13/12/17

Notable atraso na convocatoria das axudas sociais do ano 2017

Ata o pasado ano e logo de múltiples conflitos arredor da convocatoria e resolución das axudas sociais do persoal do Concello de Betanzos, logo de que mesmo este tema tivese que ir a debate en pleno en varias ocasións parecía que o Concello retomara a normalidade nunha xestión do departamento de Persoal que debería de trámite e realizarse en tempo e forma cada ano e sen ningunha incidencia tendo en conta a existencia dunha partida orzamentaria, non obstante, cada ano atopamos os mesmos problemas para a tramitación destas axudas.

O ano pasado o Concello convocou por primeira vez as axudas do ano 2016 no ano 2017 e demorou ata este mesmo verán o seu pagamento baixo a promesa da negociación dunhas novas de axudas sociais máis xustas que aínda non se cumpriu na actualidade. A mediados do mes de decembro podemos dicir, un ano máis, que os traballadores e traballadoras seguimos agardando por unha convocatoria que o propio concelleiro nos dixo que sería en prazo e ao longo deste mes e que, visto o visto, non se dá publicado. 

Desde a CIG consideramos inaceptable que o Concello de Betanzos sempre atrase a convocatoria, resolución e pagamento destas axudas que o persoal ten recoñecido por convenio e cuxa tramitación non debería ter maior complicación. Solicitamos xa en diversas ocasións, tanto verbalmente como por rexistro, que o Concello convoque e resolva as axudas en tempo e forma e nos vindeiros días reiteraremos esta solicitude e manifestarémoslle a nosa preocupación polo tema ao goberno municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario