Un ano e nove meses despois de entrar a gobernar esta corporación o Concello non foi quen de constituír o Comité de Seguridade e Saúde cuxas reunións teñen que ser por Lei 31/95 cada tres meses. Logo de múltiples promesas e adiamentos e de que propio alcalde afirmara na Mesa Xeral de Negociación do pasado mes de febreiro de 2012 que se constituiría proximamente os traballadores do Concello de Betanzos seguimos sen a constitución do máximo órgano en materia de seguridade e saúde laboral. Por este motivo os delegados de prevención da CIG propuxeron na reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de febreiro denunciar ao Concello de Betanzos ante a Inspección de Traballo para que tomase cartas no asunto.
O pasado 4 de marzo a denuncia contra o responsable de recursos humanos/prevención de riscos laborais do Concello de Betanzos fíxose efectiva ao rexistrala na Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña por parte da Oficina Técnica de Prevención de Riscos da CIG. Nesta denuncia infórmase á Inspección de que os delegados de prevención foron nomeados e se lle comunicou ao Concello en outubro do ano 2011 e a día de hoxe o Comité de Seguridade e Saúde non se constituíu, carecendo o Concello de Betanzos o organismo eixe central da integración da prevención de riscos laborais e dous elementos fundamentais para a xestión do risco, a avaliación de riscos laborais e a planificación da actividade preventiva. Na denuncia ínstase á Inspección de Traballo a que tome as medidas que considere oportunas.
Así mesmo, os delegados de prevención da CIG estanlle a requirir toda a documentación que o Concello debe ter relacionada coa saúde laboral, o Plan de prevención de riscos laborais, información sobre o Servizo de Prevención, os Plans de Emerxencia etc. Tamén están pendentes de que o Concello poña ao día os botiquíns de todos os centros de traballo, tal e como lle requiriron por rexistro e de que comece as revisións de vixilancia da saúde canto antes logo de catro anos aforrando os cartos destas ao non permitirlle ao persoal realizalas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario