O pasado luns tivo lugar a última Mesa Xeral de Funcionarios con respecto ao Acordo regulador do funcionariado. Finalmente este acordo foi asinado en solitario polo CSIF, logo do voto en contra de CCOO e a abstención de CIG e UGT.
Nun principio, e xa que a CIG non conta con representación entre o funcionariado, a nosa postura sempre foi defender a igualdade de dereitos entre laborais e funcionarios, labor que entendemos que se puido facer mellor ao estar presentes en ambas as negociacións. Non obstante, se algo tiñamos claro é quen debía chegar a un acordo eran os sindicatos con representación en funcionarios, CSIF e CCOO, que a diferenza do Comité de Empresa, no caso de funcionarios quen asina o acordo son os sindicatos. Se a isto lle sumamos que ao non ter representación o goberno néganos pola vía da non resposta documentación relativa ás cuestións que lle afectan ao funcionariado, obviamente a nosa posición non está en igualdade que os sindicatos que os representan, o que dificulta a toma de decisións con respecto a determinados temas que a algún dos sindicatos que os representan lle interesan dun xeito desmedido, como é o tema das horas extraordinarias e a teima do CSIF en que os funcionarios poidan facer máis que os laborais.
A CIG, pois, entendeu que quen debía achegar propostas eran os sindicatos que representan aos compañeiros funcionarios por teren un coñecemento directo da súa problemática e tamén consideramos que se CCOO E CSIF chegaban a acordo e os funcionarios decidían en asemblea que querían que se asinase ese novo texto pola nosa parte non habería ningún problema en facelo. Non obstante, o tempo foi pasando, e o que era a promesa inicial do goberno, a solución dalgúns dos problemas históricos de discriminación salarial que tamén algúns compañeiros funcionarios padecen, a través dunha nova Relación de Postos de Traballo, ficou no esquecemento e deu paso á mera negociación dun marco normativo que para este colectivo xa é indubidable (non é así no caso laboral onde ten habido moitas diverxencias na interpretación da lexislación para laborais) que finalmente só convenceu ao CSIF.
Por parte da CIG, decidimos finalmente absternos a asinar un novo acordo para funcionarios co goberno municipal por dous motivos principais:
1. Entendemos que o goberno municipal deixou tirado ao colectivo de funcionarios ao non cumprir a promesa inicial de nova RPT e nin sequera elaborar un organigrama, que realmente foi o motivo inicial para o que a empresa Galivalia fora contratada e que non se cumpriu. Ademais, inicialmente mesmo se falaba dunha contía económica para amañar discriminacións salarias en ambos os colectivos (laborais e funcionarios) que finalmente foi destinada só para laborais, colectivo que efectivamente é o máis discriminado salarialmente neste Concello mais que non quita que o goberno adquirise un compromiso inicial con ambos colectivos que finalmente só cumpriu de xeito parcial.
2. Segundo nos informaron varios compañeiros, o acordo de funcionarios non foi sometido a votación na súa correspondente asemblea e a CIG sempre defendeu que son os traballadores e traballadoras os que deben decidir se os seus representantes asinan acordo ou convenio, por tanto entendimos que non podiamos asinar un acordo que non contaba co beneprácito do conxunto de funcionarios que asistiron á asemblea. No caso de laborais, aínda que si que se votou, tamén os delegados da UGT decidiron non respectar a vontade da asemblea de traballadores na Comisión Negociadora, así que tampouco nos estrañan xa nada os sindicatos que van por libre do persoal ao que representan e non teñen en conta a súa opinión para as decisións que lles afectan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario