A central denuncia que o novo acordo en materia de emprego e negociación colectiva afonda no empobrecemento da clase traballadora
A
Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de iniciar unha
campaña nacional nas empresas para informar os traballadores/as
sobre as principais consecuencias que terá o último pacto
asinado por CCOO e UGT e a patronal española. Dende a
central nacionalista denuncian que o novo acordo en materia de
emprego e negociación colectiva afonda no empobrecemento da clase
obreira "e amosa unha actitude entreguista e unha clara
asunción por parte dos dous sindicatos estatais das
reformas laborais do Partido Popular esixidas pola mesma patronal
que asina o acordo".
Segundo
explican dende a CIG, o contido e os beneficiarios/as deste novo
pacto social quedan
perfectamente definidos coa frase que utilizou o secretario xeral da
UGT na súa presentación pública: <<Al final tocamos todos la
misma melodía>>. “Efectivamente, unha vez máis estas dúas
centrais terminan tocando a melodía que lles impón a patronal”,
critican dende o sindicato nacionalista.
Deste
xeito, a central galega considera necesario realizar unha labor de
información pública sobre as consecuencias que o acordo vai ter
para as condicións laborais e sociais da clase traballadora. Para
isto, distribuirá cartaces e follas explicativas entre os
empregados/as das principais compañías do país.
Entre
os principais aspectos negativos do pacto, sinalan en primeiro lugar
o acordado en materia de incrementos salariais. “Acéptase a
postura da patronal, e do Goberno do PP, e decrétase a moderación
salarial fixando un tope máximo de incremento do 1% para o ano 2015
e de 1,5% para 2016.
No
caso de que o IPC acumulado dos dous primeiros anos supere o 2,5%,
funcionaría unha cláusula de garantía salarial que sería
proporcional ao incremento pactado inicialmente, o que supón que
canto menor sexa o incremento pactado menor será a porcentaxe de
revisión dos salarios, o que para a CIG é “un auténtico
despropósito”.
En
canto á xornada de traballo, censuran que se facilite a implantación
dunha ordenación flexíbel e irregular do tempo e da xornada, pola
vía de aceptar que a patronal poida dispor libremente da
distribución irregular do 10% da xornada anual ordinaria e mesmo
dunha bolsa de horas anual para a súa libre utilización.
Outro
dos aspectos negativos ten que ver coa flexibilidade das condicións
laborais: acéptanse e dáselles carta de normalidade aos mecanismos
impostos polas sucesivas reformas laborais referidos a temas como
inaplicación dos convenios, mobilidade funcional, modificación
substancial das condicións de traballo, distribución irregular da
xornada, etc.
No
que respecta á incapacidade laboral e ao absentismo, patronal e
sindicatos estatais pactaron a necesidade de establecer mecanismos de
xestión e control das baixas por IT, vinculando a “racionalización”
dos actuais complementos de baixa por enfermidade ou accidente a este
tema, “o que indica que queren endurecer as condicións para poder
acceder a estes complementos”.
Sistema
complementario de pensións
As
organizacións asinantes do acordo tamén se comprometen a utilizar a
negociación colectiva para favorecer a implantación e o medre dos
recursos dos plans privados de pensións, para beneficio da banca e
das propias centrais sindicais asinantes, que xa hoxe están metidas
no negocio dos plans privados de pensións.
Ademais,
aceptan o retroceso que supuxo a reforma do PP en materia de
negociación colectiva e asumen como normal a prevalencia do convenio
de empresa sobre o de sector e os mecanismos de descolgue dos
convenios por parte das empresas; “mesmo se favorece a división
dos convenios actuais pola vía de darlle carta de normalidade a
asinar e rexistrar acordos sobre aspectos parciais do convenio ou
novas unidades de negociación”.
En
definitiva, segundo denuncia a CIG, atopámonos diante dun acordo que
amosa unha actitude entreguista e unha clara asunción por parte de
CCOO e UGT das reformas laborais do PP esixidas pola patronal que
asina o acordo. “Ao mesmo tempo, confírmase a nula disposición
por parte destas dúas centrais sindicais a mobilizarse, dar a
batalla e facerlle fronte ao enorme retroceso en dereitos e ao
debilitamento sufrido pola clase traballadora nos últimos anos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario