18/11/16

Alegacións ás bases das listaxes de substitución publicada no BOP Boletín Oficial da Provincia número 214, do 11 de novembro de 2016

Tal e como fixo na pasada Mesa Xeral de Negociación do 11 de xullo a CIG fixo unha serie de achegas con respecto ás bases presentadas polo Concello que ampliou esta semana, tendo en conta as modificacións non acordadas na Mesa e incluídas no texto publicado e que onte mesmo rexistro solicitando que o Concello corrixa as deficiencias sinaladas, unifique os criterios empregados e elimine as discriminacións manifestada no documento das bases da convocatoria das prazas de albanel, peón/oa de limpeza viaria, profesor/a de gardería, técnico/a de xardín de infancia e auxiliar de axuda no fogar.

Entre as principais modificacións que propuxemos e consideramos necesarias no texto están as seguintes:

1. Entendemos que as devanditas bases no caso de ser para tres anos deberían selo para 2017-2020, xa que acaba de abrir o prazo para a presentación de solicitudes e tendo en conta os prazos do procedemento administrativo as listaxes derivadas deste proceso non poderán estar operativas antes de xaneiro de 2017.

2. Entendemos que o catálogo de postos que o Concello debería cubrir con estas bases debería ampliarse, como mínimo, ao presentado inicialmente polo propio Concello en xullo, que incluía tamén xardineiros e, a maiores, debería contemplar a posibilidade doutros postos de traballo de carácter esencial e prioritario como o persoal do cemiterio municipal e outro persoal de servizos que na actualidade teñen postos na Relación de Postos de Traballo.

3. Canto aos salarios, e tendo en conta que estamos xa fase final de tramitación do novo convenio cumpriría que se indicase que as retribucións serán as correspondentes en función do convenio colectivo en vigor, non só porque tendo en conta estas bases o Concello podería pretender que o novo convenio, no momento que estea en vigor, non fose de aplicación ao persoal contratado ao abeiro das listaxes derivadas deste proceso.

4. Consideramos unha discriminación manifesta o requisito do carné e o vehículo propio para o persoal auxiliar a domicilio, máis aínda se temos en conta que os postos para os que se crea a listaxe de substitución non teñen tal requisito na Relación de Postos de Traballo en vigor e que agás para os postos de condución a ningún posto se lle require carné de conducir na Relación de Postos de Traballo e moitísimo menos ter vehículo propio, xa que o Concello ten un parque móbil que utilizan os/as traballadores/as de servizos para poder levar a cabo o seu traballo e os desprazamentos relacionados con este.

5. Nos requisitos de titulación de profesor/a de gardaría aparece técnico/a supeiror en Educación Infantil e non se pode equipar unha anterior diplomatura ou actual graduado con formación profesional superior, é máis, tendo en conta que estes postos son para grupo 2 non poderían encadrarse en tal grupo por incumprimento dos requisitos de titulación. Tamén consideramos que o requisito de titulación do persoal auxiliar de axuda no fogar non é equivalente ao grupo no que se pretende encadrar, posto que lles requiren un título de formación profesional de grao medio e inclúenas nun grupo onde o requisito para o resto das prazas é certificado de escolaridade, incidindo nunha discriminación manifesta dos requisitos de titulación entre o persoal que opta a diferentes prazas. A maiores consideramos que se debería eliminar que posúan ou deban estar en condicións de obter a titulación no ano 2016, porque que o ano está para finalizar e o proceso é complicado que se resolva antes.

6. Polo que respecta ao test de 10 preguntas case non é unha proba porque ademais se hai tres respostas, non se penaliza o fallo, hai un 30% de probabilidades de atinar poñendo respostas ao chou. Consideramos que esta parte debería redactarse de novo porque non está moi clara e hai puntos que poden levar a equívoco.

7. A composición do tribunal non se axusta ao recollido na Lei 2/2015 na pertenza dos membros do tribunal ao mesmo grupo ou categoría profesional.

A conclusión que tiramos deste texto é que pretende agravar a discriminación das traballadoras auxiliares de axuda a domicilio con respecto ao resto de persoal do Concello ao lles exixir carné e coche propio ao servizo da Administración local, cando na Relación de Postos de Traballadores a nin un só dos traballadores actuais que non son condutores se lles exixe tal requisito. O colmo da discriminación para este colectivo é que se lles exixan un grao medio de formación profesional para traballar e as pretendan encadrar no grupo 5, é dicir, que no mesmo que aos candidatos que lles exixen o certicado de escolaridade. E se a isto lle sumamos que estas traballadoras, xunto coas traballadoras de limpeza de edificios, todas mulleres, cobran menos que os homes coa mesma categoría profesional e similares funcións do grupo 5 temos claro que non é que a igualdade de homes e mulleres non sexa unha prioridade neste Concello senón que hai unha cruzada para perpetuar as discriminacións e desigualdades.

Outro tema non menos importante son os postos que forman parte destas listaxes, tendo en conta que desde o texto de xuño o Concello decidiu que os xardineiros non teñen postos esenciais, mais si os albaneis, supoñemos que a privatización na que está tan interesada o goberno municipal do servizo de xardinaría débese a isto. Máis grave aínda é que non aparezan posto ningún relacionado co cemiterio municipal, que si que é un servizo esencial e prioritario pense o que pense o goberno municipal, aínda que moito nos tememos que na negativa de Diego Fernández a incluír este posto nas listaxes que lle propuxemos o 11 de xullo tamén están os intereses da recente privatización deste servizo.

A CIG propón ampliar este catálogo a outros postos contemplados na RPT e descoñece o criterios que rexen decisións como que postos de albanel si, de xardineiro, peón de cemiterio ou electricista non, así que como a manifesta discriminación, entre outras, dos postos de auxiliar de axuda a domicilio mencionados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario