A
Secretaria Confederal de Muller da CIG chamou a participar na
manifestación unitaria do 8 de marzo, con saída ás 12:00 horas da
estación de tren de Compostela
A
Secretaría da Muller da CIG presentou este luns a campaña coa que,
baixo o lema “Traballo digno, salario xusto”, a central sindical
conmemorará este ano o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller
Traballadora. Un lema que Margarida Corral considerou especialmente
acaído, á vista dos datos recollidos no informe elaborado polo
Gabinete Confederal de Economía, “A Muller no Mercado Laboral en
Galiza” do que se tira que 92.839 galegas teñen ingresos
inferiores aos 1.861€ brutos ao ano e 71.783 emigraron desde 2008.
Cifras que, de ser sumadas ao número de desempregadas que estima a
EPA, 132.000, elevarían o número de mulleres no paro en Galiza ás
300.000.
O
Informe elaborado pola responsábel do Gabinete de Economía da CIG,
Natividade López Gromaz, vén desmontar a falacia de que o ano 2014
rematou cun descenso do desemprego. “Redúcese o desemprego entre
as mulleres non porque aumentase a ocupación entre estas, senón
porque hai menos mulleres.
Descendeu a poboación activa feminina,
sobre todo entre as mulleres máis novas, as menores de 35 anos, que
abandonaron o mercado de traballo porque emigran”, explicou.
E
é que segundo os datos que se tiran do informe só en 2014 marcharon
de Galiza un total de 13.600 mozas e desde o 2008 reduciuse o número
de mulleres de entre 16 e 35 anos en 71.783. Para López Gromaz esta
situación dáse porque “non teñen máis opcións que a
emigración” diante dun mercado de traballo que só lles ofrece
infraemprego, precariedade e pobreza”.
Tal
é así que os datos son, cada ano que pasa, máis demoledores: o 75%
dos traballos a xornada parcial foron desempeñados, en 2014, por
mulleres e un 23,7% das asalariadas tiñan un contrato a tempo
parcial. E se isto non fora abondo, desde o ano 2009 ao 2013, o
salario medio das traballadoras reduciuse un 1,4% e das 447.647
mulleres que presentaron a declaración de IRPF, nin máis nin menos
que o 20,7%, isto é 92.839 mulleres, tiveron uns ingresos inferiores
aos 1.861 € brutos anuais. Co agravante de que este grupo foi o
único que medrou desde o ano 2009 e no cal os ingresos medios se
reduciron, en concreto nun 1,9%.
Parello
a isto, entre as que obtiñan máis ingresos hai un 37,1% menos que
en 2009 pero as que permanecen nese grupo aumentaron os ingresos.
Isto constata, segundo explicou López Gromaz, un forte medre das
desigualdades entre as mulleres e de media en 2013 o salario dunha
traballadora pertencente ao intervalo de maiores ingresos é 77 veces
superior ao dunha de menores ingresos.
Taxa
de paro do 37%
Diante
desta situación, a responsábel do Gabinete de Economía afirmou que
“non entendemos que unha muller se poida considerar ocupada cando
os seus ingresos non chegan a 140 € mensuais. Cremos que
deberían ser consideradas desempregadas e se isto fose así
estariamos a falar dun total de 224.000 mulleres desocupadas en
Galiza e dunha taxa de paro do 37%”.
A
isto engadiu que de sumar estas ás 71.000 mulleres que emigraron
desde 2008 “estariamos falando de 300.000 mulleres desempregadas en
Galiza e unha taxa de paro aínda maior”. Uns datos que López
Gromaz considerou que se prefiren agochar por intereses electorais xa
que “a EPA non reflicte, nin con moito, a durísima realidade das
mulleres no mercado laboral en Galiza”.
“Traballo
digno, salario xusto”
Diante
desta situación, Margarida Corral arrincou a súa intervención
denunciando que “non é algo singular do ano que rematou o feito de
que desde o momento en que as mulleres nos incorporamos ao mercado
laboral até que o abandonamos, a desigualdade laboral está presente
nas nosas vidas: desigualdade salarial e nas prestacións, maior
nivel de contratación precaria e a tempo parcial, maiores
dificultades en atoparmos o primeiro emprego e tamén para
conseguirmos outro traballo, dificultades para conciliarmos o emprego
coa maternidade... "
Considerou
as cifras “demoledoras” e asegurou que constatan “o
empobrecemento e a precariedade do emprego en Galiza, lonxe dos datos
achegados por organismos oficiais, que pretenden amosar unha imaxe de
recuperación e saída da crise”.
Atribuíu
esta situación non só á crise, senón tamén ás políticas
levadas a cabo polos distintos gobernos, que “crearon un desemprego
masivo e estrutural que aínda que non interrompeu a progresión da
actividade laboral feminina, si fixo que esta teña lugar en
condicións de desigualdade e precariedade”.
Para
Corral trátase dunha fenda que, ano tras ano, “vaise alargando e
que apenas se nivela ao igualarse cos homes(por abaixo), cun
empobrecemento xeneralizado, tras os recortes, a perda de dereitos, e
as reformas levadas a cabo polos gobernos, que, aproveitando a crise
económica como escusa, empeoraron as condicións de traballo para
incrementaren os beneficios do capital”.
Respecto
dos salarios lembrou que o principio de igualdade retributiva para un
mesmo traballo ou para un traballo de igual valor está recollido
desde o ano 1957 nos Tratados e Directivas pero, denunciou “segue
sen aplicarse”. Neste sentido subliñou que “as mulleres que
actualmente teñen unhas cualificacións iguais ou mellores que os
homes, en moitos casos debido a unha formación máis extensa, seguen
a ser valoradas de distinto xeito e a súa carreira profesional é
máis lenta. Así, nos sectores nos que as mulleres predominan, os
salarios son máis baixos que naqueles nos que son os homes os que
teñen unha presenza maioritaria”.
Unha
discriminación que considerou que xorde a raíz de distintos
factores culturais e históricos que inflúen no xeito en que se
fixan os salarios. “As competencias e capacidades das mulleres
están a miúdo infravaloradas. Hai unha predisposición, baseada no
xénero, á hora de avaliar o traballo que realizan homes e mulleres:
gaña menos unha caixeira dun supermercado que un home que traballa
no almacén do mesmo supermercado ou unha limpadora que un
traballador do lixo...”, asegurou.
Subliñou
que moitas veces agóchase esta discriminación salarial a través de
pagas extras e complementos salariais arbitrarios, vencellados ao
tipo de xornada, sistema de clasificación ou ao rendemento, non hai
información sobre os salarios, e os sistemas de clasificacións son
opacos. Un “teito de cristal que impide que moitas mulleres accedan
aos postos mellor retribuídos”, dixo.
A
isto engadiu que as responsabilidades familiares non son compartidas
de xeito equitativo, “as mulleres interrompen máis frecuentemente
a súa carreira profesional e teñen un maior número de contratos a
tempo parcial que os homes”. Isto supón, ao seu entender, que as
carreiras profesionais sexan peor remuneradas, situándose, de media,
a diferenza salarial entre mulleres e homes na UE no 16%, o que
repercute nos dereitos de pensión futuras e poden provocar que máis
mulleres que homes sufran pobreza tras a xubilación.
Mobilización.
Por
estes motivos, considerou necesario mobilizarse polo emprego, contra
a precariedade laboral, a desigualdade salarial, a temporalidade, o
desmantelamento do estado de benestar, “mais reivindicando tamén
un reparto igualitario das responsabilidades do coidado, esixindo que
os nosos dereitos sexuais e reprodutivos non se vexan limitados por
cuestións eleitoralistas e ideolóxicas, porque a loita polos nosos
dereitos segue máis vixente ca nunca”.
Por
iso reivindicou a conmemoración do 8 de Marzo como unha data
“combativa”, que
visibilice o esforzo das mulleres que “loitan contra a opresión”
e animou a participar na manifestación nacional unitaria do
movemento feminista galego o vindeiro 8 de marzo que sairá da
estación do tren ás 12 h en Compostela, así como nas
manifestacións da CIG que terán lugar o 10 de marzo, Día da Clase
Obreira Galega en distintas comarcas e vilas do país.