28/09/16

Mellores condicións de traballo benefician a traballadoras/es e ás empresas

Unha avaliación independente do programa Better Work amosa melloras significativas na calidade de vida de traballadoras/es nas fábricas que asesora, así como un incremento da produtividade e rendibilidade das empresas. O programa Better Work, creado no ano 2007 pola Organización Internacional do Traballo e a Corporación Financeira Internacional membro do Grupo do Banco Mundial, ten como obxectivo mellorar as condicións de traballo e promover a competitividade nas cadeas mundiais de subministración da industria téxtil. Opera en sete países: Bangladesh, Camboia, Indonesia, Vietnam, Xordania, Haití e Nicaragua, e actualmente abarca a 1.300 fábricas que empregan a máis de 1,6 millóns de traballadoras e traballadores.

Segundo a avaliación da Universidade Tufts, o programa Better Work contribúe a que as fábricas abandonen as prácticas que fomentan longas xornadas de traballo, moi baixa remuneración, ameazas de despedimento e o uso abusivo dos contratos por un período de proba. Traballadoras e traballadores constatan un incremento do seu salario semanal neto e as horas extras excesivas e os salarios baixos son cada vez menos frecuentes. No estudo tamén se observan progresos na redución da diferenza salarial entre homes e mulleres, en particular nas fábricas que se benefician dos servizos de asesoramento de Better Work en Haití, Nicaragua e Vietnam. Tamén se constataron importantes avances na diminución das medidas laborais coercitivas e na redución do acoso e a violencia verbal. Así mesmo, os investigadores observaron que a formación en técnicas de supervisión de Better Work é unha estratexia moi eficaz para mellorar as condicións de traballo e empoderar ás mulleres na industria. A análise amosa que as liñas de produción supervisadas por mulleres que recibiron formación nestas técnicas de supervisión incrementan a produtividade un 22 por cento, en comparación coas liñas de produción supervisadas por traballadores que non  recibiron esta formación. Esta análise conclúe que estas melloras nas condicións de traballo non se logran a expensas do rendemento da empresa. A investigación estabelece unha relación directa entre mellores condicións de traballo e maiores beneficios para as empresas. En todas as fábricas nas que está implantado o proxecto Better Work en Vietnam,  os beneficios brutos aumentaron de 25 por cento logo de catro anos de participación . O proxecto Better Work susténtase a través dos seguintes e principais doantes asociados: Australia (Departamento de Asuntos Exteriores e Comercio, DFAT); Dinamarca (Ministerio de Relacións Exteriores, Danida); Países Baixos (Ministerio de Relacións Exteriores, Danida); Suíza (Secretaría de Estado Económico, SECO); Estados Unidos ( Ministerio do Traballo, USDOL).

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

O Concello descolga por primeira vez do convenio colectivo vixente máis de 20 contratos

Hai unhas semanas o Concello contratou diverso persoal a través dun obradoiro de inserción laboral. Os contratos, realizados polo Concello de Betanzos descolgan ao profesorado docente, persoal administrativo e alumnado traballador do obradoiro do convenio colectivo vixente do persoal laboral ao servizo do Concello de Betanzos. 

O Concello impón non só unha xornada superior á do resto do persoal, de corenta horas semanais, senón que descolga as retribucións e ponlles nos contratos unhas contías que descoñecemos que onde saen, porque negociadas nin de coñecemento dos representantes do persoal laboral non son.
O goberno municipal decide unilateralmente levar a cabo esta decisión sen que o propio concelleiro de Persoal llo comunicase nin tan sequera aos representantes do persoal. Actúa, unha vez máis, como nos ten acostumados no pasado, de xeito impositivo e pouco dialogante e decide unilateralmente que o convenio colectivo non é de aplicación para todo o persoal no que non lle convén.

A presidenta do Comité amosou a disconformidade nos contratos por estes motivos, non polas contratacións en si mesmas obviamente, e manifestou e solicitou por escrito que o Concello non discrimine ao persoal laboral en función de criterios descoñecidos e trate en igualdade de condicións a todo o persoal cun contrato laboral ao servizo do Concello de Betanzos. modificando as cláusulas correspondentes dos contratos para adaptalas ao convenio colectivo vixente.

Solicitude das gratificacións do persoal funcionario

A CIG, como sindicato con representación na Mesa Xeral de Negociación, vén de solicitar a información relativa ás gratificacións do funcionariado do ano 2016, toda vez que a partida orzamentaria é compartida co persoal laboral. Nos vindeiros meses agardaremos a resposta e, de non se producir, acudiremos a reclamalas onde sexa pertinente. 

Segundo pasan os anos e grazas á presión dos propios traballadores e traballadoras é verdade que cada vez a información relativa a persoal é máis fluída, mais hai que recoñecer que este é un dos temas enquistados e sobre os que o goberno local non solta prenda, ou polo menos ata agora non o fixo con anteriores solicitudes, de aí que a Sección sindical da CIG decidise facer un novo intento con este tema antes de tomar medidas determinantes e acudir a outras instancias.

É lamentable que mesmo para que o Concello lle achegue ao Comité de Empresa a información sobre as horas extras do persoal laboral houbese que denunciar na Inspección de Traballo hai tres meses, e tan só así se procedese a solucionar a cuestión e achegar a documentación.


22/09/16

O Ministerio de Emprego e Seguridade Social elimina o Libro de Visitas da Inspección de Traballo

Este luns 12 de setembro o BOE publica a Orde ESS/1452/2016, de 10 de juño, pola que se regula o modelo de dilixencia de actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social que elimina o Libro de visitas, tanto en formato papel como en formato electrónico. A nova regulamentación traslada a obriga de documentar as actuacións inspectoras das empresas á ITSS, tal e como se recolle na Lei 23/2015, do 21 de xullo, Ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social, que dispón a obriga de documentar por escrito cada actuación realizada polos funcionarios da Inspección, utilizando medios electrónicos e sen que iso supoña impoñer ás empresas obriga algunha para adquirir calquera clase de libros ou formularios para a realización das devanditas dilixencias.

Ademais da eliminación do Libro de Visitas da Inspección, a Orde recolle o novo modelo para a extensión das dilixencias realizadas polos funcionarios da Inspección de Traballo e Seguridade Social, tanto nas actuacións que realicen nos centros de traballo coma nos casos de comparecencia das empresas nas oficinas da Inspección. Así, por cada visita ou comprobación extenderase unha dilixencia na que se refectirán entre outros contidos as materias ou aspectos examinados e demais incidencias concorrentes; o exemplar da dilixencia remitido á empresa deberá ser conservado por un prazo de cinco anos. A Orde contempla que o modelo se confeccione en versión bilingüe nas comunidades autónomas con lingua cooficial.




Cámaras de vixilancia no lugar de traballo.


Xurisprudencia

O Tribunal Constitucional nunha sentenza do 3 de marzo de 2016 admite a instalación por parte de empresa de cámaras de vixilancia no posto de traballo como parte da súa capacidade de vixilancia no posto de traballo, sin ter que informar ao traballador/a sobre a grabación de imaxes, nin ter que solicitar o seu consentemento. Ata esta sentenza, este Tribunal admitía a instalación de cámaras de vixilancia no posto de traballo, sempre que o traballador/a fose informado expresamente de que estaba a ser gravado e que prestase o seu consentimento.

Esta sentenza xurde do caso dunha empregada dunha tenda de roupa na que se instalaron cámaras de vixilancia na zona de caixa, logo de ter a empresa detectado irregularidades na caixa; a demandante foi despedida disciplinariamente por apropiarse indebidamente dunha cantidade de diñeiro procedente da caixa.

Nin a traballadora nin o resto das súas compañeiras foran informadas expresamente da instalación das cámaras de vixilancia, aínda que a empresa si colocara nun lugar visible do escaparate, un cartel no que se advertía da existencia das mesmas. A traballadora, tras ver desestimada a súa demanda en primeira e segunda instancia, acudiu ao Tribunal Constitucional en busca de amparo, que lle foi novamente denegado ao confirmar a procedencia do despedimento.

O tribunal considerou suficiente a instalación dun mero cartel no escaparate, dirixido ao público en xeral para superar o requisito informativo, así como que a traballadora prestara o seu consentimento de forma tácita, polo mero feito de asinar o contrato de traballo, para superar o requisito do consentimento.


O Tribunal Constitucional fundamenta este cambio na súa xurisprudencia en que no ámbito laboral, considérase que o consentimento do traballador /a enténdese implícito polo mero feito de asinar o contrato de traballo. É dicir, non é necesario que o traballador/a manifeste expresamente o seu consentimento para ser gravado/a no seu posto de traballo. Será pois suficiente con que exista unha referencia informativa xeral sobre a existencia de cámaras de vixilancia no centro de traballo, aínda que non se especifique concretamente o fin das mesmas.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

A Garda Civil detivo ao encargado dunha obra por manipular o lugar do sinistro antes de que chegasen os axentes

ACCIDENTE LABORAL

O Equipo de Policía Xudicial detectou que o accidentado se atopaba sen os medios que determina o Plan de Seguridade e Saúde, así como que se limpou e manipulou o lugar onde se produciu o sinistro antes de que chegasen os axentes.

A Garda Civil detivo o pasado mes de xullo ao responsable de obra dunha empresa de construción que realizaba traballos de reforma no interior dunha nave empresarial nun polígono industrial de Mos, por mor dun accidente laboral sufrido por un dos traballadores.

O traballador atopábase nunha plataforma elevadora cando se precipitou ao chan dende unha altura de algo máis de cinco metros, golpeándose na cabeza contra un mesado de traballo. Foi ingresado na UCI con traumatismo cranioencefálico e respiración asistida.

O Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil detectou que o accidentado se atopaba sen os medios que determina o Plan de Seguridade e Saúde, así como que se limpou e manipulou o lugar onde se produciu o sinistro antes de que chegasen os axentes.


O encargado quedou en liberdade coa obrigación de comparecer cando fose requirido.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

Axudas económicas para a atención de nenas/os menores de 3 anos

No DOG do 26 de agosto de 2016 publícase a Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 3 anos a través do programa Bono coidado e se procederá á súa convocatoria.
1. Poderán ser beneficiarios das axudas do programa Bono coidado os pais/nais, titores/as, ou as persoas acolledoras de nenos/as menores de tres anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:
  1. Ter unha nena ou un neno nacida/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2013 respecto da anualidade 2016 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2014 respecto da anualidade 2017.
  2. Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos terase en conta a declaración do IRPF do ano 2014 respecto da anualidade 2016 e do ano 2015 respecto da anualidade 2017.
2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.
A axuda consistirá nunha achega económica cuxa contía estará en función da renda per cápita da unidade familiar, para contribuir ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio.
As solicitudes de axuda poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata, polo tando dende o 27 de agosto de 2016, o 30 de setembro de 2017.



Moitos temas pendentes

A "volta ao cole" está sendo complicada porque son moitos os temas pendentes para un goberno municipal con clara desidia en determinadas cuestións. O Comité de Empresa solicitou unha reunión co concelleiro de Persoal para tratar, entre outros, os seguintes temas:

-Situación do servizo de limpeza dos centros de ensino.
-Solicitude urxente de negociación dunhas bases de axudas sociais novas.
-Solicitudes de documentación non contestadas.
-Privatización do cemiterio municipal.
-Información sobre novos contratos e procesos pendentes.
-Recoñecementos de antigüidade do persoal readmitido.
-Estado de tramitación do convenio colectivo, do proceso da elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo e das novas bases de creación de listaxes para substitucións
-Estado de tramitación das indemnizacións por asistencia a tribunais pendentes de cobrar.

Sen dúbida quedan uns meses por diante nos que ou ben comezan a avanzar dun xeito acelerado determinadas cuestións ou haberá que tomar determinacións para comezar mobilizacións e protestas, en todo caso manteremos informado ao persoal e farémolo partícipe das decisións que o Comité de Empresa considere necesario ir tomando sobre tantas frontes abertas e pendentes de solucionarse.

O Concello privatiza o mantemento do cemiterio municipal

En pleno mes de agosto o Concello publicou no Boletín Oficial da Provincia a privatización dos traballos propios do cemiterio municipal para os anos 2016-2018. Con este capítulo pecha outra privatización e anula as posibilidades de que sexan os traballos propios desempeñados polo persoal municipal. Logo de anos deixando esmorecer este e outros servizos prestados con persoal propio o PSOE decide recorrer a unha contratación para beneficiar  unha empresa privada, mentres, por exemplo, contrata persoal para conducir a Diana Cazadora porque o entende como unha necesidade.

Para o goberno municipal a embarcación das paparotas si que que debe ser levada por persoal público, o que debería ser lóxico e defendemos para calquera servizo, pero cando falamos de cemiterio de seguro que argumentará que non é un servizo básico, a fin de contas... para qué morrer? Iso si que é un capricho e non un servizo esencial, agora facer viaxes o día dos Caneiros en familia é un servizo imprescindible nesta Administración.

Desde a CIG defendemos o emprego público porque o PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO e opoñémonos abertamente ás políticas do PSOE que pasará á historia, como temos dito, polo goberno municipal co maior número de privatizacións da historia do Concello de Betanzos.

NON MÁIS PRIVATIZACIÓNS!!!!
SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS
O PÚBLICO É BENEFICIO E O PRIVADO É BENEFICIO



Por certo, se lle botades unha ollada aos custes estimados polos traballos e os comparades cos postos asignados ao Cemiterio da Relación de Postos de Traballo que non foron cubertos logo da xubilación de varios compañeiros, comprobaredes non só a vergoña de salarios do persoal laboral deste Concello senón tamén que o Concello lle paga máis ás empresas de fóra que aos de dentro para que moi probablemente ese beneficio non redunde en absoluto nos traballadores das concesionarias, que adoitan estar nunhas condicións cuestionables.

Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza

Aí tendes a Lei de Emprego Público galega vixente que recolle moitos aspectos sobre os que algúns compañeiros nos pregunta a diario, cómpre lembrar que esta normativa é de aplicación para as entidades locais galegas.

Os sábados será inhábiles para os efectos administrativos

No vindeiro mes entra en vigor a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas que recolle moitas novidades e, entre outras, a declaración dos sábados como inhábiles para os efectos administrativos, isto suporía a efectos prácticos que o rexistro, aberto entre as 10:00 h e as 13:00 h os sábados non ten a necesidade de estar de servizo. Na actualidade o servizo é cuberto por unha maioría de persoal funcionario, lembremos que o propio rexistro debe ser levado por un funcionario ou funcionaria, de aí que neste Concello se procedese xa hai bastantes anos á funcionarización de persoal auxiliar e administrativo, mais o Concello debe declarar "formalmente" se as Oficinas Xerais pecharán ou non a partir da entrada en vigor os sábados, polo momento non tivemos coñecemento de ningunha comunicación por escrito con respecto a este tema mais en moitas administracións pecharán ese día ante a declaración do sábado como inhábil.