25/11/16

Alegacións ao Proxecto de regulamento de réxime interno da escola municipal de folclore do concello de Betanzos

Nos pasados días o Concello de Betanzos publicou na web municipal un Proxecto de regulamento de réxime interno da escola municipal de folclore do Concello de Betanzos e publicaba a nova correspondente.

Este proxecto contempla funcións de postos de traballo cando o documento que debe definilas é a Relación de Postos de Traballo, en igualdade de condicións para todo o persoal e coa negociación colectiva correspondente. Descoñecemos a que se debe que o Concello dea un paso adiante para definir funcións nun documento que non é a RPT, máis aínda cando acaba de publicar a licitación para a contratación dunha empresa para a elaboración do documento.
En concreto, recolle no título V e nos capítulos 1 e 2 funcións do persoal e da propia dirección cando na actualidade non existe ningún posto de dirección da RPT, o que resulta certamente contraditorio. Pretende mesmo regular as titulacións de acceso aos postos de traballo cando ese non é o obxecto dun Regulamento de réxime interno senon dos documentos que definen os postos de todo o persoal.
Neste momento está aberto o prazo de suxestións ou opinións, tal e como informa o Concello, polo que a CIG rexistrará un documento onde recolla as cuestións sinaladas á espera de que o Concello responda ao alegado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario