de crecemento fetal mediante ultrasóns de 4.680 nais dende o inicio do embarazo ata o parto entre 2002 e 2006, así como as esixencias físicas do seu traballo: longos períodos de pé ou camiñando, carga de peso, quendas de noite e moitas horas de traballo.
Ao redor de catro de cada dez mulleres (o 38,5%) pasou moito tempo de pé e o 45,5% tiña que camiñar bastante. Por outra parte, levantar obxectos pesados era parte do traballo do 6%, mentres que en torno ao 4% traballaba en quendas de noite. A metade das mulleres (47,5%) traballaba entre 25 e 39 horas á semana, mentres que case unha de cada catro (23%) traballaba máis de 40 horas.
Investigacións anteriores xa suxerían que traballar moitas horas pode aumentar o risco de defectos conxénitos, nacementos prematuros, morte fetal e baixo peso ao nacer.
Os novos resultados indican que os bebés nacidos das mulleres que traballaban máis de 40 horas tiñan unha circunferencia de cabeza un centímetro menor e un peso máis baixo (entre 148 e 198 gramos) que os fillos de mulleres con menos de 25 horas semanais de ocupación laboral. Estas diferenzas foron evidentes durante os últimos tres meses de embarazo.
Non obstante, o traballo fisicamente esixente non se asocia con restricións no tamaño ou peso ao nacer nin con nacementos prematuros. É máis, segundo os autores, traballar ata as 34 ou 36 semanas de embarazo non ten ningún impacto adverso sobre o desenvolvemento fetal.
"En xeral, as mulleres que traballan teñen menos complicacións durante o embarazo, defectos conxénitos e mortes ao nacer que as mulleres que non teñen emprego, pero que non é posible acabar co risco que supoñen algúns aspectos do traballo", conclúen os autores.

A avaliación dos riscos de lactación en relación ao posto de traballo ha de ser específica

A Sala do Social do Tribunal Supremo estimou un recurso de casación para a unificación de doutrina interposto polo Instituto Nacional da Seguridade Social, fronte a unha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao considerar que a avaliación dos riscos en caso de lactación natural en relación co posto de traballo ha de ser específica, que alcance á determinación da natureza, grao e duración da exposición.
A traballadora prestaba os seus servizos como ATS en Urxencias dun hospital.
A unidade de prevención de riscos laborais da empresa elaborou un informe sinalando os riscos do seu posto de traballo, como "exposición a substancias químicas, sobreesforzos, choques con obxectos, exposición a substancias ionizantes, axentes biolóxicos, cortes e picadas, atropelo ou golpes con vehículos en desprazamento ou de acceso ao hospital,".
Segundo este documento, non existía posto compatible co estado da muller, polo que non resultaba técnica ou obxectivamente posible o cambio de posto.
Mesmo cando non existan postos de traballo ou función compatible, a norma específica sinala que a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ao seu grupo ou categoría equivalente, se ben conservaría o dereito ao conxunto de retribucións do seu posto de orixe. Só cando isto non fose posible, podería declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo.
Segundo o alto tribunal, é certo que constan informes cos riscos do posto de traballo e coas funcións da traballadora, pero só conteñen unha declaración global e xenérica duns riscos susceptibles de poder estar aparellados a un posto de traballo daquela natureza, de médico do servizo de urxencias hospitalarias, sen precisión sobre os concretos axentes nocivos detectados no posto e dos efectos que estes puidesen ter sobre a saúde da nai ou do lactante.

11/07/13

A CIG proporá un acordo de vixencia do convenio mentres dure a negociación

Logo de case dous anos de negociación, os peores prognósticos fixéronse realidade e dende o pasado luns millóns de traballadores, entre eles o persoal laboral do Concello de Betanzos, quedamos sen convenio. A reforma laboral do Partido Popular tiña entre os seus principios acabar de raíz co conseguido pola negociación colectivo, por iso fixaba nun ano o prazo para negociar os convenios que tiñan unha data de caducidade e eliminaba a aultraactividade e a posiblidade prórroga inmediata destes, que no caso do convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos levaba anos e anos sendo prorrogado, posto que a vixencia contemplada finalizou o 31 de decembro de 2006, e segundo a nova norma e desde a entrada en vigor desta o prazo de negociación era limitado.

A finais de 2011, en cumprimento do programa de traballo co que a Sección sindical da CIG se presentou nas eleccións sindicais de 2011, o convenio foi denunciado para tentar conseguir un marco normativo novo para os laborais e adecuado aos tempos e foron moitos meses os que pasaron ata o que o Concello se dignou a constituír a Comisión Negociadora do convenio, xa daquela comezamos a pensar que a vontade de negociación do Concello era máis ben pouca. Uns meses despois aprobaríase a reforma laboral que marcaba un ano de prazo para a negociación e a cousa seguiu igual, escasas reunións, traballo atrasado e pouca vontade negociadora e dende iso chegamos ata este punto onde o goberno municipal foi quen de deixar sen marco normativo ao persoal laboral do Concello co que iso supón tento en conta queten feito ao longo deste tempo unha aplicación limitada do Estatuto Básico do Empregado Público e admite que para os laborais habería que recorrer ao Estatuto dos Traballadores, poñéndonos, unha vez máis, por baixo do funcionariado tamén en dereitos.

Dende a CIG temos denunciado en múltiples ocasións a paralización da negociación, mais pouco se puido facer ante un goberno que se ampara en que as medidas do PP dificultan a negociación colectiva mais que puido mesmo ter acordado un novo convenio antes da reforma laboral e moito máis aínda neste ano que vai para atrás. 

Ante este complexo panorama e como última vía, á vista de que a negociación segue paralizada, dende a CIG decidimos propoñer ao Comité que este lle achegue unha proposta de acordo expreso ao Concello para manter a vixencia do Convenio actual en tanto proseguen as negociacións dun novo convenio e mentres este non entre en vigor como unha posible medida para intentar paliar as consecuencias do acontecido. Nun principio, e logo de falar coa representación da UGT, parece que non hai problema e estarían de acordo en apoiar a proposta, así mesmo, e logo de conversas co propio goberno municipal, admite a súa boa predisposición a asinar este acordo para que o escenario para os laborais dos próximos meses sexa un pouco menos complicado. Nas vindeiras semana poderemos corroborar se finalmente isto será así mais o certo é que ante o estancamento da negociación do convenio esta sería a única posible solución temporal que amortecería os efectos da reforma laboral no persoal laboral do Concello, de non ser así o escenario sería complicado ata a aprobación dun novo convenio.

10/07/13

Solicitadas as execucións das sentenzas do persoal readmitido

Finalmente, e cando nuns meses se cumprirá un ano que varios traballadores foron readmitidos logo das sentenzas xudiciais que declaraban improcedentes os seus despedimentos, dende a Asesoría xurídica da CIG víronse na obriga de solicitar ante o xulgado as execucións de sentenzas para o cobro dos salarios atrasados logo da readmisión deste persoal.

O certo é que o que nun principio ía cobrarse ao mes e medio de ser readmitido, en palabras do propio goberno municipal nunha reunión á que chamou expresamente a este persoal antes da readmisión converteuse en caso nun ano e avalou de novo a pésima xestión dos temas de persoal neste Concello. Esta demora suponlles diversos problemas ao persoal afectado, entre eles os relacionados coas declaracións da renda pertinentes e, por suposto, o feito de que o Concello lles debe cartos, o que é moito máis grave aínda se temos en conta os tempos que corren. Neste caso si que cómpre sinalar que a pouca comprensión do Concello coa situación dos traballadores desembocou en ter que volver ao xulgado para poder cobrar os cartos que o Concello lles debe e que lles pertencen.


Dende a CIG do Concello de Betanzos consideramos que resulta lamentable que o persoal deste Concello deba acudir continuamente ao xulgado para solucionar temas que se deberían resolver por parte do propio Concello de oficio, posto que este procedemento non fai máis que complicar a situación e aumentar o descontento do propio persoal en todo o que ten que ver co ámbito laboral.

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 6

Dentro dos contidos incluídos neste número están a problemática que que xera para o conxunto dos traballadores/as do sector da construción a TPC (Tarxeta Profesional da Construción), analizada por Xoaquím Agulla Gómez, Secretario Comarcal da Federación de Construción e Madeira en Pontevedra e membro da Executiva Nacional desta Federación, o novo Sistema Galego de Alerta Temperá para a detección de enfermidades profesionais, a sentenza do Xulgado Central do Contencioso - Administrativo que declara inadmisible que o INSS pague productividade por dar altas médicas, o incremento da idade de xubilación e a megaminaría. Pechamos este número coas publicacións do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral, "Identificación de riscos laborais e Guía de Boas Prácticas na estracción e na elaboración de pedra natural" .
O Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 6, pode descargarse premendo na seguinte ligazón ou acudindo á portada da web, ao espazo específico que ocupa o Boletín. En formato papel está a vosa disposición nos locais da Confederación Intersindical Galega.
Neste número pódense atopar os artigos “Os dereitos dos traballadores/as e a Tarxeta Profesional da Construción (TPC)” e "Incremento da idade de xubilación - envellecemento activo" incluídos no apartado Opinión, “O novo Sistema Galego de Alerta Temperá para a detección de enfermidades profesionais” en Sabías que...?, "Unha nova sentenza declara inadmisíbel que o INSS pague produtividade por dar altas médicas" en Colaboración - Análise xurídico-normativa e "A megaminaría: procesos, promesas, consecuencias" na sección de Información Técnica.

Como peche para  este número  realízase unha revisión das publicacións elaboradas polo Gabinete"Identificación de Riscos laborais e Guía de Boas Prácticas na extracción de pedra natural" e"Identificación de Riscos laborais e Guía de Boas Prácticas na elaboración de pedra natural".

Podes descargar o Boletín CIG-Saúde laboral n.º 6 aquí.

Saúde laboral: maternidade

A volta ao traballo dificulta que as nais lacten tanto tempo como quixeran

O 89% das nais do estado español con nenos menores de dous anos dan ou deron de mamar aos seus fillos, indica unha enquisa da Iniciativa Global pola Lactación. Con todo, aínda que as nais consideran que a idade óptima para deixar de dar o peito son os 17 meses, a volta ao traballo e a pouca consideración social obrígalles a parar ao seis meses. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) o ideal é que un neno se alimente de forma exclusiva con leite materno durante o seis primeiros meses de vida, e logo pase a combinar este tipo de alimentación con outra, sen abandonala do todo até os dous anos.
Con todo, unha enquisa realizada polo grupo español da Iniciativa Global pola Lactación (GBI polas súas siglas en inglés), indica que no 89% dos casos as nais deixan de dar o peito antes de que o neno cumpra un ano e que a idade media de destete son o seis meses.Segundo os datos do informe, durante o tres primeiros meses o 69% das nais dan de mamar aos seus fillos, pero esta porcentaxe vai diminuíndo coa idade, até quedar nun 18% entre os nenos de 19 a 24 meses."A sociedade fixo que modifiquemos o hábito de lactación prolongada", explica Marta Díaz, coordinadora do Comité de Lactación Materna da Asociación Española de Pediatría.A idade óptima de destete para as mulleres entrevistadas sería os 17 meses, pero a gran maioría non pode cumprir con este desexo. O principal inconveniente que atopan para continuar coa lactación durante un período prolongado é a volta á actividade laboral, seguido de preto pola dificultade para dar o peito en lugares públicos. A conciencia social é outro factor que, segundo informa Díaz, dificulta a prolongación da lactación, e explica que "a sociedade rexeita a imaxe de nenos maiores dun ano alimentándose ao peito, e por iso moitas nais ocúltano. Temos que acabar con isto".Unha das razóns argumentadas polas nais para justificar a súa decisión de deixar de dar o peito é a falta de leite, pero segundo Díaz, está probado que na maioría dos casos isto é un tema de percepción da muller.
Facilitar extracción de leite nas empresas. Os responsables da enquisa, que é o primeiro paso dunha iniciativa para fomentar a lactación, argumentan que se deberían acondicionar espazos tanto nas empresas como en lugares públicos para que as nais poidan extraerse o leite de forma artificial e así poder seguir alimentando aos seus fillos con ela e así non ter que recorrer á artificial. No Estado español as enquisas indican que se están mellorando as taxas de lactación desde os anos 50, e segundo Díaz, estamos a niveis parecidos a outros estados como Estados Unidos. Con todo, aínda hai unha diferenza grande con outros como Noruega ou Suecia, que chegan a duplicar os datos españois para nenos de dous anos de idade.A GBI é unha iniciativa nada en novembro de 2012 da colaboración entre Excellence in Pediatrics e o Philips center for Health and Wellbeing, na que participan nove estados, entre eles o Estado español. A enquisa é o primeiro paso dunha serie de esforzos cuxo obxectivo é mellorar as taxas de lactación materna para 2015.Segundo Concepción Alba Romeu, do servizo de neonatología do Hospital 12 de Outubro, os beneficios psicolóxicos e fisiológicos que achega a lactación aos nenos fai que esta iniciativa sexa "un investimento cara á sociedade e non só un apoio cara á muller".

Saúde laboral: psicosocial

Adictos ao traballo
Vivimos tempos duros. A falta de emprego en moitos sectores ocasionou que se den casos nos que o traballador/a tome demasiado apego polo seu traballo, para asegurarse a súa estabilidade laboral. A adicción ao traballo é unha patoloxía que debe ser tratada por especialistas. Nestes casos, a tensión e o esgotamento poden superar ao traballador/a e prexudicar a este e á súa empresa. En Xapón xa existe mesmo un termo para designar a "morte por traballo": "Karoshi".


Segundo os expertos, o que deixan de lado as persoas que se fan adictos ao traballo son cousas tan importantes como a saúde e a familia. O peor de chegar a rozar tal extremo é que a saúde mental do empregado está exposta tanto ou máis que o seu emprego.Entre os xaponeses acuñouse o concepto "Karoshi" para definir a morte por exceso de traballo, mentres que os investigadores noruegueses pola súa banda, desenvolveron a Escala de Adicción ao Traballo para avaliar o risco de "Karoshi" entre os traballadores.Por suposto, o punto serio aquí é que a glorificación do traballo duro de moitas culturas disimula os efectos moi nocivos da adicción ao traballo e leva por tanto, a que as empresas e os seus xerentes sexan alleos ás consecuencias desta patoloxía.

02/07/13

Publicada a resolución de axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as

As persoas solicitantes deberán terse acollido á redución da xornada laboral de traballo para o coidado dun/unha fillo/a menor de tres anos, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012

A Secretaría de Muller da CIG informa que acaba de saír publicada no DOG a resolución de axudas dirixidas aos homes e familias monoparentais, en que a persoa solicitante, home ou muller, sexatraballador/a por conta allea, e que durante o pasado ano se acolleron a unha redución da súa xornada laboral para o coidado de fillos ou fillas menores de 3 anos.
As axudas, destinadas á conciliación da vida familiar e laboral e como medida de fomento da corresponsabilidade, serán concedidas aos traballadores por conta allea ou familias monoparentais, que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012, se acolleran a unha redución da súa xornada laboral para dedicarse ao coidado dos seus fillos ou fillas menores de 3 anos.
Para ter dereito a axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos e un máximo de oito meses comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012. En ningún caso o período para o que se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.

Os formularios de solicitude pódense descargar no documento anexo a esta nova, na sede electrónica da Xunta de Galiza (https://sede.xunta.es). O prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza (DOG do 1de xullo de 2013).
Máis información aquí.

CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA

A EGAP pon en marcha sete cursos en teleformación dos niveis medio e superior do curso de linguaxe administrativa galega, destinados exclusivamente aos empregados públicos que traballen nas entidades locais de Galicia.

Prazo de matrícula: do 3 de xullo ás 8 horas ata o 12 de xullo ás 14 horas

Cursos convocados: Curso de linguaxe administrativa galega de nivel medio (4 edicións) e Curso de linguaxe administrativa galega de nivel superior (3 edicións)

Modalidade: teleformación

Destinatarios: empregados públicos e empregadas públicas destinados na Administración local de Galicia e que se atopen en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar.

Prazas: 30 por edición

Matrícula: https://egap.xunta.es/matricula

Número máximo de solicitudes: 1 (serán excluídas automaticamente aquelas persoas que presenten máis dunha solicitude).

DOG: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130702/AnuncioO150-250613-0001_gl.html