20/12/12

Reunións de cara a comezar a negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo


Dende o momento que o persoal deste Concello foi quen coas súas alegacións de paralizar a aprobación dunha Relación de Postos de Traballo inxusta, arbitraria e que non facía máis que ser debedora das irregularidades perpetuadas ao longo dos anos neste Concello en materia de persoal comezamos a reclamar dende a CIG o inicio dun verdadeiro proceso de negociación que tivese en conta a todos os axentes implicados e cunha verdadeira vontade de cambio e renovación das caducas políticas discriminatorias que non facían máis que afondar nas diferenzas entre laborais e funcionarios.

Nos pasados días o concelleiro de Persoal púxose en contacto connosco para que mantivésemos unha reunión os representantes dos sindicatos con representación de cara a achegarmos posturas para a negociación nunha Mesa Xeral. Dende a CIG xa acordamos a data da reunión e non temos problema ningún, como nunca o tivemos, en expor a nosa postura publicamente, non obstante, logo de manter unha reunión co concelleiro de Persoal parécenos que o Concello intenta escorrer o vulto e minimizar a súa responsabilidade nesta cuestión motivo polo que temos claro que podemos falar todo o que queiramos entre os representantes sindicais que mentres o Concello non caia da burra, tenda a man e teña unha verdadeira vontade de negociación todo seguirá inmóbil. Aínda se algo temos claro é que unha casa non se pode comezar polo tellado e rexeitamos de raíz a proposta de RPT que o Concello presentou hai meses agás que haxa unha vontade de mudanza de case a totalidade desta, porque non podemos aceptar algo que foi rexeitado pola maior parte do persoal deste Concello que amosou o seu descontento presentando as súas alegacións.

Unha RPT en condicións pasaría por un organigrama coa súa xerarquía, a clara definición das titulacións e as funcións e un sistema de valoración dos postos transparente que dese como resultado a valoración económica correspondente en cada caso e non como parece neste Concello, que primeiro se asignaron os complementos específicos e logo buscáronselle funcións a certo postos para intentar xustificaren os seus salarios, ou, cando menos, iso é o que parece á vista da RPT vixente e da que o Concello pretendía aprobar hai uns meses. En todo caso dende a CIG reiteramos a nosa vontade de negociación e a necesidade dunha nova Relación de Postos de Traballo mais isto non supón en ningún caso que haxa que dobregarse ante quen pretende coller a xustiza pola súa man e logo querer parecer a vítima aínda que en realidade sexa o verdugo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario