20/09/19

A implantación do sistema de control de presenza no traballo afondou nas discriminacións entre o persoal municipal, ao non aplicárselle á totalidade dos traballadores

A comezos de 2018, logo dun acordo plenario, o goberno municipal implantou "de xeito provisional" un sistema de control de presenza no traballo que non foi negociado cos representantes dos traballadores. Así mesmo, o propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, nunha reunión na que convocou á totalidade do persoal informou a data desde a que se realizaría a implantación provisional " de probas".

Desde ese momento, e ata hoxe, case un ano e medio despois, e coa aprobación mesmo dun Decreto lei por parte do PSOE a nivel estatal que obriga á fichaxe para o control da xornada laboral, o goberno do PSOE de Betanzos permite graves discriminacións entre o persoal municipal no sistema de control da xornada baseado en tres eixes fundamentais:

1. A non aplicación do sistema de control á totalidade do persoal municipal e o coñecemento de que isto acontece tanto por parte do concelleiro de Persoal Diego Fernández, como da propia alcaldesa, María Barral, coa que os propios representantes da CIG falaron antes das eleccións locais desta cuestión e que afirmou que isto se solucionaría se ela continuaba de alcaldesa, mais que segue sen solucionar na actualidade. Esta permisividade supón un agravio discriminatorio gravísimo entre os traballadores que fichan, e, por tanto, o Concello ten un control da xornada, e os que non. 

2. A non exixencia das mesmas horas de xornada a todo persoal municipal, tendo en conta que hai servizos que efectivamente se cinxen ao recollido no Convenio colectivo e o Acordo regulador e outros que non. A grave discriminación que supón que non traballe as mesmas horas a totalidade do persoal municipal leva sido causa de moitas queixas ao goberno municipal ao longo destes anos, que fai caso omiso e permite privilexios a determinados colectivos. Consideramos que esta cuestión se debería solucionar de inmediato e todo o persoal debería realizar a mesma xornada laboral e, que a xornada ordinaria de traballo debería ser de 35 horas.

3. A aplicación aleatoria do sistema de control presencial ou a distancia, que supón que o goberno municipal decidise unilateralmente que postos de traballo teñen o control presencial ou a distancia e que supuxese que haxa persoal con lugares de traballo fixos que se lles permita a fichaxe non presencial, ao igual que o persoal con lugares de traballo itinerantes, unha outra discriminación executada e amparada polo goberno socialista.

Debido á gravidade da situación e á pasividade do goberno municipal, a CIG presentou unha solicitude na que lle solicita ao goberno municipal que solucione esta situación, non só polas discriminacións existentes, senón porque a parálise imposibilita que se poida levar a cabo a flexibilización da xornada que se recolle tanto no Convenio colectivo como no Acordo regulador. Tamén solicitou que negocie dunha vez por todas os horarios específicos que se debían negociar nos tres seguintes meses da aprobación do Convenio e do Acordo, e que, levan, por tanto, tres anos de atraso e que lle facilite o acceso aos rexistros de xornada diaria aos representantes dos traballadores, tal e como recolle o Real decreto lei 8/2019 de medidas urxentes para a protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo.

Desde a CIG agardamos que o goberno de María Barral solucione esta situación de inmediato, e de non ser así non dubidaremos en acudir á Inspección de Traballo para informala das discriminacións existentes no relativo a este tema. Son moitos os compañeiros que nos teñen manifestado a inxustiza da situación e a frustración que provoca a discriminación entre uns traballadores e outros do que é claramente coñecedor o goberno socialista e que leva amparando xa demasiados anos.

A maiores, consideramos moi grave que o goberno municipal que tanto se afana cos plans e medidas de igualdade para a cidadanía se negue a levar a cabo a posibilidade da flexibilidade horaria que vén recollida tanto no Convenio colectivo como no Acordo regulador e que facilitaría a conciliación laboral e familiar dos traballadores e traballadoras. Hai máis de tres anos que esas medidas están en vigor e o goberno municipal se nega a implantalas con escusas de mal pagador, para seguir beneficiando sempre aos mesmos.

Tampouco é menor a problemática relacionada coas horas extraordinarias, cuxo pagamento é continuamente atrasado e paralizado coas debidas consecuencias para o persoal que as realiza, debido aos reparos da Intervención municipal, que incide na falta de regulación e control da xornada dos traballadores como un problema para a acreditación dos traballos extraordinarios. É dicir, que aínda por riba o goberno négase a solucionar un problema que está provocando atrasos de ata seis meses no cobro das horas extraordinarias co conseguinte malestar do persoal afectado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario