A
CIG entregou este mércores, día 2 de abril, no rexistro do
Parlamento de Galiza máis do dobre das sinaturas necesarias, en
concreto 31.232, para avalar a tramitación da Iniciativa Lexislativa
Popular sobre Medidas para a Creación de Emprego en Galiza. As/os
representantes da central sindical chegaron ao Pazo do Hórreo en
manifestación xunto cuns 1.500 delegados/as que partiron, pasadas as
12:15 horas, da Alameda compostelá tras reunirse en asemblea no Pazo
de Congresos.
A
xornada comezou cunha asemblea nacional de delegados/as convocada
para analizar a situación do desemprego en Galiza e pór en común
as medidas propostas pola CIG para favorecer a recuperación
económica e impulsar a creación de emprego. Ao seu inicio, as e os
delegados asistentes mantiveron un minuto de silencio en homenaxe ao
compañeiro recén finado, Xosé Lois Martín Freire.
Tras
da asemblea, as/os delegadas/os trasladáronse á Alameda compostelá,
de onde saíron en manifestación até as portas do Parlamento de
Galiza, onde permaneceron até que saíu a representación da
Executiva Confederal encargada de entregar as sinaturas no rexistro
do Pazo do Hórreo.
Na
súa intervención na asemblea de delegados/as o secretario xeral da
CIG, Suso Seixo, salientou a importancia da ILP como parte dunha
campaña de divulgación das propostas da central sindical para o
crecemento económico e a creación de emprego concretadas en 100
medidas. Unha campaña que se puxo en marcha diante da enorme
gravidade do problema do desemprego para a sociedade galega e para a
súa clase traballadora.
Seixo
asegurou que a creación de emprego “non vai vir da man das
políticas ultraliberais promovidas polo PP, de reformas laborais,
recorte de salarios e políticas activas de emprego”. Subliñou
que, neste modelo, “sen crecemento económico, non hai creación de
emprego” e reafirmou que fronte a actual situación e as políticas
emprendidas polo PP “si hai alternativas”.
Denunciou
as consecuencias para a clase traballadora galega e para Galiza
no seu conxunto dos altos niveis de desemprego, nomeadamente a
emigración que supón “a perda de man de obra cualificada, de
capacidade de xerar riqueza e de poboación”, co conseguinte
avellentamento do país. Xunto a isto, alertou da pobreza e a
exclusión social que xa está a provocar, con preto do 45% das
desempregadas e desempregados que non cobran ningunha prestación e o
debilitamento da clase traballadora, que perde capacidade
reivindicativa e a consecuencia diso, empeora as súas condicións
laborais, salariais e de vida.
Diante
desta dramática situación, o secretario xeral da CIG denunciou a
actitude da Xunta de Galiza que “está a manipular datos de paro e
de emigración”, dixo, “para presentar un país no que todo vai
ben”, limitándose a presentar diante da cidadanía “grandes
proxectos industriais” que despois non se concretan en nada ou en
moi pouco.
Denunciou
tamén que o goberno do PP, á fronte da Xunta de Galiza está a
permitir a destrución do noso tecido produtivo ou mesmo a “facer
de axentes comerciais” para o pór á venda de capital foráneo sen
ofrecer ningún plan de choque que reactive a economía e posibilite
a creación de emprego.
Propostas
da ILP
Respecto
do contido da ILP subliñou que contempla propostas en diferentes
materias: industrial, fiscal, financeira, laboral... e fixo especial
fincapé nas laborais, dirixidas á creación de emprego de calidade.
Entre estas subliñou a derrogación das contrarreformas laborais; a
redución da xornada laboral ás 35 horas; a mellora do poder
adquisitivo dos salarios ou a creación dunha renda de inserción
laboral.
Xunto
a estas, salientou algunhas das medidas contempladas en materia de
promoción económica e industrial dirixidas a todos os sectores:
pesqueiro, marisqueiro, leiteiro, forestal, gandeiro, automoción,
téxtil, conservas, para o sector enerxético, a minaría ou o naval.
Do
mesmo xeito lembrou que a CIG dálle moita importancia tamén ao
sector do comercio “por xogar un papel fundamental na distribución
e venda dos produtos elaborados en Galiza e, polo tanto, no
mantemento e creación de emprego”. Por iso manifestou o
rexeitamento da central sindical ás grandes superficies comerciais.
Sinalou
a importancia do sector cultural, apoiando a produción e difusión
da nosa cultura en todos os ámbitos e destacou tamén a importancia
do sector público, para a promoción de empresas de capital público
en sectores estratéxicos da nosa economía: enerxético,
telecomunicacións; naval, leiteiro ou financeiro.
Respecto
do sector financeiro subliñou que a CIG defende a necesidade dunha
Banca Pública para apoiar o tecido produtivo (PEMES) e familias.
En
materia de política fiscal reclamou o incremento do IRPF ás rendas
máis altas; aplicar ás rendas do capital o mesmo tratamento fiscal
que ás rendas do traballo; a supresión das bonificacións e
deducións no Imposto de Sociedades; a redución do IVE dos produtos
de primeira necesidade; a persecución da fraude fiscal e que se
destinen máis recursos a perseguir a fraude cometida pola banca e as
grandes empresas... Mecanismos imprescindíbeis “para garantir a
redistribución da riqueza”.
Xunto
a estes obxectivos, lembrou que a CIG con esta campaña, ademais de
ofrecer alternativas para a creación de emprego, pretendía “abrir
o debate sobre o actual modelo económico de capitalismo neoliberal”.
Un modelo do que dixo que “xera un reparto desigual da riqueza e,
polo tanto, un aumento das desigualdades sociais”. Denunciou que
“concentra a riqueza e o poder nunha minoría da sociedade” e que
“non garante dereitos básicos para toda a poboación”, entre os
que sinalou ensino, vivenda, saúde, traballo... e concluíu que é
un modelo que “converte a natureza e ao propio ser humano en
mercadorías”.
Soberanía
política
Por
iso apostou por loitar por “conquistar un novo modelo de
organización social e económica máis xusto e democrático, ao
servizo dos intereses da maioría social, da clase traballadora”.
Chamou
a atención, ademais, sobre a situación de Galiza e sobre o papel
que xoga no Estado e na Unión Europea “como subministradora de
materias primas, man de obra barata, recursos enerxéticos ou
recursos financeiros” e concluíu que, ante isto, é necesario que
a nosa nación goce de “soberanía política”.
Reforzar
a CIG
O
secretario xeral da CIG rematou salientando a importancia da central
sindical como a mellor ferramenta para nos defender. Asegurou que os
ataques da patronal e da dereita á CIG responden ao perigo que o
sindicato representa para os seus intereses e chamou a todas as
delegadas e delegados a facer un especial esforzo de cara ás
eleccións sindicais.
A
este respecto denunciou que precisamente a Lei de Seguridade Cidadá
ten como obxectivo criminalizar a protesta e impedir á clase
traballadora e ás organizacións sindicais, en concreto á CIG, saír
á rúa a defender os dereitos laborais e sociais que está a laminar
o Partido Popular.
Por
iso concluíu que é fundamental reforzar a afiliación para
continuar coa necesaria mobilización social para seguir a loitar na
defensa deses dereitos cos que a dereita pretende acabar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario