Só o 20 % das persoas desempregadas
perciben unha prestación contributiva
A temporalidade e a escasa duración
dos contratos, reduciron o desemprego a 176.696 persoas no mes de
maio. “Un maio paradigmático onde constatamos a crecente
precariedade laboral que se consolida no mercado de traballo en
Galiza”, afirma o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle
quen chama a atención sobre o feito de que para reducir o paro
rexistrado en 5.500 persoas fixéronse preto de 100.000 contratos.
“Máis de 17 contratos por persoa nun mes. Un contrato cada dous
días”.
Cartelle atribúe novamente esta
situación ás políticas económicas e laborais do PP e empraza ao
novo goberno a “retirar as reformas laborais e de negociación
colectiva, mudar as políticas de emprego e articular medidas de
protección social que realmente dean cobertura a situación de
abandono que padecen as persoas desempregadas”.
As cifras
Seguindo coa tónica dos últimos ano,
o mes de maio rematou cun descenso do desemprego tanto en Galiza como
na media estatal. No caso de Galiza a redución foi dun 3,07% (2,51%
na media do estado).
Tamén a nivel sectorial o
descenso estacional vai en consonancia co ocorrido en anos
anteriores. Na Construción a redución é maior (5,39%), seguido de
Industria (4,25) e Servizos con 2,68% menos de persoas paradas neste
sector.
“O preocupante é que este descenso
vai acompañado dun forte número de contratos rexistrados”,
reitera Cartelle. Concretamente 96.189 en tan só un mes. “Isto,
loxicamente, explícase polo escasísima duración dos contratos e a
alta rotación dos mesmos, xa que para 5.595 persoas menos
desempregadas o número de contratos é moi elevado”.
De feito, tan só o 8,5% dos contratos
foron rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación
indefinida.
Desprotección
A protección das persoas desempregadas
é outro dato altamente preocupante. Tan só o 48,2% perciben algún
tipo de protección. Se nos cinguimos á prestación contributiva,
tan só o 20% do total de parados e paradas a perciben. O resto, o
28,2% ou non perciben nada ou como moito un subsidio que apenas
superaría os 400€.
De aí que desde a CIG se demanden
medidas urxentes para paliar esta gravísima situación, que aboca á
pobreza e á exclusión social a miles de persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario