03/10/13

Orzamentos 2014 do Estado: conxelación, redución e amortización

Os orzamentos do estado para o ano 2014 xa están enriba da mesa e, amosan un mal escenario para as empregadas e empregados públicos.

Por resumir os orzamentos do estado para o 2014 en dúas liñas moi por riba: non incrementarán as retribucións do 2013, e haberá que eliminar todas as prazas que queden vacantes por xubilación do seu titular.

En Galiza a cousa é pior: sendo de aplicación no noso País o anterior por ser norma básica do Estado, o máximo responsábel do PP galego e Presidente da Xunta afirmou na prensa que manterían as condicións do 2013, o que supón que as empregadas e empregados públicos da Administración da Comunidade Autónoma soportarán a sobrecarga de perder unha parte das pagas extraordinarias, algo que só ocorre en Galiza e nalgunha outra contada administración.

Amortización de vacantes

Para o 2014 manteñen, un ano máis, a taxa de reposición de efectivos no 0%. Esto é, que as xubilacións que se xeneren non poden ser cubertas, senon eliminadas. Esto afecta a todos aqueles postos que non teñan que ver coa docencia, forzas e corpos de seguridade, forzas armadas, incendios, sanidade, e algunhas inspeccións (fraude fiscal, laboral e de seguridade social) ..

As consecuencias son moitas:
  • Redución de postos fixos.
  • Non cobertura mediante persoal temporal.
  • Incremento das cargas de traballo.
  • Aumento dos tempos de tramitación das solicitudes e resolucións.
  • Diminución dos efectivos que atenden aos cidadáns.
  • Nalgúns casos, o emprego público será substituido por emprego privado.
No 2013 tivemos exemplos abondos de privatizacións (comedores escolares, servizos informáticos, extinción de incendios, ...), pero o máis curioso foi o da Intervención Xeral da Seguridade Social. Este órgano da Administración do Estado sufriu unha redución de efectivos de tal maneira que chegaron ao punto en que o Ministerio de Emprego e Seguridade Social publicou unha Orde na que “xustifica a contratación con empresas privadas de auditoría” por “insuficiencia de medios”.

Máis consecuencias desta política de eliminación de traballo público foron o incremento das horas de traballo semanal (programa kronos), a non compensación mediante tempo de descanso das horas extras, a redución dos días de permiso, .. Todo xunto suma para incrementar a carga a uns/unhas e o despedimento de outros/as.

Conxelación salarial

Sendo norma básica no estado, o goberno de Rajoy obriga a todas as empregadas e empregados públicos a que no 2014 non poidan ver incrementadas as súas retribucións.

Recoñecemos as circunstancias de crise, pero non as aceptamos: nosoutros non nos levamos o diñeiro roubado, non nos beneficiamos das vacas gordas, levamos dúas décadas perdendo poder adquisitivo, vai ser unha nova conxelación sobre a redución do 2010, pasan continuamente por diante do noso fouciño as contratacións millonarias con empresas privadas (inclusives as campañas de propaganda nos medios de comunicación), e porque non poden pedirnos a nosa bendición cando utilizan o diñeiro dos cidadáns para rescatar bancos e especuladores.

Resposta

O panorama non é bo. Teñen o poder que lles deron os cidadáns cos seus votos e que lles permite lexislar con maiorías absolutas e executar as normas que eles deciden.

Pero ese poder das maiorías non impide que manteñamos o noso dereito a protestar, patalexar, berrar, denunciar, informar.. Terannos en fronte.

Nota dos compañeiros/as de CIG-Administración pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario