- A UGT desmarcouse no último momento da sinatura do convenio colectivo, cando hai menos dun mes na reunión do Comité de Empresa que se decidiu continuar coa negociación para presentarllo á asemblea todos os delegados da CIG e UGT votaron a favor agás un. Quen tivo un cambio de postura na negociación do convenio foi o sindicato minoritario, a CIG, desde o principio, amosou vontade de negociación e presentou propostas, a pesar de que advertiu que o eixe da negociacións debía ser a solución das discriminacións existentes. Para a UGT resulta moi doado dicir que coa súa abstención o convenio se vai aprobar igualmente e facerse as vítimas por ser minoría cando tamén se van beneficiar do acordo deste convenio, é dicir, non queren tomar parte mais si tirar proveito dos rendementos do traballo dos demais.
- Á asemblea xeral asistiron os traballadores e traballadoras que o estimaron oportuno, o poder de convocatoria é o do Comité de Empresa, que é o órgano que convoca e este está composto por cinco delegados da CIG e catro de UGT. Porque, UGT, aínda que parece que lle pese, tamén forma parte do Comité de Empresa, e se se quere desligar, teno moi fácil, que dimitan os delegados sindicais que entenden que este organismo non os representa. Por parte da CIG entendemos que o persoal debe tomar parte das decisións que lle afectan mais a asistencia á reunións é libre e o noso obxectivo é informar aos traballadores aos que lles interesa ter información e formar parte das decisións, quen estima que non é oportuno é libre de facer o que considere.
- Con este convenio ningún traballador sae perxudicado a nivel retributivo, é máis, quen cobra bastante máis que o resto dos compañeiros da súa categoría profesional por desempeño de igual traballo fica como está, de aí que a suba salarial non lle afecte ao 100% do persoal, efectivamente os que cobran máis por igual traballo non suben e só o fan os que menos cobran de cada categoría profesional até os mínimos salarios brutos anuais que o goberno municipal propuxo.
- Esta proposta económica foi a realizada polo goberno municipal baseándose nos salarios mínimos de cada categoría do persoal laboral da Xunta de Galiza. A única proposta de mellora foi presentada pola CIG, para que lle afectase tamén aos grupos 4 e 5, e o goberno decidiu que facía unha última contraproposta innegociable que supoñía unha suba dos salarios brutos mínimos anuais destes grupos. O resultado final era que a equiparación retributiva supoñía unha suba a 48 compañeiros e compañeiras baixo uns criterios obxectivos e equitativos, o resto, que ficaban como estaban, xa cobraban máis que os salarios mínimos propostos polo goberno municipal.
- Os textos do convenio colectivo foron repartidos polos delegados da CIG porque foron impresos no sindicato e con cartos do sindicato. Xa sabemos que a UGT lles gusta que lles dean o traballo feito mais se non queren nin molestarse en achegarlle o texto aos compañeiros antes da asemblea para que o poidan valorar que, polo menos, non teñan a cara de criticarnos por lle dar difusión.
- A CIG asinou o convenio porque así o decidiron, sen ningún voto en contra, os traballadores que participaron na asemblea, por outra banda, resulta totalmente escandaloso que quen formulou unha denuncia falsa contra unha delegada de prevención da CIG, unha vez demostrada a falsedade das acusacións, non tiveran nin sequera a decencia de pedirlle desculpas. A única e autentica verdade é que os compañeiros saben moi ben que e quen é cadaquén e iso quedou ben patente no discorrer da última asemblea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario