Como sabedes, o pasado venres o Concello de Betanzos convocou ao Comité de Empresa para unha comisión negociadora onde se trataron diversos temas que ficaban pendentes desde hai moitos meses (por non dicir tres anos!). A cousa non comezou moi ben cando o concelleiro comezou advertindo que se debía pechar o que ficaba ese mesmo día porque seica a finais de mes se convocan as eleccións e agora corre présa, o problema radicaba en que a parte social foi convocada con menos de 48 horas de antelación e enviáronselle uns textos con modificacións que por parte da CIG intentamos analizar o máis polo miúdo que puidemos no pouco tempo que o Concello nos deixou.
Antes de ir ao fondo a cuestión a presidenta do Comité dixo que quería que constase en acta unha queixa porque entendía que se estaban vulnerando os principios de negociación e deixando ao Comité de Empresa nunha situación de inferioridade fronte ao goberno municipal cando a negociación dun convenio colectivo debe como ter como principio unha boa vontade que o Concello de Betanzos leva tres anos sen amosar. A maiores advertiu que se agora lle corría présa ao goberno e non se acordaba o convenio a culpa, en todo caso, nunca sería do Comité de Empresa, sería dun Concello que leva tres anos e medio dando voltas e reviravoltas a unha negociación que nunca pareceu importarlle e que levamos meses advertíndolle que o estaba deixando para última hora e iso ía traer problemas no caso de que se chegase a un acordo.
Logo da tensión do inicio, chegouse a algúns acordos puntuais e houbo algunhas outras cuestións que ficaron que enriba da mesa á espera dunha contraproposta do Comité de Empresa porque non se chegou a un acordo. En principio nesta última (ou penúltima ou antepenúltima, xa non sabemos) proposta engadíronse as melloras do convenio de funcionarios e adecuáronse varios puntos á lexislación de funcionarios (participación en tribunais e órganos de selección ou retribución por desempeño puntual dun posto de responsabilidade) e actualizáronse e adecuáronse algúns puntos que contiñan erros.
Un asunto que finalmente se tivo que adiar foi o anexo de horarios específicos, posto que o debate ía ser moi amplo e se se levaba a cabo neste momento o convenio non sairía para adiante, o principal problema con respecto a este punto é que o Concello parece que ten un descoñecemento moi grande dos horarios dos diferentes servizos e como organizalos para que todo o persoal cumpra a mesma xornada anual, non é nada novo que a organización do persoal é unha materia pendente deste Concello. Finalmente acordouse incluír unha cláusula que indique que en tres meses desde o acordo do convenio haberá que fixar os horarios específicos e sistemas de xestión das quendas dos distintos departamentos.
O tema das retribucións, coma sempre, é o que xera máis debate. Finalmente, tal e como dixemos en varias ocasións, o convenio suporía a solución dalgunhas discriminacións salarias do persoal de diferentes grupos profesionais na medida en que marcará uns salarios mínimos anuais e todo aquel que non chegue incrementaránselle as retribucións até ese mínimo e quen o supera terá complemento que será transitorio e absorbible por vindeiras subas salarias até que todo o persoal teña unhas retribucións equitativas por grupo e se poidan negociar melloras en igualdade de condicións.
Un punto de discrepancia sempre foron as retribucións do persoal que cobra por horas, e que ten unhas retribucións que o Concello acordou en Xunta de Goberno local e á marxe do convenio colectivo actual. Hai que deixar claro que desde o inicio o Concello se negou a adecuar as retribucións dunha parte do profesorado da Escola de Folclore e o Conservatorio municipal mais o problema é que o concelleiro de Persoal non quería nin sequera que estas constasen en convenio, ao que desde a CIG nos negamos rotundamente na medida en que esa podería ser a vía para a unha parte do persoal se lle subisen as retribucións anualmente mentres todo o resto non podería até a aprobación dun novo convenio. Finalmente o concelleiro entrou en razón e aceptou que este tipo de retribucións tamén constasen en convenio. O que está claro é que isto é unha inxustiza que non se pretende solucionar e que o Concello segue empeñado en que haxa persoal laboral de primeira e de segunda.
Outro dos problemas históricos deste Concello é a discriminación existente a través do pagamento ben como horas extraordinarias ben como gratificacións de traballos que, en realidade, non son extraordinarios. O Comité propuxo solucionar isto a través do convenio mais a proposta do Concello baseouse en plasmar por escrito as discriminacións existentes e finalmente non se chegou a un acordo sobre a proposta presentada, e acordouse enviarlle pola parte social unha nova proposta. A proposta que realizaremos nos vindeiros días basearase no que levamos tres anos e medio defendendo, que se remuneren os traballos en igualdade de condicións para todo o persoal nas mesmas ou similares condicións laborais e que se deixen a un lado as retribucións subxectivas que ás veces que responden a un criterio alleo ao propio desenvolvemento do traballo, porque do contrario habería o mesmo baremo para todo o persoal.
Unha outra proposta do Comité foi a dispoñibilidade para determinados postos que na realidade lévana a cabo aínda que non a cobran como tal senón como horas extraordinarias, aquí o Concello fixo unha proposta de remuneración coa que non estivemos de acordo basicamente porque en realidade non remuneraba esa dispoñibilidade simplemente obrigaba ao recoñecela a facer unhas horas extraordinarias e remunerábaas moi por baixo doutras que se presentaron para formar parte do complemento enriba mencionado. Con respecto a este punto tamén se acordou que a parte social faga unha nova proposta que estudará o Concello.
Como vedes, milagrosamente, e non sabemos se se debe a que os traballadores, como tantas obras que proliferan nos últimos meses, somos unha obra máis deste Concello, mais parece que a negociación está chegando ao seu fin. En todo caso entendemos que este convenio podería supor o amaño dalgúns dos problemas históricos do persoal laboral do Concello de Betanzos e oxalá hai tres anos o goberno municipal tivese reaccionado coa premura que o fai agora a dous meses das eleccións municipais. É certo que hai algúns outros puntos cos que amosamos a nosa discrepancia desde o inicio da negociación e foi imposible chegar a un punto en común mais toda a negociación seguiu o seu curso porque o conxunto do persoal laboral deste Concello é quen ten que decidir se o texto que quede ao final do proceso de negociación é aprobado e posteriormente acordado ou non.
Nos vindeiros días seguiremos informando sobre o proceso de negociación.
Nos vindeiros días seguiremos informando sobre o proceso de negociación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario