17/12/13

Novas contratacións: contratos que non se axustan ao convenio e á lexislación laboral vixente, á espera das respostas do Concello

O Concello de Betanzos ten o costume de entregarlle copia dos contratos ao Comité de Empresa sen achegar ningunha información sobre os procesos selectivos, isto dá lugar a que o Comité amose a súa disconformidade porque non ten coñecemento ningún sobre como chegan a ser escollidas as persoas que asinan os contratos, non só porque estea fóra dos procesos, senón tamén porque a falta de información sobre os propios contratos fai que se lle plantexen diferentes preguntas ás que o Concello nunca dá resposta. Logo de amosar a súa disconformidade o Comité de Empresa rexistra unha solicitude de información con todas as cuestións que considera que non se axustan á legalidade dos contratos efectuados polo Concello.

A última sorpresa veu da man dos contratos relacionados con dous obradoiros de emprego que se están a realizar no Centro de Formación Ocupacional e sobre os que o Comité nin sequera tiña coñecemento de que o Concello era quen efectuaba a contratación ata tempo despois de empezar a traballar esta xente, por isto, e unha vez que se lle achegou copia dos contratos o Comité deixou de manifesto que a xornada laboral deste persoal non se axusta á do convenio colectivo, superándoa, ademais de que as retribucións tampouco se axustan ás do convenio colectivo e négaselle a este persoal o dereito á parte proporcional da paga completa, tal e como indica o propio convenio e a lexislación laboral, e consta que só se lle pagará a parte proporcional do salario base, algo que consideramos non só ilegal, senón discriminatorio con respecto ao resto do persoal laboral deste Concello.

Recentemente, o Concello realizou novas contratacións, falamos dunha praza de técnico/a en orientación laboral, un contrato para limpeza por acumulación de tarefas no CEIP Francisco Vales Villamarín e varios contratos ao abeiro do Plan de Cooperación da Deputación da Coruña de peóns de Protección Civil, auxiliares de axuda a domicilio e peóns de mantemento. Unha vez máis o Comité de Empresa non tivo coñecemento ningún sobre os procesos ata que o persoal foi contratado, coa gravidade de que no caso dos contratos do Plan de Cooperación o Concello nin sequera publicou as bases de selección na páxina web, tal e como el mesmo indica que se debería facer nas bases xerais aprobadas recentemente. Mais iso non é todo, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, xa solicitou por escrito as explicacións pertinentes que motivan os salarios deste persoal non permanente e que motivan que non se axusten ao convenio colectivo en vixencia e que mesmo en moitos casos os complementos específicos dupliquen os do persoal de igual categoría e funcións nunha praza que forma parte da Relación de Postos de Traballo, o que suporía unha discriminación salarial duns traballadores con respecto aos permanentes do Concello. A maiores, no caso dos horarios laborais o Comité solicitou explicacións dos contratos dos peóns de Protección Civil por consideralos contrarios ao Estatuto de Traballadores e indicar que este persoal traballa de luns a domingo e sen horario laboral específico, o que suporía que non se respectan os descansos mínimos establecidos pola lexislación laboral vixente e que, a maiores, consideramos unha absoluta barbaridade.

A día de hoxe o Concello segue sen responder, mais agardamos que cando lle pidamos as explicacións pertinentes na reunión mensual co concelleiro de Persoal sexa quen de dar conta das irregularidades e modificar os contratos para que se axusten á lexislación laboral e non continuar por este camiño cando se contrata persoal laboral non permanente, porque ademais, xa lle puxemos de manifesto ao Concello que o persoal contratado ao abeiro de subvención debe traballar no que lle corresponden e non no que ao Concello lle vén ben, porque unha vez máis está a utilizar ao compañeiros de Protección Civil de "chic@s para todo", o que consideramos lamentable, e máis logo de seis sentenzas que parece que non serviron de advertencia para o Concello.

A CIG considera que as novas contratacións sempre son unha boa nova para o Concello, e máis nos tempos de corren de falta de persoal, mais non entende porque o Comité é excluído sistematicamente da información que rodea os procesos e sempre que considere que os contratos incumpren ben a lexislación laboral ben o recollido no convenio colectivo e o Concello non lle dea as explicacións pertinentes seguirá amosando por escrito a súa disconformidade coa forma e a formalización dos contratos mais obviamente nunca coas propias contratacións.


Ningún comentario:

Publicar un comentario