04/06/18

O Comité de Empresa reitera a necesidade de negociar un novo regulamento de acción social e o incumprimento dos prazos do Convenio colectivo

Hoxe mesmo o Comité de Empresa rexistrou unha solicitude reiterando a necesidade de negociación dun novo Regulamento de Acción social e indicoulle ao Concello o seguinte:


EXPOÑO:

PRIMEIRO. Que o capítulo IX, artigo 34, do Convenio colectivo do persoal laboral, indica o seguinte no punto 2:

“2. A xestión e a asignación individualizada do importe desta partida realizarase de conformidade cun novo Regulamento de acción social que deberá ser aprobado polo Pleno no prazo dun ano dende a entrada en vigor deste convenio, previa negociación na Mesa Xeral de Negociación do persoal do Concello de Betanzos.”

SEGUNDO. Que o Convenio colectivo está en vigor desde o día seguinte ao da súa publicación no BOP, é dicir, o 7 de abril de 2017, e segundo o indicado no propio documento, o novo Regulamento de acción social xa debería estar aprobado e en vigor.

TERCEIRO. Que este Comité de Empresa xa lle trasladou ao concelleiro de Persoal en múltiples ocasións a necesidade de aprobación deste novo regulamento e do cumprimento dos acordos adoptados no convenio colectivo.

CUARTO. Que o artigo 10 do Convenio indica, así mesmo, o seguinte:

“As partes asinantes do Convenio ao nivel que sexa, comprométense á aplicación directa deste e a non promover cuestións que puideran supoñer modificacións das condicións pactadas no texto.”
QUINTO. Que no caso de nun prazo breve o Concello non convoque o organismo pertinente para a negociación destas novas bases denunciaremos un incumprimento do Convenio ante a Comisión Paritaria de Seguimento, órgano encargado de vixiar o incumprimento do pactado e vixiar, no seu caso, os incumprimentos e continuaremos coas medidas oportunas de cara a que cumpra o pactado no Convenio colectivo.

SOLICITO:

Que o Concello convoque canto antes ao Comité de Empresa para a negociación dun novo Regulamento de acción social e o cumprimento do pactado no Convenio colectivo do Persoal Laboral.


Ningún comentario:

Publicar un comentario