30/09/14

Organizacións sociais e sindicais, entre elas a CIG, asinan un manifesto contra os acordos trasatlánticos de libre comercio

Os tratados, coñecidos como AECG (UE-Canadá) e TPPI (UE-EEUU), introducen máis desregulamentación social, laboral e medioambiental

O Goberno do Canadá e a Comisión Europea levan máis de un ano de negociacións secretas para establecer un Tratado de Libre Comercio de Mercadorías e Servizos coñecido como “Acordo Económico e Comercial Global - AECG”, que avanza na desregulamentación social, laboral e medioambiental que o neoliberalismo pretende impor a escala planetaria. Tamén en secreto, a UE e os EEUU negocian un novo tratado comercial (“TPPI – Partenariado Trasatlántico para o comercio e os investimentos entre a Unión Europea e os Estados Unidos”), plenamente coincidente co AECG en obxectivos e contidos.

De seren aprobados e aplicados, a soberanía dos estados quedaría supeditada aos intereses e beneficios das empresas multinacionais, nun retroceso sen precedentes na historia da humanidade. Non menos negativo é o procedemento secreto e profundamente antidemocrático que se está a utilizar nas negociacións. 

Para facer fronte a estas negociacións e paralizalas, están a xurdir numerosas iniciativas tanto no Canadá como na Unión Europea. Unha delas, lanzada desde o outro lado do Atlántico, busca conseguir un amplísimo apoio de organizacións de todo tipo (sindicais, políticas, movementos sociais, redes...) nos dous continentes.

Unha declaración asinada en primeira instancia por 130 organizacións, a CIG entre elas, fíxose pública o 25 de setembro. Outra novo feixe de apoios publicarase o 6 de outubro. Para o 11 de outubro hai convocada una primeira xornada de acción descentralizada co obxectivo de comezar a popularizar o contido do AECG e crear conciencia cidadá para o seu rexeitamento. Está tamén en marcha unha convocatoria de mobilización xeral simultánea en Europa e América do Norte.

Declaración:

O Cumio UE-Canadá, que se iniciou o día 26 de setembro en Ottawa, marcou o peche das negociacións do Acordo Económico e Comercial Global (CETA - AECG) entre o Canadá e a Unión Europea. O AECG  é moito máis que un simple intercambio de mercadorías, pois afectará tamén á comercialización de numerosos servizos, incluíndo os servizos financeiros e os Servizos Públicos. O acordo tamén afecta á cooperación regulamentada, aos contratos nos sectores públicos, á agricultura, á protección dos investidores e á mobilidade da man de obra. Mantidos ocultos aos parlamentarios ao longo das negociacións, os textos que nos din que están finalizados, tardaron moito en facerse públicos. É este un déficit democrático notorio que ten como obxectivo silenciar o debate e colocar ás nosas sociedades e aos seus representantes electos perante un feito consumado, sen posibilidade de cambios. Aínda que ningún Parlamento tivo a oportunidade de posicionarse fronte aos termos do acordo, o Cumio de Ottawa será esencialmente unha novo operación de relacións públicas para facer propaganda, cos discursos e fotos de rigor. Posteriormente virá o proceso de aprobación formal e a entrada en vigor.

Nós, organizacións sindicais, labregas, de mulleres, grupos das Primeiras Nacións, ONG, asociacións de consumidores, grupos ambientais, redes de investigación e outras organizacións da sociedade civil,
denunciamos este  acordo, polas seguintes razóns:

1 -  O AECG atenta contra a democracia.
Levamos anos denunciando o carácter secreto das negociacións sobre cuestións que son cruciais para o futuro das nosas sociedades, e esixindo a realización de un verdadeiro debate público. Este carácter antidemocrático maniféstase novamente con toda clareza neste Cumio que celebra un dos acordos máis ambiciosos do mundo (o AECG vai alén dos acordos da OMC e da maioría dos outros acordos comerciais) sen que os Parlamentos tenhan conhecemento del e mesmo antes de que o aproben. A filtración recente dos textos case definitivos permitiunos confirmar que o AECG afectará gravemente as poboacións dos países afectados, pois consagrará o enfraquecemento dos poderes dos gobernos fronte aos investidores estranxeiros, a apertura obrigatoria ás empresas privadas dos mercados e servizos que ata agora podían permanecer públicos, ou o aumento dos prezos dos medicamentos, por citar só algúns aspectos.

2 – O AECG limitará o poder regulador dos Estados e permitirá ás mpresas desafiar as leis e regulamentacións futuras.

Un dos aspectos máis inquietantes do AECG é o mecanismo de resolución de litixios entre investidores e Estados, que permite aos investidores estranxeiros procesar aos gobernos que adopten regulamentos ou leis de interese público que poidan afectar ao valor económico dos seus investimentos ou aos beneficios esperados.

Algunhas empresas xa utilizaron este tipo de mecanismo, con reclamacións millonarias aos gobernos por salarios mínimos demasiado altos (Veolia contra o Exipto), polas proteccións medioambientais (Lone Pine Recursos contra o Canadá), pola redución da enerxía nuclear (Vattenfall contra a Alemaña), por medidas para protexer a saúde da poboación (Ethyl contra o Canadá ou Philip Morris contra o Uruguai e Australia), e mesmo por decisións dos tribunais (Eli Lilly ao Canadá).

De feito, o mecanismo de resolución de litixios entre os investidores e os Estados concede dereitos desproporcionados para as grandes corporacións, o que ten efectos sobre a política social, uso da terra e planificación territorial, medidas de protección ambiental, transporte público, telecomunicacións, etc.

Este mecanismo permítelhes contestar os cambios lexislativos e regulamentarios lexítimos adoptados de forma democrática e, polo tanto, limita globalmente o dereito dos Estados a regular e gobernar no interese público. A maiores, o AECG permítelhe aos investidores manter todos os seus recursos e privilexios durante un período de ata 20 anos despois de unha eventual denuncia dos acordos por una das partes.

3 - O AECG protexerá aínda máis as empresas que aos trabalhadores e ás trabalhadoras A Unión Europea rexeitou a inclusión de mecanismos vinculantes (queixas, sancións económicas, multas) para garantir o respecto dos dereitos fundamentais do traballo. Formulacións vagas nesta área poden tamén limitar o desenvolvemento de medidas de protección social, subordinándoas a outros tipos de normas ou mesmo  á iniciativas privadas menos esixentes.

4 -  O AECG vai limitar o papel dos Estado e o desenvolvemento rexional
Deploramos tamén que se tenha limitado en gran medida o poder dos gobernos subnacionais (provinciais, municipais ou outros) para servirse das contratacións públicos como impulsor do desenvolvemento económico. Desde agora estará prohibido fixar límites mínimos de contido local a un investidor, ou favorecer produtos ou servizos locais en gran número de aprovisionamentos públicos. O AECG  tamén vai garantir que sexa imposíbel volver a nacionalizar servizos privatizados, ou desenvolver novos servizos públicos.
A maiores, os beneficios para as poboacións, se os houber, poderían facerse esperar e serían ben magros. Segundo os propios datos da Dirección Xeral de Comercio da Comisión Europea, sete anos despois da entrada en vigor do Acordo, o AECG  implicará un crecemento económico de só o 0,09% anual. Isto é un resultado ridículo, o que proba que o AECG só se xustifica polo interese das grandes empresas. Este acordo inscríbese na lóxica de acumulación e crecemento, impulsado por investidores transnacionais, para quen os beneficios das multinacionais son máis importantes do que os efectos beneficiosos sobre as poboacións.

Un chamamento á mobilización

O modelo económico e político que o AECG presenta provocará un aumento das desigualdades, o retroceso considerable nas nosas proteccións sociais e medioambientais, e permitirá o control das empresas transnacionais sobre os nosos dereitos económicos, sociais e medioambientais máis elementais. A ratificación deste acordo encadeará  aos nosos estado durante décadas, sen que poidamos considerar outras propostas enfocadas na cooperación e na solidariedade. Comprometerse nun acordo destas características é tan inaceptábel como irresponsábel.

Por iso, cunha única voz, exhortamos ás autoridades electas en ambos os dous lados do Atlántico, en calquera nivel de goberno,  a rexeitar este acordo negociado fóra dos cadros democráticos lexítimos, mentres o AECG non sexa discutido publicamente con todos os compoñentes da sociedade civil canadense e europea.

Chamamos á mobilización de todos os movementos sociais e organizacións canadenses, do Quebec e de Europa e a toda  a cidadanía preocupada polos efectos de tales acordos, para crear en conxunto unha presión suficiente para que se realice un amplo e informado debate público sobre o AECG. A curto prazo, invitamos a toda a poboación a mobilizarse contra o Cume da UE-Canadá en Ottawa o 26 de setembro, ao mediodía no Parlamento e no Día Europeo de Acción contra o TPPI, o AECG, e o  Acordo de Comercio sobre Servizos (ACS) o 11 de outubro, e a participar activamente na Iniciativa Europea dos Cidadáns (IEC) nos meses vindeiros.


Finalmente, chamamos á solidariedade de todos os movementos sociais de todo o mundo, co compromiso de seguir a construír con eles a articulación das nosas respectivas loitas contra os acordos de libre comercio e investimentos existentes ou en negociación. Convidámolos a considerar nas súas redes a realización de unha Xornada Mundial de  Acción contra o libre comercio no segundo trimestre de 2015, para, entre outros, derrotar a inclusión do infame mecanismo "investidor-Estado", e reafirmar a primacía dos dereitos dos pobos sobre os desproporcionados poderes e a impunidade que teñen as empresas multinacionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario