11/10/13

A CIG DENUNCIA A SOBRECARGA DE TRABALLO EN VARIOS SERVIZOS POLA NEGATIVA DO CONCELLO A CUBRIR AS BAIXAS

Logo de meses solicitándolle ao Concello explicacións pola sobrecarga de traballo a que somete ao persoal de determinados por servizos e o Concello dar a calada por resposta a CIG quere denunciar publicamente que a situación en determinados departamentos é insostible pola falta de persoal e a negativa do Concello a cubrir non só as vacacións senón mesmo as baixas de longa duración. Entre os departamentos máis afectados pola decisións do goberno municipal están o servizo de limpeza e da Escola Infantil Municipal, por tanto, servizos totalmente básicos que presta unha Administración local e que están a ser deixados de lado polo goberno municipal.

Neste casos a sobrecarga de traballo está afectando ao propio persoal e repercute na prestación do servizo dende o momento en que os servizos non teñen o número suficiente de persoal para atendelo. O propio Comité de Empresa solicitoulle encarecidamente ao concelleiro de Persoal, Diego Fernández López, que lle dese solucións a este grave problema de persoal e lembroulle que na última reunión indicáralle aos representantes dos traballadores que ía cubrir a baixa de limpeza mais que, á vista dos feitos, o concelleiro de Persoal mentiunos máis unha vez e como vén sendo costume.

A maiores, hai que valorar que isto está a acontecer nun contexto xeral onde o Partido Popular quere privatizar a marchas forzadas a Administración pública a base de impor taxas de reposición que impiden cubrir as xubilacións, que, por exemplo, no Concello de Betanzos ascenden a 18 dende a aprobación da última Relación de Postos de Traballo. Estes recortes do PP agrávanse cando gobernos coma o de Betanzos deciden seguir ao pé da letra as directrices do propio goberno estatal e afondar na destrución dos servizos públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario