30/09/14

Organizacións sociais e sindicais, entre elas a CIG, asinan un manifesto contra os acordos trasatlánticos de libre comercio

Os tratados, coñecidos como AECG (UE-Canadá) e TPPI (UE-EEUU), introducen máis desregulamentación social, laboral e medioambiental

O Goberno do Canadá e a Comisión Europea levan máis de un ano de negociacións secretas para establecer un Tratado de Libre Comercio de Mercadorías e Servizos coñecido como “Acordo Económico e Comercial Global - AECG”, que avanza na desregulamentación social, laboral e medioambiental que o neoliberalismo pretende impor a escala planetaria. Tamén en secreto, a UE e os EEUU negocian un novo tratado comercial (“TPPI – Partenariado Trasatlántico para o comercio e os investimentos entre a Unión Europea e os Estados Unidos”), plenamente coincidente co AECG en obxectivos e contidos.

De seren aprobados e aplicados, a soberanía dos estados quedaría supeditada aos intereses e beneficios das empresas multinacionais, nun retroceso sen precedentes na historia da humanidade. Non menos negativo é o procedemento secreto e profundamente antidemocrático que se está a utilizar nas negociacións. 

Para facer fronte a estas negociacións e paralizalas, están a xurdir numerosas iniciativas tanto no Canadá como na Unión Europea. Unha delas, lanzada desde o outro lado do Atlántico, busca conseguir un amplísimo apoio de organizacións de todo tipo (sindicais, políticas, movementos sociais, redes...) nos dous continentes.

Unha declaración asinada en primeira instancia por 130 organizacións, a CIG entre elas, fíxose pública o 25 de setembro. Outra novo feixe de apoios publicarase o 6 de outubro. Para o 11 de outubro hai convocada una primeira xornada de acción descentralizada co obxectivo de comezar a popularizar o contido do AECG e crear conciencia cidadá para o seu rexeitamento. Está tamén en marcha unha convocatoria de mobilización xeral simultánea en Europa e América do Norte.

Declaración:

O Cumio UE-Canadá, que se iniciou o día 26 de setembro en Ottawa, marcou o peche das negociacións do Acordo Económico e Comercial Global (CETA - AECG) entre o Canadá e a Unión Europea. O AECG  é moito máis que un simple intercambio de mercadorías, pois afectará tamén á comercialización de numerosos servizos, incluíndo os servizos financeiros e os Servizos Públicos. O acordo tamén afecta á cooperación regulamentada, aos contratos nos sectores públicos, á agricultura, á protección dos investidores e á mobilidade da man de obra. Mantidos ocultos aos parlamentarios ao longo das negociacións, os textos que nos din que están finalizados, tardaron moito en facerse públicos. É este un déficit democrático notorio que ten como obxectivo silenciar o debate e colocar ás nosas sociedades e aos seus representantes electos perante un feito consumado, sen posibilidade de cambios. Aínda que ningún Parlamento tivo a oportunidade de posicionarse fronte aos termos do acordo, o Cumio de Ottawa será esencialmente unha novo operación de relacións públicas para facer propaganda, cos discursos e fotos de rigor. Posteriormente virá o proceso de aprobación formal e a entrada en vigor.

Nós, organizacións sindicais, labregas, de mulleres, grupos das Primeiras Nacións, ONG, asociacións de consumidores, grupos ambientais, redes de investigación e outras organizacións da sociedade civil,
denunciamos este  acordo, polas seguintes razóns:

1 -  O AECG atenta contra a democracia.
Levamos anos denunciando o carácter secreto das negociacións sobre cuestións que son cruciais para o futuro das nosas sociedades, e esixindo a realización de un verdadeiro debate público. Este carácter antidemocrático maniféstase novamente con toda clareza neste Cumio que celebra un dos acordos máis ambiciosos do mundo (o AECG vai alén dos acordos da OMC e da maioría dos outros acordos comerciais) sen que os Parlamentos tenhan conhecemento del e mesmo antes de que o aproben. A filtración recente dos textos case definitivos permitiunos confirmar que o AECG afectará gravemente as poboacións dos países afectados, pois consagrará o enfraquecemento dos poderes dos gobernos fronte aos investidores estranxeiros, a apertura obrigatoria ás empresas privadas dos mercados e servizos que ata agora podían permanecer públicos, ou o aumento dos prezos dos medicamentos, por citar só algúns aspectos.

2 – O AECG limitará o poder regulador dos Estados e permitirá ás mpresas desafiar as leis e regulamentacións futuras.

Un dos aspectos máis inquietantes do AECG é o mecanismo de resolución de litixios entre investidores e Estados, que permite aos investidores estranxeiros procesar aos gobernos que adopten regulamentos ou leis de interese público que poidan afectar ao valor económico dos seus investimentos ou aos beneficios esperados.

Algunhas empresas xa utilizaron este tipo de mecanismo, con reclamacións millonarias aos gobernos por salarios mínimos demasiado altos (Veolia contra o Exipto), polas proteccións medioambientais (Lone Pine Recursos contra o Canadá), pola redución da enerxía nuclear (Vattenfall contra a Alemaña), por medidas para protexer a saúde da poboación (Ethyl contra o Canadá ou Philip Morris contra o Uruguai e Australia), e mesmo por decisións dos tribunais (Eli Lilly ao Canadá).

De feito, o mecanismo de resolución de litixios entre os investidores e os Estados concede dereitos desproporcionados para as grandes corporacións, o que ten efectos sobre a política social, uso da terra e planificación territorial, medidas de protección ambiental, transporte público, telecomunicacións, etc.

Este mecanismo permítelhes contestar os cambios lexislativos e regulamentarios lexítimos adoptados de forma democrática e, polo tanto, limita globalmente o dereito dos Estados a regular e gobernar no interese público. A maiores, o AECG permítelhe aos investidores manter todos os seus recursos e privilexios durante un período de ata 20 anos despois de unha eventual denuncia dos acordos por una das partes.

3 - O AECG protexerá aínda máis as empresas que aos trabalhadores e ás trabalhadoras A Unión Europea rexeitou a inclusión de mecanismos vinculantes (queixas, sancións económicas, multas) para garantir o respecto dos dereitos fundamentais do traballo. Formulacións vagas nesta área poden tamén limitar o desenvolvemento de medidas de protección social, subordinándoas a outros tipos de normas ou mesmo  á iniciativas privadas menos esixentes.

4 -  O AECG vai limitar o papel dos Estado e o desenvolvemento rexional
Deploramos tamén que se tenha limitado en gran medida o poder dos gobernos subnacionais (provinciais, municipais ou outros) para servirse das contratacións públicos como impulsor do desenvolvemento económico. Desde agora estará prohibido fixar límites mínimos de contido local a un investidor, ou favorecer produtos ou servizos locais en gran número de aprovisionamentos públicos. O AECG  tamén vai garantir que sexa imposíbel volver a nacionalizar servizos privatizados, ou desenvolver novos servizos públicos.
A maiores, os beneficios para as poboacións, se os houber, poderían facerse esperar e serían ben magros. Segundo os propios datos da Dirección Xeral de Comercio da Comisión Europea, sete anos despois da entrada en vigor do Acordo, o AECG  implicará un crecemento económico de só o 0,09% anual. Isto é un resultado ridículo, o que proba que o AECG só se xustifica polo interese das grandes empresas. Este acordo inscríbese na lóxica de acumulación e crecemento, impulsado por investidores transnacionais, para quen os beneficios das multinacionais son máis importantes do que os efectos beneficiosos sobre as poboacións.

Un chamamento á mobilización

O modelo económico e político que o AECG presenta provocará un aumento das desigualdades, o retroceso considerable nas nosas proteccións sociais e medioambientais, e permitirá o control das empresas transnacionais sobre os nosos dereitos económicos, sociais e medioambientais máis elementais. A ratificación deste acordo encadeará  aos nosos estado durante décadas, sen que poidamos considerar outras propostas enfocadas na cooperación e na solidariedade. Comprometerse nun acordo destas características é tan inaceptábel como irresponsábel.

Por iso, cunha única voz, exhortamos ás autoridades electas en ambos os dous lados do Atlántico, en calquera nivel de goberno,  a rexeitar este acordo negociado fóra dos cadros democráticos lexítimos, mentres o AECG non sexa discutido publicamente con todos os compoñentes da sociedade civil canadense e europea.

Chamamos á mobilización de todos os movementos sociais e organizacións canadenses, do Quebec e de Europa e a toda  a cidadanía preocupada polos efectos de tales acordos, para crear en conxunto unha presión suficiente para que se realice un amplo e informado debate público sobre o AECG. A curto prazo, invitamos a toda a poboación a mobilizarse contra o Cume da UE-Canadá en Ottawa o 26 de setembro, ao mediodía no Parlamento e no Día Europeo de Acción contra o TPPI, o AECG, e o  Acordo de Comercio sobre Servizos (ACS) o 11 de outubro, e a participar activamente na Iniciativa Europea dos Cidadáns (IEC) nos meses vindeiros.


Finalmente, chamamos á solidariedade de todos os movementos sociais de todo o mundo, co compromiso de seguir a construír con eles a articulación das nosas respectivas loitas contra os acordos de libre comercio e investimentos existentes ou en negociación. Convidámolos a considerar nas súas redes a realización de unha Xornada Mundial de  Acción contra o libre comercio no segundo trimestre de 2015, para, entre outros, derrotar a inclusión do infame mecanismo "investidor-Estado", e reafirmar a primacía dos dereitos dos pobos sobre os desproporcionados poderes e a impunidade que teñen as empresas multinacionais.

Confirman nova conxelación salarial para os empregados/as públicos/as e a recuperación de tan só a cuarta parte da paga extra

A CIG critica o formato da Mesa Xeral de Administracións Públicas do Estado e reclama unha verdadeira negociación

A Área Pública da CIG (federacións de Ensino, Saúde e Administración) denuncia que a partida de persoal dos Orzamentos para 2015 recollerá unha nova conxelación salarial para os empregados/as públicos/as e a recuperación de unicamente a cuarta parte das paga extra perdida en 2012. Dende a central nacionalista criticaron o formato da Mesa Xeral de Administracións Públicas do Estado que se vén de celebrar esta tarde e reclaman a apertura dunha “verdadeira negociación”.

 A coordinadora da Área Pública, María Carme López Santamariña, iniciou a súa intervención na xuntanza criticando as formas coas que foron convocadas as organizacións sindicais (ás que non se lles entregou ningún tipo de documentación) e o feito de que “nos tivésemos que enteirar pola prensa dos asuntos que se ían tratar”. Neste senso, considera que se trata máis dunha mesa de comunicación que de negociación e reclama a apertura dun verdadeiro diálogo.

En canto ao contido da reunión, Santamariña indicou que se confirmou que haberá unha nova conxelación salarial para os empregados/as públicos/as en 2015, ao tempo que “anunciaron que a Administración Xeral do Estado devolverá nas nóminas de xaneiro do ano que vén unicamente a cuarta parte da paga extra retirada en 2012”. As Administracións autonómicas, pola súa banda, terán liberdade para reintegrar esta cantidade no prazo que estimen oportuno, “aínda que Feijóo anunciou hoxe mesmo, antes incluso do remate da Mesa Xeral, que estuda devolver estes cartos”.

O coordinadora da Área Pública da CIG lembra que esta cantidade é inferior á que terían que abonar segundo establecen as numerosas sentenzas xudiciais. “Ademais trátase dunha medida discriminatoria porque algunhas Administracións, especialmente as locais, xa abonaron a extra completa cando chegaron as sentenzas xudiciais”, sostén.

Isto está a agrandar aínda máis as diferenzas salariais entre os empregados/as públicos/as xa que nalgúns lugares, como no caso de Galiza, ademais da eliminación da extra de 2012 a Xunta aplicou unha redución do 40% das extras de xuño e decembro do ano 2013.

En canto á taxa de reposición de baixas e xubilacións, Santamariña reiterou que debe de ser do 100% e apostou ademais por recuperar postos estruturais. “Mais o que anunciaron foi que a taxa de reposición nos servizos básicos (educación, sanidade, xustiza...) pasa do 10 ao 20%”, comenta. Finalmente, rexeitou a política de feitos consumados que está a aplicar a Administración e reclamou apertura dunha verdadeira negociación.

Teñen que devolver a paga extra de 2012 integramente e recuperar as que foron eliminadas, ademais de repoñer as condicións laborais dun cadro de persoal que perdeu un 30% de poder adquisitivo”, demanda.
Engadiu tamén a esixencia de que se recuperen os acordos que foron conxelados polo PP no ano 2009. Lembrou que tras da toma de posesión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta unha das primeiras medidas adoptadas foi a conxelación dos acordos acadados entre a Administración e as organizacións sindicais. “Isto fíxose antes de se aprobar a Lei 1/2012 de medidas temporais polas que se suprimiron moitos dos nosos dereitos laborais e salariais que agora teñen que ser repostos, xa que eles mesmos dixeron que o farían en canto mellorara a situación económica e están repetindo todos os días que estamos na senda do crecemento”.


A Área Pública da CIG reclama a reposición do 100% dos efectivos nos servizos públicos

Considera urxente recuperar todo o emprego público destruído

Diante do anuncio realizado tras do Consello de Ministros, a respecto do incremento do 20 ao 50% da taxa de reposición, que supón un cambio respecto do anunciado na mesa xeral das administracións públicas do pasado xoves, a Área Pública da CIG manifesta que “segue a ser insuficiente” e reclama o 100%, tal e como fixo na propia Mesa e como ven facendo desde que se impuxo a súa limitación.

A Área Pública da CIG denuncia que esta taxa de reposición do 50% non vai chegar para manter os servizos esenciais, nin vai permitir recuperar todo o emprego público destruído nestes últimos anos.

Por iso exixe un plan de recuperación de todos os postos de traballo destruídos nas administracións públicas e denuncia que deste xeito, “o único que fai o goberno español é deteriorar a cohesión social, eliminar servizos públicos e seguir aplicando restricións nas condicións de traballo das empregadas e empregados deste sector”.

Neste sentido, María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública, afirma que “é urxente recuperar todo o emprego destruído, rachar a barreira da taxa de reposición que segue a manter o goberno e recuperar os dereitos laborais e sociais do persoal”.

Asegura que ese 50% non só non vai posibilitar recuperar o persoal perdido en Sanidade ou Ensino senón que ademais non contempla os servizos sociais, que se manteñen cunha taxa de reposición do 0%.


Lembra que o Estado español, neste intre, é un dos últimos países da UE coa media de traballadores/as públicos/as por habitante máis baixa, xa que está en 1 por cada 16, mentres que no resto dos países sitúase en 1 por cada 6 habitantes. Subliña ademais que con esta decisión non se cumpren as recomendacións da UE, segundo a que o estado español xa chegou ao teito de destrución de emprego público.

24/09/14

Sobre o día recuperado de asuntos propios


Hai uns días publicabamos o texto do BOE no que se recolle a devolución dun día de asuntos propios e con respecto ás dúbidas de varios compañeiros e compañeiras queremos aclarar que este día xa se pode desfrutar na actualidade dentro dos correspondentes ao ano 2014. Para o ano 2015 haberá, pois, cinco días de asuntos propios e no caso de se aprobar o novo convenio ou que a Alcaldía emita unha resolución, a compensación de dous dos festivos nacionais que cadren en día non laborable.

Con respecto a este tema e como xorden moitas dúbidas por parte do persoal, o Comité de Empresa vén de solicitarlle ao Concello que actualice a información dos taboleiros nos distintos edificios con respecto ao número de días de asuntos particulares para o ano 2014 de que os traballadores desta Administración dispoñen dende o pasado 18 de setembro e que actualice o modelo de solicitude de permisos coa información correspondente aos permisos de que pode desfrutar na actualidade o persoal municipal, posto que a información da solicitude vixente pode levar a equivocacións.

A CIG inicia unha campaña de contestación ás últimas reformas do Goberno español


A central celebrou asembleas de delegados/as e desenvolveu protestas nas sedes do INSS nas 7 cidades

A CIG vén de poñer en marcha unha campaña de información e mobilizacións contra as últimas reformas lexislativas impulsadas polo Goberno de Rajoy, en concreto a da Lei de Mutuas, a fiscal e a Lei de Seguridade Cidadá. Centos de delegados/as da central nacionalista participaron hoxe nas asembleas convocadas nas sete cidades e nas posteriores concentracións diante das delegacións do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, foi o encargado de pechar a asemblea de delegados/as de Ourense e centrou a súa intervención no actual contexto social e político e na Lei de Seguridade Cidadá que impulsa o PP. Con respecto aodiálogo social emprendido por CCOO e UGT co Goberno e coa gran patronal española, asegurou que supón por parte destes sindicatos avalar as políticas antisociais destes últimos anos e unha renuncia clara a dar a batalla por un cambio de modelo económico e por unhas medidas sociais, laborais e económicas alternativas.
Neste senso, lembrou que no acordo asinado non se recolle ningunha proposta concreta significativa para garantir o crecemento económico e a creación de emprego, “mais si implica unha aceptación e un entreguismo de CCOO e UGT a toda a política que o PP vén aplicando con dureza e unha renuncia explícita a reclamar os dereitos usurpados á clase traballadora”.
No referente á Lei de Seguridade Cidadá, incidiu en que con esta reforma o Partido Popular pretende reprimir a mobilización social, limitar o exercicio de dereitos fundamentais como o de manifestación e eliminar as garantías xudiciais, favorecendo a discrecionalidade nas sancións.
Seixo aseverou que o PP tenta perseguir e atallar pola vía da sanción toda resposta ás políticas tan antisociais que está a aplicar, posto que a nova lei permitirá actuar de forma inmediata, contundente e discrecional contra a conflitividade social e substituír a infracción penal pola administrativa, á marxe das garantías xurisdicionais. 
Lei de Mutuas
En canto á Lei de Mutuas, nas asembleas de delegados/as advertiuse que o seu principal obxectivo é que sexan estas entidades patronais as que cada vez teñan máis peso no control das incapacidades temporais por enfermidade común. Un control que realizarán primando a perspectiva económica fronte a criterios estritamente médicos.
Neste contexto, rexeitouse que mesmo se pretende transmitir a idea de que cando un traballador/a cae de baixa “está cometendo unha fraude á Seguridade Social”, polo que xa adiantou que dende a central nacionalista se dará resposta a cada unha das altas que considere dadas de forma “indebida”.
No que ten que ver coa reforma fiscal, as intervencións nas asembleas centráronse en que vai encamiñada novamente a rebaixar os impostos para as rendas máis altas. “Dun lado rompe o carácter máis progresivo da política fiscal na medida en que reduce os tramos da renda de 7 a 5; e tamén se reducen os tipos aplicados a cada tramo, especialmente para as rendas máis altas ao baixar do 52% ao 45%”, segundo se aclarou.
Un estudo elaborado polos técnicos de Facenda establece que os contribuíntes con ingresos arredor dos 30.000 euros son quen menos van ver reducida a cota, mentres que as persoas máis beneficiadas serán as que perciban máis de 400.000 euros.
Ademais, modifícase unha das principais reducións do IRPF, a redución por rendementos do traballo, que se eleva para as rendas inferiores a 14.500 euros, mais redúcese considerabelmente para as rendas superiores a 14.500 euros perdendo a oportunidade de introducir tramos en función da renda. Reducir menos a quen máis ingresa, e non igual para todos a partir desa cantidade, sería fundamental para equilibrar a progresividade do imposto, xa que se aplica directamente á base impoñíbel.




PERÍODO COTIZACIÓN ASIMILADO AO PARTO

Publicado polos/as compañeiros/as de CIG-Xustiza

A Lei 3/ 2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes estableceu un  período de cotización asimilado ao parto; esta é una información da que moitas traballadoras non teñen coñecemento a hora de solicitar a súa xubilación por idade ou por incapacidade, sobre todo cando o tempo cotizado non é suficiente, polo que, na nota informativa que vos achegamos no enlace de abaixo, pasamos a explicarvos en que consiste dito dereito e como teriades que exercitalo.


19/09/14

Luns de reunións mais con pouca información

O Concello vén de convocar, non sen tempo, a Comisión Negociadora do convenio colectivo para o vindeiro luns e mais Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios. Tal e como xa en xullo solicitou o Comité de Empresa na mesa tomarase o acordo de vixencia do convenio colectivo. A maiores, segundo indica a orde do día parece ser que se vai negociar algo, agora ben, descoñecemos completamente o qué, posto que logo de case catro meses o goberno non achega nin unha soa proposta de texto para os artigos que están pendentes de negociación e convoca ambas as dúas mesas cunha hora de diferencia, o que fai pensar que de negociación máis ben pouca.

A pesar de todo, non perdemos a esperanza de que o goberno municipal recapacite e tome algunha decisión en beneficio dos traballadores que vaia máis aló de convocar unha mesa sen propostas anticipadas para xustificar o traballo dunha empresa que xa leva contratada nove meses e que, polo momento, non axudou a solucionar nada máis que o seu peto; porque neste Concello e para este alcalde, parece que as empresas que contratan e non cumpren están ben vistas mentres que os traballadores do Concello que cumpren son expedientados e culpabilizados sen mediar palabra nin coñecer os feitos.

Devolución doutro dos días de asuntos propios roubados

No BOE do pasado mércores sae publicada a Lei 15/2014, de 16 de setembro, de racionalización do Sector Público e outras medidas de reforma administrativa, na que no seu Capítulo IV se modifica a letra k) do artigo 48 do Estatuto Básico do Empregado Público  (Lei 7/2007, de 12 de abril)  e se conceden cinco días de asuntos particulares no canto dos catro que tiñamos ata o de agora (a parte dos que se concederon pola compensación de dous festivos nacionais).

Aproxímanse as eleccións e as malas novas do axuste público solicitado por Europa, polo que é mellor ter algo contenta a "tropa" antes de comunicar o groso das medidas de reaxuste que se van ter que levar a cabo por imposición europea. Que ben, xa temos un día máis de asuntos particulares daqueles que nos hurtaron fai uns anos. Nos vindeiros días instaremos ao Concello a que actualice a información relativa aos días de asuntos propios correspondentes ao ano 2015 nos taboleiros de información dos empregados municipais  de cara a que non se creen confusións con respecto aos correspondentes para este ano 2015.

Lembrade que os días de asuntos propios poden desfrutarse ata o 15 de xaneiro de 2015.

BOE-A-2014-9467 by cigconcellobetanzos

10/09/14

A CIG solicitará información sobre a creación dunha praza de conserxe no aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín e a súa adxudicación directa sen concurso

O inicio do curso comeza de xeito complicado entre o persoal de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín. Ás múltiples baixas que se veñen acumulando neste servizo no último ano e que están obrigando a que os delegados de prevención soliciten a avaliación do risco psicosocial polas repercusións que os problemas organizativos están tendo nas propias traballadoras do servizo, súmase o traslado dunha das traballadoras de limpeza para exercer funcións que non se corresponden coas reflectidas na RPT para o novo aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín, como apertura e peche do edificio entre outras funcións.

Estas novas funcións supoñen a creación dunha nova praza que no caso de ser cuberta por persoal do Concello debería saír a concurso a través dun procedemento interno ao cal debería ter acceso todo o persoal que reúna as condicións necesarias para optar a ese posto de traballo; desta volta, o Concello volve obrar como de costume e adxudica a praza directamente sen contar nin sequera coa posibilidade de seguir os procedementos legalmente establecidos para o caso, coas repercusións que, aínda por riba, terá isto para o persoal que fica no CEIP Francisco Vales Villamarín, con maior carga de traballo na mesma xornada laboral e cada vez menor número de traballadores.

A CIG solicitaralle información sobre este tema nos vindeiros días ao goberno municipal e instará ao Concello a que leve as cabo os procedementos legalmente establecidos para a cobertura de novos postos de traballo e modificación da RPT, e deixe a un lado prácticas clientelares de procedementos non negociados cos representantes dos traballadores que benefician a traballadores individuais fronte ao colectivo de todo o persoal que traballa neste Concello.

Aviso

Lembrade que con motivo da volta á xornada habitual de traballo, o local do Comité de Empresa estará aberto os martes e xoves de cada mes, agás os días de feira, en horario de 13:00 h a 15:00 h para atender as consultas dos traballadores.


O Concello dificulta o acesso ao expediente da compañeira da CIG, a historia que non dá acabado...

Dúas semanas agardando e dúas solicitudes despois, o Concello ignora á compañeira delegada á que vén de abrirlle un expediente a pesar de que segundo o Real Decreto 33/1996 sobre o réxime disciplinario debe darlle acesso ao expediente. 

A compañeira solicitoulle unha copia completa da documentación contida no expediente aberto, incluída a Resolución da Alcaldía e o escrito presentado pola Sección sindical de UGT do Concello de Betanzos, e a maiores solicitoulle ao Concello que a chamase a declarar coa maior urxencia posible a ela e ás testemuñas dos feitos relatados de cara a aclarar estes e poder pechar canto antes este capítulo co que a UGT deste Concello demostrou a cara descuberta cal é a súa principal finalidade, axudar ao goberno municipal na súa cruzada contra os delegados sindicais da CIG a custa de calquera persoa e sen medir nin minimamente as posibles consecuencias para as persoas afectadas. Caso a parte merecen as acusación vertidas contra a CIG e a propia compañeira por parte do sindicato con minoría no Comité de Empresa contra as que xa se están a estudar as accións individuais e colectivas oportunas.

O goberno municipal, que tanta dilixencia tivo en lle abrir un expediente a unha delegada da CIG sen nin sequera mediar palabra con ela, ese mesmo que non tivo dilixencia ningunha para facerlle o mesmo ao secretario municipal cando a afectada foi a presidenta do Comité de Empresa, demostra o seu despotismo ao non lle entregar de inmediato toda a documentación a que a compañeira ten dereito a acceder. Así mesmo, ademais de ser oída a persoa afectada, deben ser oídos os representantes sindicais, tal e como obriga o artigo 68 do Estatuto dos Traballadores, que ata o momento tampouco foron convocados polo Concello. 

O diálogo está completamente roto nun momento no que o Concello non é quen nin de falar cos seus propios empregados, e actúa abrindo máis expedientes que todos os anteriores gobernos municipais na historia deste Concello; atrás quedan as declaracións do concelleiro de Persoal, Diego Fernández, aló polo 2011, cando dicía: "creo que é necesaria que haxa unha relación fluída entre ambas as partes (traballadores e goberno) que, polo que perciben, non era así nos últimos anos, con promesas incumpridas o que xerou situacións que non son as máis propicias para manter unha relación de normalidade no traballo" (páx.12 do Betanzos e a súa comarca de outubro de 2011). Agora, tres anos despois, estaría ben que lle repetisen a entrevista e que exemplificase onde está o diálogo, as promesas cumpridas e as melloras na situación do persoal laboral, porque os feitos demostran todo o contrario.

“O traballo cobra máis vítimas que a guerra”, afirmou o Director Xeral da OIT no XX Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde no Traballo.


Ryder puxo de manifesto que non garantir un lugar de traballo seguro e saudable constitúe unha forma de traballo inaceptable. “Isto coloca a seguridade e a saúde no mesmo lugar que o traballo forzoso, o traballo infantil, a liberdade de asociación e a discriminación, que foron recoñecidas na Declaración da OIT relativa aos principios e dereitos fundamentais no traballo”. Guy Ryder anunciou novos esforzos dirixidos a lograr o cumprimento das normas internacionais sobre saúde e seguridade no traballo en todo o mundo.

O Director Xeral da OIT, Guy Ryder instou a asumir unha cultura de intolerancia cara aos riscos no traballo, ao dirixirse aos preto de 4.000 participantes ao XX Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde no Traballo, e dixo que a seguridade e a saúde serán unha parte integral do labor da OIT.

No seu discurso ante os especialistas en seguridade no traballo, políticos e científicos provenientes de 141 países reunidos en Frankfurt, Guy Ryder explicou que os esforzos da OIT teñen o obxectivo de producir un impacto maior na cultura mundial relacionada coa seguridade e a saúde no traballo e no terreo.

O Ebola e as traxedias que está a causar están todos os días nos titulares dos medios e é xusto que sexa así. Pero as mortes relacionadas co traballo non son divulgadas do mesmo xeito. De maneira que o labor que temos por diante é instaurar unha cultura de conciencia permanente”, declarou Ryder.

Ryder puxo de manifesto que non garantir un lugar de traballo seguro e saudable constitúe unha forma de traballo inaceptable. “Isto coloca a seguridade e a saúde no mesmo lugar que o traballo forzoso, o traballo infantil, a liberdade de asociación e a discriminación, que foron recoñecidas na Declaración da OIT relativa aos principios e dereitos fundamentais no traballo”.

Agregou que a seguridade e a saúde formarán parte integral do labor da OIT, incluíndo unha atención especial cara ás categorías de traballadores invisibles e vulnerables na economía informal, a economía rural e os traballadores migrantes.

Salvar vidas, aforrar diñeiro

O desafío que enfrontamos é abafador. No mundo, o traballo cobra máis vítimas que a guerra: estímase que cada ano morren 2,3 millóns de traballadores debido a accidentes ou enfermidades relacionados co traballo”, sinalou Ryder.

Tamén se referiu aos custos directos e indirectos dos accidentes no traballo e as enfermidades profesionais, que a OIT estima ascenden a 2,8 billóns (millóns de millóns) de dólares. Ryder indicou que investir na seguridade e a saúde no traballo é tamén un bo negocio. “Cada dólar investido recupérase con fartura”.

Ryder destacou ademais á necesidade vital de datos confiables: “Vivimos na era da información, na cal os responsables da toma de decisións teñen acceso a datos sobre a maioría dos temas. Pero en relación á seguridade e saúde no traballo carecemos da información necesaria para formular e implementar políticas e programas baseados na evidencia. Este é un fracaso, consecuencia tamén dunha falta de vontade política”.

Con todo, o Director Xeral da OIT percibe algúns sinais alentadores. “A importancia dunha protección laboral eficaz está a ascender na axenda política mundial. No Cume de Líderes do G20, que tivo lugar en San Petersburgo en 2013, os líderes recomendaron ao Grupo de Traballo do G20 sobre Emprego que se asociase coa OIT para analizar de que maneira o G20 pode contribuír con lugares de traballo máis seguros”.

Durante décadas, a OIT foi a responsable de establecer e promover as normas internacional sobre seguridade e saúde no traballo en todo o mundo -con 40 Convenios sobre SST- e é un líder na creación e difusión de coñecementos sobre a seguridade e a saúde dos traballadores e dos lugares de traballo.

 
Fonte: OIT

Os datos do Ministerio de Emprego para o primeiro semestre confirman o incremento da sinistralidade laboral


Sinistralidade

Os datos de sinistralidade laboral do primeiro semestre de 2014 ofrecidos polo Ministerio de Emprego e Seguridade amosan un aumento xeneralizado dos accidentes de traballo no conxunto do Estado español. Un aumento que, ademais, parece estar a acelerarse, pois se no período xaneiro-maio foi do 3,8%, no conxunto do semestre ascendeu até o 4,9%.

O dato é máis preocupante tendo en conta que o incremento se manifesta de forma xeralizada; tanto en termos absolutos como relativos (índices de incidencia) e en case todos os sectores da actividade, independentemente de que sexan en xornada de traballo ou in itinere e do seu nivel de gravidade.O número total de accidentes con baixa no primeiro semestre creceu un 4,9% respecto ao mesmo período do ano anterior; 5,1 en xornada de traballo e 3,3 in itinere. No caso de accidentes mortais experiméntanse aumentos do 3,2% no conxunto da actividade, do 54,2 no sector agrario, o 35,5 na industria e o 6,9 na construción. Unicamente redúcense no sector servizos (-15,5%). Os accidentes mortais in itinere aumentaron un 20,5%.En canto aos índices de incidencia (indicador máis fiable para medir a evolución da sinistralidade), prodúcense incrementos no total de accidentes independentemente do sector. No caso dos mortais produciuse un incremento do 1,9%, aínda que destacan os aumentos no agrario (39%), na industria (36%) e na construción (12%). Os servizos volven ser o único sector que se escapa desta tendencia.

Fonte: prevencionintegral.com



Centos de persoas solidarízanse co bombeiro sancionado por negarse a intervir nun desafiuzamento

A asesoría da CIG interpuxo un contencioso-administrativo ao entender que coa medida a Subdelegación vulnerou os seus dereitos fundamentais

Centos de persoas acudiron este xoves ás portas do edificio que alberga o xulgado do contencioso-administrativo da Coruña para trasladar o apoio e a solidariedade ao bombeiro municipal que se negou a intervir no intento de desafiuzamento de Aurelia Rey e ao que a Subdelegación do Goberno impuxo unha sanción administrativa de 600 euros, por considerar que coa súa actitude alterou a seguridade cidadá.

A CIG, que se sumou á convocatoria da concentración, denuncia o despropósito de todo o procedemento sancionador iniciado pola Subdelegación do Goberno contra un grupo de persoas –das máis de 200 presentes no lugar- que defendían dereito constitucional de Aurelia Rey a ter unha vivenda digna. A imposición destas multas responde á política do PP de criminalizar e perseguir a resposta cidadá e impedir a contestación nas rúas das medidas tan antosociais que está a aplicar pola vía da presión económica.
Neste senso, en declaracións aos medios, o propio afectado recalcou que os servizos de prevención e extinción “non deberíamos ter que realizar este tipo de servizos, nas nosas labores non está sacar a xente das súas casas. Iso era o que quería visualizar coa miña acción naquel día”. Unha opinión estendida entre o colectivo de bombeiros/as, tal e como reflicten as numerosas mostras de apoio chegadas dende parques de todo o estado. Así mesmo, apelou á desobediencia civil e á obxección de conciencia fronte ás políticas que abocan as cidadás e os cidadás á exclusión social.
Vulneración de dereitos fundamentais

Ante esta política represiva do PP, a CIG quixo trasladar o apoio a este compañeiro afiliado da central sindical, quen hoxe posou polos xulgados, no marco da vista correspondente ao recurso contencioso-administrativo, presentado pola asesoría da central nacionalista contra a vulneración de dereitos fundamentais que supón a imposición da sanción administrativa.
O bombeiro é o segundo compañeiro da CIG que acude aos xulgados por estes feitos, logo de que a finais do mes de xuño, Paulo Carril, Secretario Confederal de Organización da CIG, tivese que acudir á vista xudicial. Carril tamén foi sancionado cunha multa de 600 euros pola Subdelegación do Goberno, por presuntamente alterar a seguridade cidadá coa súa actitude, cando se limitou a  participar pacificamente da concentración convocada por Stop Desafiuzamentos, ao igual que o resto das persoas alí presentes.
A CIG entende que as medidas sancionadoras impostas pola administración española son un auténtico despropósito que atentan contra os lexítimos dereitos de reunión e liberdade de expresión.

Máis inxusto resulta, se cadra, o feito de que a Subdelegación do Goberno pretenda coartar o lexítimo dereito do bombeiro á obxección de conciencia -que se traduce na negativa a participar nos desafiuzamentos por cuestións morais e ideolóxicas-, castigándoo por non realizar unha tarefa (cortar unha cadea) que, ademais, non era a orde que tiña encomendada.
A este respecto, cómpre lembrar que a presenza dos bombeiros no lugar foi requirida pola policía para a apertura dunha fechadura dunha vivenda e non existía requirimento xudicial, nin orde expresa do Servizo de extinción de incendios, para que o servizo de bombeiros procedera a cortar a referida cadea.
O conxunto de sancións administrativas impostas nos últimos tempos -das que a CIG é vítima destacada-, xunto coas modificacións lexislativas que o Goberno de Rajoy prepara (véxase a Lei de Seguridade Cidadá ou a reforma do Código Penal) evidencian os principios escasamente democráticos polos que se rexe o PP e ao servizo de que intereses de clase están. Pois, mentres actúa con esta dureza contra os movementos sociais e a clase traballadora mantén unha actitude de moita permisividade respecto dos delitos económicos que cometen os seus amigos, o capital financeiro, e eles mesmos.