Por terceiro ano o Comité de Empresa solicita información sobre diversos contratos por obra ou servizo que o Concello realiza anualmente e dos que se decoñece o proceso selectivo.
Esta historia vén de lonxe, a representación do Comité de Empresa leva tres anos amosando a súa disconformidade por escrito na formalización destes contratos por varios motivos, o primeiro e máis importante é que cada contrato nunha administración pública, a non ser que sexa prorrogado, que non é o caso, debe ir precedido do proceso selectivo e a convocatoria pertinente, e o segundo e non menos importante é que o Concello emprega para este persoal contratado sen proceso selectivo un sistema retributivo que descoñecemos e que dá lugar a un salario moi superior non só ao de todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, senón do propio funcionariado, que sempre cobrou máis que o persoal laboral ao determinar o Estado as súas retribucións.
A primeira vez que a presidenta do Comité se negou a dar o visto e prace a estes contratos, polos motivos enriba indicados, deu lugar a un episodio que queda no esquecemento xa mais que amosou claramente o xeito de proceder non só do persoal que se encargaba destes temas senón do propio goberno municipal. Un ano despois o mesmo Comité solicitaba información sobre esta situación ao considerar que o Concello estaba incorrendo nun grave agravio discriminatorio con respecto ao persoal laboral e tivo a calada por resposta con escusas verbais que o propio Concello nin cre dicindo que este persoal era discontinuo, feito total e absolutamente imposible porque na Administración pública só existen os fixos discontinuos e no Concello de Betanzos nunca houbo unha OPE para persoal laboral e non hai nin un só traballador fixo e o que é peor, que se fosen fixos discontinuos non terían que asinar contratos todos os anos, polo que o propio Concello realiza un procedemento que confirma que as escusas para esta situación total e absolutamente irregular son unha completa e absoluta mentira.
Neste ano 2013 acontece unha vez máis o mesmo, e como é obriga do Comité solicitouse por escrito toda a información con respecto a este tema, para que, cando menos, quede constancia, que se o Concello comete irregularidades non é co amparo cos representantes do persoal, e moito menos mentres a CIG teña delegados e poida facer públicos os agravios disciminatorios. Ao mellor pasado mañá o Concello nos entrega por escrito as explicacións ou os informes pertinentes, mais a día de hoxe, podemos dicir que unha grande parte do persoal laboral é discriminado salarialmente por parte dun alcalde que asina contratos cun salarios que obviamente non se corresponden cos marcados no convenio colectivo, e que lle outorga a persoal que traballa unha cuarta parte do mes ou mesmo menos, igual e incluso máis salario que os traballadores a xornada completa do Concello de Betanzos.
Aínda que levemos tres anos agardando a resposta, dende a CIG sempre coidamos que antes ou despois as irregularidades deben saír á luz pública para que cando menos todo o persoal sexa coñecedor do diferente trato que o goberno municipal perpetúa cos seus traballadores, e tampouco esquecemos que como sindicato defendemos o colectivo e o que é xusto e democrático, e por tanto, se de verdade se pode aplicar legalmente ese sistema retributivo á marxe do convenio colectivo para algún persoal laboral que o Concello o explique e llo aplique á totalidade dos traballadores do Concello de Betanzos, do contrario, que se deixe de trapalladas e escusas como que non hai cartos, non pode porque a lexislación non llo permite e múltiples escusas, porque cando quere, ben que pode.
Deixámosvos aquí as solicitudes de información con respecto a este tema que realizou o Comité de Empresa
Ningún comentario:
Publicar un comentario