20/06/18

A CIG pon unha nova queixa polo uso da entrada da Casa do Concello como almacén

A delegada de prevención da CIG rexistrou unha nova queixa, como cada ano, pola utilización que o goberno municipal fai da entrada da Casa do Concello como almacén de instrumentos e trastes dificultando o traballo do persoal que presta os seus servizos nese edificio, así como creándolle riscos innecesarios á cidadanía que acude ao edificio.  O documento foi rexistrado telematicamente o pasado venres 15 de xuño e indicaba o seguinte:

COMUNÍCOLLE QUE:

  1. Que, unha vez máis, e desde hai varias semanas, o Concello vén utilizando a entrada da Casa Consistorial como almacén de diversas cousas relacionadas coa Feira Franca Medieval.
  2. Que esta situación vense repetindo cada ano, tal e como xa os delegados de prevención do Comité de Empresa lle teñen comunicado ao Concello e cada vez é máis grave posto que os obxectos que o Concello deposita na entrada do edificio cada vez permanecen máis tempo nesta.
  3. Que esta situación produce uns riscos non avaliados tanto para o persoal como para a cidadanía que accede diariamente ás dependencias administrativas.
  4. Que a situación dificulta en ocasións o tránsito polas dependencias e podería supor un perigo no caso de que haxa que realizar unha evacuación.
  5. Que achegamos xunto con este documento algunhas fotos que acreditan tal situación, e que foron tomadas en diferentes datas ao longo das pasadas semanas.
  6. Que este edificio está avaliado como oficinas administrativas e no caso de querer destinalo para almacén de xeito continuo, á vista do que ocorre cada ano nas mesmas datas, o Concello debe realizar unha nova avaliación de riscos laborais. Do contrario non pode usar como almacén a entrada dunhas oficinas administrativas municipais
Por todo isto, SOLICITO:
  1. Que o Concello tome as medidas oportunas de cara a solucionar esta situación.
  2. Que deixe de utilizar a entrada da Casa do Concello como almacén, toda vez que este edificio está avaliado como oficinas administrativas.
  3. Que teña en conta que esta situación que se repite no tempo pode dar lugar a problemas no caso de que nunha situación de urxencia haxa que avacuar o edificio.
A todo isto hai que sumarlle a paralización do Comité de Seguridade e Saúde que leva sen reunirse desde outubro do ano 2017, e cuxa situación será posta en coñecemento da Inspección de Traballo provincial nos vindeiros días, á que tamén se levará a negativa do goberno a facilitarlle a información sobre as horas extraordinarias do persoal laboral ao Comité de Empresa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario