Inicia un proceso de acumulación de
forzas para exixir a recuperación de dereitos laborais, sociais e
condicións de vida dos traballadores/as.
A
CIG celebrou este mércores asembleas de delegados/as e mobilizacións
en todas as comarcas para analizar as consecuencias das
“contrarreformas” laborais, da negociación colectiva e das
pensións nas condicións laborais e de vida da clase traballadora
galega. A central acordou o inicio de protestas para exixirlle
ao Goberno español un cambio de políticas que posibilite a
recuperación de dereitos perdidos.
Iniciamos
un proceso de acumulación de forzas e estamos dispostos a tirar para
adiante cunha folga xeral se non se avanza nesa liña”. Así o
aseguraba o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, na concentración
celebrada diante da Subdelegación do Goberno en Ourense, onde
vinculou a recuperación de dereitos e a creación de emprego con
salarios e condicións de traballo dignas á “derrogación
inmediata” de todas as reformas impostas so pretexto da crise
económica, nomeadamente as laborais, a da negociación colectiva, as
das pensións e a coñecida como lei mordaza.
Táboa
reivindicativa
O
secretario xeral da CIG explicou que a central sindical ten acordado
darlle continuidade ás mobilizacións que hoxe comezaron en todas as
comarcas nos próximos meses. Avanzou ademais que xa se está
traballando nunha táboa reivindicativa na que se concretarán todas
as demandas e propostas básicas para mudar a actual situación.
“Basearemos
esas propostas en dous documentos que xa temos debatido e publicado,
un no que se recollen as 100 medidas para a recuperación económica
e a creación de emprego en Galiza e outro no que se contemplan toda
unha serie de propostas en materia laboral e social para a nova
lexislatura”
Seixo
sinalou que é necesario aproveitar a actual conxuntura política,
cun goberno do PP en minoría no Congreso onde “se dan as
circunstancias para poder promover iniciativas, proposicións de lei
que modifiquen as consecuencias negativas que tiveron -en materia de
emprego, salarios, prestacións por desemprego, condicións laborais
e pensións-“ esas reformas.
En
todo caso, augurou que o PP, malia estar en minoría, intentará
utilizar “todos os mecanismos ao seu alcance” para non mudar
absolutamente ningunha das súas “políticas antisociais e
antiobreiras”.
Por
iso, afirmou que é “fundamental presionar a través da
mobilización social, nun proceso de concienciación e acumulación
de forzas que nos permita chegar aos maiores niveis de mobilización
e contestación social”. Presión que ten que ir dirixida
fundamentalmente ao PP, pero tamén a aqueles grupos do Congreso
español que son reticentes a estes cambios.
Neste
sentido, adiantou a disposición da CIG a chegar até as últimas
consecuencias e non descartou mesmo recorrer á “folga xeral” se
non se dá ningún avance.
Sistema
de pensións
Alén
destas cuestións, nas asembleas abordouse tamén a situación na que
se atopa o actual sistema público de pensións e o debate que se
está a dar arredor da súa viabilidade futura. Sobre esta cuestión
valorouse a necesidade de que se adopten todas as medidas necesarias
para garantilas como un dereito básico e incidiuse na necesidade de
crear emprego con dereitos e salarios dignos.
O
secretario xeral da CIG lembrou ademais que a CIG xa leva meses
desenvolvendo unha campaña organizada polo colectivo de pensionistas
e xubilados/as da central sindical á que tamén se lle vai dar
continuidade con novas mobilizacións, previsibelmente no mes de
xaneiro.
Mobilizacións
que acordará o propio colectivo, “coa idea de exixir que se
derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, promovidas
polo PSOE e o PP, que ademais no caso da de 2011 contou co apoio de
CCOO e UGT”, sinalou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario