07/08/12

Xa non enganan a ninguén, e dende a CIG temos claro cal é o camiño a seguir


Logo dos acontecementos da última semana queda perfectamente claro que o Goberno local tiña todo preparado para saírse coa súa, non contar co persoal para a negociación da RPT e “beneficiar” a uns poucos en detrimento da maioría. Todo isto aderezado con mentiras de que estas modificacións van supor a mellora dunha parte do persoal, cando, por exemplo, o persoal que non está na RPT efectivamente estaba sendo discriminado dende hai anos mais pola vontade dos distintos gobernos locais de pasar por riba das leis ou sempre utilizalas en contra dos dereitos dos traballadores e a pouca disposición do persoal a denunciar as situacións de discriminación.

As mentiras ao persoal son o eixe da política de recursos humanos deste Concello e así quedou patente cando o concelleiro de Persoal, no pleno do pasado 31 de xullo, tivo a cara de dicir que os compañeiros do GRUMIR non foron despedidos cando hai xa cinco sentenzas que condenan ao Concello por despido improcedente, e iso só é unha gota do vaso, porque neste Concello a maior parte do persoal está nunha situación contractual irregular e iso é culpa exclusivamente de quen gobernou e goberna, por moito que intenten enganar está máis que claro que o persoal laboral é menosprezado polos gobernos municipais que propiciaron que a situación actual sexa desastrosa. Dende a CIG agardamos que isto non se traduza en despedimentos amparados en decretos do Goberno estatal que disque están para saír.

Como xa dixemos, moitos son os postos modificados nesta nova RPT sen consultar cos traballadores, só a uns cantos escollidos se lle comunicaron as mudanzas mais á grande maioría non se lle dixo nada a pesar de que as mudanzas poden afectar substancialmente á súa situación laboral. Aproveitando o argumento de que non pode haber melloras colectivas increméntanlle complementos a algúns compañeiros e o problema volve ser o de sempre, dende a CIG estamos a favor de que, sempre dentro do que é o emprego público e os seus límites legais, se recoñeza o traballo ao persoal que o realiza mais o que nunca poderemos defender é para uns si e para outros non, é dicir, que habendo moito máis persoal en situacións semellantes non se lle recoñeza tal traballo e o Goberno presente unha RPT totalmente arbitraria que non xustifica as diferenzas salariais desorbitadas nalgúns casos entre postos semellantes. Se hai traballadores de primeira e segunda para este Concello que o diga alto e claro dunha vez e que non intente enganar, nin irse de legal cando só recorre a falar de leis cando pretende confundir ao persoal coa estratexia do quero e non podo.

En xeral, son moitos os erros desta Relación de Postos de Traballo feita unilateralmente polo Concello e sen ningunha negociación, mais entre eles hai mudanzas nas denominacións dos postos de traballo que se converten en equívocas e pouco clarificantes, hai erros de vulto na forma de provisión de postos de traballo e as prazas de persoal laboral aparecen como cubertas cando están todas vacantes, posto que o persoal laboral é todo temporal, e os requisitos de titulación son arbitrarios e non aparecen en todos os postos. Ademais, e o máis grave, é que falta o sistema empregado para valorar cada posto (manual) como a aplicación deste sobre cada posto valorado, e en xeral, o que se pode constatar son unhas diferenzas inxustificadas moi grandes no complemento específico entre o persoal da mesma categoría, igualmente, a desproporción na valoración dos postos ocupados por funcionarios e persoal laboral e tamén na diferenza de valoración entre postos coas mesmas ou similares funcións. Non deixa de ser significativo que o funcionariado teña perfectamente definidas as funcións do seu posto e ao persoal laboral non lle reflictan unha grande parte das que realiza, ademais de que se recollan melloras salariais para tres funcionarios e un laboral, cando o persoal laboral é case o dobre de traballadores que o funcionariado e, aínda por riba, nunha grande parte dos casos realiza moitas máis funcións que as propias do seu posto de traballo, como veñen de demostrar as sentenzas do GRUMIR.

Dende a CIG do Concello de Betanzos temos claro que o camiño iniciado comeza a dar os seus froitos e aínda que é ben triste que o Concello non deixe outra opción recorreremos a el todas as veces que faga falla. Se logo dun mes os orzamentos se aprobasen automaticamente de xeito provisional iniciaríase un proceso onde se poderán presentar alegacións á toda a Relación de Postos de Traballo e mais individuais a cada un dos postos, e entón é cando dende a CIG actuaremos de novo en consecuencia co que levamos defendendo dende que acadamos representación neste Concello e manteremos informado a todo o persoal puntualmente porque iso é o que fai falla neste Concello máis información e menos mentiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario