30/01/15

Asinado o acordo polo que a Central Obreira Galega se integra na CIG


Este proceso contribúe ao fortalecemento da CIG como principal referente do sindicalismo nacionalista galego

O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e o Secretario Xeral da COG, Carlos Varela, acompañados por representantes das dúas organizacións sindicais, asinaron na tarde deste mércores o acordo polo que a Central Obreira Galega pasa a integrarse na Confederación Intersindical Galega, asumindo os principios estatutarios e programáticos desta última e avanzando na consolidación dun sindicalismo nacionalista de clase forte e unitario.

O proceso que hoxe culmina iniciouse hai uns meses con conversas informais e tras da aprobacións nos órganos correspondentes de ambas organizacións, procedeuse á súa formalización. Por parte da CIG, a Comisión negociadora estivo integrada por Francisco Miranda Vigo (Secretario Confederal de Comunicación e Propaganda), Paulo Rubido (Secretario Nacional da CIG-Servizos), e Xabier Filgueira (Secretario Comarcal da CIG da Coruña) e Paulo Carril (Secretario Confederal de Organización). Por parte da COG, estiveron presentes nas negociacións Carlos Varela (Secretario Xeral) e Mario Díaz Bustamante (da Executiva nacional).

A integración da COG contribúe a reforzar a CIG como principal referente do sindicalismo nacionalista galego, nun momento como o que estamos a vivir, cun ataque tan brutal aos dereitos da clase traballadora, co incremento da precariedade e a desregulación, coa baixada dos salarios, e co que isto supón de debilitamento da capacidade reivindicativa dos traballadores e traballadoras. É fundamental neste contexto o fortalecemento das organizacións sindicais de clase para convertelas en instrumentos máis eficaces fronte aos ataques do poder.

Neste sentido, a incorporación da COG é unha axuda máis a ese proceso de fortalecemento do modelo sindical que a CIG representa hoxe no noso país, de confronto co poder, de deslexitimación da política de pacto social, de participación da clase traballadora e de auto-organización para unha mellor defensa dos intereses da clase obreira galega.

Sobre a decisión de integrarse na CIG, Mario Díaz indicou que os contactos coa Confederación xa se realizaran no momento en que foron expulsados da CUT e mantivéronse ao longo do tempo de xeito esporádico. O pasado ano é cando na COG se decide avanzar cara á unidade do sindicalismo nacionalista e a un futuro estratéxico “dunha central única galega” dentro deste ámbito.

A este respecto, Carlos Varela apuntou que dende a COG sempre tiveron claro que se nalgún momento se acordaba dar o paso á unha integración, esta sería no seo da CIG porque “é o único sindicato que representa os intereses dos traballadores e as traballadoras galegas, dende a perspectiva nacionalista que nós sempre estivemos e no que achegamos o noso gran de area a base de traballar duro e cun enfoque asembleario, nacionalista e de clase”.

Sobre as perspectivas nesta nova andaina, ambos os dous afirmaron que o que defendemos é o traballo día a día e que sexa de calidade”, especialmente, indican, á hora da elección da representación nos centros de traballo para que “os delegados/as, os Comités e as Seccións Sindicais acheguen ese calidade diferenciadora con respecto aos outros sindicatos”.

“Este é un paso que damos e esperamos que outros tamén o dean, para que se poida construír esta central única galega que defenda os intereses de todos os traballadores e traballadoras galegas, e os intereses de clase que noutras centrais sindicais se perderon”, concluíu Díaz.


Ningún comentario:

Publicar un comentario