03/10/13

Seguridade e saúde laboral: asunto pendente no Concello de Betanzos

Dende a CIG do Concello de Betanzos lamentamos profundamente o acontecido no Centro de Formación Ocupacional onde un traballador dunha subcontrata do Concello saiu ferido de gravidade logo dun accidente laboral. E queremos lembrar a importancia da saúde e a seguridade no traballo para ver se o Concello de Betanzos toma dunha vez por todas conciencia con este tema, que ata a chegada da CIG a este Concello fora inexistente e desprezado por esta Administración.

Obviamente as responsabilidades xa se dirimirán onde sexa oportuno mais non se pode obviar o papel do Concello no acontecido tendo en conta que se trataba dun traballador subcontratado e a Administración era á vez empresa titular e principal en materia de seguridade e como tal debía velar polo cumprimento das medidas de seguridade por parte da empresa que el mesmo contratou e, igualmente debe garantir a seguridade estrutural do lugar de traballo do persoal subcontratado, que parece que é o que fallou. A maiores, é posible que polas circunstancias e o tipo de traballo fose necesaria a presenza dun recurso preventivo que velaría polo cumprimento da legalidade vixente en materia de prevencia de riscos, e que ten funcións de vixilancia, de avaliación das medidas preventivas, e correctora se se observa un deficiente cumprimento das actividades preventivas.

Logo deste desgrazado incidente, que pon unha vez máis de manifesto o deficiente estado das naves do Centro de Formación Ocupacional, queremos reclamarlle ao Concello máxima preocupación no tema da saúde laboral e cumprimento das medidas de seguridade, e igualmente, hai que lembrar que ten pendente adoptar as medidas oportunas con respecto a algúns dos temas tratados no Comité de Seguridade e Saúde como o estado ruinoso dalgunha nave na que aínda traballan compañeiros e que quedou de que o técnico da mutua pasaría a valorar mais sobre o que aínda non teñen novas os delegados de prevención do persoal laboral.

En todo caso, dende a CIG témolo claro, no caso de que o Concello non actúe ante situacións que poden poñer en perigo a compañeiros acudiremos á Inspección de Traballo e tomaremos todas as medidas que estean na nosa man para velar pola seguridade e saúde laboral do persoal laboral do Concello de Betanzos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario